Clases particulares: só unha axuda conxuntural
Matemáticas, física, química e idiomas son as materias “óso” para os estudantes españois e, xa que logo, as máis demandadas polas miles e miles de familias que recorren ás clases particulares para aumentaren as posibilidades de que os seus fillos logren unha boa cualificación ou, polo menos, un aprobado. Segundo o informe “As actividades do alumno fóra do horario escolar”, publicado polo Instituto Nacional de Calidade e Avaliación (INCE), un 12% dos alumnos da ESO recibe a axuda externa dun profesor particular, e un 20% acode a unha academia para reforzar os seus coñecementos. De feito, o sector do ensino particular en España factura preto de 300 millóns de euros anuais.
De cada dez alumnos das etapas obrigatorias, tres contan co apoio nas tarefas escolares de pais, irmáns, dun profesor ou academia. Segundo as estatísticas, en educación primaria hai máis alumnos do ensino privado ca do público que buscan un reforzo académico externo, pero na educación secundaria obrigatoria invértese esta proporción. Outro estudo elaborado pola empresa Educa-System sinala que dos case dous millóns de estudantes que reciben apoio fóra da escola, só 130.000 acoden a profesores especificamente preparados, mentres que 1,78 millóns de escolares reciben axuda de docentes non profesionais.
- Ante todo debe ser un profesional que aclare as dúbidas do neno na comprensión do contido de cada materia, e que o ensine a estudar, a organizarse, a ser responsable e perseverante.
- Pida referencias do profesor. Infórmese de se está capacitado para a materia ou materias que teña que impartir.
- Asegúrese de que se trata dunha persoa responsable, seria co seu traballo e puntual.
- Se se decanta por unha academia, infórmese dos seus métodos, dos seus índices de éxito, da satisfacción dos estudantes, da cantidade de alumnos en clase, etc.
- Se o neno ten menos de 12 anos, o ideal é que o profesor particular sexa un mestre, mellor ca un estudante dalgunha carreira. A axuda que o mestre lle pode ofrecer en canto a organización, diferentes técnicas de estudo, motivación… será de maior calidade por mor da súa formación.
- Para os maiores de 12 anos con dificultades en determinadas áreas, é fundamental o coñecemento específico da materia. Por iso, hai que buscar a alguén que domine o tema, e que, ademais, llo saiba ensinar de xeito que se entenda.
Quen é quen no mundo das clases particulares
Os profesores particulares adoitan ser universitarios que están acabando a carreira ou que acaban de se licenciar, e estudantes de Bacharelato que queren gañar uns cartos. Polo xeral, desprázanse ata a vivenda do alumno, polo que a atención é individual. Dada a escasa preparación como docentes destes profesores, os seus alumnos adoitan ser estudantes de Primaria e Secundaria (de 10 a 16 anos).
As academias contan con profesores que superaron unha selección que determina a súa idoneidade para ensinar. Ademais, sométense periodicamente a xornadas de reciclaxe coas que poder asegurar sempre a súa axeitada capacitación. Os seus alumnos adoitan ser estudantes de bacharelato e universitarios, que asisten a clases que se compoñen de dous ou máis alumnos.
As empresas de clases particulares xorden como figura intermediaria entre o alumno, ou proxenitores, e o profesor. Estas empresas ofrecen servizos de clases particulares a domicilio para todos os niveis educativos: Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Formación Profesional, Bacharelato e Universidade. Na matrícula que hai que aboar para acceder aos seus servizos -o custo das clases págase á parte-, inclúese un labor de apoio e orientación pedagóxica, para o alumno e mais para os pais e profesores, amais dun seguimento da súa evolución.
- A decisión de tomar un profesor particular non pode xurdir dun enfado pasaxeiro polas notas do neno.
- Avalíe tranquilamente a conveniencia dun profesor particular para o seu fillo:
- Se manifesta un atraso notable na aprendizaxe dalgunha materia.
- Se ten unha dificultade especial para aprender e perfeccionar a lectura e escritura, debido a algún trastorno de aprendizaxe, como a dislexia.
- Se observa actitudes negativas habituais cara ao estudo, como a apatía, indisciplina, desorde na realización do traballo, etc.
- Se presenta carencias de hábitos de traballo ou deficiencias importantes no método de estudo.
- Se estes problemas causan pelexas na casa que desgastan a relación familiar e acaban coa paz do fogar.
- O neno debe saber que esta é unha axuda temporal por un problema específico. Non permita que se relaxe na clase pensando que na casa se porá ao día.
- Para que os resultados sexan os desexados é fundamental que o neno se sinta motivado e cómodo nas clases.
- Manteña unha comunicación constante co profesor para ir controlando os logros do seu fillo.
- Cando as clases alcancen o obxectivo desexado, vaia distanciándoas, ata suprimilas por completo.
Se quere axudar o seu fillo nos estudos...
- Infórmese de todo o relacionado coa súa escola. Non só das notas, tamén son importantes os seus problemas cos compañeiros ou de relación cos profesores. O neno debe sentir que os seus estudos son un asunto que interesa.
- Amose predisposición e atenda as súas necesidades e preguntas na casa, pero nunca lle faga o traballo.
- Xamais o faga sentirse inútil ou culpable, nin o compare cos seus irmáns ou amigos.
- Non ameace nin castigue. Aposte, sobre todo, pola persuasión e a estimulación, e celebre os seus éxitos, por mínimos que sexan.
- Evite transmitir mensaxes negativas do tipo «es un mal estudante», xa que pode chegar a crelas e bloquear o seu desenvolvemento posterior.
- Incentive a súa curiosidade pola cultura, por saber en xeral. Se falta este interese por aprender, o estudo convértese nunha mera obriga, nunha actividade imposta.
- Para aprender a estudar hai que aprender a organizarse. Deseñe xunto ao seu fillo un horario de estudo de maneira clara sobre unha folla e cólgueo nun lugar visible.
- Prepare un lugar axeitado de estudo. Debe de ser sempre o mesmo, porque isto facilita a ambientación e a disposición a estudar. Se o seu fillo traballa cada día nun cuarto distinto seralle máis difícil a concentración ao non asociar este lugar coa actividade do estudo.
- Para concentrarse no estudo debe estar cómodo: roupa folgada, postura relaxada, luz axeitada, espazo abondo, ausencia de ruídos…
- Non lle debe dedicar ao estudo diario dunha mesma materia moito tempo seguido, aínda que o tempo concreto variará segundo a idade do estudante (entre 10 minutos e 30 minutos).
- Non prema demasiado o seu fillo co cumprimento do horario, o importante é que el o atope útil, que aprenda a respectalo paulatinamente e que adquira un hábito de estudo.
- É moi importante que o seu fillo perciba que o estudo non é cousa de nenos, senón un verdadeiro traballo que esixe concentración, esforzo e constancia.
- Convén que empece pola materia máis difícil, xa que ao inicio do estudo estará máis descansado e con máis tranquilidade.
- O estudo require técnica. Debe aprender a subliñar, a facer esquemas, resumos, cadros sinópticos, a tomar apuntamentos, a organizar os repasos e a preparar os exames.
- Non se trata de memorizar a lección e repetila como un loro. É moi importante que o alumno comprenda o que estuda, que reflexione sobre iso e que memorice as ideas da lección, que despois deberá expresar con palabras distintas das do libro.
- Un bo xeito de comprender o que se le é ter un dicionario á man para descubrir o sentido correcto das palabras que non se entenden.
Moderación e estímulo
As clases particulares son na maioría de casos efectivas e solucionan problemas. Como normalmente están dirixidas non a saber máis dunha materia, senón a contar con máis garantías de aprobar a materia, os profesores limítanse, en moitos casos, a explicar os diferentes temas sen orientar o estudante nas dificultades que atopa. Así as cousas, persiste o risco de que o profesor particular se converta nun mero instrutor que non estimule e oriente o desenvolvemento dos hábitos de traballo persoal do seu alumno, o que á súa vez fomenta actitudes de pasividade e dependencia no estudante.
Todos os implicados -pais, fillos e profesores- deben entender que as clases de apoio non deben perpetuarse no tempo, e deben rematar cando a necesidade de axuda desapareza. Non obstante, sempre hai casos nos que o reforzo ha de ser continuo, iso si, sen xerar unha excesiva dependencia do estudante respecto do seu profesor particular. En definitiva, o profesor debe ensinar a estudar, a organizarse, a ser responsable e perseverante, e o alumno ou alumna debe asumir que a responsabilidade de aprobar ou mellorar na materia é súa.