Atallos para a fauna
A Unión Europea deseñou varias accións co fin de mitigar os efectos desta fragmentación. A Directiva de Hábitats, do ano 1992, que establecía as bases para a creación da rede de espazos protexidos Natura 2000, tamén incluía mecanismos para evitar os efectos negativos das grandes infraestruturas sobre eses enclaves.
De modo paralelo, aconséllase conservar terreos agroforestais e zonas de matogueira e de bosque adxacentes ás grandes vías, aos núcleos urbanos ou entre os espazos protexidos, xa que aínda que en aparencia non teñan un gran valor, son inestimables corredores que poden utilizar os distintos tipos de fauna para os seus desprazamentos. No norte de Alemaña os lindes entre os campos de cultivo (‘Knicks’), tradicionalmente formados por árbores e vexetación silvestre, convertéronse nunha gran rede de corredores verdes útiles para numerosas especies que viven alí.
Así e todo, a permeabilización das vías de comunicación para a fauna é unha fórmula recente. A penas se contabilizan vinte anos de experiencia en Europa, e en España as primeiras estruturas específicas para a fauna non se construíron ata 1997 e 1998, en Galicia. O problema é que boa parte das infraestruturas actuais non están dotadas de medios para solucionar este problema.
Segundo datos da Comisión Europea, a Europa dos 27 dispón de 5 millóns de quilómetros de estradas pavimentadas, das cales 61.600 quilómetros son autoestradas, 215.000 quilómetros de vía férrea, a metade electrificados, e 41.000 canles navegables. Toda esa rede fragmentou o territorio nun mosaico, ao que habería que engadir os núcleos urbanos, que tamén rompen e dividen o territorio natural.
O informe da situación española realizado no 2003 (informe COST 341) cifraba en 665.000 quilómetros a rede de estradas, e en 15.000 quilómetros a rede de ferrocarril. A diferenza doutras infraestruturas, as obras da AVE si se desenvolven de acordo á permeabilización para a fauna.
A peculiaridade do caso español é que conta cunha diversidade paisaxística e de especies moi elevada: estímase que España acolle ata 60.000 especies de animais, algunhas das cales non se atopan en ningún outro lugar do mundo (agás en Portugal, onde viven algunhas especies ibéricas), como a aguia imperial ou o lince ibérico.
E aínda que se atopan en zonas protexidas, en ocasións móvense demasiado preto de vías que supoñen un risco: 5.500 hectáreas das designadas como áreas prioritarias da rede Natura 2000 atópanse a menos de 200 metros dunha estrada, e ata 150.000 hectáreas sitúanse a menos de 500 metros dun gran cinto. Por outro lado, 1.300 quilómetros de estrada atravesan áreas prioritarias Natura 2000, e preto de 4.000 quilómetros cruzan áreas sensibles cun alto valor. As zonas máis afectadas son Madrid, Cantabria, o País Vasco e A Rioxa.
Polo de agora, España construíu, como infraestruturas especificas para a fauna, 5 túneles, un falso túnel e 7 viadutos, amais de 5 pasos superiores e 56 pasos inferiores.
Entre as especies en perigo de extinción, o caso máis emblemático e coñecido en España é o do lince ibérico que, aínda que se atopa en diferentes áreas protexidas, como en Doñana ou en Gredos, tamén resulta afectado polas estradas.
Menos coñecido é o caso do oso pardo, na Cordilleira Cantábrica. Hai dúas poboacións de osos illadas, unha na área occidental e outra na oriental. Entre elas creouse un corredor biolóxico pero tamén varios núcleos urbanos, a estrada nacional N-630, a autoestrada de Huerna, a vía férrea de Pajares e, en construción, a liña da AVE.
O problema é que mentres que a poboación occidental contaba con 120 exemplares, a oriental apenas alcanzaba no 2008 os 30 exemplares e deles só tres eran femias, o que comprometía a capacidade de reprodución do grupo, razón pola cal a Fundación Oso solicita o establecemento de novos corredores que faciliten a comunicación entre estes dous grupos.