Só unha proporciona o caudal de ducha e baño que esixe a norma
A temperatura da auga é clave para gozar dunha ducha ou dun baño confortables. Coas billas clásicas, a calor desexada obtense abrindo e pechando as billas da auga quente e da auga fría para regular a válvula interna que mestura os dous caudais. Coas billas termostáticas o mesmo proceso esixe un só xesto, xa que a temperatura se elixe mediante un preselector con escala de graos. Este sistema permítenos aforrar tempo e gañar en comodidade. Con independencia de que alguén abra outra das billas da casa, a temperatura permanece estable e o mesmo acontece se pechamos o caudal para enxaboarnos e o volvemos abrir ao rematar, unha práctica moi recomendable dende o punto de vista ambiental, xa que nos permite aforrar un recurso tan prezado como a auga.
Analizáronse no laboratorio sete billas termostáticas para ducha e baño con prezos que van dende os 95,45 euros de Argo aos 244,99 euros de Grohe. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Argo, a referencia máis barata, a que proporciona maior caudal de auga e unha das que mellor mantén a temperatura cando se abre outra billa.
Funcionan sen fugas
Antes de someter as billas ás probas de laboratorio, comprobouse cunha inspección visual da superficie a ausencia de defectos de revestimento. A continuación, e para constatar que as billas están preparadas para soportar a corrosión da auga, realizouse unha proba de avellentamento acelerado durante 200 horas nunha cámara de néboa salina. Tras a proba, observouse a aparición illada de ampolas no revestimento da billa Rousseau. Nas seis billas restantes non se atoparon. Tampouco se detectaron manchas, escamacións nin rugosidades.
Todas as mostras superaron ademais as probas de estanquidade e demostraron que funcionaban sen fugas de auga nas condicións previsibles de uso. O ensaio consistiu en aplicarlle presión ao cano pechando o obturador primeiro e o orificio de saída da billa despois, en todas as gamas de manobra do dispositivo regulador de temperatura. Realizouse tamén unha proba de estanquidade co inversor, o mecanismo interno que regula as posicións de baño e de ducha. Os resultados foron correctos nos sete casos, xa que a saída ducha permaneceu estanca ao aplicar presión co inversor en posición baño e viceversa. Ademais, tal e como esixe a norma, cando se pechaba a billa en posición ducha o inversor volvía de xeito instantáneo á posición baño. Os resultados tamén foron correctos na proba de resistencia á torsión. Aplicouse un par de torsión (unha forza xiratoria) de 6 e 3 newton/metro, respectivamente, na chave do caudal e na chave de temperatura durante cinco minutos e non se observaron alteracións, de modo que as sete mostras soportan os esforzos de apertura e peche tal e como pide a norma.
Menos caudal do que establece a norma
A normativa regula o caudal das billas e establece que, para o baño, o caudal debe ser superior a 20 litros por minuto coa billa aberta ao máximo ás temperaturas de 34, 38 e 42 ºC e cunha presión de auga de tres bares (0,3 MPa). Catro das sete billas analizadas (Tebisa, Grohe, Tres e Rousseau, que foi o peor neste apartado (11,8 l/m) quedaron moi por baixo do esixido pola norma. A mellor referencia e, xa que logo, a billa que permite encher antes a bañeira foi Argo (20,6 l/m). En posición ducha o incumprimento da norma está aínda máis espallado. Para garantir unha agradable sensación de confort, a norma establece que o caudal de ducha debe ser igual ou superior a 12 m/l. Nin Rosseau nin Tres alcanzaron este caudal en ningunha das condicións estudadas.
Un dos maiores problemas para o que deben estar preparadas as billas é que suba bruscamente a temperatura por un corte na subministración de auga fría. Para comprobar a súa resposta, cortouse o paso da auga fría e mediuse o volume e a temperatura da auga que saía durante os seguintes segundos. Os resultados foron correctos en todos os casos: tal e como indica a norma, durante os primeiros cinco segundos non se recolleron máis de 200 mililitros e durante os seguintes trinta segundos, non máis de 300 mililitros. Cando se abriu de novo a auga fría e se mediu a temperatura, a diferenza non superou os 2 ºC. Polo tanto, as sete billas termostáticas analizadas son capaces de garantir que o usuario non se queimará en caso de que se corte a auga fría. O mellor foi Grohe, seguido de Rousseau, e as billas con resultados máis pobres nesta proba foron Argo e Tres.
A temperatura da auga tamén pode subir se se abre outra billa na casa e diminúe a presión de auga fría. As billas termostáticas deben dar regulado o caudal de xeito que a diferenza de temperatura, malia o cambio de presión, sexa mínima. Os técnicos de laboratorio realizaron unha segunda proba regulando a auga a 38 ºC e reducindo progresivamente a presión da auga fría (a 0,25 MPa) e volvéndoa estabilizar despois (ata 0,3 MPa). A referencia máis pobre foi a de Tebisa, aínda que todos os resultados foron correctos, xa que a desviación da temperatura en ningún caso superou os 2 ºC.
Os resultados tamén foron correctos en todas as billas cando se foi reducindo 10 ºC a temperatura da auga quente para comprobar como respondían ante un posible fallo da caldeira. Ningún se desviou máis de 2 ºC da temperatura que indicaba o regulador e as billas que mellor responderon foron Rocha e Rousseau. Argo foi a peor referencia neste campo.
Algunhas marcas ofrecen tres anos de garantía adicional
Detectáronse tres incumprimentos da norma de etiquetaxe: Argo, Forma e Rousseau non indicaban o domicilio de ningún responsable da comercialización do produto. Tres billas, das marcas Roca, Tres e Rousseau, ofrecían unha garantía adicional de tres anos, que se suma aos dous anos de garantía obrigatorios por lei. Non obstante, no caso de Rousseau pode que o consumidor se atope con dificultades para facer valer esta garantía, xa que esta billa non indica nin na embalaxe nin na documentación adxunta ningunha dirección nin número de teléfono ao que o cliente se poida dirixir para reclamala.
- Substituír o baño pola ducha aforra entre catro e seis veces a cantidade de auga necesaria para encher unha bañeira.
- Cinco minutos de ducha abondan para unha correcta hixiene, e á hora de enxaboarse, pechar a billa aforrará auga.
- Xabóns, xampús, acondicionadores e xeles son nocivos para a natureza e convén utilizalos con sentido da medida.
- Unha boa idea en casos nos que escasee a auga pode ser encher un recipiente coa auga que sae da billa así que se abre, cando aínda non ten a temperatura desexada e utilizala despois para regar as plantas ou para algunha tarefa de limpeza.
- Canto máis alta sexa a temperatura, máis enerxía haberá que consumir: mantela entre 30 e 35 ºC debería ser abondo para unha ducha confortable.
- Debemos evitar toda clase de fugas e que pingue a auga, mesmo só un chisco. Unha pinga por segundo convértese en 30 litros de auga ao día (máis de 10.000 litros ao ano).
- Amais das billas monomando e das termostáticas, ofrécense outros elementos tecnolóxicos que axudan a aforrar na ducha: interruptores de caudal, perlizadores (filtros que mesturan aire e auga), esparexedores de baixo consumo, sensores de movemento ou sistemas de reutilización de augas grises (as que se perden polo desaugadoiro cando nos lavamos).
En síntese e táboa comparativa
En síntese, 7 billas termostáticas
- Analizáronse 7 billas termostáticas con saída para bañeira e ducha que custan dende os 95 euros de Argo ata os 244 euros de Grohe.
- Todas as billas superaron os ensaios de estanquidade e funcionaron sen fugas de auga. Comprobouse, ademais, que aturaban os constantes esforzos de apertura e peche aos que se ven sometidos. A billa Rousseau non superou a proba de avellentamento acelerado: logo de 200 horas en cámara de néboa salina observáronse ampolas no revestimento.
- O caudal de auga é onde máis fallaron as billas. A maioría das billas non dan proporcionado o caudal obrigatorio en todas as temperaturas que esixe a norma. No caudal de ducha ningunha billa proporcionaba os 12 litros por minuto en todos os casos. No caudal de baño, só Argo alcanzaba os 12 litros por minuto en todos os casos.
- Todas as billas cumpren co que esixe a norma cando a auga fría se corta, xa que ningunha se desvía máis de 2 ºC da temperatura indicada. Grohe e Rousseau foron as mellores neste apartado. Argo foi a mostra coa que a bañeira máis axiña se encheu.
- As sete mostras foron capaces de proporcionar unha temperatura estable cando se reduciu a temperatura de auga quente para simular unha parada da caldeira. As mellores referencias foron Rocha e Rousseau.
- Argo, a billa máis barata, obtivo a cualificación de mellor relación calidade-prezo. Proporcionou o maior caudal tanto en baño como en ducha e foi unha das que mellor mantivo a temperatura ao abrir outra billa.
Marca | Especificacións da norma | Argo | Roca | Forma |
---|---|---|---|---|
Modelo | 54.28.CDCR | Prada T | Niza | |
Prezo (euros/unidade) | 95,45 | 152,84 | 133,45 | |
Información ao consumidor | ||||
Etiquetaxe | Incorrecto | Correcto | Incorrecto | |
Garantía adicional 1 | Non | Cinco anos | Non | |
Características xerais | ||||
Calidade do revestimento2 | Correcto | Correcto | Correcto | |
Estanquidade do mesturador 3 | Correcto | Correcto | Correcto | |
Estanquidade do inversor 4 | Correcto | Correcto | Correcto | |
Resistencia á torsión 5 | Correcto | Correcto | Correcto | |
Funcionamento hidráulico | ||||
Caudal medio baño (l/min) | 20,6 | 18,3 | 18,5 | |
Caudal baño auga fría total (l/min) | 17,3 | 15,3 | 16,7 | |
Caudal baño auga a 34ºC (l/min) | Maior que 20 | 21,4 | 19,9 | 19,4 |
Caudal baño auga a 38ºC (l/min) | Maior que 20 | 21,9 | 20,4 | 20 |
Caudal baño auga a 42ºC (l/min) | Maior que 20 | 21,9 | 20,3 | 20,3 |
Caudal baño auga quente total(l/min) | 20,5 | 15,5 | 16,3 | |
Caudal medio ducha (l/min) | 11,9 | 11,6 | 12 | |
Caudal ducha auga fría total (l/min) | Maior que 12 | 11 | 10,7 | 11,3 |
Caudal ducha auga a 34ºC (l/min) | Maior que 12 | 12 | 12 | 12,4 |
Caudal ducha auga a 38ºC (l/min) | Maior que 12 | 12,2 | 12,1 | 12,4 |
Caudal ducha auga a 42ºC (l/min) | Maior que 12 | 12,2 | 12,1 | 12,4 |
Caudal ducha auga quente total (l/min) | Maior que 12 | 11,9 | 11 | 11,5 |
Seguridad con fallo de alimentación de auga fría 6 | Ben | Moi ben | Moi ben | |
Volume de auga durante os 5 primeiros segundos (ml) | Menor que 200 | 180 | 70 | 80 |
Estabilidade de temperatura con cambio de presión 7 | Excelente | Excelente | Moi ben | |
Variación de temperatura ao diminuír a presión da auga fría | Menor que 2 | 0,4 | 0,2 | 0,9 |
Estabilidade de temperatura con variación de temperatura 8 | Suficiente | Moi ben | Ben | |
Variación da temperatura ao diminuír a temperatura da auga quente (ºC) | Menor que 2 | 1,6 | 0,5 | 1 |
Nota de calidade global | Moi ben | Excelente | Moi ben |
Marca | Tres | Tebisa | Rousseau | Grohe |
---|---|---|---|---|
Modelo | Cub-Tres | Ente | Caress | Precision Comfort |
Prezo (euros/unidade) | 203,52 | 142,33 | 99 | 243,99 |
Información ao consumidor | ||||
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Incorrecto | Correcto |
Garantía adicional 1 | Cinco anos | Non | Cinco anos | Non |
Características xerais | ||||
Calidade do revestimento2 | Correcto | Correcto | Incorrecto | Correcto |
Estanquidade do mesturador 3 | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Estanquidade do inversor 4 | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Resistencia á torsión 5 | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Funcionamento hidráulico | ||||
Caudal medio baño (l/min) | 16,1 | 15,0 | 11,8 | 17,1 |
Caudal baño auga fría total (l/min) | 15 | 14,2 | 11,1 | 15,3 |
Caudal baño agua a 34ºC (l/min) | 16,4 | 16 | 12,4 | 18 |
Caudal baño agua a 38ºC (l/min) | 17 | 16 | 12,5 | 18,7 |
Caudal baño agua a 42ºC (l/min) | 17 | 15 | 12,3 | 18,7 |
Caudal baño agua caliente total (l/min) | 14,9 | 14 | 10,8 | 15 |
Caudal medio ducha (l/min) | 11,5 | 11,8 | 10,8 | 11,2 |
Caudal ducha agua fría total (l/min) | 10,9 | 11,1 | 10,3 | 10,5 |
Caudal ducha agua a 34ºC (l/min) | 11,9 | 12,1 | 11,2 | 11,5 |
Caudal ducha agua a 38ºC (l/min) | 11,8 | 12,2 | 11,2 | 11,8 |
Caudal ducha auga a 42ºC (l/min) | 11,9 | 12,2 | 11,2 | 11,8 |
Caudal ducha auga quente total (l/min) | 11,1 | 11,6 | 10 | 10,4 |
Seguridade con fallo de alimentación de auga fría6 | Ben | Moi ben | Excelente | Excelente |
Volume de auga durante os 5 primeiros segundos (ml) | 130 | 110 | 40 | 10 |
Estabilidade de temperatura con cambio de presión 7 | Moi ben | Suficiente | Moi ben | Moi ben |
Variación de temperatura ao diminuír a presión da auga fría | 0,5 | 2 | 0,6 | 0,6 |
Estabilidade de temperatura con variación de temperatura8 | Moi ben | Ben | Moi ben | Ben |
Variación da temperatura ao diminuír a temperatura da auga quente (ºC) | 0,8 | 1 | 0,5 | 1,2 |
Nota de calidade global | Moi ben | Moi ben | Ben | Moi ben |
(1) Garantía: Por lei todas as billas teñen 2 anos de garantía. Algúns fabricantes indican que ofrecen ata 5 anos.
(2) Calidade do revestimento: Realízase un avellentamento acelerado (200 horas nunha cámara salina) para poder valorar se a calidade do revestimento aplicado ao mesturador é abonda para aturar a corrosión á que se verá sometido. A billa de Rousseau amosou ampolas na súa superficie.
(3) Estanquidade do mesturador: Aplícanse diferentes niveis de presión de auga para comprobar que o mesturador está deseñado para poder traballar nas condicións previsibles de uso, sen se producir fugas nel.
(4) Estanquidade do inversor: O mecanismo interno que incorpora o mesturador e que permite que o usuario o poida utilizar en posición baño ou en posición ducha, debe garantir que o mesturador funcione correctamente en ambas as dúas posicións.
(5) Ensaio de torsión: A norma establece que os mandos de regulación do caudal e da temperatura han de resistir un par de torsións sen se deformaren ou estragaren.
(6) Seguridade con fallo de alimentación de auga fría: De se producir unha interrupción na subministración de auga fría, a billa debe evitar que o usuario se queime. O mecanismo máis habitual é mediante a interrupción do fluxo de auga. O volume de auga durante os 5 primeiros segundos despois da interrupción da subministración de auga fría debe ser inferior aos 200 ml. Canto menor é o volume de auga nos 5 primeiros segundos mellor é o control de temperatura.
(7) Estabilidade de temperatura con cambio de presión: As billas deben manter a temperatura da auga cando diminúe a presión da auga fría, por exemplo, cando alguén abre unha billa noutra zona da casa. A norma permite unha variación máxima de temperatura de 2 ºC.
(8) Estabilidade de temperatura con variación de temperatura: As billas deben manter a temperatura da auga mesmo cando se interrompe a subministración de auga quente, por exemplo, cando a caldeira se apaga e volve arrancar. A norma permite unha variación máxima de temperatura de 2º C.
Unha a unha
Unha a unha, 7 billas termostáticas
Argo 54.28.CDR
Prezo: 95,45 euros.
Calidade global: Moi boa.
Mellor relación calidade-prezo.
A máis barata, a referencia con maiores caudais en baño e ducha e unha das que mellor mantén a temperatura ao se abrir outra billa.
Incumpre a etiquetaxe por non indicar o enderezo do fabricante.
Roca Prada T
- Prezo: 152,84 euros.
Calidade global: Excelente.
Ten un prezo intermedio e é a referencia que mellor controla a temperatura cando se abre outra billa ou se detén o funcionamento de caldeira.
Ofrece tres anos de garantía adicional amais dos dous aos que obriga a lei.
Forma Niza
Prezo: 133,45 euros.
Calidade global: Moi boa.
A terceira billa máis barata e a que proporciona maior caudal na ducha.
Incumpre a etiquetaxe por non indicar o enderezo do fabricante.
Tres Cub-Tres
Prezo: 203,53 euros.
Calidade global: Moi boa.
A segunda billa máis cara.
Superou todas as probas e ofrece tres anos de garantía adicional amais dos dous aos que obriga a lei.
Tebisa Ente
Prezo: 142,33 euros.
Calidade global: Moi boa.
Ten un prezo intermedio e é a que peor se comporta cando se abre outra billa.
Rousseau Caress
Prezo: 99 euros.
Calidade global: Boa.
A segunda máis barata. A única na que se observaron ampolas no revestimento na proba de avellentamento.
Ofrece tres anos de garantía adicional pero pode ser complicado facer efectiva esta garantía, xa que incumpre a norma de etiquetaxe e non ofrece enderezo ningún do fabricante.
Grohe Precision Comfort
Prezo: 243,99 euros.- Calidade global: Moi boa.
A máis cara e unha das que mellor respondeu fronte aos cortes de auga fría.