Os últimos retoques fiscais do 2009
É hora de cadrar as contas. Neste treito final do ano, os contribuíntes teñen a súa última oportunidade para facer cálculos e mover fíos para lle pagar menos impostos a Facenda. No 2009 non se introduciron cambios substanciais con respecto á fiscalidade do exercicio anterior, o que implica que na Declaración que se presentará en maio do 2010 seguen a se aplicar as mesmas regras ca o ano pasado, dedución de 400 euros incluída. Non obstante, a desaparición desta polémica medida será un feito no 2010, ano no que entrarán en vigor importantes modificacións fiscais, como a suba de impostos ás plusvalías xeradas con produtos de aforro. O próximo ano haberá que pagar máis polas ganancias obtidas cunha conta corrente, cun depósito, cun fondo de investimento, cunha acción ou pola venda dun inmoble, entre outros. Por iso, este ano convén planificar a Declaración non só de cara a reducir a factura fiscal deste exercicio, senón co ánimo de notar menos a suba dos vindeiros. No 2009 convén aproveitar ao máximo das vantaxes fiscais actuais. É o momento de achegar o tope aos plans de pensións, de abrir unha conta de aforro vivenda se se desexa mercar un piso ou mesmo de materializar plusvalías con accións de bolsa ou de acelerar a venda dun inmoble.
A primeira pregunta que se debe facer calquera aforrador de cara a aproveitar ao máximo as vantaxes fiscais dos distintos produtos de aforro é: Que podo facer neste mes de decembro para lograr que as miñas contas con Facenda sexan o menos gravosas posibles? A resposta é utilizar os principais produtos de aforro con vantaxes fiscais que ofrece o sector privado. Velaquí os máis importantes e beneficiosos:
Plans de pensións e PPA (plans de previsión asegurados)
O plan de pensións segue a ser o produto cunha fiscalidade polas achegas máis beneficiosa. No 2009 mantéñense as mesmas pautas ca no exercicio anterior:
No territorio xeral, para os adultos de ata 50 anos, a dedución será a menor das dúas cantidades seguintes: 10.000 euros anuais ou o 30% da suma dos rendementos netos do traballo e de actividades económicas, percibidas individualmente no exercicio. Os maiores de 50 anos poden deducir ata 12.500 euros anuais ou o 50% da suma dos rendementos netos do traballo e de actividades económicas percibidas individualmente no exercicio. Pola súa banda, no País Vasco, as persoas de ata 52 anos poden reducir da base impoñible xeral ata 8.000 euros anuais achegados a estes instrumentos. Os maiores de 52 anos poden gozar dunha redución da súa base impoñible de ata 8.000 euros anuais máis 1.250 euros por cada ano de idade que exceda de 52 anos. En Navarra, o límite tamén é de 8.000 euros anuais ata os 50 anos, e de 12.500 euros se os contribuíntes superan esa idade.
Ademais, supón unha importante vantaxe fiscal facer achegas a plans de pensións en favor do cónxuxe ou parella legal establecida sen superar os 2.000 euros. É outro dos mecanismos que poden utilizar os contribuíntes para adelgazar a súa factura tributaria.
Todas estas características fiscais tamén son aplicables aos plans de previsión asegurados, seguros de vida aforro que garanten o capital e un tipo de xuro anualmente. Como os plans de pensións, só son rescatables na xubilación ou en situacións extraordinarias.
Vivenda: aforrar, mercar e alugar
No eido da vivenda é onde, sen dúbida, máis malabares e fórmulas se poden probar para tratar de facer unha Declaración da Renda 2009 redonda. Como instrumento de aforro, a conta vivenda é a mellor axuda para comezar a planear a compra dun piso. No territorio xeral e Navarra, pódense deducir ata o 15% das cantidades depositadas durante o ano (amortización máis xuros) cun límite de 9.015 euros (a desgravación fiscal máxima anualmente é de 1.352 euros). No País Vasco, a dedución máxima anual é do 18% das cantidades achegadas (o máximo deducible son 2.160 euros). A quen estea a pensar en mercar unha vivenda, convenlle abrir xa unha conta deste tipo e non demorar a súa contratación en exceso. No 2011 a fiscalidade deste produto vai cambiar e a partir dese ano só van ter dereito á desgravación máxima con estas contas vivenda os contribuíntes do territorio xeral con rendas inferiores aos 17.000 brutos anuais, mentres que para as rendas superiores aos 17.000 euros a dedución se irá reducindo de maneira importante ata desaparecer cando a renda declarada supere os 24.000 euros. Xa que logo, a quen queira mercar un piso e gañe máis de 17.000 euros brutos anuais convenlle subscribir xa unha conta vivenda. Se a abre neste último mes do 2009 gozará xa da súa desgravación fiscal na presentación da Declaración da Renda do vindeiro maio do 2010. Se non, a súa última oportunidade será contratala antes do 31 de decembro do 2010. De se abrir a partir do 2011, os privilexios fiscais reduciranse substancialmente.
No País Vasco, ata o momento, non se anunciou que vaia haber tal supresión da dedución por vivenda. Polo de agora, as tres deputacións vascas (Álava, Biscaia e Guipúscoa) aseguraron que van manter as deducións por investimento en vivenda dentro do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas polo menos ata o exercicio 2011. En Navarra tampouco se suprimirá a desgravación pola compra de vivenda.
O segundo instrumento de aforro fiscal no ámbito da vivenda é a hipoteca. No territorio xeral, pódense deducir ata o 15% das cantidades achegadas anualmente, ata o límite de 9.015 euros anuais. Pola súa parte, os contribuíntes que residen en Biscaia, Álava ou Guipúscoa, en empréstitos destinados á adquisición ou á rehabilitación da vivenda habitual poden deducirse, de modo xeral, o 18% das cotas pagadas durante o ano (amortización máis xuros) co límite máximo de dedución anual de 12.000 euros. Tamén neste caso é interesante este ano apurar ao máximo a desgravación posible. A partir do 2011 está previsto que se suprima no territorio xeral a desgravación por vivenda para quen gañe máis de 24.000 euros anuais.
E, para rematar, quen viva de alugueiro tampouco debe esquecer reflectilo así na súa Declaración da Renda. No territorio xeral, estes contribuíntes poderán deducir o 10,05% das cantidades satisfeitas no período impositivo polo alugueiro de vivenda habitual, sempre que a súa base impoñible sexa inferior aos 24.020 euros anuais.
Donativos con “premio fiscal”
Realizar donativos a institucións de carácter cultural, social, educativo ou benéfico é outro mecanismo para reducir a carga fiscal. A dedución total pode alcanzar ata o 30% das cantidades aboadas, en función do tipo de entidade ou institución beneficiaria. En calquera caso, para poder demostrar estas doazóns, en caso dunha futura inspección fiscal, é necesario conservar todos os resgardos ou comprobantes dos diferentes tipos de donativos realizados.
Novidades fiscais no 2010
No 2010 haberá suba de impostos. Unha das primeiras medidas que se van pór en marcha o ano vindeiro é a supresión da dedución dos 400 euros que comezou a aplicarse no 2008 para os perceptores de rendementos do traballo e de actividades económicas. Ademais, no 2010 subirá a fiscalidade aplicada ás plusvalías dos produtos de aforro. O gravame das rendas do aforro elevarase do 18% ao 19% para os primeiros 6.000 euros de ganancias e o resto tributará ao 21%, segundo consta no proxecto de Lei dos presupostos xerais do Estado para o 2010.
Outro dos impostos que van subir o 2010 é o IVE (Imposto sobre o valor engadido). O tipo xeral do IVE pasará do 16% ao 18%; o reducido, do 7% ao 8%. Con esta medida, o Goberno prevé recadar 5.150 millóns máis ata 2012.