Eliminar manchas difíciles da roupa

A rapidez en tratar as manchas, fundamental

1 Maio de 2005

A rapidez en tratar as manchas, fundamental

/imgs/20050501/consejos01.jpg
É habitual que, tras meter na lavadora unha prenda cunha mancha, esta siga no seu sitio. Para que isto non aconteza, convén tratar a mancha antes de utilizar a lavadora. Moitas substancias introdúcense no tecido de tal xeito que, se non se trata de antemán, o rastro que deixan non sae cun simple lavado. Estes son algúns consellos para eliminalas.

  • Limpe axiña calquera cousas que caia sobre as teas, porque se se incrusta é máis difícil de eliminar.
  • Non a refregue. Absorba ou rasque a substancia derramada.
  • Non empregue auga quente porque “coce” a substancia e deixa unha marca permanente.
  • É máis doado quitar a mancha polo revés.
  • Limpe sempre con movementos circulares, desde o exterior cara ó centro.

Primeiros “auxilios” ante unha mancha

  • Se a substancia é sólida, quítea cunha espátula.
  • Se lle caeu un produto ácido, poña a prenda baixo a billa. Despois, pase unha esponxa mollada en auga fría con amoníaco ou bicarbonato sódico.
  • Ante unha mancha de graxa aplique deterxente líquido e fregue; despois lave a prenda con auga moi quente.
  • Se se lle derramou zume de froita ou viño, bótelle sal para que absorba a substancia. Se se trata doutros líquidos, séqueos con papel absorbente ou límpeos cun pano. Despois, poña a prenda a remollo en auga fría.
  • Se cae líquido sobre unha prenda non lavable, use arxila absorbente ou pos de talco para secalos. Despois limpe a mancha.

Manchas de produtos cosméticos

  • Barra de labios. Trátea cun solvente para a limpeza en seco ou con alcohol metílico; despois lave a prenda nunha solución de deterxente líquido e amoníaco.
  • Crema base. Fregue con deterxente líquido e aclare.
  • Esmalte de unllas. Tráteo con acetona. Despois limpe con augarrás e lave.
  • Perfumes. Elimine con amoníaco, aplicado directamente da botella. Lave cun deterxente líquido.

Manchas biolóxicas

  • Feces. Logo de eliminar os depósitos sólidos, remolle a prenda nunha solución de bórax (sal branco composto de ácido bórico, sosa e auga, de venda en droguerías) durante media hora. Despois lave con deterxente.
  • Ouriños. Aplique abundante sal para que os absorba. Despois aclare en auga fría. Trate os restos con amoníaco. Aclare, aplique vinagre branco e lave con deterxente.
  • Sangue. Lave en auga fría cun pouco de sal. Se o sangue está seco, fregue cun cepillo e poña a remollo a prenda nunha solución de auga fría con deterxente biolóxico (xabón con encimas que eliminan as manchas de proteínas, de venda tamén en droguerías) ou auga osixenada.
  • Vómitos. Quítanse aplicando un chorro de auga de sifón e limpando cunha esponxa mollada nunha solución de bórax. Despois lave con deterxente.

Manchas de alimentos e bebidas

  • Aceites vexetais. Molle a prenda e trátea con alcohol metílico e un chisco de vinagre branco. Elimine a mancha residual con varias aplicacións de solvente para a limpeza en seco.
  • Café ou té. Quítanse remollando a prenda en auga morna con deterxente. Despois trate a prenda con alcohol metílico. Utilice auga osixenada diluída para as manchas residuais. O café con leite elimínase lavándoo en auga morna cun deterxente biolóxico.
  • Cervexa. Deixe a prenda a remollo en vinagre branco e, se cómpre, nun deterxente biolóxico. Aclare. Lave con auga moi quente.
  • Goma de mascar. Meta a prenda no conxelador ou refréguea con cubiños de xeo ata que se conxele a goma de mascar e se desprenda facilmente. Trate os restos con alcohol metílico ou con augarrás.
  • Ovo. Aclare a prenda en auga fría e despois lávea cun deterxente biolóxico. Remolle as manchas difíciles en auga osixenada con cinco pingas de amoníaco.
  • Salsa de tomate. Aclare en auga fría e remolle en deterxente líquido. Se cómpre, trate con alcohol metílico.
Como utilizar solventes (alcohol, augarrás, acetona, etc.) e quitamanchas
  • Use cantidades pequenas.
  • Fágao preto dunha fiestra aberta e lonxe do lume.
  • Faga unha proba para ver se destinxe.
  • Non mesture solventes.
  • Coloque un pano de papel baixo a mancha para absorber a humidade e o solvente.
  • Molle un pano no produto e fregue a mancha con movementos circulares, desde o exterior da mancha cara a dentro.
  • Aclare abundantemente e lave se a prenda o permite. Se non, airéea ben ou seque os restos cun secador de pelo, utilizando o mesmo movemento circular que para aplicalo.