Nadal a proba de accidentes

1 Decembro de 2009
Img consejos

Nadal a proba de accidentes

/imgs/20091201/consejos1.jpg
Durante estas festas, milleiros de persoas sofren accidentes domésticos con adornos e con obxectos do Nadal que, as máis das veces, son bos de previr

Ás caixas coas palabras “Adornos de Nadal” sácanse de trasteiros e rochos e quítaselles o po como cada ano cando o calendario apura os seus últimos días. Nenos e maiores reúnense arredor de caixas cheas de bólas, adornos, grilandas, luces e espumillóns, sen esquecer o belén e a árbore, os grandes protagonistas da decoración do Nadal. Inofensivos en aparencia, moitos destes complementos poden ser a causa de numerosos accidentes domésticos. Por esta razón, co fin de evitar sustos, non se debe deixar nada en mans da improvisación á hora de elixir e de instalar estes e outros elementos decorativos.

A árbore, mellor artificial

  • /imgs/20091201/consejos2.jpg
    Alén das bondades que representa para o medio natural, as árbores artificiais están fabricadas con materiais resistentes ao lume, de xeito que ante un chispazo orixinado polas luces non habería risco de incendio. Non esqueza comprobar que na etiqueta se indica esa circunstancia.
  • Se se decanta por unha árbore natural, a primeira premisa é que se acabara de cortar, para que manteña todo o seu verdor e frescor.
  • Antes de pór os adornos nunha árbore natural, déixea durante uns días nun caldeiro cheo de auga. Deste xeito a súa frescura será maior e diminuirá o risco de incendio.
  • Arrede a árbore das fontes de calor, como radiadores, estufas ou chemineas.
  • Procure non bloquear as portas coa árbore nin entorpecer a saída dos cuartos.

Iluminación a proba de lume

  • Se desexa que a súa casa e mais a súa árbore luzan luminosas durante o Nadal, a opción máis recomendable son as grilandas de baixa tensión (de 12 ou 24 V) con transformador, as coñecidas como de “clase III”.
  • Lea polo miúdo as instrucións de uso de calquera dispositivo eléctrico ou luces que pretenda utilizar como adorno de Nadal.
  • Tanto se garda un xogo de luces de anos anteriores como se estas son novas, revíseas e asegúrese de que non conteñen arames desgastados, cables pelados, lámpadas rotas ou conexións soltas. Se non están en perfectas condicións intente reparalas, e, se non, non dubide en desbotalas.
  • Xamais instale luces eléctricas nunha árbore metálica, xa que esta pode cargarse de electricidade e córrese o risco de electrocución se se entra en contacto con ela. Evite que as luces estean en contacto con elementos decorativos de metal, xa que se aumenta innecesariamente o risco de descargas eléctricas.
  • No seu percorrido, non coloque as luces debaixo de alfombras, mobles, cortinas, etc., xa que as lámpadas poden alcanzar unha temperatura elevada.
  • Asegúrese de que as luces e mais os interruptores están ben protexidos fronte á posible manipulación dos máis pequenos da casa.
  • Apague as luces cando saia de casa ou vaia para a cama.
  • O mellor xeito de pendurar e de suxeitar as grilandas de luces é a través das bridas de plástico. Non empregue grampas, chatolas ou cravos, xa que poden perforar os cables.
  • Para adornar o exterior da súa casa utilice só luces e adornos creados para tal fin, que haberá que conectar a circuítos protexidos por interruptores de circuíto de terra.
  • Comprobe que as luces exteriores estean protexidas da auga, identificadas nas etiquetas como de uso exterior e que os cables son de goma ou de caucho, non de PVC.

Adornos seguros e a proba de nenos

  • Comprobe que os adornos de Nadal conteñan a etiqueta ‘CE’, indicativa de que o produto cumpre coas normativas regulamentarias.
  • Os adornos non deben conter chumbo nin ser inflamables.
  • Se hai nenos moi cativos na casa evite os adornos e figuriñas pequenas, desmontables ou con arestas ou puntas pronunciadas.
  • Se utiliza neve artificial en aerosol siga rigorosamente as instrucións de uso para evitar, entre outros perigos, unha irritación dos pulmóns.
  • Saiba que os envases de escuma de neve, xunto co confeti e mais as serpentinas, poden provocar incendios se permanecen en contacto con focos de calor.
  • Manteña as plantas do Nadal lonxe dos máis pequenos da casa e dos animais. O visgo e outras plantas típicas do Nadal son tóxicas.
  • Evite no posible o uso de candeas acesas. Se as utiliza, colóqueas en candeeiros firmes que non caian con facilidade.
  • Sitúe as candeas lonxe de focos de calor, doutras decoracións e das cortinas. Colóqueas fóra do alcance dos nenos e das mascotas.
  • Non deixe nunca un neno só nun cuarto no que haxa unha candea acesa.
  • Préstelles unha especial atención aos máis pequenos se as candeas son perfumadas, xa que chaman máis a súa atención.
  • Non esqueza apagalas ao saír da casa, aínda que só vaia estar fóra cinco minutos, ou cando marche para a cama.

Coa pirotecnia, toda precaución é pouca

  • /imgs/20091201/consejos3.jpg
    Sempre que vaia manexar artigos de pirotecnia convén advertir que un mal uso deles pode ocasionar dende intoxicacións ata queimaduras das mans ou das pálpebras, ou perforacións nos ollos. Sexa prudente.
  • Lea con coidado as instrucións de uso de cada produto.
  • Utilice estes artigos só en espazos abertos a unha distancia prudencial de persoas, animais e vehículos.
  • Nunca deixe, baixo ningún concepto, que un neno manipule petardos, foguetes ou outros artigos pirotécnicos.
  • Detonar petardos dentro de latas, botellas ou doutros recipientes pode producir graves feridas polas estelas. Non dubide en facerllo saber tamén ao seu fillo.
  • Non transporte artigos de pirotecnia nos petos. O rozamento e a calor pódenos facer estoupar espontaneamente.
  • Nunca toque pezas que non explotaran ou que pareza que xa se apagaron.
  • Non deixe que os nenos manipulen nin abran os foguetes; pódenselles adherir nas mans restos de chumbo, de xofre ou de pólvora, co conseguinte risco de intoxicación se as levan á boca.
  • Non acenda artigos aéreos (foguetes, bengalas, etc.) se hai vento.
  • Evite mercar en tendas e postos na rúa estes artigos de pirotecnia, xa que non conta con persoal cualificado que explique o seu uso e as medidas básicas de seguridade destes artigos.