ROTAVIRUS / Sobreprotexer os fillos / Cancro de mama / Entrevista: Álex Iranzo, especialista en trastornos do sono, Hospital Clínic de Barcelona
En catro palabras:
- ROTAVIRUS:
- É un virus que produce unha infección gastrointestinal que cursa con diarreas, vómitos e febre, e a causa máis frecuente de gastroenterite aguda grave en lactantes e nenos pequenos. É sumamente contaxioso, a maioría dos nenos inféctase antes dos dous anos de idade, especialmente entre os meses de novembro e abril. Adquírese cando o neno leva os dedos á boca logo de tocar algo contaminado coas feces dunha persoa infectada. Os antibióticos non son efectivos contra unha infección por rotavirus. O máis importante é evitar a deshidratación, polo que convén que os bebés sexan hospitalizados.
O que avisa non é traidor:
Os pais sobreprotectores, lonxe de axudaren os seus fillos no seu desenvolvemento emocional, pódenlles chegar a provocar o efecto contrario, xa que os privan da oportunidade de aprender como superar situacións adversas. Así se desprende dun estudo da Universidade de Illinois, editado na revista Child Development, no que foron avaliados nenos de catro e cinco anos. Os fillos de pais que reaccionaban ante as emocións negativas dos seus fillos brindando niveis de protección axeitados ao problema tiñan maior madureza emocional, mellor manexo dos problemas e máis facilidade para facer amigos ca os que recibían unha excesiva protección dos seus proxenitores. As reaccións dos pais ás emocións negativas dos seus fillos son fundamentais no crecemento social e emocional dos pequenos, e a sobreprotección reduce a capacidade que ten un neno de solucionar problemas por si mesmo.
Novas
As mulleres que superaron un cancro de mama débenlle prestar atención á súa saúde cardíaca. A razón estriba en que a terapia oncolóxica pode afectar ao corazón, segundo un estudo publicado no Journal of the American College of Cardiology. As novas terapias diminúen a taxa de mortalidade, pero a quimioterapia pode lesionar o corazón, ao reducir a súa capacidade de bombeo, e mais aumentar o risco dunha insuficiencia cardíaca a longo prazo. A radioterapia pode provocar cicatrices no tecido dos pulmóns e do corazón. Ademais, durante o tratamento, moitas mulleres reducen o seu nivel de actividade física e aumentan de peso, o que favorece a aparición de problemas cardiovasculares. Por iso, deben concentrarse tanto na ameaza inmediata do cancro de mama coma no coidado da súa saúde cardiovascular a longo prazo.
Entrevista
Álex Iranzo, especialista en trastornos do sono, Hospital Clínic de Barcelona
Falamos da síndrome das pernas inquedas (SPI). Que relación garda co sono?
O SPI considérase un dos motivos principais de insomnio na nosa sociedade. Afecta a un 10% da poboación xeral, e un de cada catro pacientes recorre ao médico pola imposibilidade de conciliar o sono.
Os outros tres, poden estar sen durmir?
O que acontece é que ignoran que lles está a suceder e posiblemente o atribúen a un falso nerviosismo. De feito, o SPI é a síndrome máis frecuente da que ninguén oíu falar. Moitos pacientes botan ata cinco anos consultando a distintos médicos ata acadaren un diagnóstico correcto.
A que é debido?
Cando o sueco Karl Ekbom identificou a síndrome, hai douscentos anos, observou que tiña lugar en pacientes afectados de anemia ferropénica. O ferro é un mineral clave na síntese de dopamina e sen a dopamina axeitada o cerebro acusa esta sensación insoportable de querer mover as pernas, que se manifesta nas situacións supostamente máis relaxadas, como cando nos dispoñemos a durmir.
Diferenzas en idades ou sexos?
É máis frecuente en mulleres. Moitas delas manifestan padecer transitoriamente esta síndrome na etapa final do embarazo. E hai un 25% de anciáns que confesa que padeceron SPI de nenos. En realidade, este trastorno asóciase coa síndrome infantil de déficit de atención e hiperactividade.
Cal é o tratamento?
Sabemos que amais de suplementos de ferro para corrixir unha posible anemia, os pacientes reaccionan moi ben coa administración de axentes dopaminérxicos como os utilizados na enfermidade de Párkinson. Pero que quede claro que o SPI non ten nada que ver co Párkinson nin con que se vaia desenvolver a enfermidade.