Medicina nuclear, radiación que diagnostica e cura
Coma calquera outro tipo de enerxía, a nuclear serve para reparar e para construír, e non só para destruír, aínda que a maioría da poboación a asocie directamente ao cancro e ás centrais nucleares. Unha nova disciplina, a medicina nuclear, estase a tornar nunha maneira cada vez máis estendida e precisa de diagnosticar e tratar enfermidades. Na actualidade, esta especialidade médica dedícase nun 90% dos casos ao diagnóstico de enfermidades e nun 10% ao seu tratamento.
A través da medicina nuclear pódense explorar e tratar o corazón, o ril, o intestino e outros órganos. O 30% da actividade dun Servizo de Medicina Nuclear relaciónase coa oncoloxía; un 20%, coa cardioloxía; un 5%, coa neuroloxía; e o resto con outras especialidades médicas. En España todos os grandes centros sanitarios públicos dispoñen dun Servizo de Medicina Nuclear. España conta con 140 centros e cada ano efectúanse 650.000 exploracións convencionais e 60.000 coa súa técnica estrela, a PET (Tomografía por Emisión de Positróns).
Radiofármacos ou “balas máxicas”
As probas de medicina nuclear consisten en administrarlles aos pacientes un produto, un radiofármaco específico, dirixido ao órgano que se pretende estudar ou tratar. Este radiofármaco chámase así porque emite unha pequena radiación que recollen uns aparellos, as gammacámaras. A radiación captada transfórmase nun sinal eléctrico e en imaxes nun ordenador. Deste xeito, pódese estudar a chegada do fármaco ao órgano en estudo, a súa distribución e, despois, a súa eliminación.
Os radiofármacos actúan como auténticas “balas máxicas” que se envían directamente a un tumor para estudalo ou para tratalo e para destruír as súas células cancerosas. Esta terapia nuclear xa é unha realidade nun tipo de cancro, o linfoma non-Hodking, que se trata de maneira ambulatoria (sen ingresar no hospital) e practicamente sen efectos adversos. Grazas aos novos radiofármacos déronse reducido as metástases óseas e mais a dor que provocan.
A vida media destes radiofármacos (tamén denominados isótopos radiactivos) varía. Desaparecen nunhas horas ou como máximo nun día, polo que as técnicas de medicina nuclear se consideran de baixo risco tanto para os pacientes que se someten a elas coma para as persoas que están preto.
Técnicas estrela e aplicacións
Esta especialidade consta de varias técnicas con numerosas vantaxes para os pacientes: permiten estudar tanto a morfoloxía dun órgano como a súa función -pódese identificar un tumor e saber se medra ou non e ata determinar se quedan células vivas-, así como detectar lesións máis pequenas e chegar a todo o organismo.
A técnica clásica e máis habitual é a gammagrafía, que utiliza unha gammacámara para obter unha imaxe do órgano estudado coa que se poden observar as áreas en funcionamento. Tamén se utilizan outras máis modernas como a Tomografía Computerizada por Emisión de Fotón Único (SPECT, nas súas siglas inglesas), que permite captar imaxes tridimensionais de alta resolución, moi útiles para diagnosticar precozmente enfermidades oncolóxicas, cardiolóxicas ou neurolóxicas. E a Tomografía por Emisión de Positróns (PET), que posibilita descubrir o alcance dun tumor nun só paso e en fases máis incipientes ca con outras técnicas, distinguir as persoas cun avellentamento normal das que van desenvolver Alzheimer ou outras demencias, e estudar a epilepsia e outros trastornos psiquiátricos como a psicose e a esquizofrenia.
O futuro precisa da combinación de varias das súas técnicas a través de equipos híbridos ou multimodais, como a PET-TAC (TAC, por tomografía axial computerizada), a PET-RM (RM, por resonancia magnética) e a SPECT-TAC, que fusionan as imaxes obtidas mediante diferentes técnicas. Deste xeito, poderíanse obter diagnósticos máis precisos. Grazas á PET-TAC pódense diagnosticar máis do 30% dos tumores de orixe descoñecida que non son perceptibles con outras técnicas, amais de detectar en que estadio de desenvolvemento se atopan exactamente e cales son a súa extensión e mais a súa actividade (se seguen a medrar) para axustar e planificar o tratamento.
Estes aparellos multimodais permiten coñecer a función dun órgano e mais a localización e extensión das lesións. As vantaxes que esta técnica ten para os pacientes pódense comprender cun exemplo gráfico, o das ilustracións de “Onde está Wally?”, nas que se reta aos ollos a buscar este personaxe, vestido cunha camiseta de raias brancas e vermellas, entre outros moitos nunha páxina multicolor. Se se colocase a Wally cunha camiseta de raias brancas e negras sobre unha páxina en branco e negro, o esforzo en atopalo sería maior. De igual maneira, a medicina nuclear achégalle a cor ás imaxes médicas, que é máis doada de identificar e de seguir sobre as imaxes que ofrece o TAC.
Antes e despois dunha exploración
As exploracións de medicina nuclear son cada vez máis frecuentes e calquera persoa pode solicitala. Aínda que a miúdo poida parecer que estas persoas sofren unha gran angustia por seren exploradas mediante este técnica, a maioría sofren ansiedade pola enfermidade que padecen -como o cancro- ou pola cirurxía á que se enfrontan para tratala. Así o revela un estudo elaborado o pasado ano polo Servizo de Medicina Nuclear que dirixe Josep Martín Comín, do Hospital Universitario de Bellvitge.
A duración destas probas é variable, entre 30 e 60 minutos. Non son invasivas nin dolorosas. E a única pequena molestia para o paciente é a necesidade de permanecer moi quedo durante a proba. Os radiofármacos necesarios para realizalas adminístranse por vía intravenosa ou oral cando estas son probas diagnósticas, e con inxeccións mesmo nas articulacións con anestesia local cando as exploracións se realizan con fins terapéuticos. As técnicas deste tipo de medicina rara vez producen efectos adversos e ata en dúas situacións como son o embarazo e a lactación materna a súa contraindicación é relativa, pero non absoluta.
Así que acaba a exploración, os pacientes poden marchar á casa polo seu propio pé, aínda que se lles aconsella que permanezan illados un día e que non utilicen o transporte público co fin de minimizar as posibilidades de emitir radiacións, aínda que este risco é mínimo. Nas mulleres constatouse que certos radiofármacos se poden eliminar polo leite materno, polo que é posible que deban suprimir a lactación materna. Á marxe destas precaucións, os pacientes non deben adoptar ningunha outra medida adicional logo dunha exploración deste tipo.
En España, as técnicas atópanse practicamente ao alcance de toda a poboación que as precisa e as tecnoloxías que se requiren para aplicalas distribuíronse por todo o país. Non obstante, esta distribución é irregular, de xeito que as comunidades do interior dispoñen de menos equipos deste tipo fronte ás autonomías da periferia. Na actualidade, todos os grandes centros sanitarios públicos dispoñen dun Servizo de Medicina Nuclear. En España hai 140 centros de Medicina Nuclear e cada ano efectúanse 650.000 exploracións convencionais e 60.000 coa técnica PET. A súa primeira cámara data de 1995 e no 2001 abriuse a primeira cámara nun centro hospitalario público, o Hospital Virgen del Rocío de Sevilla, o que supuxo a aceptación da técnica por parte da Administración pública e da comunidade científica española. Na actualidade, a técnica PET está dispoñible en case todas as comunidades autónomas.
- Os pacientes deben ficar tranquilos e confiar neste tipo de medicina que recorre aos átomos para diagnosticar e sandar eficazmente.
- Se toma medicación hai que informar o médico. Será el quen decida se debe deixar de tomala para realizar a proba.
- As mulleres embarazadas ou que cren que poden estalo débenllo comunicar ao médico ou enfermeiro antes de se someteren a unha proba de medicina nuclear. Por norma, non deberían recibir radiacións.
- Convén evitar o contacto con nenos e embarazadas o mesmo día da exploración. E o resto do día, tras a proba, non se debe coller o neno no colo nin sentalo nos xeonllos.
- Beber líquidos -auga ou zumes- facilita a eliminación do radiofármaco inxectado.
- Cuanto máis lonxe se estea doutras persoas e máis tempo transcorrera tras a exploración, menos as irradiará.
Fonte: Josep Martín Comín, do Hospital de Bellvitge, e SEMN