Os papeis do coche

Poucos pero imprescindibles

1 Maio de 2005

Poucos pero imprescindibles

/imgs/20050501/conducir.gif
Quen conduce un vehículo de motor, independentemente de que sexa o seu propietario, debe portar a documentación esixida por lei ó condutor e ó vehículo, que cumprirá ensinarlles ós axentes da autoridade de eles o solicitaren. Pero, cales son eses documentos? Que sancións se impoñen se non se presentan ou, o que é peor, se nin sequera se obtiveron? Hai poucos papeis imprescindibles para condutor e vehículo: o permiso de conducir, o imposto de circulación, o certificado e o adhesivo da última ITV e o recibo do seguro obrigatorio. Se o condutor non presenta algún deles cando se lle esixa que o faga, a DXT prevé diversas sancións que varían en función do documento e doutra cuestión importante: que se obtivera ou non. É dicir, a multa por conducir sen contratar o pertinente seguro, por exemplo, é moi superior á sanción por non levar o recibo do último pagamento. De todos os xeitos, é habitual que se lle ofreza un prazo de 10 días para presentar os documentos ó condutor que é cazado sen algún deles. E unha información útil para quen tende a extraviar papeis: as fotocopias destes documentos son válidas, sempre que estean compulsadas pola Delegación de Tráfico correspondente, e levalas no canto do orixinal non carrexa sanción ningunha.

Permiso de conducir

É o primeiro documento que se lles solicita ós condutores nos diversos controis de tráfico que se realizan nas estradas. As faltas que se producen arredor deste documento do coche son as que comportan maiores sancións. Velaquí as posibles situacións:

  • Se nunca se obtivo. En España, conducir sen o correspondente permiso ou licencia está penado unicamente cunha sanción económica, a diferenza, por exemplo, de Francia, onde o castigo por circular sen o permiso de conducir é dun ano de cárcere. Non obstante, o Ministerio do Interior anunciou que así que se aprobe e poña en marcha a iniciativa do carné por puntos, as medidas se van endurecer, aínda que non especificou como.
    • A cantidade máxima das sancións previstas pola DXT por conducir sen carné é de ata 900 euros (vehículos pesados). A multa por conducir automóbiles que requiren o carné B1 é de 400 euros e de 150 euros por facelo con motocicletas.
  • Se se ten pero non se leva no momento de ser requirido. A multa é de 10 euros. O axente tomaralle os datos ó condutor para comprobar se, en efecto, é o titular do permiso.
  • Se se ten, pero está caducado. A multa é de 150 euros.
  • Se se ten, pero cun enderezo antigo, non actualizado. A sanción é de 60 euros.

Imposto de circulación

É o imposto municipal que todo propietario debe pagar por estar en posesión dun vehículo. O condutor do vehículo, sexa ou non de seu, débellelo amosar ás autoridades cando llo soliciten. A cota que se paga por esta taxa fíxase en función dos cabalos fiscais que correspondan a cada vehículo. Sancións:

  • Se se conduce sen o recibo que acredita o seu pagamento. A contía da multa oscila entre 150 e 900 euros. En automóbiles que requiren o carné B1, a sanción é de 300 euros.
  • Se se ten, pero non se leva no momento de ser requirido. 10 euros de multa.
  • Se se ten, pero o enderezo do titular non está actualizado. 60 euros de multa.

Inspección Técnica do Vehículo (ITV)

/imgs/20050501/itv.gif
Os automóbiles con máis de catro anos de antigüidade -cinco para motocicletas e seis para caravanas- e de matriculación española deben superar as revisións periódicas nas estacións habilitadas especificamente para iso polas comunidades autónomas, segundo o Real Decreto do 24 de setembro de 1985, número 1987/1985, vixente desde 1987.

  • Certificado da última ITV en vigor:
    • Se non se ten. A contía da multa oscila entre 150 e 900 euros. No caso dos vehículos que se conducen con permiso B1, a sanción prevista é de 300 euros.
    • Se a tarxeta se atopa retida nunha estación ITV e o titular circula co seu vehículo, facendo caso omiso á prohibición de facelo. Multa de 450 euros.
    • Se se ten, pero non se leva nese momento. Multa de 10 euros.
  • Adhesivo da ITV:
    • Nas estacións nas que se realiza a inspección do vehículo esixen que o adhesivo da revisión sexa pegado no cristal dianteiro. Se non se levan as correspondentes revisións anteriores non pasa nada.
    • Se as autoridades policiais sorprenden o propietario dun vehículo sen o adhesivo da ITV ou con el caducado, as consecuencias son as seguintes:
      • Intervención do permiso de conducir. Haberá un prazo de dez días para pasar o informe favorablemente.
      • A Lei de tráfico prevé sancións de entre 94 e 1503 euros por circular sen pasar a ITV.

O seguro do automóbil

É obrigatorio levar o último recibo que corresponde ó pagamento do seguro. Con este documento protéxese o patrimonio do asegurado e/ou condutor do vehículo dos danos que a este lle poidan afectar por colisión do mesmo ou roubo, e tamén pola responsabilidade civil incorrida cando, fronte a danos causados a terceiros, se ve exposto ás accións xudiciais que se interpoñan na súa contra.

  • Recibo do seguro:
    • Se se ten, pero non se leva. Multa de 60 euros.
  • Póliza do seguro obrigatorio:
    • Se non se ten. A contía da multa oscila entre 600 e 3000 euros.
    • Se se ten pero non se leva enriba. Multa de 60 euros.