Flans envasados: as mesmas calorías ca un iogur pero con máis aditivos
Os flans de ovo e vainilla, polo seu emprego do leite como ingrediente principal, pódense asociar a outras sobremesas lácteas como crema, mousse, callada, crema catalá ou arroz con leite. Coa elaboración industrial destes flans (que, malia a seren moi consumidos, carecen de normativa específica que os regule), que en certa medida imitan a receita caseira, ofréceselle ao consumidor unha fórmula cómoda e saborosa de sobremesa láctea, sempre doce. Porque tanto aos flans de ovo como aos de vainilla se lles engade, e xenerosamente, azucre. No de ovo, o segundo ingrediente maioritario é precisamente o ovo, mentres que no flan de vainilla o é o azucre.
CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 4 flans de ovo e outros tantos flans de vainilla, de Danet, Dhul, La Lechera e Pascual, comercializados en paquetes de catro unidades de 100 ou de 110 gramos cada un, salvo Dhul de vainilla, con envase de 500 gramos. Son máis caros os flans de ovo (de media, saen a 3,93 euros o quilo) ca os de vainilla (2,99 euros o quilo). Tres incumpren a normativa de etiquetaxe ao salientaren o leite con imaxes e non indicaren a cantidade que conteñen deste ingrediente. Outras conclusións: os oito atopábanse en correcto estado hixiénico-sanitario e carecían de transxénicos.
Moito azucre
No nutricional, comprobouse que o flan de ovo ten máis proteína, graxa e azucre e que achega máis calorías ca o de vainilla, se ben nin un nin o outro se poden considerar alimentos proteicos (ningún chega ao 5% de proteína), graxos (só conteñen entre o 0,2% e o 3,9% de graxa, segundo a mostra) nin enerxéticos: o máis calorífico queda en 156 calorías cada cen gramos. O principal macronutriente destes flans é o hidrato de carbono (un 21% de media), que provén na súa maior parte do azucre engadido (sacarosa), aínda que tamén contén lactosa (azucre do leite), xarope de glicosa (do caramelo) e o amidón (espesante engadido), que se atopa en seis das oito mostras. O azucre engadido, a sacarosa, representa entre o 15% (en Dhul de ovo) e o 6% (La Lechera de vainilla). De media, o flan de ovo (12,2%) ten case un 50% máis de azucre engadido (8,5%) ca o de vainilla, aínda que hai diferenzas no contido de azucre dunhas e outras mostras de cada tipo de flan.
Estes flans conteñen, sobre todo, leite, unha gran proporción de azucre (entre o 13% e o 21%) e pouco sal, arredor do 0,2%. Achegan a mesma cantidade de calcio e a mesma enerxía ca o iogur, e entre un 15% e un 45% menos calorías ca unha mousse ou ca unha crema catalá. O contido en lactosa (azucre do leite) permite realizar unha estimación do contido de leite nestes flans, se ben só aproximada, xa que conteñen outros ingredientes (leite en po, nata) con lactosa.
Entre os de ovo, os dous con máis leite son La Lechera e Pascual e, entre os de vainilla, Danet e Dhul. Os dous flans de Pascual, ao recibiren tratamento UHT, pódense gardar a temperatura ambiente, mentres que os demais deben conservarse en frío. Por outra banda, só Dhul ovo emprega conservantes (E-202: sorbato potásico), aínda que o recurso a aditivos é común nesta sobremesa láctea: os máis utilizados son espesantes (estabilizantes ou xelificantes), aromas e colorantes.
Mellor relación calidade-prezo
A análise revela que os flans de ovo (compostos por leite, ovo, azucre, caramelo, espesantes, colorantes e aromas) non son máis naturais ca os de vainilla, que carecen de ovo e teñen máis leite se ben recorren máis ao uso de aditivos como aromas e colorantes. Na análise sensorial (cata de consumidores), non salientou un tipo de flan sobre outro, pero o mellor valorado foi un de ovo, Danet, que ao ter un prezo (3,11 euros/quilo) e mais unha composición nutricional intermedios se converte na mellor relación calidade-prezo. Ademais, o seu contido en graxa é o menor do comparativo e é o único que non utiliza espesantes como o amidón.
A graxa
O valor medio de graxa nestes flans é modesto, o 2,2%. A mostra máis graxa é Dhul ovo (3,9% de graxa) e a que menos, Dhul vainilla, con só o 0,2% de graxa. Os ingredientes que lle achegan graxa aos flans son o leite (se é desnatado, a achega é practicamente cero), o ovo e mais a nata. Os flans de ovo (3,1% de graxa, de media) conteñen máis do dobre de graxa ca os de vainilla (1,4%). Esta maior achega débese ao ovo, pero tamén ao maior emprego de leite enteiro ca nos de vainilla. Entre os flans de ovo, Dhul (3,9% de graxa) e Pascual (3,1%) son os máis graxos.
O de Pascual emprega leite desnatado e ten a metade de ovo ca os outros tres, pero engade nata, e iso explica o seu relativamente alto contido graxo. O flan de ovo con menos graxa é Danet, que usa leite desnatado e que carece de nata: a achega graxa provén do ovo, ingrediente que representa o 23% do produto.
Pola súa banda, os catro de vainilla elabóranse con leite desnatado ou semidesnatado e carecen de ovo, o que explica o seu menor contido graxo. Danet (2,2% de graxa) e Pascual (2,1%) son os flans de vainilla máis graxos. En Danet débese a que usa leite só parcialmente desnatado e leite concentrado en po e, en Pascual, ao emprego de nata. Dhul, o menos graxo, só contén un 0,2% deste nutriente; o motivo é que o seu leite é desnatado en po reconstituído. Pascual ovo, que fai a declaración nutricional “contido reducido de graxas un 38%”, aínda que non poida afirmarse que incorre en incumprimento, é unha das mostras con máis graxa (3,2%). Se se compara con outras sobremesas lácteas, o flan de ovo (3% de graxa) ten o mesmo contido graxo ca o iogur, tres veces menos ca a mousse de chocolate (que ten o 8,8% de graxa) e ca a crema catalá (9,1%), algo máis ca o arroz con leite (1,9%) e un chisco menos ca a crema (4,2%). O flan de vainilla (1,4% de graxa), pola súa banda, é a sobremesa láctea menos graxa. E, se traducimos a calorías, o flan de ovo (134 calorías cada cen gramos) é máis enerxético ca o flan de vainilla (105), ca o arroz con leite (110) e ca o iogur (115 calorías cada cen gramos), pero menos ca a mousse de chocolate (190) e ca a crema catalá (178 calorías cada cen gramos).
Vitaminas e minerais e táboa comparativa
Vitaminas e minerais
Calcio e fósforo son, debido a que tamén xogan este papel estelar no leite, os minerais básicos desta sobremesa láctea.
Enténdese por Cantidade Diaria Recomendada (CDR) a cantidade dun nutriente que unha persoa sa debe inxerir acotío por termo medio a través da dieta para manter un bo estado de saúde.
Un flan de ovo ou de vainilla de cen gramos achega o 22% do calcio da CDR, mentres que un vaso de leite (200 mililitros) achega un 33% e, un iogur, o 24%. Das vitaminas, débense salientar nestes flans as propias do leite, B2, B12, A e D, estas tres últimas presentes en maior cantidade ao levar ovo.
Marca | Danet (ovo) | Dhul (ovo) | La Lehera (ovo) | Pascual (ovo) |
---|---|---|---|---|
Formato (g) | 440 (4×110) | 440 (4×110) | 440 (4×110) | 440 (4×110) |
Prezo (euros/kg) | 3,11 | 4,81 | 4,52 | 3,25 |
Humidade (%) | 71,5 | 65 | 68 | 74 |
Proteína(%) | 4,7 | 4,9 | 4,7 | 3,6 |
Graxa (%) | 2,3 | 3,9 | 2,9 | 3,2 |
Carbohidratos (%) | 21 | 25 | 24 | 18 |
Azucres totais (%) | 18 | 21 | 20 | 13 |
Sacarosa (%)1 | 14 | 15 | 13,5 | 7 |
Lactosa (%)2 | 2,5 | 2,4 | 3 | 2,9 |
Valor calorífico (Cal/100g) | 123 | 156 | 139 | 116 |
Sal (%) | 0,25 | 0,23 | 0,22 | 0,17 |
Cata (de 1 a 9) | 6,9 | 6,5 | 5,7 | 6,2 |
Marca | Danet (vainilla) | Dhul (vainilla) | La Lechera Flanby (vainilla) | Pascual (vainilla) |
---|---|---|---|---|
Formato (g) | 440 (4×110) | 500 | 440 (4×110) | 440 (4×110) |
Prezo (euros/kg) | 2,79 | 3,7 | 2,89 | 2,58 |
Humidade (%) | 73 | 76 | 76 | 74 |
Proteína(%) | 3,5 | 2,7 | 2,9 | 2,4 |
Graxa (%) | 2,2 | 0,2 | 1,0 | 2,1 |
Carbohidratos (%) | 20 | 20,5 | 20 | 21 |
Azucres totais (%) | 17 | 14 | 14 | 16 |
Sacarosa (%)1 | 11 | 9 | 6 | 8 |
Lactosa (%)2 | 5,1 | 3,7 | 3,6 | 3,6 |
Valor calorífico (Cal/100g) | 115 | 95 | 99 | 112 |
Sal (%) | 0,18 | 0,20 | 0,18 | 0,14 |
Cata (de 1 a 9) | 6,3 | 6,2 | 6,2 | 6,2 |
1. Sacarosa: azucre branco ou azucre común engadido ao alimento.
2. Lactosa: azucre presente no leite. Indica aproximadamente a cantidade de leite que contén o alimento.
Un a un, 8 flans de ovo e de vainilla
Un a un, 8 flans de ovo e de vainilla
Danet ovo
- 4 envases de 110 gramos cada un. Sae a 3,11 euros o quilo. O máis barato dos flans de ovo comparados.
- A mellor relación calidade-prezo.
- Ingredientes fundamentais: leite desnatado, ovo, azucre e caramelo.
- Etiquetaxe incorrecta: salienta un dos seus ingredientes (leite) por medio de imaxes no envase e non indica a cantidade deste ingrediente na súa etiqueta.
- A súa cantidade de graxa (2,3%) é inferior á dos outros flans de ovo estudados, que teñen entre o 3% e o 4% de graxa. O seu leite é desnatado e non emprega nata.
- Di que o 23% do produto é ovo, ao igual ca Dhul; os outros dous aseguran que o é o 21% e o 12%. Valor enerxético moderado: 123 calorías cada cen gramos.
- O único sen aditivos espesantes. Usa un colorante natural: E-160b ou bixina.
- Na cata acada 6,9 puntos e foi o preferido: gusta polo seu “sabor natural” e por ser “suave”, pero critícase o seu pouco sabor.
La Lechera ovo
- 4 envases de 100 gramos cada un. Sae a 4,52 euros o quilo, case tanto coma o máis caro.
- Fai unha alegación nutricional (“contén só un 3% de materia graxa”) que cumpre.
- Ingredientes fundamentais: leite desnatado, leite enteiro, ovo, azucre, caramelo e amidón de millo modificado.
- A cantidade de leite (60%) é superior á de Dhul ovo e á de Danet ovo, que teñen arredor dun 50%.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Engade tamén aromas, pero carece de colorantes.
- Na cata queda en 5,7 puntos: gusta polo seu “sabor natural”, pero é criticado pola “sensación na boca” e polo “pouco caramelo”.
Dhul ovo
- 4 envases de 110 gramos cada un. Sae a 4,81 euros o quilo, o máis caro dos oito flans comparados.
- Ingredientes fundamentais: leite, leite desnatado, ovo, azucre, caramelo e proteínas de leite.
- A súa cantidade de graxa (3,9%), sen ser excesiva, é a maior dos oito flans; e o mesmo se pode dicir do seu valor enerxético (156 calorías cada cen gramos) e do seu contido en azucres totais, o 21%.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Engade aromas. O único dos oito flans comparados que recorre aos conservantes (E-202, sorbato potásico).
- Na cata acada 6,5 puntos: gusta pola súa “cor”, pero é criticado por “compacto” e “seco”.
Pascual ovo
- 4 envases de 100 gramos cada un. Sae a 3,25 euros o quilo, case tan barato como o que máis entre os flans de ovo.
- Fai dúas alegacións nutricionais: “contido reducido de graxas un 38%” e “sen conservantes”. A segunda cúmprea; a primeira non se pode asegurar que o faga, porque a referencia á que somete esa redución do 38% de graxa non é exacta.
- Ingredientes fundamentais: leite desnatado, ovo, azucre, caramelo, nata e amidón de millo modificado.
- Etiquetaxe incorrecta: destaca un dos ingredientes (leite) por medio de imaxes e non indica a súa cantidade na etiqueta.
- A cantidade de leite (60%) é superior á de Dhul ovo e á de Danet ovo, que teñen arredor dun 50%. Di que o 12% do seu produto é ovo, cando os outros tres aseguran ter máis do 20% de ovo.
- Indica conter nata, o que é coherente coa súa cantidade de graxa (3,2%), algo superior á dos outros flans de ovo.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Usa un colorante natural: caroteno.
- Na cata acada 6,2 puntos: gusta pola súa “consistencia” pero é criticado pola “sensación na boca”.
Danet vainilla
- 4 envases de 100 gramos cada un. Sae a 2,79 euros o quilo.
- Ingredientes fundamentais: leite parcialmente desnatado, azucre, leite desnatado concentrado ou en po, caramelo e amidón de millo. Pódese dicir que é un dos dous flans de vainilla con máis leite dos estudados, case o 100% é leite, cando nos outros dous o é o 80%.
- Graxa (2,2%) e enerxía (115 calorías cada cen gramos), máis ca outros dous flans de vainilla, pero dentro duns valores moderados.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Emprega amidón de millo. Usa varios colorantes, non naturais. *Engade tamén aromas.
- Na cata acada 6,3 puntos: gusta pola súa “consistencia”. Non é criticado por ningún dos parámetros.
La Lechera Flanby vainilla
- 4 envases de 100 gramos cada un. Sae a 2,89 euros o quilo.
- Fai dúas alegacións nutricionais (“75% leite” e “só 0.8% M.G.”).
- Ingredientes fundamentais: leite parcialmente desnatado, azucre, caramelo e amidón de millo, leite desnatado en po.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Emprega amidón modificado (compoñente do caramelo).
- Usa un solo colorante, natural: E-160a, carotenos. Engade tamén aroma (vainilla).
- Só ten o 1% de graxa, e achega 99 calorías cada cen gramos.
- Na cata recibe 6,2 puntos: gusta pola súa “cor” pero critícase pola súa “aparencia” e por “artificial”.
Dhul vainilla
- Envase de 500 gramos. Sae a 3,7 euros o quilo, o máis caro dos flans de vainilla estudados.
- Fai unha alegación nutricional (“0% materia graxa”). A análise rexistrou un 0,2% de graxa; considérase correcto.
- Ingredientes fundamentais: leite desnatado en po reconstituído, azucre, caramelo e amidón modificado. Pódese dicir que é un dos dous flans de vainilla con máis leite dos estudados, case o 100% é leite, cando nos outros dous é o 80%.
- É o flan menos graxo de todo o comparativo: só ten o 0,2% de graxa. Pouco enerxético, achega 95 calorías cada cen gramos.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Emprega amidón modificado.
- Usa varios colorantes, non naturais. Engade tamén aromas.
- Na cata obtén 6,2 puntos: gusta pola súa “cor” e por “suave”.
Pascual vainilla
- 4 envases de 100 gramos cada un. Sae a 2,58 euros o quilo, é o máis barato dos oito flans comparados.
- Fai unha alegación nutricional (“sen conservantes”).
- Etiquetaxe incorrecta: destaca un dos ingredientes (leite) por medio de imaxes no envase e non indica a cantidade do devandito ingrediente.
- Ingredientes fundamentais: leite desnatado, azucre, caramelo, nata e amidón modificado.
- Graxa (2,1%) e enerxía (112 calorías cada cen gramos), bastante máis ca outros dous flans de vainilla, pero dentro duns valores moderados.
- Aditivos declarados: espesantes (estabilizantes ou xelificantes). Usa varios colorantes, non naturais.
- Engade tamén aromas.
- Na cata merece 6,2 puntos: gusta pola súa “cor” pero critícase porque “se desfai”.