Autobuses ecolóxicos
Un xesto tan sinxelo como utilizar o transporte público en vez do vehículo privado contribúe a diminuír a contaminación das grandes cidades. Non obstante, os autobuses, ao consumiren combustibles fósiles, tamén emiten gases nocivos para o medio ambiente. Por iso, os autobuses ecolóxicos, provistos de fontes de enerxía limpas coma o aceite de cociña reciclado, o hidróxeno, o gas natural ou mesmo os ouriños de ovella, comezan a ser vistos nas cidades.
A pesar das súas vantaxes medioambientais, a xeneralización destas alternativas está aínda lonxe de ser unha realidade. Os técnicos do proxecto de investigación “Utopía” da Unión Europea (UE), no que se estudou a viabilidades das novas tecnoloxías de transporte, consideran como dificultades de primeira orde os aspectos económicos, coma o prezo de compra, a dispoñibilidade no mercado e os custos de funcionamento.
Polo momento, as subvencións son claves para o arrinque destes prototipos. Por exemplo, Valencia conta co apoio económico do programa europeo LIFE – Medio Ambiente para o desenvolvemento do proxecto “Ecobus”, que consiste na recollida de aceite vexetal usado na frixidura de alimentos para convertelo no biodiésel dunha frota que sobrepasa xa o centenar de vehículos urbanos. O custo deste proxecto ascendeu a un total de 1,67 millóns de euros.
Outro proxecto que tamén se realizou con financiamento europeo foi o denominado “Transporte Urbano Limpo para Europa” (CUTE, nas súas siglas en inglés) no que participaron desde 2003 nove cidades europeas, entre elas Madrid e Barcelona. O obxectivo era estudar as prestacións de tres autobuses equipados con diferentes tipos de pilas de hidróxeno en cada unha das cidades. A posta en marcha destes tres autobuses supuxo un desembolsamento duns 6 millóns de euros, un prezo no que se inclúe, entre outras cuestións, a asistencia técnica permanente, mentres que un modelo similar comercial de motor diésel custa uns 200.000 euros.
Por iso, é de esperar que nos vindeiros anos se incremente o uso deste tipo de vehículos con fontes de enerxía alternativas. Os expertos d proxecto “Utopía” enumeran as seguintes medidas para estimularen a súa adopción xeneralizada: esixencia de niveis de emisión de gases moi estritos, pechamento de zonas urbanas a certos tipos de tráfico, apoio á investigación científica e á industria do automóbil, e cambio na conduta dos usuarios.
Vantaxes e inconvenientes
Unha das opcións con máis futuro, segundo os expertos, é o hidróxeno. O seu funcionamento baséase nunhas pilas que alimentan electricamente o motor grazas a unha reacción química entre o aire e o hidróxeno. Este elemento químico pódese obter, por exemplo, con paneis solares, pódese almacenar en tanques e subminístrase a alta presión aos vehículos. Trátase dunha enerxía limpa -só desprende vapor de auga- e silenciosa -o motor non é de combustión, senón eléctrico-.
En canto ao gas natural, neste caso comprimido (GNC), tamén permite unha gran redución de emisións contaminantes e ruído. Igual ca os autobuses de hidróxeno, os vehículos de GNC necesitan unha planta na que encher os depósitos a unha presión suficiente para as necesidades do motor.
Pero, estes novos combustibles tamén presentan unha serie de inconvenientes que limitan polo momento o seu uso xeneralizado. Amais dos custos económicos, os especialistas do proxecto “Utopía” indican en segundo lugar aspectos técnicos e prácticos, coma o tempo necesario para repoñer ou recargar, así como a autonomía e a fiabilidade, mentres que a relevancia doutros factores, coma o confort ou a facilidade de condución, sitúase nun plano secundario.
Para evitar estes inconvenientes, algúns expertos avogan por unha transición mediante o uso de vehículos híbridos que combinen motores convencionais e sistemas de propulsión alternativos. Por exemplo, a cidade estadounidense de Seattle dispón dunha frota de máis de 200 autobuses híbridos fabricados por General Motors.
Desde 2002, Valencia conta cunha frota de autobuses con biodiésel para os que a participación cidadá é fundamental. A materia prima obtense grazas á colaboración de bares, restaurantes, colexios, hospitais e hoteis da cidade aos que se lles entrega un bidón de 25 litros que é recollido posteriormente polos responsables do proxecto. A idea é que nun futuro próximo colabores tamén os propietarios de domicilios particulares. Outras cidades como Mataró, Pamplona, Santander ou Bilbo contan tamén con autobuses movidos por diésel de orixe vexetal.
A orixe destes biocombustibles pode ser moi variada. Como exemplo curioso destaca o da localidade británica de Wínchester. Polas súas rúas móvese un autobús que utiliza ouriños de ovella. O amoníaco contido na urea reacciona co óxido nitroso dos fumes do tubo de escape e convérteos en nitróxeno e vapor de auga, menos daniños para a atmosfera.
Unha das alternativas máis utilizadas é a do hidróxeno, que propulsa autobuses de cidades de todo o mundo. Recentemente, os responsables institucionais de Soria e León anunciaban que os seus municipios adquirirán autobuses de pila de hidróxeno, grazas ao proxecto europeo Hychain – Ministrans. Os concellos de Málaga, Madrid, Barcelona, Valencia, Tenerife e Donostia crearon unha Agrupación de Operadores que promoverá os autobuses de combustión de hidróxeno e a construción de plantas para obter este elemento. En canto ao gas natural, está sendo tamén utilizado como combustible en autobuses que se desprazan por cidades coma Barcelona, Valencia ou Málaga.