A peor graxa para o corazón
Dun tempo a esta parte moitos son os estudos que se fixeron eco dos efectos nocivos das chamadas graxas trans, aceites parcialmente hidroxenados que se empregan na industria alimentaria co obxectivo de lles conferir maior estabilidade e durabilidade a alimentos de gran consumo. Aínda que hai alimentos como a carne de tenreira ou de año, ou mesmo o leite, que conteñen de xeito natural pequenas cantidades de graxas trans, a percepción do seu consumo como un problema de saúde pública non se produciu ata datas recentes. Á maior concienciación sobre os seus riscos contribuíron dous feitos: por unha banda, a súa presenza como ingrediente nun maior número de produtos e, por outra banda, a constatación da súa capacidade para causar alteracións graves no sistema cardiovascular.
As graxas trans defínense como aceites graxos insaturados, principalmente de orixe vexetal, que se someten a un proceso físico-químico de hidroxenación parcial co obxectivo de conferirlles un estado semisólido. Grazas a este procedemento, poden empregarse como ingrediente que dota de estabilidade e consistencia a multitude de produtos de gran consumo. Este é o caso dalgunhas margarinas, galletas e produtos de bolería, flocos de millo de microondas, pastelaría industrial, caramelos, snacks salgados e doces, xeados, precociñados, salsas e boa parte de produtos englobados na familia do fast-food.
De acordo cun amplo estudo publicado recentemente na revista The New England Journal of Medicine, o consumo continuado de graxas trans tradúcese nun aumento do nivel de colesterol malo (LDL) e a diminución do bo (HDL). Os seus efectos son peores ca os derivados da graxa saturada ou do colesterol da dieta. O exceso de graxas trans favorece a arterosclerose (estreitamento das arterias que dificulta o paso do sangue), polo que resulta perigoso para a saúde do corazón e as arterias.
Enerxía e corazón
A achega de graxas a través da dieta resulta imprescindible para obter recursos enerxéticos para o organismo. Pero nin todas as graxas son saudables por igual nin achegan a mesma enerxía. De feito, estímase que, do 35% das calorías totais procedentes das graxas, as trans proporcionan entre un 2% e un 4%, fronte a un 12% das graxas saturadas, recoñecidas tamén polo seu efecto negativo sobre a saúde cardiovascular.
E, como revela o Nurses Health Study, a maior análise epidemiolóxica publicada ata a data nos Estados Unidos, a substitución do 5% da enerxía procedente de ácidos graxos saturados por enerxía proveniente de insaturados reduce o risco coronario un 42%. Cando se fala de ácidos graxos trans, a substitución de só un 2% da enerxía procedente destes por enerxía extraída de graxas insaturadas supón unha redución do 53% do risco.
De aí que o obxectivo das investigacións actuais e futuras sexa determinar o límite máximo de consumo de graxas trans para que a dieta sexa adecuada dende o punto de vista nutricional. A Asociación Americana do Corazón (AHA), a maior sociedade médica do mundo, posicionouse ao respecto. Dende 2006 aconsella que a inxestión diaria de graxas trans se limite ao 1% do total de calorías, o que equivale, nunha dieta media de 2.000 a 2.500 calorías, a un consumo de 2 a 2,5 g de graxas trans por día.
Colesterol e etiquetas
Máis da metade da poboación española que ten entre 35 e 64 anos (58%) presenta uns índices de colesterolemia (concentración de colesterol) próximos a 200 mg/dl, cifra considerada como o límite san. Un 16% supérao con creces e sitúase por riba dos 250 mg/dl, valor que toma como indicador diagnóstico de hipercolesterolemia, un dos principais factores de risco de enfermidade cardiovascular. As cifras non varían moito nos países dos nosos arredores.
A clara asociación entre graxas trans e hipercolesterolemia, e desta coas enfermidades cardiovasculares, levou ás autoridades sanitarias a aconsellar a redución do seu consumo á espera de que normativas específicas determinen os límites máximos de inxestión diaria e a industria alimentaria incorpore esta información na súa etiquetaxe. Polo momento, algúns países puxeron en marcha campañas informativas para facilitaren un maior coñecemento sobre este tipo de graxas e os seus efectos sobre a saúde.
Nos Estados Unidos dende 2006 é obrigatorio declarar na etiqueta nutricional a cantidade de graxas trans por porción de produto se este contén máis de 0,5 gramos. Esta valiosa información súmase á obriga, vixente dende 1990, de informar sobre o contido total de graxa total, graxa saturada e colesterol. Canadá tamén esixe que se detallen as graxas trans na etiqueta nutricional de calquera produto. A nivel europeo, Dinamarca é o único país que conta, dende xuño do 2003, cunha normativa que obriga a incluílas nas etiquetas alimentarias. Ademais, a Administración danesa esíxelles aos produtores que non superen o 2% de graxas trans nos seus produtos, xa sexa propios ou importados.
En España non hai unha normativa específica. Non obstante, dende a Estratexia NAOS (Nutrición, Actividade Física e prevención da Obesidade), impulsada polo Ministerio de Sanidade e Consumo, alúdese á industria alimentaria e ás empresas de restauración para que diminúan de maneira progresiva os niveis de ácidos graxos trans nos seus produtos. Pola súa banda, varias empresas comezaron a publicar voluntariamente o contido de graxas trans nas súas etiquetas nutricionais e outras teñen previsto eliminar, nun futuro próximo, o contido dos aceites parcialmente hidroxenados dos seus produtos.
Dúbidas dos consumidores
Malia as recomendacións, os cidadáns seguen a ter moitas dúbidas sobre as graxas trans. Así se reflectiu nunha recente investigación levada a cabo pola Fundación do Consello Internacional de Información Alimentaria (IFIC). Os resultados confirmaron a visión negativa que se ten dos produtos con aceites hidroxenados, aínda que os consumidores non identifican necesariamente os aceites parcialmente hidroxenados coas graxas trans. Como conclusión, o informe salienta que os consumidores, en xeral, non coñecen claramente que son as graxas trans, que alimentos as conteñen, e, aínda menos, en que cantidade.
- Que son as graxas trans? As graxas trans aparecen como resultado de lles engadir hidróxeno aos ácidos graxos insaturados dos aceites vexetais (soia, xirasol) nun proceso fisicoquímico chamado hidroxenación. Obtense unha graxa semisólida máis estable grazas a que contén máis ácidos graxos saturados (os que lle dan a consistencia).
- Por que se empregan? A hidroxenación xera graxas con maiores propiedades funcionais de sabor, textura e estabilidade, máis resistentes á oxidación e a se tornaren rancias, e máis económicas, ca outros aceites. Os alimentos aos que se engaden consérvanse máis tempo e adquiren unha textura e unha cremosidade que non se consegue, polo momento, doutro xeito.
- Por que xorden as graxas trans? Hai anos a industria alimentaria usaba graxa animal (manteiga, sebo, unto) para elaborar os seus produtos. Cando os científicos determinaron que estas graxas, pola súa riqueza en graxas saturadas e colesterol, aumentaban o colesterol LDL (malo), as empresas buscaron alternativas máis sas. Comezaron a empregar aceites parcialmente hidroxenados (graxas trans) polo seu menor contido de graxas saturadas. Daquela non se coñecían os efectos negativos derivados do consumo de graxas trans.
- Hai algunha diferenza entre aceite ou graxa hidroxenada ou parcialmente hidroxenada? Os aceites parcialmente hidroxenados conteñen graxas trans. Os aceites totalmente hidroxenados, non obstante, conteñen predominantemente graxas saturadas, pero non trans, porque a hidroxenación completa converte as graxas insaturadas en saturadas.
- Pódese calcular que cantidade de graxas trans contén un produto que leva aceite parcialmente hidroxenado? A cantidade de graxas trans dun produto depende do grao de hidroxenación, e esta información só a coñece a empresa produtora. En España haberá que agardar a que se implemente unha normativa que obrigue aos fabricantes a incluír este dato na etiqueta nutricional (aínda que hai empresas que voluntariamente xa inclúen este dato).
- Canta cantidade de graxas trans comemos ao día? Non é posible coñecer a cifra exacta porque descoñecemos a cantidade de graxas trans que conteñen os alimentos. Segundo datos de análises comparativas de Consumer EROSKI, algunhas marcas de sobaos conteñen ata un 1,42% de graxas trans, os croissants ata un 1,58%, os snacks entre un 0,2% e un 0,5%, as madalenas entre un 0,05% e un 0,20%, e moitas margarinas non chegan a un 0,5% de graxas trans (fronte ao 17% de hai décadas). Polo de agora, para reducir o consumo de graxas trans debemos elixir os produtos que non inclúan o termo “”parcialmente hidroxenado”” entre os seus ingredientes.