Son seguras e consumen pouco, pero todas suspenden en información ao consumidor
As luces do nadal acaparan protagonismo e polémica (cada ano rexorde o debate sobre o gasto económico e ecolóxico que representan) nas rúas de vilas e cidades, pero tamén nos salóns, terrazas e xardíns dos fogares. Amais da súa función estética e simbólica, convén que o consumidor teña en conta dous aspectos clave na adquisición de grilandas luminosas: o gasto enerxético que ocasionan e a súa seguridade (no que levamos de ano, entraron na rede de alertas de produtos perigosos do Instituto Nacional de Consumo máis de 30 grilandas). Seguridade e consumo guiaron a análise que CONSUMER EROSKI realizou de 16 mostras de dispositivos para a iluminación do nadal. Seleccionáronse as marcas Kallt, Mundo, Galvas, Reila Lights, Noël Art, Näve e Diana, aínda que as grilandas son produtos nos que os fabricantes carecen de notoriedade.
A metade das grilandas declaraban ser para uso exclusivo en interior, mentres que as oito restantes se podían utilizar en interior e exterior. Doce eran grilandas (unha secuencia lineal de lámpadas unidas por cable eléctrico); tres eran cortinas luminosas (unha secuencia lineal de cable da que penduran grilandas luminosas) e unha era unha mangueira (un tubo plástico que no seu interior alberga lámpadas). Nove ofrecían intermitencias e en oito podíase regular a súa frecuencia. O número de lámpadas vai das dez de Galvas e da grilanda de bólas Kallt ata as 216 lámpadas de Mundo Flex. Só catro referencias (a cortina de 64 bólas Kallt, a grilanda de 10 bólas Kallt, a grilanda de 50 lámpadas Nöel Art e a grilanda de 60 lámpadas Reila Lights) usaban lámpadas LED, dispositivos menos contaminantes, máis duradeiros e de menor consumo ca as lámpadas incandescentes.
Os resultados da análise reflicten que as mostras analizadas son seguras e que o seu consumo enerxético é pouco relevante, aínda que todas suspenden en información ao usuario. Debido ao seu carácter de produto estacional, a adquisición das mostras realizouse no 2008. Pola probable desviación dos prezos nun ano, desbotouse este apartado, co que nesta análise non se dá unha mellor relación calidade-prezo.
Ningunha das 16 referencias cumpre todos os requisitos da normativa de seguridade eléctrica (norma xeral de seguridade eléctrica UNE-EN 60598-1 e norma específica de grilandas luminosas UNE-EN 60598-2-20). O repertorio de incumprimentos é amplo. Once das dezaseis referencias incluían na súa etiquetaxe letras inferiores aos 2 milímetros preceptivos. Nas grilandas de Näve parte das mencións da etiquetaxe aparecen en alemán pero non en castelán, tal e como é obrigatorio. A grilanda con forma de póla de piñeiro Diana carece da etiqueta que debe ir sobre o cable e ademais a embalaxe non inclúe todas as mencións ás que obriga a norma. Á grilanda con tulipas con imaxes de princesas Disney de Galvas fáltanlle algunhas mencións de seguridade. Hai ademais tres produtos nos que o transformador non indica a potencia en vatios. Trátase da cortina Kallt, da grilanda de 40 lámpadas Kallt e da grilanda con abelorios Näve.
A cortina de luces de Reila Lights é exclusivamente para uso en interiores. Non obstante, na súa embalaxe aparecen cinco fotos con suxestións de utilización do produto. Nas cinco fotos a grilanda aparece montada en exteriores (aleiro de ventás, tellados e rúas). Trátase dun tipo de uso para o que o produto non é apto e que pode levar a equívoco por parte do consumidor, cos graves problemas de seguridade eléctrica que pode carrexar.
Adornos sen riscos
Para certificar a seguridade eléctrica dos produtos, realizáronse tres probas. Por unha banda, avaliouse o illamento eléctrico por medio da aplicación de tensión entre o enchufe e a parte accesible ao usuario, o enchufe e o transformador (a metade contaban con este dispositivo), e o enchufe e o cable. Por outra, mediuse o grao de protección fronte a axentes externos como po e chuvia (especialmente relevante en luminarias exteriores) e, en terceiro lugar, rexistráronse os límites máximos de temperatura que non se deben superar para garantir a seguridade das luminarias en caso de fallo. En todas elas, as mostras obtiveron resultados axustados á normativa.
No tocante ao consumo eléctrico, constatáronse notables diferenzas (dos 1,7 vatios da grilanda de bólas brancas Kallt aos 97,7 da mangueira de Mundo), determinadas, iso si, polo número de lámpadas da luminaria. Se se divide o consumo polo número de puntos luminosos, a marxe recórtase, pero non deixa de ser significativa: dos 0,56 vatios por lámpada da grilanda de Reila aos 0,1 vatios da cortina de bólas Kallt. Catro das cinco referencias que menos electricidade consumen utilizan lámpadas LED no canto de lámpadas incandescentes.
Aínda coas diferenzas descritas, a repercusión do consumo enerxético destes produtos na factura do fogar é pouco relevante. Se se parte da premisa de que unha grilanda luminosa consume de media 25 vatios, que só se utiliza unha e que se acende 17 días ao ano durante seis horas ao día, o consumo eléctrico é de 2,55 quilovatios hora, que representa un gasto extra de 0,30 céntimos de euro e de 0,593 quilos de CO2 emitidos á atmosfera. Na análise comparativa de decodificadores de TDT publicada en outubro do 2008 calculouse que non desconectar o decodificador tras o seu uso pode supor de media 5,48 euros de electricidade ao ano, case 20 veces máis ca o dunha grilanda de nadal. Malia iso, a opción máis ecolóxica é prescindir deste tipo de iluminación. Se non é posible, as grilandas con lámpadas LED son a mellor alternativa.
En síntese
En síntese
- Analizáronse 16 grilandas de nadal. Catro delas tiñan forma de cortina e unha era unha mangueira luminosa.
- Oito das 16 grilandas podíanse utilizar no exterior e verificouse en laboratorio que resisten a entrada de po e as proxeccións de auga.
- Todas as mostras analizadas superaban as probas de seguridade eléctrica, pero ningunha delas cumpría cos requisitos da norma referentes a etiquetaxe.
- As grilandas consumen de media 25 vatios, 2,55 quilovatios hora durante todo o nadal. Isto supón un incremento medio de arredor de 30 céntimos na factura da luz e a emisión de 0,6 kg de CO2 á atmosfera.
- Malia ao escaso consumo que xeran, as persoas que desexen reducir ao máximo o gasto enerxético teñen nas grilandas con lámpadas LED a mellor alternativa.
Un a un
Unha a unha, 16 guirnaldas luminosas do Nadal
Mundo Icicle 0080701
- Cortina de luces brancas.
- A segunda con máis lámpadas, 180. Con intermitencias.
- O tamaño de letra é menor do especificado.
- Apto para o seu uso no exterior.
Diana 8510045
- Grilanda con forma de póla de piñeiro.
- Con intermitencias. Falta a etiqueta con advertencias de seguridade sobre o cable.
- Apta para o seu uso en exterior.
Mundo Cordón 0081012
- Grilanda con lámpadas brancas.
- Con intermitencias. O tamaño da letra é menor do especificado por norma.
- Apta para o seu uso en exterior.
Mundo Flex 0161600/C
- Mangueira de luces brancas.
- Con intermitencias. A que máis lámpadas ten, 216.
- Apta para o seu uso en exterior.
- A que máis electricidade consumía, 98 vatios.
Kallt Typ J0635
- Cortina de bólas brancas.
- Con lámpadas de LED. O transformador non indica a potencia en vatios.
- Apta para o seu uso en exterior.
- A que menos electricidade por lámpada consume.
Näve 5134
- Grilanda de estrelas multicolores.
- O transformador non indica a potencia en vatios.
- Algunhas mencións de seguridade aparecen en alemán pero non en castelán.
- Apta para o seu uso en exterior.
Kallt Typ J0633 Glänsa
- Grilanda de bólas brancas.
- Con lámpadas de LED. O transformador non indica a potencia en vatios.
- Unha das de menos lámpadas, 10.
- Apta para o seu uso en exterior.
- A que menos electricidade consume en total.
Nöel Art 64201
- Grilanda de luces brancas.
- Con intermitencias. Con lámpadas de LED.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- Unha das que menos electricidade consumen por lámpada.
Näve 5242
- Grilanda con abelorios.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- O transformador non indica a potencia en vatios.
- Algunhas mencións de seguridade aparecen en alemán pero non en castelán.
Reila Lights 41060101
- Grilanda de luces brancas.
- Con intermitencias. Con lámpadas de LED.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- Unha da que menos electricidade consume por lámpada.
Reila Lights 81050305
- Grilanda con flores de pascua.
- Con intermitencias. Lámpadas de cor vermella.
- O tamaño de letra é inferior do especificado por norma.
- Unha das de maior consumo eléctrico por lámpada.
Nöel Art 64503
- Grilanda de luces brancas.
- Con intermitencias e luces substituíbles.
- O tamaño de letra é inferior ao especificado por norma.
Kallt Typ J0501 Skina
- Grilanda de lámpadas brancas.
- O transformador non indica a potencia en vatios.
- Apta para o seu uso en exterior.
Mundo 54021
- Grilanda de lámpadas multicolor.
- A única con función musical.
- Con lámpadas substituíbles.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- Unha das que máis consumen por lámpada.
Reila Lights 55174201
- Cortina de luces brancas.
- Con intermitencias.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- É para interiores pero na etiquetaxe aparecen fotos de exteriores.
- A segunda que máis electricidade consume.
Galvas PHL-10L
- Grilanda con tulipas con debuxos de princesas Disney.
- Ten 10 lámpadas substituíbles.
- Faltan advertencias de seguridade.
- O tamaño de letra é menor do establecido por norma.
- A que máis electricidade consume por lámpada.