Deseñar o avatar propio / DRM e o canon digital / Entrevistas: Rogelio Bernal, John "Maddog" Hall, Carlos Moreir
Navegar pola Rede
Na Rede enténdese por avatar, a grandes trazos, a representación gráfica da identidade dixital do internauta, de tal xeito que non son poucos os servizos que ofrecen a posibilidade de pór unha fotografía ou un debuxo que dea cara e ollos á dirección de correo electrónico do cliente de mensaxería, ou ao alcume que ten o usuario no seu servizo para falar por voz a través do ordenador. Para aqueles que opten pola creatividade dun debuxo ou dunha viñeta que os represente deseñáronse programas que os asisten na creación do debuxo e que ademais permiten gardalo para usalo cando se requira.
- South Park Studio:
Esta páxina, que funciona en modo flash, permite deseñar á medida e con complementos de todo tipo bonecos como os da popular serie de debuxos, pero personalizados coas características do usuario. Por exemplo, permite engadir lentes, peiteados, perillas, cor do pelo, diademas, accesorios de todo tipo, cor dos ollos, tipo de vestimenta, etc.
Unha vez definido un deseño que satisfaga as pretensións do usuario, este deberá realizar unha captura da páxina, recortar o boneco cun programa de edición e adaptalo á metade do seu tamaño orixinal para que sexa cómodo de gardar. Posteriormente, dende o ordenador será doado subilo a calquera servizo de Internet cando así se solicite. O servizo está en inglés e en alemán. - Stortroopers:
Un programa moi interesante pola oferta ampla de debuxos que ten para conformar o avatar e tamén pola súa sinxeleza de uso. Os debuxos confeccionados teñen un realismo e un acabado maior ca os do servizo inspirado en South Park, aínda que se cadra conteñen menor carga irónica.
O servizo funciona con tecnoloxía Java, polo que o usuario deberá descargar no ordenador a aplicación para o navegador. Java é un programa de certo peso e bastantes esixencias ao procesador gráfico do ordenador, polo que non deberá sorprender se este se enlentece. Así e todo, é sinxelo de desconfigurar en Windows, dende “Panel de control > Agregar ou quitar software”.
O concepto do mes
- DRM e o canon dixital, incompatibles?
- Estas iniciais son o acrónimo de “Dixital Rights Management”, o que se traduce ao galego como “Xestión de Dereitos Dixitais””. O nome fai referencia a todas as tecnoloxías desenvolvidas para restrinxir as posibilidades de uso por parte da persoa que adquire unha obra con propiedade intelectual nun determinado formato dixital.
Por exemplo, a persoa que merque un disco CD no que as cancións conteñan un DRM, podería atoparse con que non pode copialas no disco duro do ordenador, nin pasalas a un reprodutor de MP3, ou ben podería só facer unhas poucas copias dixitais das devanditas cancións, tanto para MP3 coma para un disco virxe, etcétera.
O DRM limita o uso das obras propiedade dos autores e estas tecnoloxías están asistidas polo dereito. Non obstante, en España tamén se conta cunha tarifa que se paga polas posibles copias dixitais que se poidan facer nos distintos soportes (discos, reprodutores MP3, etc.) das obras dixitais con dereitos: o canon dixital.
O canon e as tecnoloxías DRM veñen a cumprir o mesmo propósito (protexer os dereitos do autor), polo que non son compatibles. Nos soportes ópticos (CD e DVD) deixáronse de aplicar, de momento, as tecnoloxías DRM e optouse polo canon.
Nos soportes nos que as obras se descargan dende Internet (reprodutores MP3, teléfonos móbiles, ordenadores) aplícase o canon e tamén o DRM para determinados produtos. Por exemplo, as cancións e os vídeos que vende iTunes, a tenda de Apple, para abastecer o seu iPod, inclúen unha tecnoloxía DRM que ademais impide reproducir as devanditas obras en aparellos que non sexan da marca Apple. A Comisión Europea está a premer a Apple para que solucione está situación.
As nosas entrevistas na Rede
Rogelio Bernal, fundador de AR Networks, eListas Networks e coRank:
En 1989 Rogelio Bernal viaxou aos Estados Unidos para aprender inglés e xa nunca máis volveu vivir en España. Na terra das oportunidades foi testemuña e protagonista da revolución tecnolóxica na que hoxe estamos envolvidos. Primeiro como programador en Netscape e despois en eBay. Cando ambas as dúas empresas, situadas no lendario Silicon Valley, triunfaron, abandonounas en busca dun novo reto. Así é como fundou eListas, eGrupos e posteriormente coRank, un servizo de xestión de noticias moderadas socialmente que acaba de lanzar ao mercado de fala hispana e sobre o que se puxeron grandes expectativas. Todos estes sitios teñen o denominador común de seren redes onde os internautas desenvolven a súa propia personalidade dixital e se relacionan entre eles. Dende a súa perspectiva privilexiada, asegura que “se os medios de comunicación se resisten aos cambios, acabarán fóra de xogo”.
John “Maddog” Hall, presidente de Linux Internacional:
John Hall, coñecido na Rede polo alcume “Maddog“, enxeñeiro e programador lendario, é unha das personalidades máis relevantes no ámbito do software libre e un histórico activista na súa difusión. Dende Linux International, a organización sen ánimo de lucro que dirixe, promove a utilización do sistema operativo do pingüín en todo tipo de máquinas e dispositivos. Hall móvese sen problemas dunha punta á outra do mundo para explicar as vantaxes de usar Linux e as súas distribucións no canto de Windows, o sistema operativo da compañía Microsoft. E os datos, como el mesmo salienta, avalan o seu éxito. “Cando comezamos, só había unhas miles de persoas usando Linux; agora son decenas de millóns”, destaca.
Carlos Moreira, fundador e presidente de Wisekey:
O primeiro que sorprende de Carlos Moreira é o seu acento profundamente suízo caracterizando un español fluído e case perfecto. Moreira naceu en Línea de la Concepción (Cádiz) pero de mozo marchou a Suíza a estudar hostalaría. Non obstante, tiroulle máis a diplomacia (nas Nacións Unidas) e a tecnoloxía, por esta orde. Tras o seu paso pola ONU, e tamén a raíz del, Moreira ideou Wisekey, un proxecto que comezou sendo unha alternativa para que os gobernos tivesen páxinas web seguras, e que agora o fixo socio preferente de Microsoft no apartado de confidencialidade dos usuarios do sistema operativo Windows Vista. “Chegou un momento en que Google sabe demasiado de nós”, alerta.