Vesícula pedregosa
A formación de cálculos e pedras na vesícula e vías biliares é unha afección frecuente que incide en maior proporción no sexo feminino -a porcentaxe de mulleres afectadas duplica e mesmo triplica a de homes- e que aumenta progresivamente coa idade. Calcúlase que un 12% da poboación occidental padece cálculos biliares, pero cara á sétima década da vida dispárase ata un 35% nas mulleres e un 20% nos homes. Constatouse, con todo, que os factores xeográficos e sociais marcan a súa prevalencia. De feito, en Asia e África apenas se producen casos.
A bile é unha substancia que se forma no fégado e se segrega polo conduto hepático, que ten dúas pólas, dereita e esquerda, que se conectan coa vesícula biliar, que almacena parte da bile formada, e o intestino. Cando a secreción biliar se estanca na vesícula e se produce a cristalización e precipitación de colesterol, sales biliares, lecitina ou pigmentos aparecen os cálculos biliares. Ás veces só se forma un, pero a miúdo, os seu número é considerable.
Factores de risco
Catalóganse como factores de risco:
- Os antecedentes familiares
- A obesidade, o exceso de peso
- A hipercolesterolemia e a dieta rica en graxas
- As operacións gástricas
- A diabetes
- Os intervido de intestino aos que se lles practicou resección ileal
- A enfermidade de Crohn
- Os tratamentos prolongados para baixar o colesterol con clofibrato, resincolestiramina
- Tratamento prolongado con estróxenos
- Nas persoas maiores, o alcolismo crónico, a cirrose hepática e enfermidades hemolíticas (que provocan destrución de hemacias e anemia)
A maioría, sen síntomas
A dor do cólico
O cólico biliar é o cadro doloroso provocado pola presenza de cálculos nas vías biliares. Defínese por varias características:
- É continuo, vai aumentando a súa intensidade e aos 15-20 minutos convértese en moi severo, moi doloroso.
- Localízase no hipocondrio dereito, na zona do fégado, e no epigastrio, aínda que ás veces pode dar a dor no lado contrario (hipocondrio esquerdo e rexión precordial)
- Acompáñase de vómitos e sudoración na maioría dos casos.
- No 50% dos afectados a dor irrádiase ás costas, ao ombreiro dereito ou á escápula.
Posibilidade de intervención
Unha persoa que tivese un cólico biliar, só un, conta cun 30% de probabilidades de non sufrir máis no prazo de dez anos, polo que se deberá considerar se a intervención para a extirpación dos cálculos é pertinente ou non. Agora ben, se os cólicos se repiten ao pouco tempo, hai que pensar na conveniencia da operación. Non obstante, tamén se dispón de alternativas terapéuticas como a disolución dos cálculos con ácidos biliares, ou a litotricia (destrución dos cálculos) con ondas ultrasónicas de choque (só pode aplicarse en cálculos menores de 30 mm).
Complicacións
O cadro de colecistite aguda require ingreso hospitalario. As analíticas e os procedementos radiolóxicos (ecografía, TAC, colecistografía) confirmarán o diagnóstico. Superada a infección, o procedemento terapéutico definitivo é a extirpación da vesícula.
Un 15% dos que sofren colelitíase padecen tamén coledocolitíase, é dicir, cálculos no colédoco -o conduto polo que a vesícula se baleira no intestino e que atravesa a cabeza do páncreas-. A presenza dun cálculo neste conduto pode orixinar unha obstrución total que provoca a colanxite. Tres síntomas permiten o seu diagnóstico: febre, dor abdominal e ictericia, conxunto de síntomas que se coñece como “tríade de Charcot”. O cadro representa tamén unha urxencia e require ingreso hospitalario.
Algo máis grave é outra complicación da coledocolitíase, a pancreatite aguda, xeradora dunha dor intensa, continua, no hipocondrio esquerdo e irradiado ás costas, que aumenta a intervalos de 15 a 60 minutos, agudízase cando se pon tombado coa boca para arriba e dá con náuseas, vómitos, mal estado xeral, febre discreta (febrícula) e paresia intestinal (os intestinos móvense moi pouco).
Tanto a colanxite coma a pancreatite aguda son urxencias que deben ingresar no hospital para diagnóstico e tratamento.
A prevención da litíase pasa pola modificación de hábitos e de condutas: hai que evitar a vida sedentaria, as comidas graxentas, a obesidade e os anticonceptivos (nas mulleres con historia familiar de litíase ou que xa tiveron litíase). A dieta vexetariana está considerada como a mellor arma dietética na súa prevención. Outra opción é reducir a inxesta de carnes e peixes, os ovos, a maonesa, queixos fortes ou fermentados, azucres e fariñas refinados, leite, chocolate e bebidas alcólicas, e aumentar a de froitas, verduras (en especial alcachofa, cebola e berenxena), ensaladas crúas, cereais integrais, aceites vexetais… Algunhas plantas teñen efecto colerético-colagogo, é dicir, estimulan a produción e secreción da bile: a alcachofa en todas as súas formas, o boldo, o mexacán, a cúrcuma (forma parte do curri), a menta, o ravo e o romeu, este último considerado como o máis indicado para os problemas biliares. Tamén hai augas mineiro-medicinais útiles para os litiásicos. Son os casos das bicarbonatadas mixtas, as sulfatadas sódicas ou magnésicas e as sulfuradas de débil mineralización.