Como saír airoso das situacións de emerxencia

Ante unha situación de perigo é indispensable manter a calma e actuar con prudencia durante os primeiros segundos
1 Decembro de 2007
Img motor listado

Como saír airoso das situacións de emerxencia

/imgs/20071201/img.motor.01.jpgNingún condutor, por experimentado que sexa, está libre de verse envolvido nunha situación de emerxencia ou perigo ao volante. Os primeiros segundos son decisivos porque as situacións de emerxencia esixen, por regra xeral, unha acción rápida. Ante o risco de sufrir graves accidentes porque se atravesa un animal na calzada, pola rotura do parabrisas ou por problemas cos freos en estrada, é importante memorizar cando e como actuar en cada caso.

Obstáculos na calzada

  • Pise o freo ao máximo evitando bloquear as rodas. Se o seu coche dispón de ABS fágao a fondo. Se non leva ABS, cando teña o obstáculo preto levante lixeiramente o pé do freo e manobre para esquivalo. Apoie o peso do corpo sobre os pés e realice un xiro de volante que non exceda de media volta. Durante toda a manobra evite manter a vista posta sobre o obstáculo, céntrese na dirección que pretende seguir. Unha vez sorteado o obstáculo, devolva o volante á súa posición orixinal cun movemento curto e rápido para recuperar a estabilidade do seu vehículo.
  • Se o obstáculo é un animal, faga soar a bucina ao tempo que diminúe a velocidade.
  • Se é de noite, cambie as luces de longas a curtas, para evitar que ao ser cegado o animal permaneza inmóbil.
  • Se se trata dun animal pequeno e a velocidade do seu vehículo é alta e non lle é posible evitar o atropelo sen frear bruscamente nin facer viraxes perigosas, suxeite firmemente o volante e continúe dereito.
  • Se o animal é grande -un xabaril ou unha vaca-, intente esquivalo ou, polo menos, intente evitar un golpe frontal e a súa penetración polo parabrisas. Se o terreo o permite e só pode esquivalo pola dereita, alixeire a presión do freo.

Dirección rota

  • Aínda que é difícil que isto aconteza, se se produce a rotura e o vehículo segue o seu traxecto pola estrada, free suave e progresivamente. Actúe de igual xeito se o coche desvía a súa ruta cara a unha cuneta pouco profunda.
  • Se o vehículo se dirixe cara ao carril contrario e non o pode deter, pise o embrague e tire con forza do freo de man. Mentres, provoque un balanceo co seu corpo para que o coche derrape cara a onde máis lle conveña, e así conseguir un cambio de traxectoria. Axúdese acelerando cunha marcha curta.

Os freos non funcionan

  • Accione intermitentemente o pedal do freo. Fágao rápida e frecuentemente.
  • Co freo de man actúe de xeito progresivo e rápido, pero non de forma violenta.
  • Cambie a unha velocidade menor para aproveitar a acción de freado do motor.
  • Se non ten outra opción, desvíe o coche fóra da estrada, cara ao lugar que lle pareza máis axeitado. É preferible que dane o coche que deixalo rodar sen freos, expoñéndose a un grave accidente.

Cristais rotos

  • Se se produce unha rotura de cristais, sobre todo da lúa dianteira, debe conservar a calma, ao tempo que busca unha zona do cristal onde vexa mellor. Dirixa o vehículo e detéñao nun lugar seguro.
  • Se a visibilidade é nula, golpee o cristal con forza para abrir un oco.
  • Se na lúa quedan restos de cristais, modere a velocidade, pois a presión do vento podería facer que cedesen e lle ocasionasen feridas.

Incendio

  • Se observa que cheira a queimado, que sae fume ou lapas, deteña o coche, faga que se baixen os seus acompañantes, desconecte o motor e desbloquee a apertura do capó.
  • Se se produciu un incendio e está próximo ao depósito de gasolina, afástese rapidamente do coche.
  • Se o lume acaba de producirse e é pequeno use un extintor. Axíteo, desprenda o precinto, e dirixa o chorro por debaixo do “morro” do coche, en dirección ao motor. A continuación, abra uns centímetros o capó (non o abra completamente porque pode avivar o lume) e lance un chorro cara ao interior.
  • Se non dispón de extintor e o lume non é moi intenso utilice terra ou mantas.
  • Ante un coche en lapas e con ocupantes no seu interior, rompa os cristais das ventás (as lúas dianteira e traseira son máis resistentes) cun obxecto contundente.

Cae un peón baixo as rodas

  • Ante un inminente atropelo, free ao máximo.
  • Se non puido deter o coche a tempo, levante o pé do freo cando o peón se atope baixo as rodas.

O coche queda parado nun paso a nivel

  • Se as barreiras están levantadas, meta a segunda velocidade, solte o embrague e accione de forma continuada o motor de arranque. Se non consegue saír, pida axuda para empurrar o vehículo fóra das vías.
  • Coas barreiras xa baixadas non o dubide, abandone o vehículo decontado e corra a un lugar seguro.

O coche cae á auga

  • Mentres flota, quite o cinto e trate de saír por unha porta ou ventá.
  • Se non dá e o coche se somerxe, respire da bolsa de aire que se forma na parte máis alta deste, ata que a auga invada todo o habitáculo, se iguale a presión e poida abrir a porta para saír á superficie.

Chuvia
Perda de adherencia

/imgs/20071201/img.motor.02.jpg

  • Modere a velocidade e manexe con suavidade o volante e o freo.
  • Se o vehículo patina, levante lixeiramente o pé do acelerador e suxeite firmemente o volante.

Perda de eficacia dos freos

  • Aumente a distancia de seguridade.
  • Non pise o freo a fondo xa que se bloquearían as rodas.
  • Dea ‘toques’ suaves e frecuentes ao freo para eliminar a humidade das pastillas.

O coche patina

  • Non toque o pedal do freo, nin levante o pé do acelerador.
  • Xire o volante na mesma dirección en que se moven as rodas traseiras ao deslizarse.
  • Cando o coche comece a endereitarse, xire o volante en dirección oposta para evitar un novo esvarón en sentido contrario. Afrouxe lixeiramente o acelerador, pero non retire o pé bruscamente.

Placa de xeo

  • Utilice unha marcha longa que lle permita circular entre 1.500 e 2.500 rpm para que os movementos se transmitan coa máxima suavidade.
  • Se non lle queda máis remedio que frear, pise con moitísima suavidade o pedal do freo.
  • Se o coche sobrevira, é dicir, a parte traseira trata de adiantalo, xire o volante en sentido contrario. Nunha curva á dereita, o máis normal é que a parte traseira se vaia cara ao exterior da curva, polo que debe xirar o volante cara á esquerda ata que o coche se coloque correctamente. Unha vez que recupere a traxectoria, endereite o volante e acelere levemente para recuperar o control.