Psoríase

A enfermidade das manchas vermellas

Descoñécense as causas e os remedios para unha patoloxía rechamante pero non fatal
1 Maio de 2005

A enfermidade das manchas vermellas

/imgs/20050501/salud01.jpg
A psoríase é unha enfermidade da pel, crónica, caracterizada pola aparición de zonas de inflamación de cor avermellada que se cobren dunha especie de escamas prateadas, brillantes, que xorden sobre todo nos cóbados, xeonllos, coiro cabeludo e parte inferior das costas. Evoluciona en brotes, con épocas de reagudización que alternan con outras de menor actividade. Non se trata dunha enfermidade infecciosa nin contaxiosa, tampouco é unha enfermidade fatal nin polo xeral trae graves consecuencias, aínda que nos casos máis severos pode ter un impacto social importante. Aínda que non ten curación definitiva, pódese controlar con coidados adecuados.

Non é unha enfermidade infrecuente -afecta aproximadamente a 8 de cada 100 persoas- e pode aparecer a calquera idade, aínda que o normal é que se manifeste entre os 15 e os 35 anos. Os seus brotes poden ser bruscos ou graduais. En ocasións alcanza unha grande extensión e afecta tamén ás unllas, ós xenitais e a outras zonas do corpo, o que pode chegar a ter unha seria repercusión na personalidade do afectado.

Hereditaria nun terzo dos casos

A causa da súa aparición é descoñecida, pero sábese que é un trastorno hereditario cando menos nun terzo dos casos que orixina unha desorde no sistema inmunolóxico. En condicións normais, as células da pel renóvanse cada 28 días, pero en quen padece psoríase esta actividade acelérase e as células renóvanse cada 3-4 días.
As células brancas do sangue son células moi especializadas que identifican e destrúen non só bacterias e virus, senón tamén organismos estraños. Hai dous tipos de células brancas, as T e as B. Cando as T identifican un material estraño atácano, mentres que as células B segregan substancias químicas especiais denominadas anticorpos que, pegándose a eles, os destrúen. Na psoríase hai unha actividade aumentada das células T do sistema inmunolóxico que atacan ás células da pel, o que provoca, dunha banda, a inflamación e, doutra, que se reproduzan excesivamente para repor as células destruídas. Por iso a pel aparece inflamada, engrosada, en continua escamación de células mortas e se forman as denominadas placas psoríasicas, que poden adoptar diversas formas e distintos graos de intensidade.

Principais tipos

A máis común é a chamada psoríase discoide ou psoríase en placas, que afecta ó tronco, cóbados, xeonllos, coiro cabeludo ou xenitais, e que tamén se pode sufrir nas unllas, que aparecen engrosadas, deformes. A psoríase en pinga adoita presentarse en nenos, a xeito de pequenas pingas de pel avermellada e engrosada. Menos frecuente é a psoríase pustulosa, caracterizada pola aparición de pequenas pústulas, como pequenas bochas con pus, que aparecen por todo o corpo ou nas palmas das mans ou nas plantas dos pés.

En ocasións, a psoríase pode chegar a se estender ó 70% da pel, condición que se denomina eritrodermia psoríasica -a modalidade máis severa da enfermidade- e pode chegar a producir trastornos da regulación da temperatura corporal e dos líquidos, o que pode obrigar ó ingreso hospitalario. Con todo, as lesións adoitan ser pouco molestas, se ben pode haber certo proído, comechón e ganas de rañarse. Ás veces, a psoríase non se limita á pel e pode acompañarse de inflamación en articulacións, sobre todo nas pequenas articulacións de mans e pés. Neste caso denomínase artrite psoríasica.

Factores desencadeantes

A evolución da psoríase é por brotes de agudización e remisión, pero hai circunstancias que poden actuar como factores desencadeantes e agravantes:

  • Estrés, situacións emocionais extremas.
  • Consumo excesivo de alcohol.
  • Exceso ou falta de luz solar.
  • Rañarse, feridas, traumatismos.
  • Infeccións bacterianas e víricas.
Diagnóstico e tratamento

O diagnóstico da afección normalmente non é difícil, pois as placas son recoñecibles cunha inspección ocular, o que non obsta que nalgunhas ocasións sexa máis complexo e cumpra recorrer á biopsia. O seu tratamento é un dos retos que ten a medicina actual. Aínda non se acadou un método efectivo, enfocado cara ó control dos síntomas, a prevención de infeccións secundarias e, o máis importante, o control da desorde inmunolóxica que é a base da enfermidade.

Hai unha serie de medidas xerais, como unha dieta equilibrada, o repouso adecuado, o exercicio regular e o uso de xabóns e xampús que conteñan alcatrán ou ácido salicílico, que poden axudar a controlar os brotes. Para evitar as recaídas e exacerbacións convén controlar o estrés -a meditación e o ioga deron bos resultados-, reducir a exposición solar excesiva, utilizar o baño de maneira breve, limitar a natación, evitar rañarse e tamén o roce da roupa ou frear o consumo excesivo de alcohol.

O tratamento das lesións dérmicas da placa de psoríase baséase no uso de substancias queratolíticas que abrandan as células superficiais da pel: ácido salicílico, alcatrán, antralina, análogos da vitamina D (calciprotieno, calciprotiol, calcitriol, tacalcitol), etc., que funcionan como emolientes e humectantes abrandando as células. Tamén se utilizan os retinoides, medicamentos relacionados coa vitamina A, que se poden administrar vía tópica (xel, crema) ou vía oral. Para a inflamación utilízanse os corticoides a xeito de cremas. Por regra xeral, úsanse locións que levan unha mestura de todos estes preparados. Un dos mitos vinculados coa psoríase é que había que evitar a luz solar, algo totalmente falso. A luz solar pode ter efectos benéficos, pero, iso si, nunca en exceso. Por iso a fototerapia controlada é outra modalidade de tratamento.

O tratamento da desorde inmunolóxica é máis complexo. Na actualidade disponse de medicamentos como o metotrexate, a ciclosporina ou o tracolimus, que son axentes supresores da resposta inmunolóxica e que teñen aplicación no tratamento dalgúns cancros e no rexeitamento nos transplantados. Comprobouse a súa eficacia na psoríase, pero teñen efectos tóxicos que requiren un rigoroso control médico. Hai tamén outros medicamentos, aínda en proceso de investigación e experimentación, que actúan interferindo a acción de proteínas alteradas presentes no sistema inmune e que se configuran como o tratamento do futuro.

Pero non acaba aquí o arsenal terapéutico para loitar contra a psoríase. Hai unha morea de terapias que combinan varios tratamentos máis ou menos “naturais”. Como acontece sempre cunha enfermidade da que non se coñecen ben as súas causas e o xeito de sandala, sempre xorden tratamentos milagreiros e cómpre sermos moi cautos coas promesas de curación.