Geocaching

A busca do tesouro no século XXI

O uso das novas tecnoloxías e a afección á montaña combínanse nun xogo que vai ganando adeptos
1 Maio de 2005

A busca do tesouro no século XXI

/imgs/20050501/miscelanea01.jpg
As actividades relacionadas coa montaña contan cada día con máis adeptos. Son, sen dúbida ningunha, un tipo de lecer barato, estimulante e que engancha, ó que tamén sucumbiron as novas tecnoloxías creando un xogo a medio camiño entre o deporte e a aventura. Trátase da busca do tesouro versión século XXI e coñécese pola palabra inglesa geocaching, que significa algo así como atopar agochos na natureza. A súa base é simple: unha persoa agocha un obxecto, anota as coordenadas, publícaas nun portal web e reta os excursionistas a atopalo coa axuda dun GPS nun escondedoiro que pode estar en calquera parte do mundo.

Alguén agacha un tesouro

O xogo comeza cando unha persoa agacha un obxecto nun lugar e publica a súa localización en coordenadas (lonxitude e latitude) nunha páxina web creada para tal efecto. Unha das máis populares anuncia máis de 8000 tesouros agachados en 210 países, clasificados de tal xeito que se pode elixir a rexión ou a comunidade onde buscar. O tesouro pode tomar formas moi diversas, pero sempre contará cun libro de visitas. De feito, pode ser en si mesmo o obxecto da busca e nel o gañador pode engadir un comentario. Pero tamén pode ser unha moeda, un libro, un debuxo ou mesmo, en ‘partidas’ de niveis moi altos, obxectos de valor: unha entrada a un concerto, software, un aparello electrónico…, aínda que a experiencia di que nesta actividade o mellor agasallo é dar chegado a onde marcaba a cruz.

Para que outros o procuren…

Como en todos os xogos, no geocaching existen diferentes niveis. Os que se inician na aventura poden buscar unha das rutas sinxelas, que son maioría, cara a un punto doado no que descubrir o tesouro. Estes retos son verdadeiras escusas para converter unha excursión familiar en algo especial e educar así no lecer alternativo ós máis novos.

Así que o participante se vai familiarizando coa estratexia e co manexo do GPS, e mais ampliando a súa experiencia no sendeirismo e no monte, pode alcanzar lugares máis difíciles que esixen escalar, longas xornadas de camiñada, habilidades espaciais de interpretación de mapas e mesmo incursións espeleolóxicas.
O xogo pódese ver complicado tamén polo xeito de formular a incógnita do escondedoiro. Hai diferentes modalidades: se cadra as coordenadas só marcan o punto neurálxico desde o que cómpre seguir unha serie de pistas naturais ou só levan a un primeiro agocho que anuncia o seguinte.

E o atopen

Para atopar o tesouro é básico interpretar as coordenadas, pois esta é a esencia do xogo, pero non hai que menosprezar outros elementos que tamén serven de grande axuda, como mapas topográficos, compás, teléfonos móbiles, calzado cómodo, roupa de chuvia, cantimplora… e o sentido común. Hai que ser consciente de que as distancias sobre o papel onde se marca o X coas coordenadas se ven en liña recta, pero a práctica consiste en ir ó monte, é dicir, en enfrontarse a unha orografía de latitudes e altitudes cambiantes. Tampouco convén menosprezar o destino, porque o GPS ten certa marxe de erro -ata 100 metros-, polo que achegarse a menos dun quilómetro do final é relativamente sinxelo, pero dar co punto exacto depende da sagacidade de quen busca o tesouro. Ese último tramo traerá complicacións e cómpre contar con elas para calcular o tempo de busca final. Cando se atopa, hai que obedecer as indicacións que acompañan o tesouro: colocar outro obxecto no seu lugar, devolver ó seu sitio o tesouro, escribir un saúdo respectuoso no ‘libro de visitas’, deixar o agocho tal cal se atopou porque o xogo continúa…

O GPS, a clave do xogo

O sistema global de posicionamento (GPS, na súa sigla inglesa) está baseado en sinais de radio emitidas por unha constelación de 21 satélites activos, postos en órbita arredor da Terra a 200.000 quilómetros de altura. O sistema, do que é titular o Departamento de Defensa estadounidense, é de acceso público e permite o cálculo de coordenadas para determinar con precisión un lugar. Para iso, cómpre contar cun receptor que recoñece o satélite que emitiu o sinal, determina o tempo que tardou en chegar o sinal e así calcula a distancia que o separa del. Unha vez que o terminal GPS contactou con catro satélites -aínda que para unha información básica abonda con tres- é capaz de fixar a posición e altura triangulando a posición de cada un deles. A habilidade de uso do terminal adquírese coa experiencia, por iso este xogo é tamén un xeito eficaz de adestramento.

As regras do xogo

  • Trátase dun xogo na natureza, polo que quen se achega a ela debe respectala. Os tesouros soterrados non son considerados como tales, cómpre camuflalos, pero nunca cavar na terra para agachalos ou romper pólas de árbores.
  • Non vale aproveitar as vacacións para agachar tesouros nun lugar recóndito se non temos a posibilidade de ofrecer as coordenadas nin de retornar ó enclave en caso de que o tesouro non se atope ou as alteracións do contorno dificulten a súa busca.
  • Tampouco é válido, e os verdadeiros geochachers así o entenden, agachar tesouros en zonas privadas, militares, vías de tren ou aeroportos.
  • Se se atopa o tesouro e se colle, hai que deixar algo a cambio.
  • Débense aplicar as normas do montañeiro: non se debe camiñar sen compañía e é importante avisar na casa da hora da volta. Convén tamén facerse cun terminal GPS resistente, especialmente deseñado para ir ó campo e aturar golpes.
  • Cando se atopa un tesouro convén facerlle saber ó dono as condicións nas que se atopou.
Un exemplo: Mar de Oliveiras

Dirección GPS: N 37° 45.413 W 003° 54.365 (UTM: 30S E 420185 N 4179227)

Dificultade: Doado

Terreo: Sinxelo

Vaise subindo unha pendente mediana e nalgúns lugares hai gran densidade de arbustos e solo algo rochoso, pero non queda lonxe de onde aparcamos o vehículo (uns 500 metros), na área da ermida de Santa Ana, en Torredelcampo (Xaén).

A caixa contén, amais de bolígrafo e caderno de visitas:

  • 3 pequenos bonecos
  • unha bóla de aceiro
  • unha pelota de goma
  • varias moedas (non actuais)
  • un cadeado
  • un abrelatas

No lugar do tesouro, ollando cara ó norte temos o val do Guadalquivir, limitado polas discretas elevacións de Serra Morena (a franxa de montañas escuras). Ó noso pé as poboacións de Torredelcampo (dereita) e Torredonjimeno (esquerda) a xeito de xigantescos buques no mar de oliveiras.