Esta escritora é a única muller membro da Real Academia de la Lengua (correspóndelle a cadeira da letra “k”), e a terceira que, nos tres séculos de vida da institución, mereceu tan alto recoñecemento.
¿Por que escribe Ana María Matute?
Porque é unha actividade solitaria. O escritor é un ser solitario que vive acompañado das súas pantasmas e das súas obsesións. Escribir é unha aventura que se realiza en solitario, coma a do lector. No meu caso, cando escribo enfróntome co libro: ou acabo co libro ou acaba el comigo. Mentres dura esa titánica loita corpo a corpo, eu non penso cántos lectores vou ter. Só penso no libro, no que quero contar ou explicar. Os meus libros resúmense nunha pregunta ou nunha dúbida. Con que haxa unha persoa que che lea e que dubide contigo, xa é dabondo. O que me interesa é que alguén recolla a miña chamada, aínda que recoñezo que o fermoso de escribir é que podes chegar a infinidade de persoas. Agora ben, os lectores entendidos coma número, como fan os editores, non me interesan. Cada día este negocio estase volvendo máis mercantilista. Moitos autores escriben para vender e paréceme ben, eu non llelo reprocho.
¿Que papel xoga a imaxinación na tarefa e na vida dunha escritora?
A imaxinación é fundamental, pero non só para escribir. Éo tamén para vivir. Hai que ter en conta que non é precisa a mesma clase de imaxinación para cada libro, e cada escritor é un mundo diferente. Por outra banda, a palabra é o máis fermoso que se creou, é o máis importante que témo-los seres humanos.
¿Pódenselle esgota-los temas a un escritor?
Sempre hai cousas que contar, que reivindicar e que protestar. Eu, algunha vez, manifestei que escribir é unha maneira de protestar. Toda a miña vida protestei, desde nena.
¿Que opina dos premios literarios?
Os premios non teñen importancia, o importante é o libro. Os premios veñen ben, son útiles, cando es nova. Nos anos sesenta, ser escritora resultaba difícil e o premio Nadal de 1961 axudoume a ser coñecida. Os premios literarios non fan escritores pero crean lectores, e iso tamén é importante.
¿Vai mellorando, na súa opinión, a posición das mulleres na nosa sociedade?
Ser muller á hora de escribir ou de traballar sempre é difícil. Por desgracia, a posición normal é que nos atopemos por baixo do home. Ben é verdade que a situación está cambiando moitísimo, eu non me queixo. Así e todo, sempre hai miudezas: nunha mesma circunstancia, por exemplo laboral, xeralmente inclínase a balanza cara ó home. O triste é que aínda aconteza isto. Dóenme este tipo de cousas. Pero tamén penso que a xente nova está cambiando para mellor.
O actual imperio do audiovisual e das novas tecnoloxías da información ¿está cambiando a literatura, o proceso de creación do escritor?
A literatura vai transformándose lixeiramente, pero o fondo segue igual. Collamos, por exemplo, a novela “Os irmáns Karamazov”, de Dostoievski. O que importa nela son os sentimentos, do que se fala é do ser humano, e por iso engancha a historia que se conta. A televisión e Internet xogan un relevante papel no noso mundo, pero se queren situarse á altura da mellor literatura terán que transmitir de xeito máis auténtico a vida e as relacións humanas. O que lles importa ás persoas son os sentimentos: o odio, o amor, a cobiza de poder, a envexa…, iso aínda non cambiou e de aí nacen as boas historias. Eu escribín “Pequeño teatro” con 17 anos, e a xente dicía: “pero cómo unha nena (porque daquela aínda se levaba calcetíns a esa idade) ten ese desengano da vida, ese escepticismo ante o ser humano”, e era porque eu lera moito a Shakespeare, Cervantes, Dostoievski, os clásicos gregos… Máis tarde, esas experiencias literarias a vida ensinaríamas mellor, a labazadas.
¿Algún consello para comezar a gozar coa lectura, para ler?
¡Que lean! Sobre todo, a xente nova. Eu comecei a ler porque era tatexa e as outras nenas, que eran moi malas, facían burla de min, e tamén porque o meu pai, que era un bo lector, tiña unha biblioteca moi completa. E a miña nai tamén lía, e polo tanto os libros constituían para min algo natural, non os vía como algo estraño.
¿Segue sendo unha nena?
Eu penso que aínda non pasei dos 12 anos, aínda que noutros aspectos ós 20, tristemente, era xa unha adulta. Eu comecei a escribir sendo unha nena, con 5 anos. É que para min escribir non é unha profesión nin unha vocación, é unha maneira de ser, de estar na vida.
¿Os mozos teñen présa por acada-la fama literaria?
A xente nova son os meus grandes lectores e teño a sensación de que conecto moi ben cos mozos. Ós rapaces que comezan nisto da literatura, hailles que dicir que non se comeza escribindo a “Divina Comedia”. Pero cando es novo hai que pensar que o que fas é o mellor da túa vida, co teu criterio, os teus medos e as túas censuras… despois xa virá o tío Paco coas rebaixas. ¡Temos tanto que aprende-los mozos dos vellos e os vellos dos mozos, e mesmo dos animais! É importante dicirlle á xente nova que non hai modelos senón que hai experiencias de vida. Os modelos levan a situacións terribles que todos coñecemos.
¿A linguaxe oral é máis importante cá escrita?
A linguaxe escrita é o que queda. Pero é fundamental contarlles contos ós nenos, a miña aia vasca narrábame historias e máis tarde líaas. Aí comecei a descubri-lo marabilloso mundo dos contos. Despois eu volvinos ler e dicíame: cando sexa maior quero escribir, escribirei para vingarme das persoas maiores que nos amargan a vida.
¿É un consciente de que lle chega a Terceira Idade?
Si, é consciente, e non resulta tan dramático. Se cando era nova me chegan a dicir que me quedan dez anos de vida, daquela daríame unha volta; agora, á miña idade, non. Sentes que cumpriches un ciclo de vida que se esgota. A idade, o que che quita cunha man -o tempo- dácho coa outra: naturalidade e tranquilidade para afrontar estes últimos anos da vida. O que me arrepía de verdade é a dor física, son moi medorenta. Pero se morro unha noite de inverno soñando cos cosacos, daquela xa está, rematou, vivín a miña vida, dei todo o que puiden dar, e teño que estar satisfeita diso.
O seu discurso de ingreso na Academia da Lingua titulouno ‘En el bosque’, ¿por que?
De cativa, en Mansilla de la Sierra, escapaba á fraga e descubrín que era fascinante, que alí a escuridade resplandece e que o voo dos paxaros escribe antigas palabras de onde xermolaron tódolos libros do mundo. Xamais experimentara, nin volvería experimentar en toda a miña vida, unha realidade máis próxima, máis viva. Na fraga pode acontecer todo, o máis arrepiante e o máis marabilloso. Alí a vida énchese de espiritualidade, alí está o contraste entre a ferocidade e as figuras relucentes.
¿A fantasía oponse á realidade?
A fantasía é parte da realidade, porque os nosos soños, os nosos desexos e a nosa memoria son parte da realidade. Por iso me resulta tan difícil desentrañar, separa-la imaxinación e a fantasía das historias máis realistas, porque o realismo non está exento de soños e fabulacións.
A Idade Media é outro dos seus lugares emblemáticos, ¿a que pensa que se debe o auxe do Camiño de Santiago estes últimos anos?
Son unha muller fascinada pola Idade Media. Nesa época a xente vivía nun mundo de fantasía, cría profundamente nas fadas, as meigas, o demo…. É o meu mundo literario. No tocante ó Camiño de Santiago, o seu éxito débese a que é un camiño europeo e iniciático. É a eterna busca do Santo Graal e a humanidade segue á súa procura. Eu hai 74 anos que vou tras del.
¿Con cabaleiros da Mesa Redonda?
Con cabaleiros da mesa redonda e con cabaleiros solitarios coma min.