Pulsómetros dixitais

Hainos moi caros, pero non son mellores

Os oito miden de xeito preciso as pulsacións e ofrecen, amais da frecuencia cardíaca, hora, data, cronómetro e alarma
1 Maio de 2008
Img listado analisisb

Hainos moi caros, pero non son mellores

/imgs/20080501/analisisb01.jpg
Un deportista non sempre inviste idéntico esforzo no mesmo exercicio. Por veces atópase pletórico e noutros casos séntese máis canso. Ademais, a medida que adestra o seu corpo, debe subir as súas metas para esforzarse o mesmo. É nestas circunstancias cando pode ser útil o uso dun pulsómetro: estes pequenos aparellos electrónicos miden a frecuencia cardíaca, o mellor indicador do esforzo que require facer un exercicio.

Canto máis adestrado estea o deportista, precisará exercitarse máis tempo ou máis rápido para que o seu organismo alcance o grao de esforzo desexado. Os pulsómetros son tamén unha ferramenta de seguridade, porque sinalan cando se está a superar a intensidade física aconsellable. Por todo iso, e polo seu baixo prezo, son un aliado para os deportistas afeccionados ou profesionais que practiquen deportes aeróbicos, como saír a correr, o ciclismo ou o tenis. Compóñense dunha banda elástica que se coloca arredor do peito e que transmite sen fíos as pulsacións a un reloxo de pulseira. Hainos mesmo que permiten descargar os datos de cada adestramento ao ordenador para o seu estudo posterior. Non obstante, para esta análise comparativa escolléronse os máis básicos, os que calquera deportista afeccionado debería utilizar.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso oito pulsómetros que custan dende os 30 euros de Sigma Sport Coach ata os 100 euros de Beurer PM65. Todos contan cunha banda elástica para o peito que mide as pulsacións e cun reloxo de pulseira que as amosa.

A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Oregon Scientific SE190: é o segundo máis barato (40 euros), supera a maioría das probas, dispón de alarma sonora, indica o consumo de calorías e resiste a auga, as vibracións e a calor húmida. Quen busque un pulsómetro de maior calidade pode optar polo Polar FS2C, algo máis caro (58,30 euros), que é o máis lixeiro, que se pode manexar só con achegar o brazo ao peito (sen apertar ningún botón) e que é o preferido dos usuarios.

Todos exactos

A exactitude no seu labor básico (medir o pulso) comprobouse nun laboratorio de calibración nun abano de medicións dende 36 pulsacións por minuto (ppm) ata 240 ppm. Os oito miden axeitadamente en todos os rangos probados.

Para comprobar a súa estanquidade somerxeuse cada reloxo coa súa banda de peito durante media hora a un metro baixo a auga. Todas as bandas demostraron ser resistentes á auga, pero ao reloxo de Sigma, que di ser resistente á auga ata unha profundidade de tres metros, entroulle auga, quedou en branco e deixou de funcionar. Iso si, unha vez que secou volveu acender. Só Suunto e Beurer (amais do falido Sigma) din ser aptos para o seu uso en natación.


No pulso ou no guiador

Os oito pulsómetros poden levarse atados ao pulso (como un reloxo), pero Sigma e Beurer ofrecen tamén un soporte para colocalo no guiador da bicicleta. Casio e Beurer inclúen unha funda para gardalos. Todos os pulsómetros incorporaban as instrucións de uso, mantemento e limpeza pertinentes, salvo Beurer, que non tiña as instrucións e advertencias de seguridade en castelán, polo que suspende esta proba. No tocante aos documentos de garantía, Casio é a única que non ofrece dous anos de protección (queda nun).

Os reloxos de Beurer e AEG son os máis pesados (superan os 50 gramos), mentres que Polar, con 36 gramos, é o máis livián. Os máis pequenos son Cardio Sport (42 x 48 x 11 mm) e Polar (35 x 53 x 12 mm), mentres que AEG é o máis voluminoso (51 x 63 x 16 mm). O transmisor da banda elástica que se coloca no peito é o que realmente mide as pulsacións; o máis grande é o de AEG (63 x 39 x 15 mm) e o máis pequeno o de Polar (63 x 30 x 11 mm). O transmisor máis lixeiro é o de Suunto (39 g) e o de maior peso o de AEG (54 gramos). O equipo máis lixeiro en conxunto é Polar (77 gramos), fronte aos 104 gramos do máis pesado, AEG.

Funcións

Amais de medir o número de pulsacións por minuto, todos os aparellos analizados ofrecen hora, data, cronómetro e alarma. Tamén rexistran o máximo e mínimo da frecuencia cardíaca e gardan os datos da sesión de adestramento. AEG é o único no que non se pode fixar unha alarma que avise cando se está a superar unha frecuencia máxima ou mínima. Oregon Scientific, Sigma Sport, Beurer, Casio e Suunto calculan cantas calorías se consumiron ao longo da sesión, se ben os expertos consideran que este é un dato aproximado, xa que cada deportista ‘queima’ un número distinto de calorías ante o mesmo esforzo.

Oregon e Sigma son os únicos que non ofrecen unha luz de fondo que permita ler a pantalla en penumbra. En Polar e AEG non se poden definir as características físicas do deportista (peso, talle, idade…) para que os datos se ofrezan adaptados ao seu perfil. O cambio das diversas funcións realízase mediante botóns situados nos laterais do reloxo, non sendo no caso de Polar, que dispón dun único botón central, e de Cardio Sport, cun botón central e catro botóns laterais.

Polar, ademais, permite alternar entre as funcións cun xesto sinxelo: achegando o reloxo á banda do peito. Sigma e Beurer inclúen unha curiosa e útil función: propóñenlle ao usuario correr unha milla (1.600 metros) para que estes equipos avalíen o seu estado físico.

Os pulsómetros deben cumprir cunha esixente norma de seguridade eléctrica. Cardio Sport e AEG non indican na banda o modelo do equipo. Iso si, todos os pulsómetros están ben construídos e os seus marcados son indelebles. Tamén se comprobou que están correctamente illados fronte a correntes eléctricas perigosas e que están protexidos contra quecementos e fallos por curtocircuíto nas baterías tanto no reloxo como na banda (nun ensaio quentáronse e noutro provocouse un curtocircuíto do que os oito saíron indemnes).

Resistencia

Para calcular o número de caídas que son capaces de resistir, introdúcense nun barril de volteo que xira 50 veces e simula 100 caídas dende medio metro de altura (dúas por cada volta completa). Os oito soportaron as múltiples caídas sen sufrir danos.

Cada reloxo sufriu tamén tres golpes de medio xulio para comprobar se a súa pantalla fendía ou escachaba. Sigma Sport e Cardio Sport aturaron os tres golpes sen danos, Oregon rompeu ao segundo impacto e Casio, Polar, Beurer, AEG e Suunto no primeiro.

Os reloxos sometéronse tamén a un test de vibración a diferentes frecuencias. Beurer (o máis caro) quedou bloqueado e só volveu funcionar tras quitar e volver poñer a pila. No tocante ao seu uso en ámbitos de alta humidade (como o causado pola suoración no deporte) e altas temperaturas (pola propia calor corporal ou polo seu uso en meses estivais), os oito demostraron que se desenvolvían de xeito axeitado.

En canto á súa compatibilidade electromagnética (a protección fronte a descargas como as que pode producir un usuario cargado de electricidade estática cando toca un destes equipos), comprobouse sometendo cada pulsómetro a dez descargas electrostáticas en once puntos de cada equipo. Nalgúns aparellos, como Sigma ou AEG, prodúcense pequenas interferencias que desaparecen ao cabo duns segundos. Non obstante, Cardio Sport deixa de medir as pulsacións tras as descargas, polo que suspende con claridade esta proba da análise comparativa.

Opinan os usuarios

Sete deportistas afeitos a utilizar pulsómetro probaron os oito equipos e valoraron diferentes aspectos do 1 ao 10. Todos aprobaron, pero con diferenzas: os mellores na súa clasificación global foron Polar (8,1 puntos sobre 10), Suunto (8 puntos) e Beurer (7,9 puntos) e os de resultado máis discreto foron Cardio Sport (6,5 puntos) e AEG (6,8 puntos).

Segundo estes usuarios, o manual máis claro é o de Suunto (8,4 puntos) e o máis obtuso o de Cardio Sport (6,7 puntos). Os mesmos resultados se obtiveron cando se lles preguntou polas funcións e botóns do pulsómetro: Suunto, con 8,4 puntos, foi mellor valorado ca Cardio Sport (6,2 puntos). O deseño que máis gustou foi o de Beurer (8,4 puntos) e o que menos o de AEG, que rozou o suspenso con 5,1 puntos sobre 10. No que atinxe ao seu tamaño, Suunto foi o que lles pareceu máis manexable (8,3 puntos) e AEG o máis voluminoso (5,7 puntos), o que coincide coas medicións do laboratorio. E, no tocante á facilidade de uso, Polar acadou a mellor nota (8,6 puntos) e Cardio Sport a peor (6,7 puntos).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Os pulsómetros son unha axuda para o deportista ocasional ou profesional, xa que permiten dosificar e regular o esforzo e evitar situacións de risco para a saúde.
  • Analizáronse oito pulsómetros que custan dende os 30 euros de Sigma Sport Coach ata os 100 euros de Beurer PM65. Todos son precisos. Amais da frecuencia cardíaca, inclúen hora, data, cronómetro e alarma. A maioría conta con luz de fondo, calorías consumidas e rexistro de pulsacións máximas e mínimas.
  • Consisten nunha banda que se coloca arredor do peito que envía sen fíos a medición de pulsacións a un reloxo de pulseira. Sigma e Beurer ofrecen tamén un soporte para colocalo no guiador da bicicleta. Só Suunto e Beurer son aptos para seren usados en natación. Sigma di ser resistente á auga, pero cando se somerxe deixa de funcionar. No resto non entra auga se se ten a precaución de non tocar os botóns.
  • As instrucións de Beurer suspenden porque non están en castelán.
  • Son seguros e resisten a humidade, as altas temperaturas, os curtocircuítos e as cen caídas dende medio metro. Pero cando se lles aplica tres golpes de intensidade maior, Casio, Polar, Beurer, AEG e Suunto escachan no primeiro golpe e Oregon no segundo. Só Sigma Sport e Cardio Sport saíron indemnes.
  • Cardio Sport suspende en compatibilidade electromagnética, xa que deixa de funcionar tras as descargas electrostáticas.
  • Os usuarios preferiron Polar (8,1 puntos sobre 10), Suunto (8 puntos) e Beurer (7,9 puntos) e déronlles peores cualificacións a Cardio Sport (6,5 puntos) e AEG (6,8 puntos).
  • A mellor relación calidade-prezo é Oregon Scientific SE190: é o segundo máis barato (40 euros), supera case todas as probas, soporta a auga e resiste as vibracións. Só falla no test de rotura, e aínda así é dos máis resistentes. Polar FS2C, vinte euros máis caro, é outra opción interesante: obtén mellores resultados nos test de laboratorio e é o preferido polos usuarios.
Marca Oregon SCIENTIFIC POLAR SIGMA SPORT BEURER
Modelo SE190 FS2C COACH PM65
Prezo (euros / unidade) 39,80 58,30 29,90 99,90
Accesorios fornecidos Correa Correa Correa, Soporte bicicleta Correa, Soporte bicicleta, Estoxo
Documentos e marcado
Instrucións e marcado Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Garantía Dos años Dos años Dos años Dos años.
Medidas
Peso reloxo (g) 45 36,2 44 50,6
Dimensións reloxo (mm) (1) 41 x 50 x 13 35 x 53 x 12 43 x 50 x 14 45 x 52 x 13
Peso banda pectoral (g) 42,9 41,5 49,4 50
Dimensións transmisor peito (mm) (1) 80 x 35 x 11 63 x 30 x 11 82 x 34 x 10 82 x 34 x 10
Peso conxunto (g) 87,9 77,7 93,4 100,6
Datos técnicos e funcións
Alarma auditiva ao exceder a frecuencia cardiaca máxima ou mínima Si Si Si Si
Medida calorías consumidas Si Non Si Si
Luz de fondo Non Si Non Si
Posibilidade de indicar datos persoais (idade, talla, peso…) Si Non Si Si
Test de forma física (carreira 1600 m) Non Non Si Si
Modo de cambio da información da pantalla Botóns laterales Botón central e achegando o reloxo á banda pectoral Botóns laterales Botóns laterales
Normativa
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Compatibilidad electromagnática Correcto Correcto Correcto (2) Correcto
Aptitude á función
Exactitude das medicións Correcto Correcto Correcto Correcto
Grado de protección á entrada de líquidos Correcto Correcto Incorrecto Correcto
Resistencia mecánica Rotura en 2 impactos Rotura en 1 impacto Intacto Rotura en 1 impacto
Ensaio de vibración Correcto Correcto Correcto Correcto (5)
Ensaio de calor húmida constante Correcto Correcto Correcto Correcto
Test de uso 7,5 8,1 7,2 7,9
Marca CASIO SUUNTO CARDIO SPORT AEG
Modelo 2979 T1 GRAPH PU 4910
Prezo (euros / unidade) 89,90 97,64 79 69
Accesorios fornecidos Correa, Funda Correa Correa Correa
Documentos e marcado
Instrucións e marcado Correcto Correcto Correcto Correcto
Garantía Un año Dos años Dos años Dos años
Medidas
Peso reloxo (g) 39,8 48,7 39,5 50,4
Dimensións reloxo (mm) (1) 47 x 50 x 15 44 x 42 x 14 42 x 48 x 11 51 x 63 x 16
Peso banda pectoral (g) 46,4 38,9 44,6 53,6
Dimensións transmisor peito (mm) (1) 70 x 36 x 13 77 x 35 x 12 83 x 33 x 11 63 x 39 x 15
Peso conxunto (g) 86,2 87,6 84,1 104
Datos técnicos e funcións
Alarma auditiva ao exceder a frecuencia cardiaca máxima ou mínima Si Si Si Non
Medida calorías consumidas Si Si Non Non
Luz de fondo Si Si Si Si
Posibilidade de indicar datos persoais (idade, talla, peso…) Si Si Si Non
Test de forma física (carreira 1600 m) Non Non Non Non
Modo de cambio da información da pantalla Botóns laterales Botóns laterales Botóns laterales y central Botóns laterales
Normativa
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Incorrecto (6) Incorrecto (6)
Compatibilidad electromagnática Correcto Correcto Incorrecto (2)(3) Correcto (2)
Aptitude á función
Exactitude das medicións Correcto Correcto Correcto Correcto
Grado de protección á entrada de líquidos Correcto Correcto Correcto Correcto
Resistencia mecánica Rotura en 1 impacto (4) Rotura en 1 impacto Intacto Rotura en 1 impacto
Ensaio de vibración Correcto Correcto Correcto Correcto
Ensaio de calor húmida constante Correcto Correcto Correcto Correcto
Test de uso 7,5 8,0 6,5 6,8

(1) Dimensións: Ancho x Alto x Profundidade.

(2) Ao aplicar unha descarga electrostática sobre o produto aparecen degradacións transitorias admisibles no funcionamento do produto.

(3) Tras realizar o ensaio o produto non mide as pulsacións.

(4) A rotura do cristal afectou tamén á pantalla de cristal líquido.

(5) O reloxo quedou bloqueado amosando en pantalla 23:59:59. Logo de quitar e volver poñer a pila, o reloxo funciona correctamente.

(6) Por non indicar o modelo.

Un a un

UN A UN, OITO PULSÓMETROS DIXITAIS

OREGON SCIENTIFIC SE190

  • Prezo: 39,80 euros.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Sen luz de fondo. A súa pantalla aguanta un impacto (rompe no segundo).
  • Proba práctica: 7,5 puntos sobre 10. Din que é de aparencia austera, pero moi completo en modos e funcionalidade. Manual complicado.

POLAR FS2C

  • Prezo: 58,30 euros.
  • Outra opción interesante. Cambia entre as súas funcións co botón central ou achegando o reloxo ao peito. O máis lixeiro (77 gramos). Sen indicador de calorías consumidas. Non permite indicar datos persoais (idade, talle, peso…). A súa pantalla rompe cun impacto.
  • Proba práctica: 8,1 puntos sobre 10. Doado de usar. Gustou que cambie de modo achegándoo ao peito. A súa iluminación é tenue, e o seu único botón resulta incómodo.

SIGMA SPORT COACH

  • Prezo: 29,90 euros, o máis barato.
  • Con soporte para colocalo na bicicleta pero sen luz de fondo. Test inicial de forma física. Di soportar a auga, pero deixou de funcionar cando se somerxeu a medio metro. Un dos dous nos que a pantalla aguanta tres impactos.
  • Proba práctica: 7,2 puntos sobre 10. Non gustou que non tivese luz nin a complexidade dos seus menús, pero si que tivese tantas opcións como outros moito máis caros. Manual pouco claro.

BEURER PM65

  • Prezo: 99,90 euros, o máis caro.
  • Con soporte para colocalo na bicicleta e estoxo para gardalo e test inicial de forma física. As súas instrucións suspenden por non estaren en castelán. A súa pantalla rompe cun impacto. Deixa de funcionar na proba de vibración, aínda que logo se recupera ao sacar e volver meter a pila.
  • Proba práctica: 7,9 puntos sobre 10. O seu calendario só chega ata 2020. A pantalla ten pouca visibilidade, pero gustou a súa funda e o seu deseño e presentación. Doado para usuarios inexpertos. Deseño e presentación moi coidada. O reloxo perde a miúdo o sinal da banda.

CASIO 2979

  • Prezo: 89,90 euros.
  • Con funda para gardalo. Só ofrece un ano de garantía. A súa pantalla rompe cun impacto, e ata de maneira máis profunda ca o resto de reloxos.
  • Proba práctica: 7,5 puntos sobre 10. Consideran que o seu deseño é “feo” e as súas funcións complexas. Valoran positivamente a súa ampla memoria.

SUUNTO T1

  • Prezo: 97,64 euros.
  • A súa pantalla rompe cun impacto.
  • Proba práctica: 8 puntos sobre 10. Para usuarios non profesionais. Gustou o seu deseño, pero os botóns foron cualificados de “difíciles” e de “molestos de identificar”.

CARDIO SPORT GRAPH

  • Prezo: 79 euros.
  • Sen indicador de calorías consumidas. Suspende a proba de seguridade eléctrica (por non indicar o modelo) e de compatibilidade electromagnética (por deixar de funcionar tras as descargas). Un dos dous nos que a pantalla aguanta tres impactos. O máis pequeno (42 x 48 x 11 mm).
  • Proba práctica: 6,5 puntos sobre 10. Botóns duros. Obtivo baixas valoracións porque durante a proba dos usuarios un botón deixou de funcionar. Doado de usar e moi boa iluminación, pero non gustou o seu deseño, que parecía “de xoguete”.

AEG PU 4910

  • Prezo: 69 euros.
  • O único sen alarma auditiva cando se supera a frecuencia cardíaca marcada e sen indicador de calorías consumidas. Non permite indicar datos persoais (idade, talle, peso…). Suspende a proba de seguridade eléctrica por non indicar o modelo. A súa pantalla rompe cun impacto. O máis pesado (104 gramos) e voluminoso (51 x 63 x 16 mm).
  • Proba práctica: 6,8 puntos sobre 10. As súas funcións son excesivamente básicas, pero doadas de usar. Demasiado grande.