A maior velocidade, menor seguridade
Proclámase en todos os idiomas, dende os soportes máis distintos, con métodos ameazantes -como a perda de puntos- ou coa persuasión en boca dos voceiros máis representativos da sociedade: o exceso de velocidade mata. Non obstante, a reiteración desta mensaxe non ten o efecto desexado entre os condutores. Só en Semana Santa morreron nas estradas españolas 63 persoas e a razón principal destes accidentes foi, unha vez máis, a velocidade. Aínda que todos creamos saber cal é a velocidade axeitada, o número de accidentes por esta causa non cesa de aumentar. Por iso convén lembrar que para circular de xeito seguro cómpre respectar os límites establecidos, levantar o pé do acelerador e adecuar a marcha ás características da vía e ás condicións meteorolóxicas. Trátase de chegar, non de facelo no menor tempo posible.
Factores que afectan á velocidade
- O comportamento do condutor
- A maioría dos condutores novos conducen máis á présa ca a media, segundo a Dirección Xeral de Tráfico.
- Os condutores que realizan un desprazamento longo tenden a conducir máis á présa ca os que fan un traxecto curto.
- Algúns estudos suxiren que a velocidade depende en boa medida da familiaridade do condutor coa estrada. A maior coñecemento da vía, maior velocidade.
- As características da vía
- O factor que máis limita a velocidade é a curvatura en planta debido á sensación que causa no condutor de aceleración centrífuga (de dentro cara a fóra) e que non está compensada polo peralte.
- Nas vías convencionais e en zona urbana rexístrase o maior número de sinistros por superar os límites de velocidade.
- As curvas suaves son os tramos máis perigosos cando se circula con exceso de velocidade. A causa é o exceso de confianza do condutor.
- As condicións meteorolóxicas
- A néboa reduce a visibilidade dispoñible e causa reducións de velocidade que ás veces son excesivas. A DXT informa de que ante unha sarabiada, o 52% dos condutores implicados en accidentes comete unha infracción de velocidade.
- Durante a chuvia, o 24% dos accidentes son motivados porque a velocidade é inadecuada.
- Situacións perigosas
- O risco de sufrir un accidente cando se toma unha curva a unha velocidade incorrecta triplícase.
- A configuración do terreo, a nocturnidade, o fume, a vexetación, os cegamentos coa luz, etc., a unha velocidade excesiva incrementan en preto dun 150% o risco de sufrir un accidente.
- A velocidade e a gravidade dos accidentes
- A proporción de accidentes mortais é 1,6 veces superior cando a velocidade é inadecuada.
- O exceso de velocidade duplica o número de falecidos cada 100 accidentes e causa lesións máis graves.
Velocidade e circunstancias especiais
- Non abonda con respectar os límites de velocidade. As características da vía e a meteoroloxía, entre outros factores, fan que a velocidade axeitada sexa aquela que lle permita dominar o vehículo ante calquera obstáculo ou imprevisto que se lle presente.
- Se circula de noite con luz de cruzamento non supere os 90 km/h.
- Con chuvia de intensidade media reduza a súa velocidade de 10 a 20 km/h.
- En curva, se circula con luz de cruzamento, reduza un 10% a velocidade sinalada; se chove, un 30%, e, ante perigo de xeo, un 60%.
- Non é aconsellable circular por estradas xeadas, pero se non ten máis remedio reduza a súa velocidade un 60%.
- Os paneis direccionais non se limitan a guiar o condutor marcándolle a traxectoria dunha curva. Indican canto hai que reducir a velocidade sobre a velocidade máxima permitida: entre 15 e 30 km/h, de 40 a 45 ou máis de 45 km/h.
Consecuencias do exceso de velocidade
- En máis de un de cada tres accidentes a velocidade é inadecuada, o que fai que o número de mortos aumente o 50%.
- O 37% dos accidentes mortais de tráfico prodúcense debido á velocidade, ben porque se superan os límites establecidos, ou por conducir de modo inadecuado ás condicións ou por circular a marcha lenta.
- O 83% dos accidentes por velocidade débese a que o condutor non adapta a súa condución ás circunstancias que o rodean.
- A medida que aumenta a velocidade, o campo de visión do condutor vaise reducindo ata chegar a un escaso ángulo de 30º cando circula a unha velocidade de entre 130 e 150 km/h, mentres que parado, a visión binocular dunha persoa normal abrangue os 180º.
- Canto maior sexa a velocidade de aproximación a unha curva, maior é a inseguridade potencial desta.
- Nunha intersección, a posibilidade de manobras evasivas de urxencia son menores se a velocidade é maior.
- A gravidade dun accidente aumenta coa velocidade con que se produce o impacto do vehículo contra un obstáculo fixo ou móbil, ou co chan en caso de xiro. As primeiras consecuencias mortais aparecen a partir dunha velocidade final duns 25 km/h para os ocupantes dun vehículo non provistos de cinto de seguridade, e duns 40 km/h para os ocupantes que o colocaron. A probabilidade de morte é dun 50% a uns 50-55 km/h no primeiro caso, e a 65 km/h no segundo. Un choque a 120/h equivale a unha caída vertical de 54 metros.
Reguladores e limitadores de velocidade
Son dispositivos electrónicos mediante os cales o usuario fixa unha velocidade que quere manter nun longo percorrido (regulador) ou que non quere superar (limitador).
O regulador permite fixar unha velocidade de maneira que o coche a mantén de xeito automático sen necesidade de actuar constantemente sobre o pedal, acelerando o motor nas pendentes e freando lixeiramente nas baixadas para que a agulla se manteña no punto desexado do velocímetro. O sistema desactívase de xeito automático en canto o condutor toca o freo ou o acelerador, evitando así ser un estorbo ante unha repentina incidencia da circulación.
O limitador alerta o condutor cando vai superar a velocidade indicada. Non o libera, xa que logo, de levar o pé dereito sobre o acelerador. O aviso prodúcese cunha especie de “punto duro” no acelerador, polo que o condutor coñece a chegada desta velocidade limitada. Se o condutor preme con forza o acelerador, o limitador deixa de actuar.
- Non utilice os reguladores de velocidade en estradas sinuosas, con moito tráfico, con néboa, chuvia intensa ou en superficies esvaradías.
- O limitador é moi útil en circulación urbana e en zonas con restrición de velocidade (obras en estrada), etc.
- A pesar de que o sistema estea a funcionar, siga mantendo a atención sobre a condución e estea preparado para actuar sobre os mandos do coche en calquera momento. En ningún caso estas funcións substitúen o condutor.