Fitoestróxenos

Compostos con nome de muller

O consumo de fitoestróxenos, substancias naturais de orixe vexetal, a través da dieta ou en forma de preparados cobra un gran protagonismo polos seus efectos beneficiosos para a saúde, en particular, a da muller
1 Maio de 2008
Img listado alimentacion

Compostos con nome de muller

Os avances na alimentación xeraron nos últimos anos un aluvión de termos novos, nomes tan complexos como beneficioso é o seu consumo. Entre eles atópanse os fitoestróxenos, compostos naturais de orixe vexetal con múltiples efectos positivos sobre a menopausa, polo seu potencial efecto protector neste ciclo da muller, na prevención de cancros dependentes de hormonas -en especial de mama- e mesmo na prevención de enfermidades coronarias. Dos varios tipos de fitoestróxenos que é posible atopar na natureza, os máis estudados, sen dúbida, son as isoflavonas, abundantes na soia e nos seus produtos derivados.

A divulgación das súas propiedades aumentou o interese, sobre todo entre as mulleres, polo consumo de produtos alimenticios, complementos dietéticos e alimentos con alto contido en fitoestróxenos ou en isoflavonas da soia. Malia o innegable interese, a media de consumo de fitoestróxenos entre a poboación europea non supera o miligramo diario, fronte aos 60 mg diarios da dieta oriental. Esta é precisamente a cantidade a partir da cal os expertos estiman que os fitoestróxenos xeran efectos fisiolóxicos.

Dieta rica en fitoestróxenos

Amais das isoflavonas abundantes na soia (como a xenisteína e a daidzeína), algúns vexetais conteñen outros fitoestróxenos con diversos efectos sobre a saúde. É o caso dos lignanos (en sementes de liño, centeo, pan de centeo, cereais integrais e legumes), os cumestanos (en alfalfa, lentellas e feixóns) e os indois (en verduras da familia do col).

Son dúas as principais accións dos fitoestróxenos da dieta que centran a maioría das investigacións: a súa potencia estroxénica e o seu poder antioxidante. No organismo humano, unha vez inxeridos, os fitoestróxenos mimetizan e modulan as accións dos principais estróxenos endóxenos (estradiol e estrona), as hormonas sexuais femininas. A principal causa desta influencia positiva reside na sorprendente semellanza da súa estrutura química.

Non obstante, o exceso de fitoestróxenos tamén pode resultar contraproducente. De feito, estímase que o seu consumo abusivo pode ter consecuencias adversas en determinados grupos de poboación, como nenos e varóns en idade fértil. Non semella que aconteza o mesmo na muller, onde se concentraron a maioría de estudos, aínda que moi poucos deles con resultados concluíntes.

Saúde feminina

Dende a Unión Europea creouse no 2003 Phytohealth, unha rede paneuropea de institucións encargadas de avaliar, de xeito científico, biolóxico e toxicolóxico, os efectos e a seguridade dos fitoestróxenos. O obxectivo era establecer as doses e as fontes dietéticas óptimas para o seu consumo.

Das isoflavonas máis frecuentes, a xenisteína é a que amosa unha maior afinidade para os receptores dos estróxenos. Estes predominan no sistema nervioso central, no óso, na parede vascular e no tracto xenital. Diversos estudos epidemiolóxicos puxeron de relevo que o seu consumo (como complemento ou por consumo de soia e derivados) se asocia a menores sufocos, maior masa ósea, menor risco de enfermidades coronarias e menor sequidade vaxinal.

Ósos e osteoporose

Malia que na actualidade se tende a considerar que unha maior densidade ósea podería asociarse ao maior consumo de fitoestróxenos, o número de estudos que avalan esta hipótese é limitado. De todos, o proxecto VENUS (Vexetal Estrogens in NUtrition and Skeleton) é o que mellor reflicte a asociación consumo-beneficio.

Deste estudo conclúese que, polo momento, non se conta con probas concluíntes de que as isoflavonas (proteína de soia, extracto puro de isoflavona de soia ou xenisteína) teñan un efecto beneficioso sobre a densidade mineral ósea, aínda que as perspectivas neste sentido sexan boas. Se estas previsións se confirman, os fitoestróxenos serían unha alternativa ou un complemento sen efectos secundarios á terapia hormonal substitutiva (THS), o tratamento de elección para frear a osteoporose nas mulleres tras a menopausa.


Síntomas da menopausa

Suxeriuse que as mulleres asiáticas, grandes consumidoras de soia e derivados, rexistran unha incidencia notablemente menor de síntomas asociados ao climaterio en comparación coas mulleres occidentais, pouco afeitas ao seu consumo. Aínda que a evidencia científica é moi limitada, moitas mulleres occidentais comezaron a tomar extracto de isoflavona como complemento durante a menopausa e rexistráronse melloras nas molestias asociadas a ela. Os resultados, así e todo, son dispares salvo nun caso: a redución de sufocos.

Cancro de mama

Na opinión dos expertos, acadouse unha «certa evidencia científica» que asocia a inxestión das isoflavonas da soia e a redución do risco de cancro de mama en mulleres, antes e despois da menopausa. Na mesma liña, os estudos realizados en mulleres asiáticas pre e posmenopáusicas suxiren unha asociación inversa entre o alto consumo de alimentos a base de soia e o cancro de mama. Os datos apuntan ata unha redución dunha terceira parte (33%) de posibilidades de desenvolver cancro de mama despois da menopausa.

No tocante ao ciclo menstrual, as isoflavonas demostraron clinicamente o seu potencial para incrementar a duración da fase folicular e atrasar o pico de proxesterona. Así, actúan como reguladoras do ciclo, aspecto considerado protector na prevención do cancro de mama.


Substitutos

Dado que a dieta occidental non contempla a soia como alimento habitual, dende diversos países europeos estanse a impulsar investigacións para identificar outros fitoestróxenos que se poidan incorporar na dieta das mulleres occidentais. Os máis estudados son os lignanos e os seus metabolitos bioactivos, os enterolignanos. De acordo con resultados preliminares, unha alta inxestión diaria de lignanos asóciase con menor risco relativo ao desenvolvemento de cancro de mama. Por este motivo, encádranse no grupo de nutrientes preventivos. Non obstante, non hai ningún dato concluínte sobre a dose e duración aconsellable do seu consumo. Cómpre agardar os resultados das novas investigacións.


Fertilidade masculina

Por outra banda, os homes, cada vez máis, inclúen alimentos ricos en fitoestróxenos na dieta diaria, sobre todo soia e derivados. O leite de soia emprégase a miúdo como unha alternativa ao leite de vaca para nenos con alerxia ou intolerancia a este alimento, polo que consumen acotío altos niveis de isoflavonas. Pero, polo seu efecto sobre a función endócrina normal, diversos investigadores suxiren que un exceso de fitoestróxenos pode ter efectos hormonais en nenos varóns que poderían afectar á súa saúde reprodutiva. O motivo parece radicar no efecto mimético das hormonas femininas.

Phytohealth

Phytohealth é unha rede temática europea centrada no estudo exhaustivo da asociación entre os fitoestróxenos da dieta e a saúde a través de tres proxectos distintos: Phytos (efectos das dietas ricas en fitoestróxenos sobre o recambio óseo en mulleres posmenopáusicas), Phytoprevent (prevención de cancro de próstata e cancro de mama) e Isoheart (isoflavonas para reducir o risco de enfermidades coronarias entre as mulleres posmenopáusicas).

O equipo multidisciplinar de expertos que integra a rede, amais de avaliar os efectos destes compostos no organismo, identificou as fontes dietéticas. O resultado é a publicación dunha base de datos co contido estimado en fitoestróxenos dos alimentos vexetais nos que máis abundan. Igualmente estudáronse as técnicas de procesamento óptimas e as mellores materias primas para a produción de fitoestróxenos como ingredientes extras en alimentos ou en complementos dietéticos.

O fin último é chegar a un consenso sobre a dose, as fontes dietéticas e a duración óptima para promover o consumo dunha dieta rica en fitoestróxenos e que o efecto do seu consumo sexa saudable.