Zonas peonís: estudadas 100 das principais rúas restrinxidas ao tráfico de 18 cidades

Mobiliario urbano, limpeza e invasión de vehículos, carencias de unha de cada cinco rúas peonís

A proporción de suspensos baixou do 54% do 2004 ao 19% do 2009, pero a valoración media non pasa dun discreto 'aceptable'
1 Decembro de 2009
Img tema listado 108

Mobiliario urbano, limpeza e invasión de vehículos, carencias de unha de cada cinco rúas peonís

/imgs/20091201/tema1.jpg
As rúas peonís exercen de corazón urbano. Bombean vida, relacións sociais e comerciais, pero os cidadáns e visitantes que as atravesan non sempre o fan nas mellores condicións: chans mal pavimentados, lixo e escaso número de papeleiras, poucos bancos (ou ningún) nos que facer un alto no camiño, automóbiles que andan ao seu aire por zonas prohibidas… Estas carencias non son teóricas. Responden a unha realidade que CONSUMER EROSKI comprobou tras o seu estudo de cen das principais vías peonís de 18 capitais españolas. A valoración global non pasa dun discreto ‘aceptable’ e unha de cada cinco rúas suspende, unha proporción significativamente inferior á recollida nun estudo semellante elaborado no 2004, no que só aprobaban a metade das vías. A marxe de mellora segue a ser notable, en especial en apartados como o mobiliario urbano, a limpeza ou o respecto das restricións de tráfico e estacionamento de vehículos.

Visitáronse zonas peonís da Coruña, de Alacante, Almería, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. O estudo valorou a dotación de mobiliario urbano, a limpeza e mantemento, a sinalización, a seguridade e a accesibilidade destas vías. Tamén se realizou unha proba práctica para comprobar se se respectan as restricións de tráfico fóra do horario de carga e descarga. A información completouse con datos proporcionados polos concellos de cada cidade.

A falta de limpeza e o mal estado do pavimento observáronse no 20% e no 35% do cento de rúas estudadas. En unha de cada tres a dotación de papeleiras considerouse insuficiente e no 60% non se atoparon bancos para sentar e descansar. Outras deficiencias: en dúas de cada dez vías, os técnicos atoparon algún perigo para a integridade física dos peóns (obras sen protexer, mobiliario urbano en mal estado, pavimento escorregadizo…) e a metade das rúas carecía de sinais específicos de zona peonil. Atopáronse tamén en dúas de cada dez vías automóbiles estacionados ou circulando fóra do horario de carga e descarga.

Por cidades, superan o exame proposto por CONSUMER EROSKI (cunha valoración de ‘ben’), as zonas peonís de Córdoba, de Madrid, de Oviedo, de Valladolid e de Zaragoza. Quedan en ‘aceptable’ A Coruña, Alacante, San Sebastián, Sevilla, Bilbao, Granada, Murcia, Valencia e Vitoria. O suspenso recae en Almería, Barcelona, Málaga e Pamplona, cun ‘regular’.

Carga e descarga: horarios

As zonas peonís xeran intereses enfrontados: por unha banda, os dos viandantes que prefiren -por comodidade e seguridade- zonas peonís sen tráfico; por outra, os dos residentes e profesionais que precisan cargar e descargar en tendas, bares e outros establecementos e edificios situados nesas rúas, que acollen polo xeral unha gran actividade comercial e hostaleira. O horario de carga e descarga é a solución máis habitual que propoñen os concellos. A franxa horaria varía, pero non baixa das tres horas ao día. A permisividade cualificouse como excesiva en Barcelona, Córdoba, Granada, Málaga e Pamplona, xa que, amais dun amplo horario de mañá para os labores de carga e descarga, tamén se permite o acceso destes vehículos profesionais pola tarde (normalmente entre dúas e tres horas), chegando en Pamplona ata as oito da tarde (agás no centro histórico da cidade, onde teñen un horario propio de cinco horas e media, ata as 16.30 horas).

En Almería e Murcia está prohibida a carga e descarga nas rúas peonís, salvo en casos excepcionais (estas operacións realízanse en vías adxacentes). En Madrid a carga e descarga efectúase tamén en horario nocturno e ata as once da mañá. A diferenza de Bilbao, que o limita a tres horas, na Coruña, en Oviedo e en Vitoria o permiso amplíase a cinco horas, encadradas na madrugada e primeiras horas da mañá para eludir o tránsito peonil: de 6 a 11 na capital coruñesa e ovetense, e de 7 a 12 na vitoriana (no centro histórico, este horario amplíase unha hora). Para rematar, os operarios de Valencia, Valladolid e San Sebastián contan con catro horas.

Nas rúas peonís xorde outro tipo de necesidades: as dos veciños residentes que precisan acceder aos seus garaxes ou aos seus domicilios. Os concellos despregan para eles sistemas de acceso restrinxido. Os dispositivos máis comúns entre as capitais estudadas son as tarxetas identificativas e as cámaras e lectores de matrículas. Na Coruña, en Córdoba e en San Sebastián utilízase o primeiro sistema, mentres que en Barcelona, Granada e en Málaga recorren ao segundo. Nas capitais madrileña, murciana e vitoriana utilizan ambos. En Madrid, tamén contan con interfonos para contactar as 24 horas do día co Centro de Xestión da Mobilidade, en caso de necesitalo. En Almería dispoñen dun mando a distancia e o Concello delimita con marcas viarias e con outros sinais o camiño cara ao garaxe co fin de que os peóns distingan os lugares nos que poden circular vehículos motorizados. En Valladolid, Zaragoza, Bilbao e Oviedo non hai ningún dispositivo xeneralizado. Os bilbaínos informan o policía municipal presente e os ovetenses deben acreditar ser residentes na zona mediante DNI. Para rematar, en Pamplona utilízanse pivotes automáticos (denominados pilonas) que baixan e permiten o paso de automóbiles durante cinco horas ao día. Fóra deste horario, os residentes téñenlle que solicitar permiso á policía municipal.

Operación carga e descarga

Un dos aspectos característicos das zonas peonís urbanas é a súa condición de eixe comercial, o que implica a necesidade de establecer un horario que delimite as operacións de carga e descarga de mercadorías. Malia todo, ás veces as necesidades comerciais chocan coa esixencia de tranquilidade e de habitabilidade dos veciños. E é aquí onde entran en xogo as ordenanzas municipais que regulan a mobilidade e circulación das áreas urbanas. Os seus principais trazos son:

  • Os labores de carga e descarga débense realizar dentro das zonas reservadas polo Concello e durante o horario establecido na sinalización correspondente. Non poderán permanecer estacionados nas zonas habilitadas para carga e descarga aqueles vehículos que non estean a realizar a devandita actividade.
  • As zonas reservadas para carga e descarga resérvanse a vehículos destinados ao transporte de mercadorías rotulados como tales e cunha capacidade máxima de carga útil que non exceda de 3.500 quilogramos. Así e todo, excepcionalmente tamén poden utilizalas turismos e os seus derivados (aínda sen rotular) para cargar ou descargar aparellos ou outros obxectos, sempre que estea presente o condutor e que as devanditas operacións non excedan de 15 minutos.
  • As mercadorías cargaranse e descargaranse polo lado do vehículo máis próximo á beirarrúa, utilizando o persoal e os medios necesarios e suficientes para axilizar a operación.
  • As mercadorías ou materiais que sexan obxecto de carga e descarga non se deixarán na vía pública, senón que se trasladarán directamente do inmoble ao vehículo ou viceversa (salvo casos excepcionais).
  • A carga e descarga débese realizar procurando evitar ruídos e molestias innecesarias.
  • A maioría das ordenanzas inciden en que non se pode superar un tempo máximo de 30 minutos.
  • Procurarase non perturbar a circulación nin dos peóns nin doutros vehículos. De se xerar risco para os peóns ou para os vehículos, cumprirá acordoar debidamente a zona mentres se realice a carga e descarga.
  • A carga e descarga de pedras, madeiras, ferros ou doutros efectos de peso non pode realizarse de golpe, senón co maior coidado posible para evitar estragar o pavimento.

Seguridade, tráfico e multas

/imgs/20091201/tema3.jpg
Case 50 das rúas peonís estudadas están cruzadas por outra vía que si ten tráfico. Na metade desas rúas con cruces non se instalara un semáforo para o paso seguro dos peóns, nin sequera un dispositivo sonoro para as persoas con minusvalidez visual (só se viron en Murcia, Pamplona, Valladolid e Vitoria). En dúas de cada tres rúas con cruces tampouco se atoparon sistemas para obrigar os condutores a minorar a velocidade.

No 18% das rúas, os técnicos viron elementos de risco para a integridade física dos peóns (pavimento escorregadizo, lastras soltas e en mal estado, coches a excesiva velocidade, sumidoiros soltos, papeleiras rotas, cables fóra de lugar, obras sen protexer ou mobiliario urbano mal colocado e que entorpece os viandantes). Na metade das rúas de Valencia os sumidoiros obstaculizaban o paso (porque estaban abertos e/ou deteriorados); as papeleiras estorbaban en dúas rúas de Vitoria e Granada (na metade das vías da capital granadina tamén molestaban as xardineiras alí situadas) e os colectores estaban mal colocados en tres das sete arterias peonís de Madrid e en unha de cada tres das seleccionadas en Pamplona.

As terrazas de bares ou cafeterías ocupaban parte do espazo de catro de cada dez rúas. Na metade de vías con terrazas en Pamplona e Granada, as mesas e cadeiras estaban dispostas de tal maneira que molestaban os viandantes (tiñan que deixar paso a outros peóns para pasar, andaban en zigzag sorteando as terrazas e ata pasaban entre as mesas e as cadeiras).

Automóbiles fóra de hora

Se hai algo que distingue unha zona peonil de calquera outra da cidade é a ausencia de vehículos circulando e estacionados. Para comprobalo, os técnicos desta revista observaron durante varias horas o tránsito das rúas analizadas e tamén intentaron entrar cun coche nestas zonas preservadas do tráfico para despois, se o conseguían, estacionalo durante algúns minutos e comprobar que acontecía. En liñas xerais, a nota media de ‘ben’ ofrece unha clara pista do satisfactoria que resultou a análise deste apartado. 13 cidades aproban o exame da revista (entre o ‘moi ben’ de Almería, Córdoba e Sevilla, o ‘ben’ outorgado a Barcelona, Granada, Madrid, Málaga, Oviedo e Zaragoza, e o ‘aceptable’ que mereceron as zonas peonís visitadas na Coruña, en Bilbao, Murcia e Valladolid). Non se pode dicir o mesmo nas localidades de Alacante, San Sebastián, Valencia e Vitoria (‘regular’), pero especialmente en Pamplona (‘mal’).

En dúas de cada dez rúas peonís había coches estacionados ou circulando en franxas horarias non autorizadas para a carga e descarga (naquelas nas que había). Soamente nas rúas visitadas nas localidades de Almería, Barcelona, Córdoba, Granada, Oviedo, Sevilla e Zaragoza non se viron automóbiles aparcados en horario non permitido (nesta proba non se tivo en conta a vehículos autorizados como os da policía, de obra ou limpeza, servizos sanitarios ou de minusválidos). Na maioría das rúas de Pamplona víronse coches mal aparcados, como tamén aconteceu en tres das cinco visitadas en San Sebastián e en catro das seis de Valencia. Ningún destes automóbiles mal estacionados lucía multa ningunha.

Co fin de comprobar o control do acceso en coche a estas zonas, os técnicos intentaron entrar fóra do horario de carga e descarga a todas as rúas peonís e, unha vez en cada vía, aparcar o seu coche durante 15 minutos. En seis de cada dez rúas non foi posible entrar (impedíano pivotes inmóbiles, bordos, mobiliario urbano, a policía, os veciños da zona ou a cantidade de viandantes). As rúas peor valoradas nesta proba foron as de San Sebastián e Pamplona, xa que en todas as analizadas se puido acceder e aparcar sen problema ningún. Pola súa banda, as mellores (as únicas cidades nas que non se puido entrar co coche en ningunha das rúas peonís estudadas) foron Málaga, Córdoba e Almería.

No tocante á contía das multas por estacionar nunha rúa peonil, a variación é notable: de entre 300 e 600 euros en Valencia aos 42 euros de San Sebastián. Hai que salientar que estas cantidades se reducen por pronto pagamento.

Insuficientes papeleiras, bancos e taboa comparativa

Unha rúa peonil debe ter un mobiliario urbano axeitado. Son imprescindibles papeleiras, farois e sumidoiros, e considérase conveniente contar con árbores e xardineiras. En liñas xerais, os técnicos que visitaron o cento de vías peonís valoraron o mobiliario urbano cun ‘aceptable’. Valencia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Vitoria e Zaragoza cualificáronse cun ‘ben’, pero Almería, Barcelona e Murcia suspenderon cun ‘mal’ nos dous primeiros casos e cun ‘regular’ na capital murciana.

Este tipo de vías, pola maior frecuencia de paso dos peóns, requiren un mantemento do mobiliario e unha limpeza de residuos máis frecuente ca outros espazos urbanos. Unha mala conservación ofrece unha imaxe de abandono que reduce o atractivo e que aumenta a sensación de inseguridade. A valoración global non pasou dun ‘aceptable’. As cidades mellor valoradas son Córdoba, Madrid, Pamplona, San Sebastián e Valladolid (obteñen un ‘ben’); mentres que Almería, Barcelona, Málaga e Zaragoza suspenden cun ‘regular’. O resto, na media xeral.

Nun 20% das rúas atopouse sucidade nalgunhas zonas (excrementos, lixos, papeis e outros desperdicios) e nunha de cada tres vías o pavimento amosaba irregularidades, baldosas e lastras soltas ou ben buratos que propician a formación de pozas, ou que poden supor un risco de caída para os peóns (este problema percibiuse especialmente en Barcelona, Zaragoza, Alacante e Oviedo). Neste último aspecto, a situación variou moito en cinco anos, xa que no 2004 só o 16% das vías presentaba este tipo de irregularidades, a metade ca na actualidade. Como elemento positivo, o pavimento era antiescorregadizo no 86% das rúas analizadas.

No tocante ás papeleiras, só nun 59% das rúas peonís visitadas o seu número se considerou apropiado. En Almería, por exemplo, dúas das cinco vías analizadas non contaban con ningunha papeleira. Con todo, hai cinco anos a situación era aínda peor, xa que esta proporción descendía a un 40%. Atopar papeleiras de reciclaxe (con dous ou tres espazos para dividir o papel e o cartón, o plástico, os envases e o lixo orgánico) non foi doado: só se localizaron en Almería e en Sevilla. En unha cada de cada cinco rúas observáronse papeleiras estragadas por actos vandálicos (pintadas), lixo e roturas, e nun 15% había lixo guindado a carón das papeleiras (atopouse especialmente en Barcelona).

Outra cuestión importante (por seguridade e comodidade) é a iluminación: ao igual ca no 2004, máis do 90% das vías peonís incluídas no estudo conta coa suficiente e só nun 4% se atoparon farois en mal estado. Ademais, o 70% das rúas dispoñen de farois específicos para as zonas peonís (unha porcentaxe similar á de hai catro anos).

Menor é a dotación de bancos. Ao igual ca no estudo do 2004, no 60% das rúas non había (destacan Granada e Murcia, onde non se atopou ningún) e en unha de cada dez onde si había, algúns estaban estragados. Así e todo, cómpre aclarar que, igual que acontece co resto do mobiliario urbano (agás coas papeleiras e farois, sempre imprescindibles), a ausencia de bancos nalgunhas zonas peonís vén motivada pola carencia do espazo necesario para colocalos de xeito que non dificulten ou entorpezan o tránsito dos peóns.

O mesmo acontece coas árbores, ausentes en máis da metade das rúas. Nun 37% das vías onde se atoparon, algunhas estaban danadas e, só na metade, contaban con enreixados na súa parte inferior para evitar tropezos e facilitar a conservación do espazo no que están plantadas (en todas as vías de Córdoba, Madrid, Pamplona, Sevilla, Valladolid e Vitoria).

As fontes de auga potable tamén son elementos relevantes. Non obstante, non se viron nun 85% das rúas visitadas, unha porcentaxe superior á do informe do 2004 (un 77%), aínda que as que existían se atopaban en bo estado xeral. Tamén é moi útil contar cun aseo público. Agora ben, só se atopou nunha rúa coruñesa. Iso si, o seu estado era óptimo e non había que pagar para facer uso del.

As queixas dos residentes

O tópico asegura que tornar peonís as áreas urbanas está cheo de vantaxes. Diminúe o risco de atropelos, reduce o nivel de ruído e de contaminación e promove a humanización da vía pública. Tamén se benefician os comerciantes, malia as incomodidades iniciais polas obras que precisa esta transformación.

  • /imgs/20091201/tema2.jpg
    Así e todo, non todos están de acordo coa peonalización ou coas súas consecuencias. As rúas peonís melloran a calidade de vida dos viandantes, pero, e a dos residentes? Para eles, xorden inconvenientes que dilúen a convivencia ‘idílica’ nesas zonas. Entre os principais, a indisciplina de estacionamento, o incumprimento do horario de carga e descarga, a supresión de prazas de aparcamento ou o cambio na tipoloxía de comercio, que se reduce a negocios de equipamento persoal, servizos e profesións liberais e mais locais de ocio e restauración.
  • CONSUMER EROSKI consultoulles aos concellos das capitais españolas incluídas no estudo cales eran as queixas dos veciños e destacaron cinco situacións motivo das reclamacións máis comúns: o incumprimento do horario de carga e descarga, a invasión de vehículos fóra do horario autorizado, a restrición de aparcamentos e o ruído de actividades comerciais.
  • Polo de agora, a peonalización tan só é unha solución parcial ao saneamento das cidades. As rúas peonís atópanse xeralmente localizadas nos centros urbanos, co que a súa funcionalidade se reduce ao turismo e ao consumo. Agora ben, non só se camiña para ver museos ou para ir de tendas.
  • Con todo, segundo a información facilitada polos concellos, nos barrios de nova construción aplícanse, cada vez máis, criterios de peonalización. Un futuro esperanzador?