Os psicólogos van ao psicólogo?
Si, claro.
Vostede foi algunha vez?
Non, eu non fun nunca porque teño a fortuna de que o destino me regalase un carácter optimista e saudable. Pero non descartaría a idea de ir de o precisar, claro que si.
Coida que desapareceu o medo a ir ao psicólogo?
Completamente. É máis, en ocasións os medios de comunicación pasámonos polo outro lado e denominamos síndromes ou síntomas ao que non é máis ca a vida, a parte un pouco escura da vida que ten que ver coa tristura, coa melancolía.
Considera o recurso ao psicólogo como indicador de desenvolvemento dunha sociedade?
Éo. Hai un par de décadas, ante unha depresión, o médico como moito dicíache: “veña, veña, hai que sobreporse”. Hai que ter en conta que de cada dez persoas que acoden ao médico de familia, sete poden ter problemas de ansiedade. Non doutra índole, non de depresión, que é un trastorno máis complicado e profundo. Pois isto, por exemplo, que hai dúas, tres décadas, non tiña importancia, hoxe si que a ten e se se pode resolver póñense todos os medios para resolvelo. Tamén os psicofármacos avanzaron bastante.
Cal é a diferenza entre un psicólogo, un psiquiatra e un psicanalista?
O psiquiatra é un médico que trata trastornos emocionais e do comportamento e, a diferenza do psicólogo, pode prescribir medicamentos. O psicólogo é unha persoa que estuda a conduta humana e as emocións, tanto na saúde como na falta de saúde. Analiza a conduta humana e a súa aplicación en moitos ámbitos, primeiro na reivindicación da felicidade e despois na educación, na infancia, na política, na publicidade e mesmo na intelixencia artificial ou na vida dos astronautas. E un psicanalista é máis difícil de definir: son persoas que se basean na teoría freudiana, que observan o desenvolvemento humano e a vida en xeral cunha serie de principios psicoanalíticos, o Eu, o Iso, o Súper Eu, a interpretación dos sonos, etc. Interpretan o mundo amais de faceren psicoterapia. A curación adoita ser, en xeral, moi longa. Un psicanalista non che resolve o problema en tres meses ou en seis. Son persoas que deitan o cliente no sofá e poden estar dous, tres, seis, nove anos. Pódese dicir, dende o respecto, que non é moi efectivo para curar trastornos emocionais.
Polo tanto, vostede non sería moi partidaria do modelo arxentino baseado no ”poña un terapeuta na súa vida”.
Coido que por unha banda está ben que as persoas acudan ao psicólogo se o precisan e, doutra banda, creo que se pode vivir sen a necesidade de ir cun psicoterapeuta da man a tódalas partes, que o ser humano é o seu primeiro psicólogo e, se tivemos a fortuna de ter unha infancia saudable e nos educaron na fortaleza, na audacia contra o mundo, e logo a vida non nos foi moi desfavorable é posible que pases a vida sen necesidade de recorrer a un psicólogo como seguramente non se teña que recorrer a un oncólogo.
Vostede decántase máis por un ‘consumo moderado’ de psicólogos.
Ben, non hai que perder de vista que os psicólogos somos como os limpaparabrisas do coche, axudamos a ver mellor o camiño, pero cada quen debe seguir a súa ruta.
Parece que a relación entre psicólogos, psiquiatras e psicanalistas non é demasiado saudable. Na casa do ferreiro coitelo de pau?
Tense dito iso, efectivamente, pero na actualidade, nun servizo de psiquiatría dun hospital hai psicólogos e nas consultas privadas dos psicólogos hai algún psiquiatra, xa que algúns trastornos requiren a prescrición de psicofármacos. Polo tanto, cada vez hai máis integración de ambos os dous grupos, aínda que ben é verdade que a sociedade entende mellor aos psiquiatras.
Os médicos recomendan exercicio físico para ter o corpo en forma. Que aconsellan os psicólogos para manter a mente e o espírito en forma?
Tamén exercicio físico. No meu libro Ansiosa-mente digo, na última parte, que para combater a ansiedade é necesario non automedicarse, poñerlle atención á alimentación e exercicio físico. O exercicio é moi bo para todo porque non podemos separar mente e corpo. O cerebro son 350 gramos dunha materia gris e aí dentro, se buscas, non vas atopar a intelixencia nin as emocións, pero sen cerebro non hai nin intelixencia nin emocións. Polo tanto, se ese corpo físico está ben adestrado, áxil, se lle dá o aire, a luz, non está canso nin con exceso de peso… estaremos mellor. Ademais, están as famosas endorfinas, que son esas especies de morfinas naturais que segrega o noso cerebro cando bailas ou ris, corres ou fas exercicio físico. Eu son moi partidaria do exercicio físico.
Practica co exemplo?
E logo! E veume moi ben.
Hai algo máis para manter a mente en forma?
Si, son moi importantes as relacións humanas, a risa, manter o bo humor, non quedar encerrado. As redes sociais son un sustento moi importante que che dá unha proporción moi importante de saúde. Dicía o cardiólogo Fuster que os españois, especialmente as españolas, somos máis lonxevos ca outros cidadáns do mundo especialmente porque somos máis faladores. Eu estou de acordo con el. Falar, conversar, manter relacións amigables… a amizade é moi barata de manter. Non obstante, a amizade en ocasións non a preservamos, considerámola un fenómeno da infancia ou da primeira xuventude. Pero despois, cando nos emparellamos ou casamos parece que nos temos que entregar en corpo e alma á outra persoa, aos fillos se nacen e ao noso traballo, e iso non está ben. A amizade é un valor, xa o dicía Aristóteles, eterno, é un regalo da natureza. As cousas máis interesantes da vida son todas gratis e a amizade é unha delas e coido que che axuda moito a manter redes de seguridade ante as adversidades ou os golpes da vida. Afúndeste menos porque tes un lugar onde amarrarte. Ás veces os golpes son inmensos, pero está estudado que mesmo nos momentos de alta adversidade o contacto humano, o consolo humano fai que sexa máis levadeiro.
Achégase o Nadal, festas entrañables por antonomasia, pero tamén fonte de temor e malestar en moitas persoas. Por que?
Entendo ben a quen se deprime e a quen non lle gusta o Nadal. Eu tampouco son unha grande entusiasta, pero paso polo aro como todo o mundo porque no Nadal hai uns roles ‘obrigatorios’. Todos teñen que ser familiares, ‘bos’ e temos que consumir moito. Está moi disfrazado, pero é consumismo absoluto. E logo hai persoas que non teñen a ninguén que volva á casa polo Nadal e realmente séntense máis soas.
A soidade é unha enfermidade?
Non, desgraciadamente é un feito e hai persoas que non saben saír do seu ámbito de soidade. Creo que era Carmen Alborch a que dicía que non é o mesmo vivir só que estar só. E o contrario tamén: hai estudos sobre matrimonios e sábese que persoas que viven xuntas, casadas e que non se separan non teñen unha vida satisfactoria; e cando se lles pregunta se se senten sós afirman que si, máis homes ca mulleres, por certo.
Algunha receita natalicia contra a soidade?
Campoamor falaba da soidade de dous en compañía. O consello natalicio é que se es máis frío ca un “tímpano”, como dicía un sobriño meu, se cadra es alleo a todo o que está a pasar, pero se non es tan frío e che afecta o ritual do nadal, o bombardeo dos medios de comunicación… únete a quen sexa, porque sempre hai outra persoa que se vai atopar na túa mesma situación. E unha aperta entre dous descoñecidos pode ter a mesma intensidade e o mesmo amor ca entre dúas persoas coñecidas.
Nunha sociedade coma esta, que promove a desconfianza, non parece que a súa receita sexa factible.
Si é certo que a promove, pero esa aperta ao descoñecido dála en momentos de alta tensión emocional.
Pódese loitar contra a desconfianza?
Home, creo que non hai que facer os nosos fillos desconfiados. Unha das grandes claves da vida é a educación, que valores che dan a ti. Aínda que moitos os reconstrúes ou os eliminas, boa parte deles quédanche. A educación é definitiva, non podes facer os teus fillos desconfiados, malos, covardes. Hai que evitar que entendan a vida en termos de hostilidade, de eles e nós, nin sequera cando van ao partido de fútbol. Non hai que crear inimigos onde simplemente hai un xogo de adversarios. O deporte é un vehículo moi curioso da educación, porque non o parece, pero éo, e moito.
Hai que pensar que todo o mundo é bo?
Os fillos teñen que entender dende o principio que o mundo é bo e que os humanos somos benévolos. Iso non é de todo certo, pero cando a vida che vai amosando a outra cara, ti xa es máis maduro. Por desgraza, agora o que se leva é os malos, os agresivos. Os rapaces bos son uns ‘pringados’. Parece que a bondade non está de moda. O bo é ser violento, agresivo, e non! A bondade e a benevolencia son os maiores tesouros dos humanos.
O consumo é unha boa terapia psicolóxica?
Inmediata si. Se hoxe estás moi triste, vas a unha tenda e mercas uns zapatos, ao mellor volves menos triste. Pero eu penso que non está demasiado ben, sobre todo agora que chegamos ao Nadal e o consumo se dispara. Din os psicólogos de consumo que máis do 40% das compras nun grande almacén corresponden a un acto impulsivo. Hai que ter coidado porque é unha conduta que se pode converter en compulsiva.
Onde está o límite?
Eu non sei cal é o límite. A compra é como a condución: transcende moito máis do que en realidade significa. Conducir non é só “trasládome de aquí a Bilbao”, senón que significa: “teño un coche máis grande, son máis rico, son máis guapo, corro moito, pícome con este, vanme ver os veciños…” Conducir é moito máis ca trasladarse, e a min gústanme as motos, sei o que é o pracer da velocidade. Na compra o mesmo.
E en que pode axudar a psicoloxía a un consumo responsable ou razoable?
Eu non son partidaria de que non consumamos. Persoalmente creo que quen é feliz consume menos, aínda que tamén creo que a vida actual está tan desenvolvida que nos ofrece produtos estupendos sen os que a vida é máis difícil. A psicoloxía pode axudar dicíndoo.
É importante saber dicir non. Por que?
Non todos os “non” son iguais, non todos son bos nin malos. Defender os teus dereitos, o teu criterio, non significa que te teñas que pór en contra do outro nin ser mal educado, pero moitas persoas non o saben facer e van tragando.
A timidez é, polo tanto, algo negativo?
A timidez é bastante máis desvantaxosa ca vantaxosa. Os tímidos son cariñosos, téndese a protexelos, teñen encanto, son discretos, non son mal educados. Esas son as vantaxes. Pero que lle digan a un tímido serio, a un tímido de verdade: “gustaríache deixar de ser tímido”… E estaría encantado de deixar de selo, é que non se atreven nin a devolver uns zapatos porque lles deron os dous de mesmo pé. A timidez de verdade, profunda, é un obstáculo.
Como se aprende a ser asertivo?
Unha vez máis poño o acento na educación na casa. Pero se a unha persoa que nos lea lle gustaría que a axudasen a reforzar un pouco a súa capacidade de decisión, aconséllolle que acuda a un psicólogo, porque os psicólogos si que ensinamos a reforzar a propia identidade, a falar en público, a saber dicir non, a reforzar a autoestima, que é un elemento moi importante.
Precisamente, ter problemas para dicir non debe ser un dos motivos relevantes que causan a ansiedade, que é algo que xa tratou nun libro. Vivimos nunha sociedade ansiosa?
Si, a nosa sociedade ten uns índices de ansiedade moi elevados.
Amais de tomarmos varias tilas, que podemos facer para combater a ansiedade e, perdóeme, para non acudir ao psicólogo?
O primeiro paso é recoñecela, porque moitas persoas nin sequera perciben que esa especie de inquietude permanente non é normal. Cren que é así, que non hai outra, pero non é así. De tódolos xeitos, e en liñas xerais, a ansiedade cúrase axiña e ben.
O que non se cura tan decontado e tan ben é o mal de amores. Precisamente, o amor é o protagonista doutro dos seus libros, no que asegura que se pode aprender a amar. Pode dar unha breve clase maxistral?
Ti dicías antes que coidabamos o corpo. Efectivamente, tratamos de non comer graxas para o colesterol, as mulleres maquillámonos, imos ao dentista se temos un problema, durmimos convenientemente…, pero o amor non o coidamos, pensamos que funciona só. E o amor ou a vida de parella é xa desde moi pronto vulnerable a moitas ameazas. Por exemplo, a monotonía, o aburrimento, as discusións, a infidelidade, outras ameazas máis vagas… a infertilidade e antes de todas elas os tópicos. O amor está moi rodeado de tópicos: as cancións, a literatura… adornárono moito e entón a xente confunde namoramento con amor. O namoramento é amor pero é só a primeira fase. É un amor moi fulgurante, máis cinematográfico, moi atraente, verdadeiramente bonito… Pilar Miró dicía que o mellor estado do home é namorado e correspondido. E eu subscríboo, pero esa primeira etapa de namoramento esvaécese e transfórmase. Aí pode rematar o amor, pois ben, “que nos quiten o bailado”, pero pode que se transforme en algo menos rechamante pero moi, moi importante para a vida. Eu sosteño que un amor, aínda que deteriorado, vale moito e hai que procurar defendelo e, ao final, se non hai defensa, pois rematou. E eu poño a atención nas discusións, porque as persoas non lle dan importancia. Hoxe discuto, mañá tamén, pasado… e chega un momento en que a maneira de entenderse entre dous membros dunha parella é sempre a discusión, a hostilidade. E aí, lonxe de ser cooperantes, son contrarios e ao final convértense en inimigos. Hai parellas que teñen como o maior inimigo na vida o seu cónxuxe.
Como se pode arranxar?
Primeiro recoñecéndoo. As persoas téñense que decatar de que hai unha fortuna inmensa que é o amor, tan inmensa como que é o máis importante da vida, sen dubidalo. Os que estaban nos avións no 11-S e souberon que ían morrer enviaron mensaxes telefónicas. Todos eran de amor: parella, fillos, familiares… No último momento, cando xa nada importa segue importando o amor. Hai que facer como esa canción española: quen teña un amor que o coide, que o coide. Así que quen teña un amor e nos lea que se decate de que esa señora que ten ao seu lado, que ese señor calvo é o seu príncipe azul, seguramente vai ser a persoa que che vai querer toda a vida, que che vai axudar. É un apoio, unha axuda extraordinaria e é unha marabilla poder querer a alguén, non xa que te queiran, senón poder querer ti. Que te poidas entregar a alguén, regalarlle os teus coidados, a túa paixón, o teu talento, a túa axuda, as túas caricias…, iso é tan fantástico que hai que decatarse.
Se se considera que os principais conservantes dos alimentos son o sal e o azucre, que é o mel e o azucre no caso do amor?
Mira, o sal e o azucre serían: as conversas, evitar as discusións e, se se discute, buscar posicións de empatía, de pórse no lugar do outro -porque seguramente algo de razón ten-, e así impedir que as diferenzas medren e que, ademais, se tornen en costume. Todas as mostras amorosas físicas: os bicos, as caricias, os abrazos, as palabras bonitas son moi importantes, porque ao principio dinse moito e logo vanse dicindo cada vez menos e, ao final, chega un momento en que case dá apuro dicir “como estás cariño?”, ou darse un bico de despedida. Hai unha investigación moi interesante que di que nas parellas que se dan un bico de despedida antes de marchar a traballar hai maior felicidade, maior triunfo laboral e ata unha maior esperanza de vida. Polo tanto, poña varios bicos na súa vida!
A neurociencia di que o amor é pura química, pero en sentido literal, non metafórico. Ante iso, que marxe nos queda?
Pura química somos todos, porque somos corpo. Pero hai un elemento máxico que nos distingue dos animais e é que somos infinitamente máis intelixentes e, consecuentemente, infinitamente máis malos, máis bos, máis artistas… O amor é química como é química a creación. Non é explicable, pero é así.
Unha parte relevante do seu traballo foi ata agora a súa colaboración cun medio de comunicación. Que efectos teñen os medios de comunicación, prensa, radio, televisión ou Internet na saúde emocional das persoas?
Acabas de citar catro cousas que son absolutamente necesarias para a vida actual. É inconcibible agora a vida sen prensa, televisión, radio e Internet. A clave está no mal uso ou quizais no abuso. Os nenos que están moitas horas diante da televisión, por pura resta, non o están a pasar cos seus amigos xogando na rúa, e si é verdade que hai nenos que ven moito a televisión e si é verdade que na televisión hai moita violencia. Eu sempre conto a anécdota dunha amiga sueca que me dixo o seguinte: alguén díxolle á súa nena de cinco anos “morreu a avoa”, e a súa única resposta foi “quen a matou?”. A nena non entendía que as mortes podían ser naturais.