Charo Cuenca, oncopsicóloga da Asociación Española contra o Cancro (AECC)

"Compartir a experiencia con outras mulleres masectomizadas é unha maneira de atopar axuda"

1 mayo de 2005

Por que ten tanta importancia a perda do peito?

Ó feito de padecer cancro, que é xa de por si unha situación moi dura de vivir, engádese a extirpación dun ou dos dous peitos, unha alteración externa e evidente do corpo que nos lembra a enfermidade e que, en certa medida, a amosa socialmente. Pero é que, ademais, o peito é unha zona moi íntima, non unha peza máis da figura. Nesa zona reside parte da sexualidade feminina, é un lugar no que se identifican as emocións, a sensibilidade e a maternidade. Mesmo cando se amosa en desfiles, na praia ou na arte, faise recoñecéndolles a súa importancia e o seu significado especial.

Cando se comezou a percibir a necesidade de atención psicolóxica ás mulleres sometidas a unha masectomía?

Valorouse que, ó remate de tratamentos médicos inmediatos, as mulleres masectomizadas sufrían episodios de estrés, unidos a estados de ansiedade e de depresión que non eran só consecuencia de padecer cancro. O cadro clínico era moi concreto nas mulleres que compartían a perda do peito. Por iso se implantou unha asistencia especializada que reforzase o tratamento médico e que detectase, tamén de xeito precoz, síntomas dunha depresión máis alá do postoperatorio.

Cales son esas alarmas?

Principalmente, o choro, o insomnio, o cambio de humor de súpeto, a dificultade para tolerar o reflexo da súa imaxe no espello e a perda da libido, porque, como xa dixemos, o peito é unha zona moi sexual para a muller. Os psicólogos de oncoloxía colaboramos co persoal sanitario para facérmoslles fronte a estes cadros e para indicarmos o tratamento máis indicado así que se recibe a alta clínica.

Por que as máis das veces se lles recomenda a estas pacientes que participen en asociacións ou que acudan a grupos de terapia ou de encontro con outras mulleres masectomizadas?

Dado que se vive a alteración dunha parte moi íntima da muller, que cambia a súa figura e a súa estética, e dado que cómpre a aceptación desta nova imaxe que se vai ofrecer, compartir a experiencia con outras mulleres é unha maneira de atopar axuda. Neses grupos obsérvase a outras mulleres que pasaron polo mesmo e compróbase que unha masectomía non é tan estraña e que non hai nada do que se avergoñar.

Todos coñecemos casos en que se lle extirpou totalmente o peito a unha muller con cancro de mama cando se cadra non era necesario.

/imgs/20050501/entrevista.02.jpgOs avances que se produciron e que se seguen a producir no campo da medicina, da cirurxía e da oncoloxía son meteóricos, e máis se nos decatamos de que aconteceron nunhas poucas decenas de anos. Antes practicábase unha cirurxía máis preventiva. A de agora é menos agresiva, e nisto ten moito que ver a psicoloxía. Desde este campo insistiuse en que tamén é fundamental outorgarlles ás pacientes calidade de vida sen alterar a súa sensibilidade máis alá do necesario, pois non facelo pode incidir negativamente na súa recuperación.

Ata que punto recomendan unha ulterior cirurxía estética?

A súa conveniencia correspóndelle decidila ó oncólogo e ó cirurxián, xunto coa paciente. Compróbase se a prótese e a intervención son viables e inocuas, e, a partir de aí, a paciente decide. Sen dúbida, a cirurxía estética pode ser unha grande axuda psicolóxica, e non só para mulleres novas. Tamén quen xa cumpriu os 60 anos ten dereito a que se lle practique, pois segue sendo unha muller que ten un corpo ó que querer e coidar.

Precisamente, aínda que é a idade adulta a que rexistra unha maior incidencia deste tipo de cancro, a muller nova tamén está exposta. Amais da perda do peito, o tratamento ocasiona a perda da fertilidade. Unha razón máis para a asistencia psicolóxica?

Como consecuencia do tratamento máis ca da operación, o habitual é provocar unha menopausa anticipada. E, efectivamente, esta é outra das razóns polas que as mulleres masectomizadas, aínda que non estivesen en idade fértil, precisan de maior atención, máis alá do tratamento oncolóxico.

Aínda que representan só o 1% dos casos, tamén os homes padecen cancro de mama. Para eles supón o mesmo golpe que para as mulleres?

As consecuencias psicolóxicas son moito menores para eles, semellantes ás que se poden derivar doutro tipo de cancro.

Como poden axudar a familia e os amigos a unha paciente?

Como con calquera cancro ou outra enfermidade seria, o primeiro que desexa e precisa a enferma é respecto e espazo para poder reaccionar. Débeselle permitir que exprese as súas emocións, que chore ou que se anoxe. E aínda que semella doado axudalas, tendemos á condescendencia e ó engano piadoso, e as persoas precisamos que se nos trate desde a intelixencia, que os familiares non se violenten ó comprobar a debilidade da enfermidade. A partir de aí, hai que procurar apoialos e agarimalos.

A relación de parella tamén se ve afectada. O ámbito das relacións sexuais, concretamente, pódese ver alterado. Que se aconsella?

Ó comezo, a persoa enferma e, en menor medida, a súa parella, quedan baixo un estado de ansiedade que desequilibra e provoca un período de distraccións e maior sensibilidade. Tamén de inapetencia sexual, derivada do tratamento farmacolóxico ou da situación psicolóxica. Isto é normal. Agora ben, o que acontece no caso dunha muller masectomizada é que a inapetencia se pode prolongar como consecuencia da perda de autoestima do seu corpo. Se non se mellora logo de varias semanas de recibir a alta médica, é aconsellable acudir ó médico de cabeceira ou comentar a situación co equipo que se ocupou da operación para que derive o paciente a un psicólogo.

A perda de autoestima evidénciase ante a nova imaxe que obtén de si mesma a muller diante do espello?

Cada persoa é un mundo e reacciona como pode, polo que todas as reaccións primarias se deben admitir como correctas e comprensibles. Hai mulleres que deciden no mesmo hospital facerse as curas elas mesmas, mentres que outras non aturan descubrirse e necesitan un tempo e un proceso de adaptación para se congraciaren co seu novo corpo. Aí é onde a parella xoga un papel fundamental, pois na medida en que acepta tamén ese cambio, está reafirmando ó seu par, e sempre resultará máis sinxelo estar acompañada neste novo reto. Tamén pode ser a parella quen aconselle pedirlle axuda para ambos a un especialista. Este detalle é importante porque moitas veces un mesmo nega o seu propio problema mentres acepta o do outro, e, polo xeral, adoita ser máis eficaz resolver as dúbidas en parella, aínda que tamén se faga de xeito individual.

Unha vez na consulta do psicólogo, que acontece?

O simple feito de acudir a un profesional xa é un bo sinal dentro do proceso de aceptación da nova situación. Debo sinalar que ese paso a miúdo é máis difícil para a muller masectomizada ca para a súa parella, xa que non hai dúbida de que é ela a principal afectada. Para explicar a súa perda do apetito sexual, en ocasións a muller pon como escusa que xa non lles gusta ós demais e, en especial, á súa parella, cando iso non é certo.

Puido variar a idea que ela ten de si mesma e do seu corpo, pero non a que teñen os demais. Por iso é tan importante acudir a unha terapia se se teñen dificultades, pois se ben nos casos de cancro a necesidade de apoio psicolóxico é maior, o índice de superación é tamén moi alto.