Petiscos saudables | Iniciativa europea para nenos | Menú para eliminar toxinas | Cafeína e deshidratación | Ovos frixidos e indixestión

1 Decembro de 2009

Petiscos saudables | Iniciativa europea para nenos | Menú para eliminar toxinas | Cafeína e deshidratación | Ovos frixidos e indixestión

Claves para un “petisco” saudable

O sabor doce non sempre se obtén da inxestión de larpeiradas e sobremesas. Tampouco un aperitivo salgado se ten por que asociar sempre con patacas fritas. Hai alternativas máis saudables para tomar un refrixerio entre horas:


Aperitivos doces:

  • Manchea de pasas e doutras froitas desecadas (orellóns, ameixas…).
  • Espeto ou macedonia de froitas de tempada.
  • Refrescos xeados e xeados de froitas.
  • Iogures mesturados con anacos de froitas.
  • Xelatinas con froitas de tempada toradas.
  • Sobremesas sen azucrar aromatizados con canela e cravo.


Aperitivos salgados:

  • Tortas de arroz e millo naturais, sen sal engadido.
  • Paus de pan con sementes.
  • Folerpas de millo sen azucre.
  • Flocos de millo caseiros.
  • Manchea de pipas, noces ou doutros froitos secos.
  • Vinagretas (cogombros novos, ceboliñas…).
  • Paté de vexetais: champiñón, berenxena…

Saudable non quere dicir pouco calorífico. Algúns destes aperitivos son caloríficos, aínda que tamén achegan nutrientes esenciais.

Iniciativa europea para nenos: A panda saborosa ¡come, bebe e móvete!

“Nunca é cedo de máis para aprender nin tarde de máis para cambiar”. Este é o lema co que arrinca a última iniciativa europea dirixida pola Área de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea. Dende a páxina web oficial (http://ec.europa.eu/agriculture/tasty-bunch/index_es.htm) e por medio duns curiosos personaxes (todos eles alimentos) que integran “a cuadrilla saborosa” guíase os nenos para que aprendan a elixir os alimentos que máis lles conveñen.

A iniciativa de fomento de hábitos alimentarios compleméntase cun espectáculo móbil que se trasladará a distintos centros educativos, onde se aplicarán programas de distribución de froitas e leite. Polo momento, a exposición itinerante prevé visitar escolas de Bélxica, Estonia, Francia, Irlanda, Lituania, Polonia e do Reino Unido.

Esta web integra xogos e concursos con preguntas sobre alimentos e nutrientes en forma de “Historias deliciosas”, “Consellos da semana” e “Exposición Itinerante”. Para participar abonda con que cada neno se rexistre e cubra un formulario de inscrición. Cada semana propóñense cuestións que deben resolver e enviar por correo electrónico. Despois publicarase na web a lista de gañadores. Este portal tamén ofrece un espazo para mestres e pais, cun denominador común: fortalecer bos hábitos alimentarios a través dunha correcta educación alimentaria.

Pero esta iniciativa non é a única. Dende CONSUMER EROSKI púxose en marcha a Escola para previr a obesidade infantil http://obesidadinfantil.consumer.es/, na que se explican dun xeito claro e ameno as vantaxes de seguir unha alimentación sa e equilibrada. A Escola on-line de obesidade infantil permítelles a nenos e adolescentes descubrir por si sós os hábitos alimenticios máis axeitados, e dálles aos proxenitores e educadores recursos para abordar este tema. A Escola está dividida en catro grandes apartados: nenos de 6 a 10 anos e de 10 a 14, adolescentes de 14 a 18 anos, e pais, nais e educadores.

Menú para eliminar toxinas

  • Almorzo: Crema de arroz integral biolóxico. Té.
  • A crema de arroz elabórase mediante o torrado do arroz durante uns minutos; logo cóbrese con auga (8 partes de auga por cada parte de arroz), engádese sal mariño e, cando ferva, déixase cociñar a lume baixo durante dúas horas. Pásase polo pasador de puré e cómese tal cal, aderezado con canela (toque doce) ou con sementes de sésamo e pipas de cabaza (toque salgado).
  • Xantar: Sopa de miso (pasta de soia fermentada, dixestiva) con cenoria, cebola e chícharos. Arroz integral biolóxico con cabaza aderezado cunhas pingas de tamari (salsa de soia, trigo e sal).
  • Cea: Sopa de miso con porro. Verduras en capas (cebola, cenoria, col, nabo…) cociñadas a lume medio sen remexer durante 45 minutos.
  • O consello: Complemento de carbón vexetal indicado como detoxificante puntual. Dá fixado sobre a súa superficie substancias, bacterias, toxinas e gases que non sexan saudables para o organismo. Axuda a reducir o inchazo orixinado por fermentacións intestinais producidas polo consumo esaxerado de azucres. Recoméndase tomalo dúas horas antes de cada comida e acompañado de auga. Antes de tomar este complemento, convén consultar o médico ou o nutricionista en caso de estar medicado ou de arrastrar problemas de saúde.

Consultorio

Oín que tomar café ou bebidas con cafeína ten un efecto deshidratante e que aumenta a necesidade de consumir líquidos. É certo?

A cafeína é unha substancia con efecto diurético se se consume en cantidades superiores aos 250-300 mg ao día. Superado este límite, equivalente a tres cuncas de café, pode causar unha maior perda de auga e, xa que logo, unha maior necesidade de compensar estes líquidos perdidos. Non obstante, as bebidas con cafeína tamén proporcionan auga, de xeito que o seu consumo moderado enténdese como un modo máis de hidratarse. Os estudos realizados en humanos amosaron que unha cantidade moderada de cafeína, ben a través do café ou dos refrescos de cola, non incrementa tanto a perda de líquidos como para precisar beber máis. As autoridades sanitarias nacionais e internacionais recomendan o consumo de entre catro e seis vasos diarios de líquido, con preferencia pola auga, como mellor maneira de se hidratar. Esta cantidade sumaríase á auga que achegan os alimentos máis acuosos como froitas, hortalizas e verduras, leite, arroz, pasta e os legumes que se rehidratan durante o cociñado.

Por que os ovos frixidos son indixestos?

De todas as modalidades de cociñado deste alimento, o ovo duro é en teoría o que resulta máis indixesto. Isto débese a que a xema, a parte que concentra as graxas, está coagulada e retárdase a acción das lipasas que contribúen á dixestión das graxas. Non obstante, a sensación de indixestión é moi persoal, de xeito que cada individuo experimentará que alimento, en que cantidade e de que xeito lle resulta máis ou menos indixesto.

No tocante ao ovo frixido, enténdese que cando se frixe un alimento a súa cantidade de graxa aumenta, xa que absorbe parte do aceite usado na fritura. Non obstante, o ovo rexistra unha absorción de aceite limitada, polo que non inflúe tanto a cantidade de aceite coa que se frixe. Se un ovo mediano (60 gramos) contén arredor de 6,5 gramos de graxa, despois de frixido esta cantidade aumenta a uns 8,8 gramos. Este suplemento de graxa, o compoñente que pode facer do ovo frixido un alimento máis indixesto, non é substancial.

Si é relevante que a fritura se realice correctamente: abundante aceite, quente pero sen chegar ao punto de fume, limpo de impurezas e de restos de frituras anteriores.