Sinxelos e eficaces
Analizáronse oito espremedores eléctricos para cítricos que custan desde os 17,22 euros de Ufesa ‘Citraris EX7233’ ata os 25,37 euros de Taurus ‘Turbo Centrifugo 6’. A mellor relación calidade-prezo é Philips ‘Cucina HR 2744’, que custa 19,55 euros, que ofrece moi boa calidade global e que é o mellor valorado na proba de uso. Outra opción interesante é Ufesa, o máis barato e con boa nota na proba, aínda que non incorpora sistema para eliminar a polpa, prestación esencial para algúns consumidores.
Os espremedores eléctricos permiten extraerlle o zume a cítricos como a laranxa, o limón ou o pomelo sen o esforzo que supón o espremedor manual. Non cómpre premer para acadar zume, abonda con colocar a peza de froita partida á metade sobre o cono e premer un chisco para que o mecanismo eléctrico vire e extraia o zume por fricción. Para comprobar as prestacións e a resistencia dos oito espremedores, CONSUMER EROSKI someteunos no laboratorio a varias probas.
Estes espremedores contan con tapa protectora, un recipiente extraíble no que se deposita o zume e un sistema recollecables que evita certas molestias á hora de gardalos. Ademais, todos os motores xiran en ambos os dous sentidos (un sistema coñecido como “dobre rotación”), o que axuda a extraer o zume da froita.
É esencial que os electrodomésticos deste tipo ocupen pouco espazo. En liñas xerais, os oito son pequenos e lixeiros, pero hai diferenzas entre eles: o de tamaño máis reducido é Kenwood “Je270” (con 17,4x20x13,9 cm) e o máis voluminoso Braun “Citromatic MPZ9” (con 25,7×20,7×17,6 cm, é dicir, case o dobre). Os outros seis ocupan entre un 25% e un 50% máis ca Kenwood. No tocante ó seu peso, só Taurus superou o quilo (con 1.050 gramos), mentres que Ufesa, con 771 gramos, demostrou ser o máis lixeiro.
Segundo as etiquetas, a potencia destes espremedores varía desde os 20 vatios (W) de Braun ata os 30 W de Taurus e Tefal. Agora ben, o consumo real non sempre concorda co indicado: Tefal, Ufesa e Philips consumían menos do indicado (9 W, 6 W e 7 W, respectivamente), aínda que iso non o penaliza a norma. Os máis austeros nas súas necesidades enerxéticas foron Russell Hobbs “Classic citrus press” (17,3 W) e Philips (17,5 W), fronte a Taurus, que necesitaba case o dobre (31 W). Un cable longo ofrece maior liberdade para colocar o espremedor lonxe do enchufe. O máis extenso é o de Taurus, con 133 centímetros, seguido por Ufesa (128 cm) e Tefal (127 cm). O máis curto, pola contra, foi o de Moulinex, con apenas 94 centímetros. O resto roldaron os 110 centímetros.
Os recipientes onde se recolle o zume son extraíbles, polo que resultan máis cómodos para servir o zume e, posteriormente, lavalos. O de maior capacidade é o analizado de Braun (un litro), o dobre có peor neste apartado: Russell Hobbs.
Un dos criterios fundamentais de calidade para un espremedor eléctrico é o cono sobre o que se coloca a peza de froita partida. O tamaño e forma deste cono e a presión exercida incidirán directamente na cantidade obtida de zume. Tefal e Ufesa ofrecen dous conos intercambiables, de tamaños distintos (o resto só un), o que simplifica extraer o zume das froitas máis pequenas.
O sistema de presión da polpa consiste en dúas pequenas aletas pegadas ó cono que, cando este vira, estenden e apertan a polpa da froita para extraer dela o que quede de líquido (conseguindo tamén que parte desta polpa pase ó recipiente co zume). O mecanismo de Taurus chámase ‘modo centrifugador’ e é un pouco máis complexo: para polo en marcha hai que pechar o espremedor e apertar a súa tapa, co que se “centrifuga” a polpa sacando o zume que puidese reter. Kenwood é o único que non conta cun sistema para obter da polpa o zume que poida quedar nela.
Aínda que na polpa se atopa boa parte da fibra das laranxas, moitos consumidores prefiren tomar un zume o máis líquido posible. Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips permiten seleccionar a cantidade de polpa presente na bebida. Entre estes catro, o fino baruto metálico de Moulinex resulta o máis efectivo para non deixar pasar a polpa. Tefal, un dos que non incorpora un mecanismo para evitar a presenza deste elemento, indica no seu manual que o cono de maior tamaño deixa pasar maior cantidade de polpa, polo que cumpriría este cometido de modo parcial. O filtro da polpa é de plástico en todos os casos, agás en Kenwood, que é de aceiro inoxidable. Os oito son tecnicamente semellantes, aínda que con algunha diferenza: Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips son os máis completos, e Kenwood o máis pobre en funcións extra.
Seis usuarios habituais probaron os espremedores para ver como se comportaban fóra do laboratorio e en condicións reais de uso. Para iso valoraron distintos aspectos, puntuando do 1 ó 10. Os deseños mellor valorados foron os de Braun e Ufesa, mentres que a asa de Kenwood foi considerada incómoda. Dentro dos aspectos funcionais os parámetros valorados foron a cantidade de polpa que deixan pasar, a facilidade de limpeza, a facilidade de uso e a facilidade de montaxe e desmontaxe. Para valorar a cantidade de polpa usáronse as opcións de que dispoñen os equipos para regular seu o paso, polo que os equipos que non dispuñan dalgún sistema selector obtiveron peor puntuación neste apartado. Ademais, verificouse a eficacia dos sistemas de selección de polpa ou os barutos, comprobándose que realizan de xeito moi eficaz a súa función, é dicir, que o zume obtido queda libre de polpa. As puntuacións medias obtidas nesta sección situáronse entre o “ben” e o “notable”. Só Moulinex, Braun e Philips chegan ó notable en funcionalidade, os outro cinco quedáronse no ben. Os máis doados de limpar son Braun e Kenwood, mentres que Taurus demostrou ser o peor. O máis doado de usar é Philips e Kenwood é o que acada a peor puntuación neste apartado.
No tocante á calidade global, os espremedores son electrodomésticos extremadamente simples e de moi fácil manexo, polo que todos os analizados conseguiron aprobar folgadamente e sen moitas diferenzas entre si. Os mellores foron os estudados de Philips, Braun, Russell Hobbs e Moulinex (todos eles acadan un ‘moi ben’), seguidos de Ufesa, Tefal e Taurus (que obteñen un ‘ben’). Kenwood é o único que non supera o ‘aceptable’ por mor das súas moi pobres prestacións.
A información relativa á seguridade e os manuais eran correctos en todos os casos, pero non os documentos de garantía, incorrectos en Taurus e Kenwood por ofrecer un ano de garantía total no canto dos dous anos que establece a norma. Isto non obsta para que os consumidores poidan reclamar e, malia que os documentos de garantía sexan incorrectos, estean amparados por ese mínimo legal de dous anos. Ademais, dáse a circunstancia de que Kenwood incumpría a lei de garantías tamén por estar integramente redactada en inglés (debería estar redactado tamén, polo menos, en castelán) e por afirmar que a garantía só ten validez no Reino Unido.
Os espremedores sometéronse a probas de seguridade moi esixentes. Mediuse a súa resistencia á calor, ó lume, ás correntes eléctricas, ó bloqueo do motor e comprobouse que non fose posible acceder a partes perigosas cos dedos. Os oito superaron estas probas e despois seguiron funcionando con normalidade.
A laranxa e o seu zume son unha fonte excelente de vitamina C, flavonoides e betacaroteno, polo que esta froita está especialmente indicada para coidar a saúde cardiovascular. As substancias presentes na laranxa inhiben a oxidación do chamado “colesterol malo” (LDL-c), impiden que este se deposite nas paredes dos vasos sanguíneos e preveñen a arteroesclerose. Ademais, combaten a acción nociva dos radicais libres.
Unha laranxa mediana ou un vaso de zume cobren practicamente os 60 miligramos de vitamina C que unha persoa adulta precisa ó día. Hai que ter en conta que a algunhas persoas non lles senta ben tomar zume de laranxa en xexún, debido a que a laranxa, e especialmente o seu zume, poden provocar un baleiramento brusco da vesícula biliar que se acompaña de náuseas ou pesadez abdominal. Estas molestias non revisten gravidade e soluciónanse inxerindo antes outro alimento.
Se se ten anemia, a vitamina C do zume de cítricos fai que se duplique a biodispoñibilidade (porcentaxe que se absorbe) do ferro, polo que é recomendable beber o zume acompañando os alimentos ricos en ferro ou os suplementos deste mineral. Esta é a razón pola que se recomenda tamén acompañar con zume de laranxa as papas de cereais dos bebés.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito espremedores eléctricos para cítricos que custan desde os 17,22 euros de Ufesa ata os 25,37 euros de Taurus.
- As garantías de Taurus e Kenwood son incorrectas por non ofreceren os dous anos mínimos. Kenwood, ademais, non está en castelán e non indica que ten validez en España. Todos os equipos superaron as esixentes probas de seguridade.
- Son aparellos sinxelos e fáciles de usar. As diferenzas máis significativas anotáronse nalgunhas funcións como o filtrado de polpa ou a súa presión para sacar todo o zume.
- O máis pequeno é o de Kenwood e o máis grande o de Braun. A potencia real dos espremedores Tefal, Ufesa e Philips é inferior á declarada nos seus manuais. Todos os sistemas de selección de polpa realizan eficazmente a súa función, pero os mellores son Russell Hobbs, Philips e Moulinex. O máis doado de limpar é Braun, e o máis complicado de usar é Taurus.
- Na proba de uso as puntuacións variaron desde os 6,6 puntos de Kenwood, o peor, ata os 7,6 puntos de Philips.
- En calidade, distinguíronse tres grupos: Braun, Russell Hobbs, Philips e Moulinex demostraron unha calidade “moi boa”; en Ufesa, Tefal e Taurus é “boa” e Kenwood, o máis simple, quédase cun aceptable.
- A mellor relación calidade-prezo é o espremedor Philips: ofrece moi boa calidade e foi o mellor valorado na proba de uso. Ufesa, o máis barato, é outra opción, sempre que non se queira filtrar a polpa.
Marca Modelo | Philips “Cucina HR2744” | Ufesa “Citraris EX7233” | Braun “Citromatic MPZ9” | Russell Hobbs “Classic Citrus Press” |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros) | 19,55 | 17,22 | 21,53 | 19,90 |
Información e protección ó consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía produto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Seguridade | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Características técnicas | ||||
Dimensións (mm) | 237×191 x165 | 226×173 x160 | 257×207 x176 | 194×218 x156 |
Peso (g) | 858 | 771 | 968 | 798 |
Potencia declarada (W) | 25 | 25 | 20 | 22 |
Consumo máximo (W) | 17,5 | 18,8 | 20,4 | 17,3 |
Lonxitude do cable (cm) | 122 | 128 | 118 | 107 |
Capacidade do depósito (ml) | 600 | 580 | 1000 | 500 |
Número conos | 1 | 2 | 1 | 1 |
Sistema presión polpa | Si | Si | Si | Si |
Control regulable de polpa | Si | No | Si | Si |
Indicador de nivel | Si | Si | Si | Si |
Material do filtro | Plástico | Plástico | Plástico | Plástico |
Proba de uso (de 1 a 10) | 7,6 | 7 | 7,5 | 7 |
Calidade global | Moi ben | Ben | Moi ben | Moi ben |
Marca Modelo | Moulinex “Vita Press 600” | Tefal “Prep?line” | Taurus “Turbo Centrigugo 6” | Kenwood “Je270” |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros) | 20,33 | 20,30 | 25,37 | 19,85 |
Información e protección ó consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía produto | Correcto | Correcto | Incorrecto (1 ano) | Incorrecto (Non castelán) |
Seguridade | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Características técnicas | ||||
Dimensións (mm) | 226×187 x178 | 221×165 x166 | 250×170 x174 | 174×200 x139 |
Peso (g) | 788 | 873 | 1050 | 886 |
Potencia declarada (W) | 29 | 30 | 30 | 25 |
Consumo máximo (W) | 27,7 | 21,2 | 31,1 | 26,5 |
Lonxitude do cable (cm) | 94 | 127 | 133 | 102 |
Capacidade do depósito (ml) | 600 | 580 | 580 | 700 |
Número conos | 1 | 1 | 1 | 1 |
Sistema presión polpa | Si | Si | Si | No |
Control regulable de polpa | Si | No | No | No |
Indicador de nivel | Si | Si | Si | No |
Material do filtro | Plástico | Plástico | Plástico | Aceiro inoxidable |
Proba de uso (de 1 a 10) | 7 | 6,8 | 6,9 | 6,6 |
Calidade global | Moi ben | Ben | Ben | Aceptable |
Un por un
Un por un, oito espremedores eléctricos
Philips "Cucina HR2744"
A mellor relación calidade-prezo. A súa potencia real é inferior en 7 W á declarada na etiqueta. O segundo que menos consume (17,5 W). Ten sistema de presión e de selección da cantidade de polpa desexada.
Proba de uso: 7,6 puntos, o mellor. Gusta pola claridade do manual e dos seus mandos, pola súa facilidade de uso e pola capacidade para reducir a cantidade de polpa no zume. Calidade global: moi boa.
Ufesa "Citraris EX7233"
Outra opción interesante.
O máis lixeiro (771 gramos). A súa potencia real é inferior en 6 W á declarada na etiqueta. Ten dous conos de diferente tamaño. Non permite reducir a cantidade de polpa no zume, pero si prensala para extraer máis zume.
Proba de uso: 7 puntos. Gusta polo seu deseño, pero é o peor á hora de quitar a polpa.
Calidade global: boa.
Braun "Citromatic MPZ9"
O máis grande, ten o depósito de maior capacidade (un litro). Dispón de sistemas de presión e selección da cantidade de polpa desexada.
Proba de uso: 7,5 puntos, o segundo mellor. Gusta polo seu deseño, facilidade de limpeza e montaxe, e mais polo resto de prestacións.
Calidade global: moi boa.
Russell Hobbs "Classic Citrus Press"
O que menos consome (17,3), pero o de depósito máis pequeno (medio litro). Dispón de sistemas de presión e de selección da cantidade de polpa.
Proba de uso: 7 puntos. Gusta pola claridade dos seus mandos, polas súas dimensións e peso e mais por reducir de xeito significativo a cantidade de polpa no líquido. Pero é o de peor puntuación en facilidade de montaxe e desmontaxe.
Calidade global: moi boa.
Moulinex "Vita Press 600"
O cable máis curto (94 cm). Dispón de sistemas de presión e de selección da cantidade de polpa.
Proba de uso: 7 puntos. O mellor sistema para evitar que a polpa caia no líquido.
Calidade global: moi boa.
Tefal "Prep'Line"
Potencia real inferior en 9 W á declarada na etiqueta. Con dous conos de diferente tamaño. Non se pode reducir a cantidade de polpa no líquido, pero si prensala para extraer máis zume.
Proba de uso: 6,8 puntos. Recibiu as puntuacións máis baixas en claridade do manual e dos seus mandos, e na posibilidade de reducir a polpa no zume.
Calidade global: boa.
Taurus "Turbo Centrifugo 6"
Incumpre a norma de garantías (só ofrece un ano). É o máis pesado (1,05 quilos), o que máis consume (31,1 W) e o de cable máis longo (133 cm). Non permite reducir a cantidade de polpa, pero dispón dun sistema especial que centrifuga a polpa.
Proba de uso: 6,9 puntos. Gusta pola facilidade de montaxe, pero obtén a valoración máis baixa por non regular a cantidade de polpa e por ser o máis difícil de limpar. Calidade global: boa.
Kenwood "JE270"
Incumpre a normativa de garantías (só ofrece un ano, non está en castelán e non indica que é válida en España). É o máis pequeno. Non ofrece sistemas de prensado e de selección de polpa nin indicador de nivel no depósito. O único filtro de aceiro inoxidable.
Proba de uso: 6,6 puntos, a peor puntuación. O peor en deseño, redución de polpa, facilidade de uso e prestacións en xeral. Calidade global: aceptable.