Otite: cando a dor entra polo oído
O salouco dun cativo pode ser o sinal dun dos problemas de saúde típicos da infancia: a otite. Aínda que non é exclusiva da nenez, constitúe unha das doenzas máis frecuentes e molestas nesta franxa de idade. Pero baixo este termo médico, que fai referencia á inflamación do oído, agrúpanse distintos tipos de otite. As principais son a externa e a media.
A otite externa, coñecida como otite das piscinas ou do nadador, consiste na inflamación do conduto auditivo externo, situado antes de chegar ao tímpano. A inflamación abrangue a parte da pel que recobre o oído externo e os seus síntomas son a comechón e unha forte dor de oídos. Este malestar agudízase ao tirar da orella ou a medida que se produce a saída da secreción purulenta (pus), xa que adoitan estar causadas por unha infección.
O outro tipo de otite é a que afecta ao oído medio, que se atopa tras o tímpano e que unicamente se comunica co exterior a través da trompa de Eustaquio, un conduto moi fino que chega á farinxe (detrás das amígdalas). Orixínase por unha infección que ascende dende a nasofarinxe e chega ao oído medio e daquela inflámase a capa da mucosa que recobre o oído medio.
Esta otite pódese manifestar de dúas maneiras: a otite media aguda e a otite media serosa. A maneira aguda prodúcese cando a mucosidade se acumula no oído medio por un arrefriado e este é infectado por distintas bacterias (pus). Entre os seus síntomas pode aparecer febre (aínda que non sempre), dor de oídos (que se agudiza pola noite) e mesmo a saída de pus e perforación do tímpano, un síntoma que, segundo un artigo de Julio Guerrero-Fernández, do Hospital da Paz de Madrid, non é perigoso, pois cicatriza só. Os nenos pequenos experimentan a dor de modo máis agudo ao mastigaren ou deglutiren alimentos. Cando a otite e a supuración característica desta infección persisten durante meses denomínase otite media aguda persistente ou crónica. E, se estas otites aparecen moi a miúdo, denomínanse otites medias agudas recorrentes.
A forma serosa, a diferencia da media aguda, non é unha infección e non provoca febre, senón que é unha acumulación de moco claro no oído medio. A gran diferenza é que non produce dor, pero si hipoacusia ou xordeira, zunidos ou sensación de presión no oído. Esta forma está causada pola estreiteza da trompa de Eustaquio, que dificulta a saída do moco. Cando non provoca os síntomas descritos, como xordeira, corríxese por si soa, xa que a trompa se vai ensanchando coa idade.
Impacto no inverno e no verán
As afeccións de oídos varían segundo a época do ano. A máxima incidencia das otites agudas externas en países de clima temperado como España rexístrase no verán, que é cando se goza do baño no mar e nas piscinas con frecuencia. A entrada de humidade no oído e mais as alteracións da pel do conduto auditivo externo favorecen a aparición das infeccións. Algúns dos microorganismos máis frecuentes son as pseudomonas aeruginosa e o Staphylococcus aureus.
Estímase que un 10% da poboación padeceu otite externa algunha vez, cun pico de incidencia entre os 7 e os 12 anos, segundo información da Guía ABE. Infeccións en Pediatría. Guía rápida para a selección do tratamento antimicrobiano empírico, escrita por membros do Departamento de Pediatría do Hospital 12 de Outubro no 2007. A carón dos nenos e adolescentes, os nadadores tamén figuran entre as persoas máis proclives a sufrilas. A diferenza da otite externa, a media está máis ligada a procesos infecciosos e catarrais propios do outono, inverno e primavera. Sábese que a súa incidencia aumentou de xeito rechamante nos últimos anos e tornouse nunha enfermidade “case universal” entre a poboación infantil. Os datos revelan que a padecen entre o 20% e o 62% dos nenos, proporción maior en menores de tres anos. Estímase que antes desta idade a sufriron entre o 50% e o 83% dos menores. Ademais, arredor do 5% dos cativos que sufriron un episodio de otite teñen predisposición a desenvolver otite media aguda de repetición, e a terceira parte deles vai padecer un novo episodio nun mes, segundo as Guías Clínicas 2005 de Otite Media Aguda Infantil, elaboradas por Raquel Martínez Bugarín. Malia a que estas otites medias as causan distintos axentes infecciosos, a infección por neumococo é a responsable do 40% de todas as producidas por bacterias, segundo datos da Asociación Española de Pediatría. (AEP).
Factores de risco e medidas preventivas
Algúns factores de risco das otites externas son a humidade ambiental, a natación, a suoración excesiva, a exposición a unha temperatura ambiental elevada e á auga contaminada, ter unha inadecuada hixiene dos oídos ou intentar botar fóra o cerume con movementos enérxicos, sufrir traumatismos locais ao intentar extraelo con bastonciños ou debido ao uso de auriculares -ao taponaren os oídos producen unha acumulación de cerume- ou padecer enfermidades inflamatorias crónicas como o eccema, a dermatite seborreica ou a acne. As medidas que se deben adoptar para previr a otite son utilizar o gorro ou tapóns para nadar, evitar a humidade no conduto auditivo externo e limpalo enerxicamente.
Entre os factores de risco das otites medias figuran a idade (máis frecuentes nos dous primeiros anos de vida), a asistencia a garderías, a lactación artificial, o fume do tabaco, o uso da chupeta, ter antecedentes familiares e certos factores xenéticos, a posición que se adopte durante o sono, a estación do ano, as alteracións inmunolóxicas e as enfermidades asociadas, segundo un estudo de A. I. Navazo Eguía, do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario de Burgos publicado no 2008 no Boletín de Pediatría da Sociedade de Pediatría de Asturias, Cantabria e Castela e León. Para previr este tipo de otite pódense administrar vacinas que protexen dos patóxenos culpables, amais de evitar os factores anteriores. Un exemplo é a vacina antineumocócica conxugada heptavalente, que prevén a otite media aguda causada polo neumococo arredor do 35% e de máis do 55% para os serotipos incluídos na vacina, informa a AEP.
A cada diagnóstico, o seu tratamento
A época do ano na que aparecen, a presenza ou non de febre, a mucosidade e a perda ou non de audición son boas pistas para saber que tipo de otite se padece, aínda que o diagnóstico definitivo débeno realizar os pediatras ou otorrinolaringólogos co otoscopio, un instrumento que permite explorar a canle auditiva e valorar o tímpano.
O tratamento débese fundamentar en tratar tres aspectos: a dor con analxésicos como paracetamol e ibuprofeno; a inflamación con antiinflamatorios; e a infección, se a hai, con distintos antibióticos. O recurso a estes últimos parece acurtar a duración da febre e do malestar. Así e todo, o seu uso aumenta significativamente o risco de producir resistencias bacterianas e, como consecuencia, a incidencia de organismos máis invasivos, segundo as Guías Clínicas 2005, de Raquel Martínez Bugarín. Estímase que entre o 70% e o 90% das otites medias agudas se resolven sen tratamento entre 7 e 14 días e que os antibióticos non diminúen a necesidade de intervencións cirúrxicas a longo prazo.
Nos nenos moi afectados pola acumulación de moco, infeccións repetidas de oídos ou xordeira poden ser necesarias as drenaxes no tímpano, que consisten en colocar un tubo de drenaxe co fin de que saia o moco acumulado, non se infecte ou non produza xordeira.
O maior reto dos otorrinolaringólogos é a hixiene axeitada dos oídos, tarefa na que suspende boa parte da poboación. Unha das consignas máis espalladas nos últimos anos pola comunidade científica é a importancia de evitar o uso de bastonciños rematados por algodonciños para limpar os oídos. Este costume, moi arraigado na poboación, en moitas ocasións dende a infancia, só consegue empurrar o cerume e compactalo cara ao interior do oído, provocando tapóns e facendo aínda máis dificultosa a súa extracción. Cómpre evitar calquera instrumento que prema o cerume e non usar utensilios punzantes, como as uñas, bolígrafos ou fibelas, xa que todo iso pode causar feridas, perforacións e mesmo unha infección que conduce á dolorosa otite.
Os otorrinolaringólogos propoñen que se laven durante o baño ou ducha, inclinando a cabeza para permitir que a auga entre no pavillón auricular e amoleza o cerume. Esta práctica deberíase realizar en días alternos, o que evitaría que se acumule un exceso de cera que podería provocar tapóns e infeccións e, ao mesmo tempo, que se forme a cantidade de cera necesaria que ten un efecto protector dos oídos. Outro método útil de hixiene, xunto á auga da ducha, é recorrer ao uso de difusores de auga mariña, que permiten amolecer os tapóns de cera e que se autoeliminen, segundo difundiu este ano o Decálogo da Hixiene do Oído, de Esteve e o Hospital Clínico de Barcelona.