Espremedores eléctricos

Sinxelos e eficaces

A capacidade para prensar e filtrar a polpa é, xunto ó prezo, o que máis os diferencia
1 Maio de 2005

Sinxelos e eficaces

/imgs/20050501/analisisb01.jpg
Analizáronse oito espremedores eléctricos para cítricos que custan desde os 17,22 euros de Ufesa ‘Citraris EX7233’ ata os 25,37 euros de Taurus ‘Turbo Centrifugo 6’. A mellor relación calidade-prezo é Philips ‘Cucina HR 2744’, que custa 19,55 euros, que ofrece moi boa calidade global e que é o mellor valorado na proba de uso. Outra opción interesante é Ufesa, o máis barato e con boa nota na proba, aínda que non incorpora sistema para eliminar a polpa, prestación esencial para algúns consumidores.

Os espremedores eléctricos permiten extraerlle o zume a cítricos como a laranxa, o limón ou o pomelo sen o esforzo que supón o espremedor manual. Non cómpre premer para acadar zume, abonda con colocar a peza de froita partida á metade sobre o cono e premer un chisco para que o mecanismo eléctrico vire e extraia o zume por fricción. Para comprobar as prestacións e a resistencia dos oito espremedores, CONSUMER EROSKI someteunos no laboratorio a varias probas.

Estes espremedores contan con tapa protectora, un recipiente extraíble no que se deposita o zume e un sistema recollecables que evita certas molestias á hora de gardalos. Ademais, todos os motores xiran en ambos os dous sentidos (un sistema coñecido como “dobre rotación”), o que axuda a extraer o zume da froita.

Diferencias de tamaño

É esencial que os electrodomésticos deste tipo ocupen pouco espazo. En liñas xerais, os oito son pequenos e lixeiros, pero hai diferenzas entre eles: o de tamaño máis reducido é Kenwood “Je270” (con 17,4x20x13,9 cm) e o máis voluminoso Braun “Citromatic MPZ9” (con 25,7×20,7×17,6 cm, é dicir, case o dobre). Os outros seis ocupan entre un 25% e un 50% máis ca Kenwood. No tocante ó seu peso, só Taurus superou o quilo (con 1.050 gramos), mentres que Ufesa, con 771 gramos, demostrou ser o máis lixeiro.

Segundo as etiquetas, a potencia destes espremedores varía desde os 20 vatios (W) de Braun ata os 30 W de Taurus e Tefal. Agora ben, o consumo real non sempre concorda co indicado: Tefal, Ufesa e Philips consumían menos do indicado (9 W, 6 W e 7 W, respectivamente), aínda que iso non o penaliza a norma. Os máis austeros nas súas necesidades enerxéticas foron Russell Hobbs “Classic citrus press” (17,3 W) e Philips (17,5 W), fronte a Taurus, que necesitaba case o dobre (31 W). Un cable longo ofrece maior liberdade para colocar o espremedor lonxe do enchufe. O máis extenso é o de Taurus, con 133 centímetros, seguido por Ufesa (128 cm) e Tefal (127 cm). O máis curto, pola contra, foi o de Moulinex, con apenas 94 centímetros. O resto roldaron os 110 centímetros.

Os recipientes onde se recolle o zume son extraíbles, polo que resultan máis cómodos para servir o zume e, posteriormente, lavalos. O de maior capacidade é o analizado de Braun (un litro), o dobre có peor neste apartado: Russell Hobbs.

O cono, fundamental

/imgs/20050501/analisisb02.jpg
Un dos criterios fundamentais de calidade para un espremedor eléctrico é o cono sobre o que se coloca a peza de froita partida. O tamaño e forma deste cono e a presión exercida incidirán directamente na cantidade obtida de zume. Tefal e Ufesa ofrecen dous conos intercambiables, de tamaños distintos (o resto só un), o que simplifica extraer o zume das froitas máis pequenas.

O sistema de presión da polpa consiste en dúas pequenas aletas pegadas ó cono que, cando este vira, estenden e apertan a polpa da froita para extraer dela o que quede de líquido (conseguindo tamén que parte desta polpa pase ó recipiente co zume). O mecanismo de Taurus chámase ‘modo centrifugador’ e é un pouco máis complexo: para polo en marcha hai que pechar o espremedor e apertar a súa tapa, co que se “centrifuga” a polpa sacando o zume que puidese reter. Kenwood é o único que non conta cun sistema para obter da polpa o zume que poida quedar nela.

Aínda que na polpa se atopa boa parte da fibra das laranxas, moitos consumidores prefiren tomar un zume o máis líquido posible. Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips permiten seleccionar a cantidade de polpa presente na bebida. Entre estes catro, o fino baruto metálico de Moulinex resulta o máis efectivo para non deixar pasar a polpa. Tefal, un dos que non incorpora un mecanismo para evitar a presenza deste elemento, indica no seu manual que o cono de maior tamaño deixa pasar maior cantidade de polpa, polo que cumpriría este cometido de modo parcial. O filtro da polpa é de plástico en todos os casos, agás en Kenwood, que é de aceiro inoxidable. Os oito son tecnicamente semellantes, aínda que con algunha diferenza: Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips son os máis completos, e Kenwood o máis pobre en funcións extra.

Proba de uso

Seis usuarios habituais probaron os espremedores para ver como se comportaban fóra do laboratorio e en condicións reais de uso. Para iso valoraron distintos aspectos, puntuando do 1 ó 10. Os deseños mellor valorados foron os de Braun e Ufesa, mentres que a asa de Kenwood foi considerada incómoda. Dentro dos aspectos funcionais os parámetros valorados foron a cantidade de polpa que deixan pasar, a facilidade de limpeza, a facilidade de uso e a facilidade de montaxe e desmontaxe. Para valorar a cantidade de polpa usáronse as opcións de que dispoñen os equipos para regular seu o paso, polo que os equipos que non dispuñan dalgún sistema selector obtiveron peor puntuación neste apartado. Ademais, verificouse a eficacia dos sistemas de selección de polpa ou os barutos, comprobándose que realizan de xeito moi eficaz a súa función, é dicir, que o zume obtido queda libre de polpa. As puntuacións medias obtidas nesta sección situáronse entre o “ben” e o “notable”. Só Moulinex, Braun e Philips chegan ó notable en funcionalidade, os outro cinco quedáronse no ben. Os máis doados de limpar son Braun e Kenwood, mentres que Taurus demostrou ser o peor. O máis doado de usar é Philips e Kenwood é o que acada a peor puntuación neste apartado.

No tocante á calidade global, os espremedores son electrodomésticos extremadamente simples e de moi fácil manexo, polo que todos os analizados conseguiron aprobar folgadamente e sen moitas diferenzas entre si. Os mellores foron os estudados de Philips, Braun, Russell Hobbs e Moulinex (todos eles acadan un ‘moi ben’), seguidos de Ufesa, Tefal e Taurus (que obteñen un ‘ben’). Kenwood é o único que non supera o ‘aceptable’ por mor das súas moi pobres prestacións.

A información relativa á seguridade e os manuais eran correctos en todos os casos, pero non os documentos de garantía, incorrectos en Taurus e Kenwood por ofrecer un ano de garantía total no canto dos dous anos que establece a norma. Isto non obsta para que os consumidores poidan reclamar e, malia que os documentos de garantía sexan incorrectos, estean amparados por ese mínimo legal de dous anos. Ademais, dáse a circunstancia de que Kenwood incumpría a lei de garantías tamén por estar integramente redactada en inglés (debería estar redactado tamén, polo menos, en castelán) e por afirmar que a garantía só ten validez no Reino Unido.

Os espremedores sometéronse a probas de seguridade moi esixentes. Mediuse a súa resistencia á calor, ó lume, ás correntes eléctricas, ó bloqueo do motor e comprobouse que non fose posible acceder a partes perigosas cos dedos. Os oito superaron estas probas e despois seguiron funcionando con normalidade.

Almorzar laranxa

A laranxa e o seu zume son unha fonte excelente de vitamina C, flavonoides e betacaroteno, polo que esta froita está especialmente indicada para coidar a saúde cardiovascular. As substancias presentes na laranxa inhiben a oxidación do chamado “colesterol malo” (LDL-c), impiden que este se deposite nas paredes dos vasos sanguíneos e preveñen a arteroesclerose. Ademais, combaten a acción nociva dos radicais libres.

Unha laranxa mediana ou un vaso de zume cobren practicamente os 60 miligramos de vitamina C que unha persoa adulta precisa ó día. Hai que ter en conta que a algunhas persoas non lles senta ben tomar zume de laranxa en xexún, debido a que a laranxa, e especialmente o seu zume, poden provocar un baleiramento brusco da vesícula biliar que se acompaña de náuseas ou pesadez abdominal. Estas molestias non revisten gravidade e soluciónanse inxerindo antes outro alimento.

Se se ten anemia, a vitamina C do zume de cítricos fai que se duplique a biodispoñibilidade (porcentaxe que se absorbe) do ferro, polo que é recomendable beber o zume acompañando os alimentos ricos en ferro ou os suplementos deste mineral. Esta é a razón pola que se recomenda tamén acompañar con zume de laranxa as papas de cereais dos bebés.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito espremedores eléctricos para cítricos que custan desde os 17,22 euros de Ufesa ata os 25,37 euros de Taurus.
  • As garantías de Taurus e Kenwood son incorrectas por non ofreceren os dous anos mínimos. Kenwood, ademais, non está en castelán e non indica que ten validez en España. Todos os equipos superaron as esixentes probas de seguridade.
  • Son aparellos sinxelos e fáciles de usar. As diferenzas máis significativas anotáronse nalgunhas funcións como o filtrado de polpa ou a súa presión para sacar todo o zume.
  • O máis pequeno é o de Kenwood e o máis grande o de Braun. A potencia real dos espremedores Tefal, Ufesa e Philips é inferior á declarada nos seus manuais. Todos os sistemas de selección de polpa realizan eficazmente a súa función, pero os mellores son Russell Hobbs, Philips e Moulinex. O máis doado de limpar é Braun, e o máis complicado de usar é Taurus.
  • Na proba de uso as puntuacións variaron desde os 6,6 puntos de Kenwood, o peor, ata os 7,6 puntos de Philips.
  • En calidade, distinguíronse tres grupos: Braun, Russell Hobbs, Philips e Moulinex demostraron unha calidade “moi boa”; en Ufesa, Tefal e Taurus é “boa” e Kenwood, o máis simple, quédase cun aceptable.
  • A mellor relación calidade-prezo é o espremedor Philips: ofrece moi boa calidade e foi o mellor valorado na proba de uso. Ufesa, o máis barato, é outra opción, sempre que non se queira filtrar a polpa.
Marca Modelo Philips “Cucina HR2744” Ufesa “Citraris EX7233” Braun “Citromatic MPZ9” Russell Hobbs “Classic Citrus Press”
Prezo (euros) 19,55 17,22 21,53 19,90
Información e protección ó consumidor Correcto Correcto Correcto Correcto
Garantía produto Correcto Correcto Correcto Correcto
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética Correcto Correcto Correcto Correcto
Características técnicas
Dimensións (mm) 237×191 x165 226×173 x160 257×207 x176 194×218 x156
Peso (g) 858 771 968 798
Potencia declarada (W) 25 25 20 22
Consumo máximo (W) 17,5 18,8 20,4 17,3
Lonxitude do cable (cm) 122 128 118 107
Capacidade do depósito (ml) 600 580 1000 500
Número conos 1 2 1 1
Sistema presión polpa Si Si Si Si
Control regulable de polpa Si No Si Si
Indicador de nivel Si Si Si Si
Material do filtro Plástico Plástico Plástico Plástico
Proba de uso (de 1 a 10) 7,6 7 7,5 7
Calidade global Moi ben Ben Moi ben Moi ben
Marca Modelo Moulinex “Vita Press 600” Tefal “Prep?line” Taurus “Turbo Centrigugo 6” Kenwood “Je270”
Prezo (euros) 20,33 20,30 25,37 19,85
Información e protección ó consumidor Correcto Correcto Correcto Correcto
Garantía produto Correcto Correcto Incorrecto (1 ano) Incorrecto (Non castelán)
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética Correcto Correcto Correcto Correcto
Características técnicas
Dimensións (mm) 226×187 x178 221×165 x166 250×170 x174 174×200 x139
Peso (g) 788 873 1050 886
Potencia declarada (W) 29 30 30 25
Consumo máximo (W) 27,7 21,2 31,1 26,5
Lonxitude do cable (cm) 94 127 133 102
Capacidade do depósito (ml) 600 580 580 700
Número conos 1 1 1 1
Sistema presión polpa Si Si Si No
Control regulable de polpa Si No No No
Indicador de nivel Si Si Si No
Material do filtro Plástico Plástico Plástico Aceiro inoxidable
Proba de uso (de 1 a 10) 7 6,8 6,9 6,6
Calidade global Moi ben Ben Ben Aceptable

Un por un

Un por un, oito espremedores eléctricos

Philips "Cucina HR2744"

/imgs/20050501/philips.jpg 19,55 euros.
A mellor relación calidade-prezo. A súa potencia real é inferior en 7 W á declarada na etiqueta. O segundo que menos consume (17,5 W). Ten sistema de presión e de selección da cantidade de polpa desexada.
Proba de uso: 7,6 puntos, o mellor. Gusta pola claridade do manual e dos seus mandos, pola súa facilidade de uso e pola capacidade para reducir a cantidade de polpa no zume. Calidade global: moi boa.

Ufesa "Citraris EX7233"

/imgs/20050501/ufesa.jpg 17,22 euros, o máis barato.
Outra opción interesante.
O máis lixeiro (771 gramos). A súa potencia real é inferior en 6 W á declarada na etiqueta. Ten dous conos de diferente tamaño. Non permite reducir a cantidade de polpa no zume, pero si prensala para extraer máis zume.
Proba de uso: 7 puntos. Gusta polo seu deseño, pero é o peor á hora de quitar a polpa.
Calidade global: boa.

Braun "Citromatic MPZ9"

/imgs/20050501/braun.jpg 21,53 euros.
O máis grande, ten o depósito de maior capacidade (un litro). Dispón de sistemas de presión e selección da cantidade de polpa desexada.
Proba de uso: 7,5 puntos, o segundo mellor. Gusta polo seu deseño, facilidade de limpeza e montaxe, e mais polo resto de prestacións.
Calidade global: moi boa.

Russell Hobbs "Classic Citrus Press"

/imgs/20050501/russell.jpg 19,90 euros.
O que menos consome (17,3), pero o de depósito máis pequeno (medio litro). Dispón de sistemas de presión e de selección da cantidade de polpa.
Proba de uso: 7 puntos. Gusta pola claridade dos seus mandos, polas súas dimensións e peso e mais por reducir de xeito significativo a cantidade de polpa no líquido. Pero é o de peor puntuación en facilidade de montaxe e desmontaxe.
Calidade global: moi boa.

Moulinex "Vita Press 600"

/imgs/20050501/moulinex.jpg 20,33 euros.
O cable máis curto (94 cm). Dispón de sistemas de presión e de selección da cantidade de polpa.
Proba de uso: 7 puntos. O mellor sistema para evitar que a polpa caia no líquido.
Calidade global: moi boa.

Tefal "Prep'Line"

/imgs/20050501/tefal.jpg 20,30 euros.
Potencia real inferior en 9 W á declarada na etiqueta. Con dous conos de diferente tamaño. Non se pode reducir a cantidade de polpa no líquido, pero si prensala para extraer máis zume.
Proba de uso: 6,8 puntos. Recibiu as puntuacións máis baixas en claridade do manual e dos seus mandos, e na posibilidade de reducir a polpa no zume.
Calidade global: boa.

Taurus "Turbo Centrifugo 6"

/imgs/20050501/taurus.jpg 25,37 euros, o máis caro.
Incumpre a norma de garantías (só ofrece un ano). É o máis pesado (1,05 quilos), o que máis consume (31,1 W) e o de cable máis longo (133 cm). Non permite reducir a cantidade de polpa, pero dispón dun sistema especial que centrifuga a polpa.
Proba de uso: 6,9 puntos. Gusta pola facilidade de montaxe, pero obtén a valoración máis baixa por non regular a cantidade de polpa e por ser o máis difícil de limpar. Calidade global: boa.

Kenwood "JE270"

/imgs/20050501/kenwood.jpg 18,95 euros.
Incumpre a normativa de garantías (só ofrece un ano, non está en castelán e non indica que é válida en España). É o máis pequeno. Non ofrece sistemas de prensado e de selección de polpa nin indicador de nivel no depósito. O único filtro de aceiro inoxidable.
Proba de uso: 6,6 puntos, a peor puntuación. O peor en deseño, redución de polpa, facilidade de uso e prestacións en xeral. Calidade global: aceptable.