O prezo dos bos propósitos
A transformación dos desexos formulados co fin de ano en feitos carrexa un custo que a miúdo serve de escusa para xustificar o seu fracaso. Non obstante, sempre hai alternativas máis baratas Do desexo ao fracaso, do proxecto á crúa realidade. Así son os meses de decembro e xaneiro. O primeiro, cargado de propósitos e plans, o segundo, cheo de facturas e escusas que xustifican o seu fracaso. Entre os argumentos máis habituais que explican a razón pola que deixar de fumar se pospón, pola que perder eses quilos de máis se esquece e pola que sacar o carné de conducir se deixa para o verán, atópase a pouca forza de vontade, o exceso de optimismo ou a falta de realismo. A Universidade británica de Hertfordshire iniciou no nadal do 2007 un estudo sobre os novos propósitos formulados por 3.000 persoas. Ao cabo dun ano só o 12% se mantivo firme e conseguiu aquilo que se propuxera. Porque desexar, amais de doado, é gratis. Agora ben, canto custa cumprir os propósitos máis clásicos, como deixar de fumar, perder peso, facer exercicio, sacar o carné de conducir ou aprender un idioma?
Deixar de fumar: Un aforro para a saúde e para o peto
Quen máis e quen menos intentou algunha vez aparcar a súa adicción ao tabaco co comezo do novo ano. É un reto que se repite nas listas de propósitos asinadas por cidadáns de todas as idades, conscientes de que son moitas e moi boas as razóns para deixar de fumar. Gañar en calidade de vida, en saúde, facelo pola familia… Ademais, hai outro argumento polo que paga a pena intentalo: a cantidade de cartos que se aforran ao se renunciar a este hábito. Aínda que España é un dos países europeos onde o tabaco é máis barato, o seu abandono suporíalle un aforro de 21 euros á semana a unha persoa que fumase un paquete diario que custase 3 euros. Indicada deste xeito, a cifra parece non dicir moito. Pero se se calcula o gasto anual, 1.008 euros, a reacción non debería ser a mesma. O valor ata sería máis alto se o tabaco se mercase en máquinas expendedoras e non no estanco. Nese caso, o aforro sería de 1.058 euros. Esta é suma de diñeiro nada desprezable, coa que se pode pagar, por exemplo, unha cota da hipoteca ou doutro tipo de empréstitos.
Agora ben, amais do esforzo físico e mental que require loitar contra o tabaco, deixar de fumar tamén custa cartos, polo que en principio o aforro pode ser algo menor, se ben non se achega, nin de lonxe, ao desembolso que leva consigo ser fumador.
Co fin de que o abandono deste vicio sexa máis bo de levar, comercialízanse unha morea de produtos farmacéuticos. A súa función é a de axudar, pero en ningún caso son remedios máxicos. As gomas de mascar, os parches, as pastillas para chupar e os aerosois nasais funcionan a través da terapia substitutiva con nicotina. O produto máis barato é a goma de mascar, entre 10 e 20 euros, séguena os parches, que andan arredor dos 50 euros e o aerosol nasal, que custa algo máis de 60 euros.
Adeus ao tabaco, gratis e a golpe de rato
Así e todo, dicirlle adeus ao tabaco non ten por que custar nin un can. Internet abriu un grande abano de posibilidades para conseguilo gratis e sen saír da casa. Unha das pioneiras é a Escola para deixar de fumar de CONSUMER EROSKI (www.escuelas.consumer.es/web/es/dejardefumar). Trátase dunha guía de apoio, didáctica e interactiva, que ensina como e por que se debe deixar de fumar. A información está personalizada en función de distintos perfís de fumador: persoas que non queren deixar o cigarro, outras que o están pensando, os que están decididos a facelo e persoas que recaen. A última proposta para deixar de fumar, deseñada pola Universidade a distancia (UNED), tamén recorre ás novas tecnoloxías. A través da web www.apsiol.uned.es/dejardefumar promóvese unha terapia para renunciar ao tabaco en só un mes. O programa, que consta dun servizo de alerta por sms e de correo electrónico para avisar o usuario, consta de catro módulos que hai que seguir ata abandonar este hábito, amais do seguimento durante un ano e medio para garantir o éxito da terapia. Ao igual ca a Escola para deixar de fumar de CONSUMER EROSKI, a principal vantaxe destes dous métodos é que non supoñen ningún gasto adicional e que se pode acceder a eles sen a necesidade de saír de casa.
Saúde, diñeiro e menos 'barriga'
Un clásico entre os clásicos: intentar perder peso ao comezo do novo ano. Tras os excesos culinarios do Nadal, moitas persoas senten a necesidade de render contas coa báscula. É habitual que en xaneiro as farmacias, parafarmacias, herbolarios e centros dietéticos enchan os seus escaparates con ofertas e anuncios para reducir peso. Pero, con estes métodos que é o que realmente se perde: quilos, cartos ou ambas as dúas cousas? Unha investigación exclusiva da Revista CONSUMER EROSKI analizou en maio do 2007 o funcionamento de 103 centros de adelgazamento do noso país. O estudo, amais de constatar que en un de cada tres establecementos se propuñan perdas de peso pouco saudables, revelou que intentar adelgazar neste tipo de centros se pagaba, e non pouco. A media polo tratamento global ascendía ata os 1.396 euros, aínda que os prezos se movían entre os 350 euros dos dous centros máis económicos ata os 3.879 euros do máis caro. Por meses, as consultas e os produtos custaban de media 163 euros mensuais. Os prezos ían dos 600 euros do establecemento máis oneroso ata os 40 do máis barato. Non obstante, adelgazar non sempre esixe desembolsar grandes sumas de diñeiro.
Se en algo están de acordo os nutricionistas é que a clave para perder peso se basea en seguir unha dieta axeitada e en facer exercicio físico. Aínda que en todo momento se recomenda a supervisión dun profesional da materia, cada un a título persoal pode aprender a comer. A cuestión é cambiar certas prácticas e costumes adquiridos por outros que permitan elaborar un menú variado, que estea bo e con menos calorías, tamén no Nadal.
Suar tamén custa cartos
“Este ano apúntome ao ximnasio” é, probablemente, xunto ao “Feliz ano novo”, unha das expresións máis pronunciadas en todo mes de xaneiro. Ao desexo de combater a preguiza e á enerxía que se precisa para acudir a un ximnasio cómpre engadir outro esforzo: o económico. Segundo un estudo desta revista elaborado en xaneiro do 2008 no que se analizaban 200 ximnasios do país, a cota mensual media roldaba os 56 euros, importe ao que hai que sumar a matrícula -que se paga ao comezo e que se esixe en tres de cada catro ximnasios estudados- que ascende por termo medio a 70 euros. En total, un ano de ximnasio tradúcese nunha media de 742 euros. Agora ben, as persoas interesadas en facer exercicio tamén poden pensar, como alternativa, en crear o seu propio centro na casa. Deste xeito, disponse dunha liberdade total de horarios e afórrase unha suma importante de cartos, xa que aínda que se require un investimento inicial este amortízase no tempo.
Que se precisa para gozar dun ximnasio na casa
En todo bo ximnasio, incluído o doméstico, hai que traballar a actividade aeróbica e a tonificación muscular. Para iso, estes son os materiais e artigos que, como mínimo, se deben adquirir para dispor dun ximnasio na casa:
- Unha máquina de exercicio cardiovascular: a clásica bicicleta fixa, a de spinning, as fitas para andar ou correr ou ben stepper. O investimento oscila entre os 35 euros dos modelos máis básicos de stepper ata os 1.300 euros das fitas máis punteiras.
- Unhas correas ou gomas elásticas coas que tonificar os brazos e as pernas. As primeiras son algo máis caras, entre 15 e 20 euros, mentres que as segundas non chegan aos 10 euros.
- Un balón suízo ou fitball (10 euros) para traballar os abdominais e realizar diferentes estiramentos.
- Unha esteira. Imprescindible para realizar actividade física no chan e para evitar lesións no lombo. Os prezos e calidades son variadas. Dende 4 euros dos modelos máis básicos aos 60 euros dos máis sofisticados.
Sacar o carné de conducir
O carné de conducir, un desexo moi caro
Sacar o permiso de conducir é outro dos clásicos. Quen por falta de tempo, cartos ou ganas aínda non o ten ve no comezo do ano unha data propicia para se embarcar no reto. Aínda que se descoñece o número de clases que cada un vai precisar, ninguén dubida de que sacar o carné de conducir é caro. Por iso, en moitas ocasións nin sequera se comparan as diferentes tarifas entre autoescolas e o futuro condutor déixase levar e basea a súa elección en criterios como a proximidade do centro con respecto á súa casa ou ao seu posto de traballo, os horarios… Non obstante, antes de elixir autoescola é recomendable contrastar prezos e comparalos en igualdade de condicións. Para iso, hai que sumar todas as cantidades que hai que pagar dende o comezo ao final. Non hai que guiarse por un único prezo ou tarifa, como o custo da matrícula ou da hora de clase práctica. Deben valorarse todas as cantidades, incluído o IVE e as taxas de tráfico.
Claro que os máis preguiceiros e escépticos se preguntarán se as diferenzas poden ser tan avultadas entre varias autoescolas dunha mesma cidade, e se realmente paga a pena tomar a molestia de preguntar prezos antes de elixir unha. Rotundamente si. Así se constatou nunha investigación exclusiva da Revista CONSUMER EROSKI que en setembro do 2007 analizou as tarifas de 200 autoescolas do noso país.
Sacar o carné de conducir á primeira custaba, de media, 950 euros. Amais das enormes disparidades entre cidades -a máis cara era Bilbao, con 1.358 euros, e a máis barata Granada, onde sacar o carné custaba 505-, o estudo comprobou que as diferenzas tamén se podían dar nas autoescolas dunha mesma capital. A máis desigual resultou ser Barcelona. Entre o establecemento máis caro e o máis barato había un abismo: 953 euros. En Alacante, Córdoba, Oviedo, Sevilla, Valencia e Valladolid as diferenzas roldaban os 800 euros.
Saltar a autoescola
Sacar o carné de conducir é caro, pero non sempre ten por que ser así. Sempre é posible aforrar uns cantos euros. Para comezar, a autoescola non é un elemento omnipresente neste proceso. Aínda que a tendencia habitual é xestionar calquera trámite relacionado coa obtención da licenza -dende exames a pagamentos de taxas e concertación de exames médicos- a través delas, pódese prescindir deste intermediario. Non é unha práctica moi coñecida pero levala a cabo permite un aforro considerable que se pode destinar a financiar parte do carné ou a aumentar o número de clases prácticas. A Dirección Xeral de Tráfico contempla a opción de acudir ao exame teórico de conducir por libre, é dicir, sen estar apuntado a ningunha autoescola. Deste xeito, o futuro condutor aforra unha parte importante do importe da matrícula que cobran a gran maioría de centros. De media, matricularse nunha autoescola custa 280 euros, mentres que acudir á proba teórica por libre non esixe ningún desembolso. O pagamento das taxas na Xefatura de Tráfico para asistir á convocatoria (85 euros) e o informe de aptitude psicofísica (entre 30 e 40 euros) é común tanto nos exames por libre como nos que se preparan na autoescola.
Aprender idiomas
Nun país no que a metade dos seus cidadáns maiores de 25 anos non fala ningunha lingua estranxeira, é moi probable que co novo ano xermolen as ganas e as urxencias por aprender ou mellorar un idioma, na maioría dos casos co obxectivo de responder afirmativamente a esta pregunta: “Do you speak English”? (Falas inglés?).
Claro que, unha vez máis, a distancia entre o dito e o feito é considerable. Segundo as estatísticas europeas, este é o propósito que máis a miúdo se esboroa. A desidia, a falta de resultados inmediatos e a sensación de estar estancado na aprendizaxe son os principais motivos que explican o abandono. Aprender inglés require tempo, forza de vontade, curiosidade e unha cantidade nada desprezable de cartos.
No caso de conseguir unha das escasas e moi demandadas prazas nunha escola oficial de idiomas, o desembolso non sería excesivo, entre 65 euros e 140 por curso lectivo. Nada que ver cos preto de 500 euros que cobra o British Council por un único trimestre aprendendo inglés. Nunha posición intermedia, aínda que non por iso barata, atópanse as clases particulares, que tamén custan dabondo. Canto maior é a especialización do idioma, por exemplo se é comercial ou business, e menor é o grupo de alumnos, máis cara é a hora. O seu prezo vai dos 15 euros das sesións máis habituais aos 30 das máis especializadas.
Non obstante, as novas tecnoloxías tamén se abren un oco no ensino do inglés. Nacen así novas fórmulas de aprendizaxe e, o que é máis importante, a custo cero.
Gratis, con liberdade total de horarios e adaptada ás necesidades de cada alumno, así é a formación on line de inglés. O inconveniente é que a maioría destes cursos non outorgan diplomas nin certificados ao se remataren, aínda que moitos incorporan test e exercicios para que o estudante comprobe que aproveitou a experiencia. O usuario pode, polo tanto, ampliar a súa formación, pero non acreditala. A web mansioningles.com imparte un ensino moi completo: un total de 54 leccións estruturadas en niveis de iniciación, básico e intermedio. Ao rematar cada un, o estudante realiza un test de avaliación que lle permite verificar a súa aprendizaxe. No curso de inglés online (http://www.curso-ingles.com/) accédese a un titorial completo da gramática inglesa. Unha das súas vantaxes é que o estudante pode elixir nunha listaxe os conceptos gramaticais que precisa reforzar e realizar os exercicios correspondentes. Complétase cun interesante apartado dedicado ao inglés comercial, de utilidade para quen precisa coñecer este idioma polo seu traballo. Son só dous exemplos. Pero hai moitos máis. Para mellorar a pronunciación, parte elemental en calquera idioma, resulta moi útil a web Forvo.com. É unha orixinal rede social onde os seus integrantes achegan pronunciacións de palabras en inglés, e noutros moitos idiomas tamén, co fin de que outros escoiten como se di de xeito correcto.
A iso súmanse as redes de intercambios de idiomas. Por Internet ou por outros medios (en taboleiros de anuncios de academias, escolas…) persoas interesadas en practicar inglés contactan con outras que desexan mellorar o seu castelán ou calquera idioma que ofreza o outro membro do intercambio. Os encontros pódense celebrar cara a cara se ambos os dous residen na mesma cidade, a través de chats, skype ou, se se prefire, tamén é posible intercambiar a tradicional correspondencia.
My Language Exchange (www.mylanguageexchange.com), que leva en liña dende o 2000 e conta con máis dun millón de usuarios, conversationexchange.com ou intercambiodeidiomas.com son unha pequena mostra da oferta tan variada que hai na actualidade. Se se recorre a este sistema, convén pactar todo por adiantado: frecuencia dos encontros, duración, compromiso para practicar os dous idiomas… É aconsellable ademais non baixar a garda. Á fin e ao cabo vaise tratar con persoas descoñecidas ou das que non se ten moita información. Por este motivo, o máis apropiado para os primeiros encontros é quedar en sitios coñecidos xunto con amigos ou outros acompañantes.
- Obxectivos realistas e medibles. Non hai que caer no erro de formular os novos propósitos de maneira xenérica. O obxectivo debe ser medible. Se a meta é facer máis deporte, o máis apropiado sería que o propósito fose realizar exercicio media hora ao día ou o tempo que se desexe. Se non, é moi doado caer no autoengano.
- De un nun. Hai que ser realistas. Non convén intentar á vez deixar o tabaco, aprender inglés e aprobar o carné de conducir. É probable que non logre ningún. Pola contra, convén centrar as enerxías en só un dos obxectivos, e cando se consiga seguir co seguinte.
- Metas no tempo. Resulta útil e moi motivador fixar horizontes no tempo -tres semanas, 30 días, dous meses…-, así o propósito resulta asumible e os seus resultados verificables.
- En compañía. Facer partícipes do reto a familia e os amigos é un verdadeiro estímulo para non deixar o empeño e para evitar as recaídas ou os abandonos.
- Marxe de erro. Antes de iniciar a transformación, hai que mentalizarse de que haberá recaídas e conatos de abandono. O que importa saber é que fallar e recuperarse forman parte do proceso.