Rir non sempre ten graza
Rir é saudable, pero que se rían de un non o é tanto. E menos graza lle fai a quen sofre dunha especial sensibilidade ao ridículo motivado polas risadas dos demais. O problema destas persoas é que consideran que calquera risa ou gargallada que se escoite no seu ámbito está relacionada con elas, ata o punto de que a situación pode provocar síntomas propios dun ataque de ansiedade: suor, mareo e tremores.
Baixo o vocábulo grego de Xelotofobia (gelos significa riso e phobos medo), a fobia actívase así que a persoa afectada escoita que outra ri. Daquela, asocia esta reacción coa súa personalidade e nace a sensación de que dixo ou fixo algo ridículo, de xeito que considera o fenómeno como un ataque persoal. Este trastorno afecta principalmente a persoas novas que viven unha etapa delicada -a adolescencia- con tendencia a sufrir inseguridade, timidez, e medo ao rexeitamento. A consecuencia é que estas sensacións se manteñen no tempo e se esaxeran ata xerar terror a manter relacións sociais e ao contacto con descoñecidos. A inseguridade xerada por esta fobia contribúe a que a persoa se ille socialmente e ata a que sufra depresión.
Eludir situacións vergoñosas
O mellor xeito de corrixir este trastorno é tratar o problema progresivamente e evitar calquera situación social que poida desencadear nalgún tipo de medo. Un estudo publicado recentemente na revista Humor propúxose atopar un modo válido de avaliar o medo á risa dos outros en diferentes culturas. A investigación, avalada por profesionais de 73 países coordinados pola Universidade de Zurich (Suíza), deu cunha solución: o afectado evita determinadas situacións que alteran a súa vida social, polo que se deduce que o funcionamento deste trastorno funciona como as máis das fobias: a evitación do problema manteno fóra de perigo. Os autores do estudo proporcionáronlles a 93 científicos un cuestionario (traducido a 42 idiomas) para acadar unha mostra de 22.610 persoas. Con esta consulta descubriuse que algunhas persoas sufrían de xelotofobia e a magnitude das diferenzas culturais, claves en calquera tratamento psicolóxico.
Complexo de inferioridade
A xelotofobia catalógase ademais como un fenómeno específico da vergoña, que se experimenta en fases temperás (prelingüística) da socialización. A causa xeral do medo á risa allea identifícase con repetidas vivencias traumáticas, en referencia á sensación de “facer o ridículo” ou “ser ridiculizado” durante a infancia ou a adolescencia. Durante estas etapas da vida, os mozos están a formar aínda a súa personalidade, de aí que se atopen nunha fase moi sensible a calquera reacción dos demais ante os seus actos. Desenvolven a súa identidade a partir das relacións que establecen, e as malas experiencias poden ter unha pegada importante difícil de borrar.
Por este motivo, e porque a fobia se debe sobre todo a momentos vividos durante a infancia, os proxenitores deben prestar especial atención a determinados comportamentos. Privar de atención, cariño ou mofarse dos pequenos de modo sarcástico pode levar a experimentar sentimentos de vergoña e de inferioridade. O sarcasmo é un medio poderoso para castigar ou para controlar o comportamento, pero hai menores que son obxecto de mofa ou ridículo constantemente, por iso desenvolven un comportamento defensivo e tímido. A falta de atención cara aos máis cativos afecta do mesmo xeito, xa que non perciben se as súas actuacións son correctas ou non, e xérase inseguridade ante calquera iniciativa social en etapas posteriores por non aprender o máis apropiado das súas condutas sociais. Impídese o desenvolvemento de habilidades sociais por descoñecemento. Humillar, ridiculizar e desinteresarse polos intentos de aprendizaxe social dos nenos e adolescentes acaba xerando unha excesiva atención á reacción dos demais. Por este motivo as risas dos outros se tornan tan importantes. Ata se poden desenvolver sentimentos de autorreferencia, vinculados á xelotofobia. Trátase de pensar que a persoa é o centro de atención e que todos están pendentes dela, angustiándose ante calquera situación social.
Unha familia demasiado pechada tamén pode dificultar a socialización dos seus fillos, e como nestes casos a integración no seu ámbito non se fai de maneira natural e libre, é habitual que se xeren situacións difíciles no proceso de adaptación social. Estas dificultades reflíctense con momentos de estrés cando se ven obrigados a relacionarse e maniféstanse amosando torpeza, tensión e comportamentos ridículos pola propia ansiedade do momento. Neste contexto, un dos principais modos de cohesión e de exclusión en grupos de xente nova é a risa. Igual que une á maioría, pode disgregar a outros. Na adolescencia, a presión do grupo é moi importante. O grupo social marca unhas normas de comportamento, de estilo de moda, de maneira de falar, musical… polo que moitos mozos se senten obrigados a seguir estas tendencias, conscientes de que, de non o faceren, corren o risco de seren ridiculizados e de que o resto do grupo se ría deles e ata de que os expulsen. Un rapaz demasiado sensible ao ridículo non se atopa relaxado ante as bromas dos seus compañeiros, non se ri con eles porque se mantén á defensiva, o que fai que automaticamente aumenten as probabilidades de que o grupo o rexeite.
En situacións extremas, cando xa non é un medo irreal senón unha realidade, e o grupo atopa o gusto mofándose constantemente de alguén, xa non se fala de xelotofobia senón de bullying. Este acoso non fai máis que agravar a situación, co risco de xerar un estado traumático de longa duración para a vítima que pode desenvolver ata pensamentos de tipo paranoico na vida adulta, manifestados por unha esaxerada desconfianza cara a os demais.
- Os pais e mais os educadores deben evitar ridiculizar o neno ou o mozo. Os erros infantís non deben ser castigados coa humillación.
- Non utilizar a burla sarcástica nin a mofa para controlar un comportamento non conforme. Hai que desbotar outros métodos para avergoñar o neno, como a privación de cariño ou de atención ou unha vixilancia excesiva.
- Non xulgar de maneira autoritaria unha conduta ou comentario; é mellor opinar e dar as razóns que levan a pensar de maneira diferente para que a persoa o comprenda.
- Non comparar con outros, é moito máis efectivo pór exemplos de condutas desexadas. Pór outras persoas como modelo podería facer diminuír a autoestima.
- Colocar “etiquetas” afecta moito aos mozos, que están a desenvolver a súa identidade. Hai que evitar frases do tipo: “é que es…” con connotacións negativas, xa que poden incorporalas ao seu autoconcepto doadamente.
- Se aparecen situacións hilarantes, é importante que non se menosprece a persoa. Hai que procurar rirse “a canda ela” e nunca “dela”.
- Educar os mozos a tolerar a sensación de ridículo. Aprender a ser autocrítico con un mesmo para mellorar, nunca para menosprezarse.
- Ensinar a rirse de un mesmo é unha aprendizaxe sa que relaxa a persoa en situacións sociais.
- Se a situación provoca un estilo de vida defensivo que tende ao illamento social, o mellor é acudir a un especialista.