O curso da auga potable
Cada persoa en España consume unha media de 45 litros de auga potable ao día. Esta auga, que procede dos mananciais, presas e encoros está sometida a un rigoroso proceso de potabilización. A necesidade do seu tratamento relacionábase de xeito directo coa saúde da poboación. O índice de mortaldade vinculado co consumo de auga en malas condicións reduciuse de maneira radical cando se puxeron en marcha as estacións de tratamento. Acadado este primeiro reto, hai escasas décadas entendeuse que o seguinte era devolver a auga utilizada nas mellores condicións posibles, é dicir, depurar tamén as augas residuais para respectar a saúde dos ríos.
A orixe: mananciais e pantanos alimentados polos ríos e augas subterráneas
Arredor de 1900 contabilizábanse en España un total de 57 presas cunha capacidade de 106 hectómetros cúbicos. Cen anos máis tarde superouse o milleiro e os 53.936 hectómetros. Todos os ríos principais teñen as súas canles reguladas por encoros e pantanos. A auga que achega un manancial, un pantano ou un encoro é canalizada ata unha Estación de Tratamento, onde se realiza o acondicionamento para o consumo humano grazas á eliminación de tres tipos principais de substancias indesexables: a materia mineral, os materiais orgánicos (fenois, hidrocarburos, deterxentes, residuos de pesticidas, etc.) e os contaminantes biolóxicos (microorganismos como bacterias, protozoos, virus, etc.).
Estación de tratamento de Auga Potable
Nas estacións convértese a auga natural ou bruta en auga potable. Sitúanse entre as instalacións de captación de auga -encoros- e os depósitos e canalizacións que a distribuirán polos fogares. O tratamento realízase mediante unha serie de procesos encadeados que comezan coa preoxidación, na que se introduce na auga un axente químico oxidante que reacciona coas materias orgánicas e inorgánicas disolvidas na auga, e que se poden eliminar por oxidación. Sométese despois á coagulación e floculación mediante a adición de reactivos (sales metálicos) e procesos de axitación rápida e lenta, que logran agrupar partículas moi pequenas con carga eléctrica (coloides) que non sedimentan nunca. Son os responsables da cor e da turbiedade da auga. A continuación comeza o proceso de decantación, no que a auga circula a baixa velocidade e por unha acción da gravidade, deposítanse no fondo as partículas e as agrupacións de coloides formadas no proceso anterior. As pequenas partículas que non se dan extraído retéñense cun filtrado sobre area, onde si son detidas nos ocos existentes entre os grans. A acidez da auga axústase mediante a adición de reactivos químicos apropiados (cal ou sosa) para evitar que corroia as canalizacións ou que xere deposición de incrustacións na rede de distribución.
Comprobación do éxito do proceso
Culminado o proceso, nos laboratorios analízase a auga. Co fin de acabar cos microorganismos que puideran sobrevivir, engádese unha substancia oxidante (cloro ou compostos de cloro), que ademais garante a calidade da auga ante posibles contaminacións accidentais no seu percorrido pola rede de distribución. Algunhas augas, pola súa dureza, débense someter a un proceso químico de afine para a eliminación dos seus sales de calcio e magnesio.
Análise e controis
En España, a norma que fixa os límites dos valores dos parámetros analíticos e a frecuencia de análise é a Regulamentación Técnico-Sanitaria para o Abastecemento e Control de Calidade das Augas Potables de Consumo Público (Real Decreto 1138/90 do 14 de setembro) que incorpora a directiva 80/778/CEE da Unión Europea. A auga potable debe cumprir unha esixencia fundamental: ausencia de microorganismos patóxenos e de substancias tóxicas. Pero tamén debe cumprir outra esixencia: ausencia de sabores, cheiros, cores ou turbiedades desagradables, -propiedades organolépticas- que provocarían o rexeitamento dos consumidores e consumidoras.
Subministración e canalización
Acadado o visto bo no laboratorio da Estación, a auga introdúcese na complexa trama de redes de abastecemento, aínda que o control continúa. En diferentes puntos tómanse mostras para previr unha posible infección ou para actuar con maior precisión de se producir un foco contaminante. Un núcleo urbano de arredor dos 300.000 habitantes implica máis de 1.200 quilómetros de canalizacións, depósitos e instalacións de bombeo que, finalmente, lle aseguran a dispoñibilidade de auga potable, en cantidade e calidade, ao conxunto da poboación.
O final: devolver a auga nas mellores condicións ao seu curso natural
O incremento progresivo do consumo de auga tivo unha repercusión directa no aumento das augas residuais. Os ríos perderon a súa vida piscícola e as súas augas degradáronse. A construción de redes de colectores foi o primeiro paso necesario para iniciar a depuración das augas residuais. Búscase devolver a auga nas mellores condicións posibles. Nas plantas depuradoras, mediante procesos químicos e mecánicos, elimínanse os elementos sólidos. A continuación procédese ao desareado e desengraxado, decantación primaria, balsas de aireación e decantación secundaria. As lamas resultantes do proceso tamén poden recibir un tratamento para a súa posterior utilización en agricultura e xardinaría, e mesmo o biogás xerado no proceso de dixestión da lama pódese destinars á xeración de enerxía térmica e eléctrica.