Prestacións semellantes, prezos diferentes
O batedor é un dos pequenos electrodomésticos máis habituais nas cociñas. A elaboración de salsas e purés xa non se concibe sen a súa axuda e hai tempo que non se lle só pide que bata, senón que ademais se busca que pique, moia e, sobre todo, que sexa sinxelo de utilizar e limpar.
Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso sete batedores eléctricos de 600 W que custan dende os 33,45 euros de Philips HR1363 ata os 65 euros de Braun Multiquick. Un dos máis baratos, Moulinex Optipro (37,40 euros) foi o preferido polos consumidores: supera todas as probas e cumpre con folgura co seu labor, bater, polo que é a mellor relación calidade-prezo. Os usuarios que non só busquen un batedor, senón que precisen un aparello que pique ou moa, pódense decantar por Ufesa BP4515, dos caros (53 euros), pero con moitos accesorios.
Taurus, Braun, Krups e Moulinex inclúen un útil libro de receitas co que aprender a tirar todo o partido deste aparato. Os sete están ben etiquetados e incorporan todos os marcados obrigatorios. Os seus manuais son claros e completos e informan axeitadamente das precaucións de seguridade que implica utilizar un electrodoméstico potencialmente perigoso. O feito de que os sete ofrezan os dous anos de garantía aos que obriga a lei e que estes documentos de garantía estean en castelán (como indica a norma) non debería ser noticia, pero dende a entrada en vigor da nova lei de garantías hai catro anos esta é unha das contadas ocasións nas que todos os produtos analizados por CONSUMER EROSKI superan este esencial apartado. Taurus, amais dos dous anos legais, ofrece un terceiro no que están cubertas as pezas defectuosas, mais non a man de obra.
Ben en seguridade No tocante á súa seguridade, están suficientemente illados e non é posible acceder cos dedos a zonas cargadas electricamente. Na proba de quecemento cun funcionamento normal dos aparellos, os equipos non alcanzan unha temperatura excesiva nos seus puntos máis sensibles. Os resultados tamén son satisfactorios na comprobación do seu funcionamento en condicións anormais ou máximas: a seguridade é abonda e están protexidos fronte aos incendios ou deterioracións mecánicas. E, o máis importante: a súa parte máis perigosa, as coitelas, está ben protexida.
As probas de compatibilidade electromagnética indican se estes equipos poden perturbar o funcionamento doutros aparatos eléctricos. Se os batedores non están suficientemente illados poden xerar molestas interferencias en radios ou televisores. Non é un problema grave (desaparece cando se apaga o equipo), pero a norma fixa uns niveis máximos de emisións que estes equipos non deben superar. Taurus Bapi 600 suspende por superar o rango permitido.
Como se sosteñen cunha soa man, os batedores deben ser lixeiros para que resulten manexables. No seu peso non se atoparon diferenzas significativas: Braun e Krups (800 gramos) pesan apenas 150 gramos máis que Ufesa, a máis lixeira. Na súa lonxitude tampouco difiren moito: Philips mide 37,5 centímetros e Braun e Krups dous centímetros máis. Un cable longo facilita o seu uso, porque permite utilizar o batedor lonxe dun enchufe. Os cables máis curtos foron os de Taurus (116 centímetros) e Braun (122 cm), mentres que o máis longo foi o de Moulinex, con 154 cm.
Non tanta potencia Os sete din ser de 600 W, pero quíxose comprobar a súa potencia real picando, tal e como indica a norma, cenorias e auga á máxima velocidade. Todos quedaron lonxe deste rexistro: Krups e Moulinex demostraron ser de 185 W, fronte a Taurus, o único que, con 406 W, se achegou ao valor nominal. Estes equipos alcanzaron os 600 W indicados batendo produtos de maior dureza pero, dende logo, non o conseguiron coa proba normalizada.
Algunhas receitas requiren controlar a velocidade á que se bate con moita precisión. Philips e Moulinex só contan con dúas velocidades: a normal e a “turbo”, útil para picar alimentos duros como pan ou carne. Braun ten 16 velocidades, Taurus 10 e Krups 6. Ufesa e Bosch ofrecen un regulador variable co que se fixa de forma gradual e precisa a velocidade desexada.
Os sete ofrecen un vaso no que utilizar o batedor. Os de Bosch, Philips e Ufesa veñen cunha tapa por se se quere gardar nel o batido. Bosch e Philips son os únicos que carecen dun soporte para colgalos na parede. Philips ofrece un picador e Braun e Ufesa, amais do picador, inclúen unhas varas útiles para, por exemplo, montar nata.
Proba de esforzo Os batedores sometéronse tamén a unha proba de esforzo na que se acendían durante un minuto batendo auga a velocidade media-alta e se deixaban descansar outros cinco minutos. En total, repetiuse este proceso durante 2.230 ciclos, é dicir, máis de nove días completos de test. Tras esta esixente proba, todos os batedores seguiron funcionando sen alteracións.
Ante a eventualidade de que poidan caer na cociña, probouse a súa resistencia tirando o pé desmontable, a parte do batedor máis susceptible de sufrir unha caída, sobre unha táboa de carballo. Ningún pé sufriu danos.
Os consumidores opinan Seis usuarios probaron os batedores e puntuaron diferentes elementos do 1 o 10. Antes de valorar os batedores, usáronos para bater, moer ou picar alimentos como pan, froita, tomates, pementos ou pataca cocida. Tamén prepararon con eles receitas sinxelas como purés ou gazpacho e ao final tiveron que limpar os equipos. Todos aprobaron con nota: os mellor valorados foron Moulinex (con 8,5 puntos sobre 10) e Bosch e Braun (con 8,4 puntos), todos eles pola súa facilidade de uso, potencia e prestacións. Moi preto quedou Taurus (8,2 puntos). Con todo, mesmo as notas máis baixas foron moi boas: Philips, Ufesa e Krups alcanzaron os 7,8 puntos.
Máis polo miúdo, o manual máis claro é o de Bosch, mentres que o de Philips se considerou pouco práctico e cómodo. No tocante ao deseño, Moulinex é o que máis gusta e Ufesa o que menos. Krups é percibido como o máis pesado e voluminoso, aínda que as probas obxectivas non demostraron unha diferenza de peso ou lonxitude significativa. O cable longo de Moulinex foi moi ben valorado. Tamén gustou que Braun fose o máis silandeiro, fronte a Ufesa e Krups que foron moi ruidosos (Krups ademais produce fortes vibracións). Braun e Moulinex destacaron en ergonomía e prestacións. Krups, que foi peor valorado neses dous aspectos, ofrece o mellor vaso de mesturas. Logo de realizar diferentes receitas cos batedores, Krups e Ufesa obtiveron unha valoración máis baixa (6,3 e 6,5 puntos respectivamente). O que mellor desenvolveu o seu labor foi Braun, con 8,3 puntos. Noutros aspectos como facilidade de limpeza e de montaxe ou claridade e utilidade dos mandos, os sete batedores acadaron resultados semellantes.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
Analizáronse sete batedores eléctricos de pé. O máis barato, Philips, custou 33,5 euros e o máis caro, Braun, 65 euros.
- Os sete son seguros e tanto os seus manuais como os seus marcados e garantías son correctos. Taurus Bapi 600 suspende a proba de compatibilidade electromagnética, xa que pode producir interferencias en radios ou televisores conectados á mesma rede eléctrica.
- Os equipos máis voluminosos e pesados son Braun e Krups, mentres que Philips é o que menos espazo ocupa e Ufesa o máis lixeiro.
- Din ser de 600 W, pero a súa potencia real segundo a proba normalizada (batendo cenorias e auga) está lonxe dese valor: vai dos 180 W de Krups ata os 406 W de Taurus.
- As súas prestacións son moi similares. Non gustou que Philips e Braun contasen unicamente con dúas velocidades. Todos inclúen un vaso de mesturas, pero no número de accesorios Braun e Ufesa son os máis xenerosos.
- Na proba con usuarios, os sete aprobaron con nota. Sobresaíron Moulinex (8,5 puntos de 10) e mais Bosch e Braun (os dous con 8,4 puntos) e gustaron algo menos Taurus (8,2 puntos), Krups, Philips e Ufesa (os tres con 7,8 puntos).
- A mellor relación calidade-prezo é Moulinex Optipro, por ser dos máis baratos (37,40 euros) e recibir a mellor valoración dos consumidores. Para os que busquen un aparello máis completo, outra opción interesante é Ufesa BP4515, dos máis caros, pero con moitos accesorios.
Marca Modelo | Moulinex Optipro | Ufesa BP4515 | Philips HR1363 | Krups GPA 1 | Bosch MSM 6280 | Braun Multi- quick | Taurus Bapi 600 |
---|---|---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 37,40 | 52,95 | 33,45 | 40 | 57,73 | 65,07 | 39,37 |
Información ao consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética 1 | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Incumple |
Aspectos técnicos | |||||||
Alto batedor (mm) | 390 | 385 | 375 | 395 | 390 | 395 | 380 |
Peso (g) | 750 | 650 | 700 | 800 | 750 | 800 | 750 |
Potencia indicada (W) | 600 | 600 | 600 | 600 | 600 | 600 | 600 |
Potencia medida (W) | 185 | 310 | 240 | 180 | 200 | 205 | 406 |
Lonxitude cable (cm) | 154 | 147 | 130 | 144 | 144 | 122 | 116 |
Número de velocidades | Botón turbo | Variable | Botón turbo | 6 | Variable + turbo | 15 + turbo | 10 |
Material do brazo | Metálico | Metálico | Plástico | Metálico | Metálico | Metálico | Metálico |
Accesorios | Soporte mural, Vaso mesturas | Accesorio batidor, Soporte mural, Vaso mesturas, Tapa, Accesorio picador | Vaso mesturas, Tapas, Accesorio picador | Soporte mural, Vaso mesturas | Vaso mesturas, Tapa | Accesorio batidor, Soporte mural, Vaso mesturas, Accesorio picador | Soporte mural, Vaso mesturas |
Duración de vida | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Resistencia a caídas | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Proba de uso (1 a 10) | 8,5 | 7,8 | 7,8 | 7,8 | 8,4 | 8,4 | 8,2 |
1. Pode provocar interferencias noutros aparellos eléctricos, como televisións ou radios.
Un a un, 7 batedores eléctricos
Moulinex Optipro
- 37,40 euros
- A mellor relación calidade-prezo. Dos de menor potencia real (185 W). O seu cable é o máis longo (154 cm). Unicamente con dúas velocidades. Accesorios: soporte mural e vaso de mesturas.
- Proba de uso: 8,5 puntos de 10, o que máis gusta. Os usuarios destacan a lonxitude do seu cable e o seu deseño. Tamén resulta dos mellores en ergonomía, facilidade de uso e polo cómodo de limpar e de montar.
Ufesa BP4515
- 52,95 euros, caro
- O máis lixeiro (650 gramos). A segunda maior potencia real (310 W). Con selector de velocidade variable. O que inclúe máis accesorios: soporte mural, vaso de mesturas, tapa, accesorio picador e varas.
- Proba de uso: 7,8 puntos sobre 10. O seu manual é claro e útil. O mellor valorado polas súas dimensións e peso. O peor: o máis lento e ruidoso, e o deseño que menos gustou. Tamén obtén as puntuacións máis baixas en facilidade de uso e prestacións.
Philips HR1363
- 33,45 euros, o máis barato
- O máis pequeno (375 mm). Unicamente con dúas velocidades. O único con brazo de plástico (e non metálico). Accesorios: vaso de mesturas, tapas e accesorio picador.
- Proba de uso: 7,8 puntos sobre 10: o seu manual valórase como pouco práctico e cómodo. Non gusta a ausencia de control de velocidade.
Krups GPA 1
- 40 euros
- Dos máis longos (395 mm) e pesados (800 gramos). Dos que menos potencia real demostra (180 W). Con selector de velocidade variable. Accesorios: soporte mural e vaso de mesturas.
- Proba de uso: 7,8 puntos sobre 10. Non gustaron as súas dimensións e peso, ergonomía, comodidade de limpeza e montaxe e facilidade de uso. É o segundo máis ruidoso e produce fortes vibracións. Conta co vaso batedor que máis gusta.
Bosch MSM 6280
- 57,73 euros
- Con selector de velocidade variable e ademais función turbo. Accesorios: vaso de mesturas e tapa.
- Proba de uso: 8,4 puntos sobre 10, dos mellores: destaca a claridade e utilidade do seu manual, o cómodo de limpar e o facilmente que se desmonta o brazo.
Braun Multiquick
- 65,07 euros, o máis caro
- Dos máis altos (395 mm) e pesados (800 gramos). Dispón de selector de velocidades e función turbo. Accesorios: varas, soporte mural, vaso de mesturas e accesorio picador.
- Proba de uso: 8,4 puntos sobre 10, dos mellores: dos menos ruidosos, doado de usar e desmontar e cómodo de limpar.
Taurus Bapi 600
-
39,37 euros
- O único que incumpre a norma de compatibilidade electromagnética: o seu funcionamento pode xerar interferencias noutros equipos conectados á rede eléctrica. A maior potencia real (406 W). Co cable máis curto (116 cm) e selector de velocidade variable. Accesorios: soporte mural e vaso de mesturas.
- Proba de uso: 8,2 puntos sobre 10. Non destacou positiva nin negativamente en ningún apartado.