Protocolo

Invitados e anfitrións perfectos

A clave para gozar dun encontro de compromiso ou amigable é facer da comodidade a mellor das virtudes
1 Maio de 2006
Img miscelanea listado 416

Invitados e anfitrións perfectos

A ‘tempada alta’ non é un concepto aplicable só aos períodos vacacionais por excelencia. Tamén as cerimonias civís e relixiosas se concentran en poucas semanas e teñen a súa propia tempada alta. Maio e xuño son, con diferenza, os meses preferidos para casar e os máis habituais para facer a primeira comuñón. Máis do 50% das 250.000 vodas, case 200.000 comuñóns e preto de 300.000 bautizos celebrados en España en 2005 concentráronse despois da Semana Santa e antes do verán. Festa para uns e compromiso para outros, estas cerimonias réxense por usos e costumes que non sempre se coñecen e poñen a proba tanto a anfitrións coma a invitados. Por iso, sempre resultará útil que uns e outros tomen como referencia algunhas pautas para lograr o principal obxectivo: gozar da xornada.

Antes da celebración

Quen invita

  • O carácter máis ou menos íntimo que se queira imprimir ao acto condicionará toda a preparación, pero a sensación de comodidade dos participantes é unha meta irrenunciable.
  • A confección, non sempre sinxela, da lista de invitados pode incluír os compromisos familiares, sociais e laborais, ou só as persoas que se desexa ver. As dúas decisións son válidas. Non obstante, convén ter clara a opción escollida para evitar discusións, malestar e incomodidade.
  • /imgs/20060501/miscelanea01.jpg A festa é un reflexo de quen a organiza. Os invitados, polo xeral, coñecen os anfitrións e poden facer unha idea do carácter e contido do acto.
  • A invitación pode realizarse por teléfono, por correo electrónico ou por correo postal, pero sempre hai que facela. Non se debe nunca dar por feito que alguén se debe sentir invitado porque se lle dixo nalgúns momento.
  • Se hai confianza cos invitados, pódese incluír no envío unha tarxeta cos números da conta bancaria ou co comercio no que se acordou unha lista de regalos
  • Se se invita unha familia ao completo, débese especificar.
  • Hai que fixar o lugar no que se sentarán os invitados no banquete, ben por medio de cartóns con nomes diante de cada cuberto, ou ben cunha lista de mesas e a relación de persoas que as ocupan.
  • Cando se organiza a distribución dos invitados, convén evitar encontros non desexados entre persoas que non manteñen unha boa relación. Tamén é importante situar os invitados que acoden sós nun grupo no que se poidan sentir a gusto.

O invitado

  • Debe valorar a oportunidade, a obriga e o desexo de acudir.
  • A dúbida é un sinal de posible incomodidade. Trátase dunha celebración. Se non se vive así e o compromiso é eludible, é mellor agradecer pero rexeitar a invitación. Convén comunicalo canto antes e sen estenderse en xustificacións. É abondo con alegar a imposibilidade de dispoñer do día e remitir, se así se considera, un presente de valor testemuñal.
  • Se se acepta a invitación, hai que facelo canto antes para crear os mínimos problemas posibles aos anfitrións.
  • Pode aproveitar o contacto para preguntar con tranquilidade que regalo se pode facer, se se preparou unha lista ou se se prefire recibir cartos.
  • Débense evitar os regalos moi ostentosos, con independencia do poder económico que se teña. Nas vodas, o mellor é envialo con anterioridade e evitar obxectos persoais.
  • Aínda que se teña confianza, mesmo moita confianza co anfitrión ou a anfitrioa, nunca se deben poñer condicións nin esixencias de ningún tipo.

A cerimonia

Quen invita

  • Sexa civil ou relixiosa, a cerimonia obedece a uns requisitos formais que deben cumprimentarse con anterioridade.
  • Se se precisan padriños, madriñas ou testemuñas, hai que ofrecerlles todo tipo de datos sobre o seu papel.
  • Se se quere contar coa participación dalgún invitado, convén facerllo saber con antelación.
  • Se hai que formalizar algún tipo de pagamento (o coro, o oficiante, o chofer), o mellor é encargar ese labor a alguén de confianza.
  • Débense respectar os horarios. A puntualidade é unha virtude e, nestas ocasións, unha obriga.
  • Nunha voda, o primeiro en chegar é o noivo coa madriña. Xuntos esperan os invitados, aos que indican a conveniencia de entrar no templo, o concello ou a sala onde se celebre a cerimonia. Despois chegará a noiva.
  • Nun bautizo, unha comuñón ou un aniversario, os primeiros en chegar son os anfitrións.
  • Convén decidir con antelación o cortexo e a colocacións dos principais protagonistas. Se é necesario, pódense utilizar etiquetas nos bancos. Recoméndase ter en conta as persoas maiores para facilitarlles asento.
  • Na medida do posible, é mellor prever a orde das sesións fotográficas.

Quen é invitado

  • A puntualidade é conveniente.
  • Hai que atender as indicacións das persoas que teñen confianza dos organizadores.
  • Na elección do vestiario, débese ter presente que mostra a nosa mellor maneira de ser, pero nesta ocasión tamén reflicte o respecto ao evento e, sobre todo, a quen invita. Non hai que perder o propio estilo, pero tampouco impoñer con el as conviccións persoais. Se se elixiu acudir á cerimonia, aceptáronse as súas normas e, na maioría das ocasións, requírese certa etiqueta. Se o home non utiliza garabata, é aconsellable que nestas celebracións faga unha excepción, aínda que non é condición obrigatoria.

Na festa…

Quen invita

  • Convén evitar as demoras para comezar o banquete. Os invitados están esperando.
  • Na medida do posible, aconséllase departir uns segundos con todos e presentarse a aqueles aos que non se coñeza.
  • Se se recorda o regalo, é todo un detalle agradecelo e sinalar o atinado da elección.
  • Se/imgs/20060501/miscelanea02.jpg é unha voda e hai baile, a etiqueta indica que o abre o pai coa noiva. Pasados uns minutos, o noivo pide permiso para bailar coa noiva e cédella a madriña ao padriño. Despois iranse sumando o resto de parellas. Pero isto é só unha fórmula que se pode modificar de acordo co propio criterio.
  • Chegada a hora de terminar, é unha xentileza que os noivos estean cerca da porta despedindo os invitados.

Quen é invitado

  • Aconséllase puntualidade.
  • Convén ocupar os asentos sen cuestionalos.
  • No banquete, recoméndase presentarse ante o resto de compañeiros de mesa se non se coñecen.
  • Non hai que abandonar a mesa ata o final.
  • Os temas de conversa deben evitar asuntos polémicos.