A lenda dun turrón con nome propio
Acontece coas verdadeiras lendas que a súa orixe se perde na noite dos tempos. A ausencia do dato obxectivo das datas confirma con maior forza unha fábula afastada, tan afastada que é historia e é cultura. Acontece que en Agramunt os arquivos e documentos escritos da vila leridana foron incendiados nas guerras napoleónicas. Así llo contaron poucos anos despois ao literato Serafí Pitarra que escribiu o drama antigo de Dida, unha filla da bisbarra, que non podía ser outra cousa ca turroneira. Acontece que para os agramunteses o seu turrón é a súa historia e a súa cultura, e a súa receita é lenda.
Nun pota mesturar ao baño María mel e azucre. Precísanse cinco horas de cocción a dous quilos de presión, que rompen pasados os primeiros 120 minutos para engadir a clara de ovo batida. A mestría artesá é a que logra que durante este proceso a cor dourada non perda os seus aromas de azar ou de romeiro, en función das flores que conteña o mel.
Torrar as abelás ao lume. Precísanse corenta e cinco minutos para que a abelá negreta acade o seu punto de asado. As cascas arrubian e agárdase a que perdan a calor para proceder a estonalas. Límpanse ata que o extremo dun vidro se manteña limpo ao seu contacto.
Hai que lle engadir ao mel tantas abelás como cumpra, gardando unha proporción homoxénea. Nin máis nin menos. A masa característica, irregular, protuberante e viscosa acádase respectando as cantidades. Estas méxense devagar e sen pausas.
Sobre unha película fina de fariña, nunca de aceite, rescátase da masa a porción que, pesada na romana, será a desexada. A contundencia de sabores resérvase grazas a que a manipulación se realiza aos poucos. Na pota agarda a súa quenda, á temperatura xusta que non cristaliza nin torna duro o resultado meloso de abelás, azucre e clara.
Cando se morde unha oblea rechea de turrón de Agramunt enténdese o que o catalán dende antigo asevera: ‘trencarà com a vidre’. Rompe como un cristal. Engana a quen coida que o seu rico sabor a mel o volve pegañento e comprace a quen desgusta sen forza a dureza da abelá e se asegura unha dentada cargada de matices.
O turrón sabe a Nadal. Os tres reis con Denominación de Orixe protexida chegan de Xixona, de Alacante e de Agramunt. Ofrecen bocados caloríficos dos que non hai que abusar, pero tampouco privarse, sempre que non estea contraindicado para a saúde. Son ricos en azucres, en graxas e en fósforo, e tamén o son en autenticidade garantida pola calidade das materias primas naturais e polo proceso artesanal da súa elaboración. En Agramunt as obleas de 30 e 50 gramos chegan a alcanzar o medio quilo no Advento, tempo en que todos os membros da familia abandonan durante unhas semanas os seus labores cotiáns para se tornaren turroneiros.