Anxinas: adeus ás extirpacións sistemáticas
Se preguntásemos nunha reunión de amigos, de entre 30 e 37 anos de idade, cantos deles foron operados de anxinas cando eran pequenos, a maioría respondería de xeito positivo. Esta práctica, non obstante, xa non se leva a cabo tan a miúdo. Ata a década dos 80 o número de nenos operados ao ano das amígdalas era elevado, pero, a partir daquela, e da man da comunidade médica anglosaxona, púxose freo a esta tendencia e pasouse de extirpar o 85% dos casos de amigdalite a facelo só no 2%. A razón radicou na toma de conciencia do papel que desenvolven as amígdalas, máis coñecidas como anxinas, na función defensiva do organismo.
As amígdalas, situadas na orofarinxe (a parte posterior e lateral da boca), forman parte dunha serie de órganos que teñen como misión fabricar defensas -anticorpos- para o organismo coa finalidade de o protexeren de agresións externas. Esta función defensiva desenvólvese a unha determinada idade: ata os cinco ou seis anos fabrícanse as defensas e créanse anticorpos ante agresións por virus, bacterias ou outros elementos vivos no ambiente. A partir dos seis anos, esta función comeza a remitir. Así, as amígdalas vanse atrofiando e desaparecen ou quedan reducidas cara aos 25 anos.
Esta é a razón pola que practicar unha intervención antes dos seis anos supón privar o organismo dun importante órgano defensivo. Os xermes que penetran co aire na boca son captados polas amígdalas, que os identifican e poñen en marcha o proceso de formación de anticorpos que, en condicións normais, teñen capacidade abonda para acabar coa infección.
As defensas do organismo
Sempre que se diagnostica unha amigdalite, ben por virus ou por bacterias, doe a gorxa-sobre todo ao tragar-, as amígdalas avermellan e a febre pode ser elevada. O tratamento básico máis efectivo é facer repouso e tomar líquidos. Os antibióticos non están indicados no caso das infeccións víricas, que son as máis, e son moitos os expertos que desaconsellan o seu uso nas bacterianas, xa que prefiren que sexa o propio organismo que venza o proceso con defensas de seu. Se se subministra antibiótico, e é este o que acaba co xerme e coa infección, non se desenvolven defensas abondas e o organismo queda indefenso e vulnerable para infeccións posteriores.
No tocante á febre, hai partidarios de non a atallar salvo nos casos en que sexa moi elevada, xa que cando a temperatura corporal chega aos 38 ºC xéranse substancias que potencian as defensas -os leucocitos killer- (actúan como un batallón de elite que extermina os xermes invasores). Cando se baixa a febre desmobilízanse boa parte das propias defensas do organismo, por iso na actualidade óptase, na maioría dos casos, por que actúe o organismo en contra do intervencionismo clásico ante calquera infección.
Intervención xustificada
Nunhas décadas pasouse de operar por sistema a intervir en casos moi concretos. Nestes momentos revísanse e racionalízanse os criterios, e as indicacións para intervir son máis precisas. Nos adultos que arrastran amigdalites crónicas dende a infancia e que ocasionan abscesos (acumulación de pus) e flegmóns periamigdalinos a intervención está indicada en case todos os casos.
Nos nenos, a operación está recomendada cando sofren varios episodios, máis de cinco ou seis ao ano, se roncan polas noites, se teñen dificultades para respirar e sofren de otite asociada. Tamén se sabe que o neno que ronca pode padecer episodios de apnea nocturna (síndrome de apnea do sono), motivado en numerosas ocasións por unha obstrución das vías respiratorias altas, polo tamaño das amígdalas e as glándulas adeniodes. Nestes casos a intervención tamén está indicada.
Non obstante, os cambios experimentados nos últimos anos non se centraron só na definición de criterios de intervención, senón na técnica cirúrxica para a súa extirpación. Cara aos anos 50 extraíanse as amígdalas de modo ambulatorio, cun gas que adormecía o neno uns minutos e cunha especie de guillotina coa que cortaban as glándulas. Todo era cuestión de minutos e a complicación máis frecuente era a hemorraxia. Agora, a intervención realízase no quirófano baixo anestesia xeral e con todas as garantías sanitarias que garanten a ausencia de complicacións.