Claves para non lle dar as costas á dor lumbar
Camiñar ergueito ten un alto custo, e iso sabémolo moi ben todos os humanos porque a todos, nalgún momento da nosa vida, nos doeron as costas. A miúdo é unha consecuencia do estrés, das tensións e, especialmente, do sedentarismo e das malas posturas propias da vida moderna. Malia ser unha das dores máis comúns en todas as persoas, poucos afectados lle atribúen a importancia que ten, o que conduce a que se pospoñan solucións para tratala, eliminala e evitar a súa reaparición sempre que sexa posible.
A dor de costas é a dor mecánica que afecta ao aparato músculo-esquelético, é dicir, aos músculos e vértebras. Dependendo da súa localización, denomínase cervicalxia, cando afecta ás vértebras cervicais; dorsalxia, se afecta ás dorsais; e lumbalxia, se se localiza nas lumbares, na parte inferior da columna. Pero, ademais, esta dor pode ter a súa orixe en problemas estruturais da columna, como unha desviación (escoliose), o desgaste dos ósos (artrose) ou as hernias nos discos (almofadas que se sitúan entre as vértebras).
As máis das veces a súa orixe é un problema mecánico músculo-esquelético, aínda que se trata dun síntoma que non é característico dunha enfermidade, senón indicador de varias. Polo tanto, pode ser tamén o reflexo dun cólico de ril, dun problema dixestivo, endócrino ou xinecolóxico, entre moitos outros.
No diagnóstico da dor de costas hai que ter en conta que unha radiografía non sempre revela a presenza dun dano estrutural, como a escoliose, a artrose ou as hernias. Mesmo se dá o caso de que en moitos pacientes se constataron estes danos pero, en cambio, non hai dor nas costas. Por esta razón, intentar buscar unha causa estrutural da dor nas radiografías considérase un concepto antigo por parte dos clínicos. En caso de dúbida, na actualidade téndese a prestar maior atención aos síntomas que describe o paciente que á información das placas radiolóxicas.
En España, os centros de atención primaria, as unidades de tratamento das costas, as unidades da dor e as mutuas de accidentes de traballo figuran entre os servizos aos que se pode dirixir o afectado. A onde acudir primeiro? A primeira porta correspóndelle ao médico xeral ou de familia do seu centro de atención primaria. Dende aí débese valorar a dor que padece e aplicar as primeiras medidas terapéuticas que, na maioría dos casos, abondan.
Se a dor persiste e o médico de atención primaria o considera necesario, deriva o paciente a un especialista. A dor de costas non é patrimonio dunha soa disciplina médica, senón unha afección que, a miúdo, debe ser atendida por un equipo multidisciplinar de profesionais, é dicir, un traumatólogo, un reumatólogo, un médico rehabilitador e, en casos máis extremos, por un cirurxián ortopédico ou neurocirurxián. Estes especialistas pódense agrupar nas chamadas Unidades das Costas, habituais, aínda que non comúns, en hospitais e centros sanitarios públicos.
En certos casos, a dor de costas non se soluciona con tratamentos farmacolóxicos e os pacientes deben someterse a unha intervención cirúrxica. Nunha pequena proporción de casos elimínase a fonte orixinaria de dor (como unha hernia), pero poden xurdir complicacións (como unha fibrose) que xeran outra dor. As Unidades da Dor dedícanse a atender a dor rebelde e que cronificou. Están atendidas fundamentalmente por anestesistas, aínda que tamén hai outros profesionais sanitarios que se dedican a paliar esa dor que non cede.
Nas mutuas de accidentes de traballo tamén se atende a pacientes con dor de costas. Visítaos un traumatólogo que decide se a persoa afectada precisa rehabilitación ou non. Entre eles abundan os oficinistas, que a sofren por malas posturas, e os empregados do sector da construción, que a desenvolven tras realizar esforzos e levantar pesos.
Outros problemas adicionais constitúenos as demoras na práctica de probas diagnósticas, o longo tempo de espera dende que se indica unha cirurxía ata que se realiza e os atrasos posteriores ata que o paciente pode recibir tratamentos nas Unidades da Dor. A acumulación de atrasos e tempos de espera acaba repercutindo negativamente na calidade de vida do afectado.
Os tratamentos dispoñibles para a dor de costas, asociados a distintos graos de evidencia científica, son numerosos. Os fármacos analxésicos e os antiinflamatorios (paracetamol e ibuprofeno administrados a intervalos regulares e non en función da demanda do paciente) e os relaxantes musculares (como diazepam a doses baixas, durante unha semana e sempre que non xere dependencia nunha persoa) representan o primeiro chanzo terapéutico para combater a dor de costas.
Grazas a estes fármacos e a medidas de hixiene postural, a dor cede na maioría dos casos. Así, no da lumbalxia -que pode afectar ao 60%-90% das persoas ao longo da súa vida- máis do 90% dos pacientes se recuperan en 3-6 meses e máis do 90% das baixas laborais non superan os dous meses de convalecencia.
O tratamento estándar da dor aguda coa que traballan os fisioterapeutas é a electroterapia, baseada en aplicar correntes eléctricas antiinflamatorias ou analxésicas. Por regra xeral, as persoas con dor de costas precisan un mínimo de 15 sesións cunha duración de 45 minutos cada unha para tratar a súa dor. Así e todo, tamén se practica a terapia manual, consistente en masaxes, estiramentos pasivos e traccións.
A ozonoterapia, ou aplicación de ozono, publicitouse nos últimos anos como unha técnica eficaz para tratar as hernias discais, pero segue a ser moi controvertida e actualmente carece de evidencia científica suficiente que avale a súa eficacia e utilidade.
A intervención neurorreflexoterápica (NRT) ou neuroreflexoterapia é unha técnica non farmacolóxica que consiste na implantación transitoria dunhas grampas na pel da zona das costas que hai que tratar (cervical, dorsal ou lumbar). Efectúase ambulatoriamente e sen anestesia. Aínda que en ocasións pode producir pequenas infeccións, non comporta riscos importantes e evita os efectos adversos dos fármacos, como os problemas dixestivos.
Está indicada para aliviar ou curar as dores de costas cando os fármacos non curan e desaconséllase a cirurxía. Esta técnica aplicóuselle a máis de 140.000 persoas, e entre o 80% e o 90% delas deron aliviado ou eliminado a dor.
Actualmente, a NRT iniciouse no sistema público. Xa é accesible na sanidade pública de Madrid, Asturias, Cataluña e Baleares.
No tocante ás medidas preventivas, un dos aspectos máis novos nos últimos anos refírese ás recomendacións sobre o repouso e a actividade cando aparece a dor de costas. Neste sentido, o repouso absoluto na cama, que era o que se predicaba hai uns anos, desaconséllase na actualidade, e mesmo se está a ver que é contraproducente. A consigna actual é que, transcorridos os primeiros días da aparición da dor, en que esta pode resultar ‘invalidante’, o paciente evite o repouso absoluto e manteña certo grao de actividade, coa intensidade que sexa posible.
A hixiene postural, tal e como reflicte a Escola Coidar as Costas, elaborada por CONSUMER EROSKI é básica para gozar dunhas costas saudables, evitar futuras dores ou recuperarse delas. A clave reside na prevención. Velaquí algúns dos consellos que inclúe esta escola:
- O peso hai que levantalo co lombo dereito, flexionando os xeonllos. A forza débese facer coas pernas, no canto de dobrar as costas.
- Durmir boca arriba ou de lado (en posición fetal) e evitar colocarse boca abaixo.
- Non permanecer máis de 45 minutos sentado. Pasado este tempo, o afectado debe erguerse -abondan uns segundos- e estirar as pernas.
- Cómpre realizar un programa de exercicios musculares que inclúa os músculos dorsais, abdominais, cuádriceps e isquiotibiais para fortalecelos e para facer unha especie de “faixa natural” que protexa as costas. Os programas clásicos de estiramentos, o ioga ou o Pilates son métodos útiles para reforzar as costas.
- É importante utilizar unha almofada que non sexa nin moi grosa, para que as cervicais descansen ben e non estean excesivamente flexionadas, nin demasiado fina, para que a cabeza non se incline excesivamente cara a atrás.
- Utilizar un colchón de firmeza media.
- Débese colocar o ordenador diante (non a un lado) para que a persoa mire de fronte e manteña as costas rectas.
- A cadeira regulable (que sobe e baixa) permítelle ao usuario colocarse a unha altura axeitada fronte ao ordenador.
- O uso dun auricular pode ser útil para os empregados que falan moito por teléfono, xa que ao elevar o ombreiro para atender as chamadas e ter libre as mans para escribir ou facer outras tarefas, orixínanse contracturas.