Infusións

Moito máis ca macela

A variedade de infusións é tan ampla coma os seus efectos medicinais, aínda que un uso indiscriminado e sen información poida provocar reaccións non desexadas.
1 Maio de 2006
Img alimentacion

Moito máis ca macela

/imgs/20060501/alimentacion.jpgA identificación das infusións coa macela, o poleo-menta, a tila e o té xa é cousa do pasado. Cada vez son máis as persoas que coñecen e utilizan unha ampla variedade de plantas que se somerxen en auga quente para aproveitar as súas propiedades medicinais. Relaxantes, excitantes, dixestivas, para o benestar da muller, adelgazantes, diuréticas, laxantes, para o fégado, para respirar mellor…, o listado dos beneficios das infusións é inacabable. Pero non todo son virtudes. Algunhas están contraindicadas en determinados grupos de poboación -nenos, lactantes, embarazadas, persoas maiores…-, non se poden tomar se se padecen algunhas enfermidades ou non se conseguen os efectos desexados se non se inxiren no momento axeitado. Ademais determinadas plantas potencian ou anulan o poder curativo dalgúns medicamentos.

As infusións son unha forma de fitoterapia -curación a través das plantas-. De feito, os principios activos de numerosos medicamentos extráense de talos, flores, follas, raíces ou froitos e ese efecto, aínda que minguado, pódese acadar a través dunha infusión. Se ben a marxe de tolerancia para as plantas medicinais adoita ser ampla, segundo o estado de saúde e as circunstancias individuais, hai infusións que poden provocar efectos secundarios e estar contraindicadas.

Auga con propiedades medicinais

As plantas fabrican todo un arsenal terapéutico: vitaminas, minerais, aceites esenciais, taninos, antioxidantes, etc. Unha infusión pode ser útil para tratar afeccións leves sen necesidades de recorrer a un medicamentos, como é o caso das de plantas dixestivas, que se poden consumir sen que presenten inconvenientes. Pero, os efectos das plantas diuréticas, laxantes ou relaxantes, por exemplo, son máis específicos e intensos sobre algúns órganos ou sistemas. Por iso, aconséllase consultar o médico sobre os seus posibles efectos secundarios e contraindicacións, en particular se estamos tomando algún fármaco.

Infusións dixestivas

A macela segue sendo a raíña das plantas dixestivas, aínda que a variedade dentro deste grupo é inmensa: anís, menta piperita, poleo, fiúncho, comiño, canela, herba luísa, melisa, regalicia.. Ademais, a combinación de varias plantas potencia os seus efectos. Tamén estimulan a gana de comer ou melloran as dixestións lentas. Para isto, aconséllase tomalas en infusión media hora antes das comidas.

As infusións de plantas coma o anís, o fiúncho, a menta ou a macela débense beber quentes porque parte das súas propiedades vincúlanse aos aceites esenciais que concentran e que se evaporan ao arrefriar a infusión. Da regalicia está comprobado o seu efecto antiulceroso, e as plantas amargas coma o boldo ou a alcachofa estimulan as secrecións dixestivas, en particular as do fégado e a vesícula, polo que axudan a dixerir as graxas e a depurar o organismo. Pódense notar os seus resultados se se toman despois dunha comida copiosa.

Infusións laxantes e diuréticas

O efecto das plantas diuréticas e laxantes sobre o exceso de graxa corporal é nulo, e convén inxerilas baixo prescrición facultativa. A redución de peso e a diminución do volume que se pode experimentar débese a unha diurese forzada con perda de auga e electrólitos, e a unha deposición máis frecuente e consistente, no caso das infusións laxantes, pero de ningunha maneira se elimina graxa.

As plantas laxantes irritantes coma o sen, a frángula, a casca sagrada ou o ruibarbo son seguras e eficaces, pero só se se beben de forma puntual e na dose aconsellada, para tratar un estrinximentos pasaxeiro, pero non crónico. Producen desequilibrios electrolíticos con perda de potasio, polo que se desaconsella o seu emprego habitual, e en particular se se toman fármacos antiarrítmicos ou outros medicamentos cardiotónicos cos que interaccionan.

Os efectos de plantas diuréticas coma o mexacán, xestela, ortosifón ou pilosela son suaves en comparanza cos fármacos diuréticos, e poden ser efectivas se se administran cando se ten a sensación puntual de retención de líquidos. Con todo, para eliminalos non hai un diurético máis efectivo ca a auga. Ademais, a utilización habitual de infusións diuréticas e sen control profesional pode enmascarar un trastorno de retención de líquidos debido a unha patoloxía renal, de corazón ou hormonal.

Infusións relaxantes

Dentro das plantas con acción relaxante e sedante, hainas con efectos máis suaves pero efectivas abondo para tratar o insomnio, o nerviosismo e a irritabilidade, coma a tila, a flor de azar ou a macela. Nestes casos, ao efecto relaxante propio da planta xúntase a sensación de benestar que acompaña a inxesta de líquido quente. Plantas coma a valeriana, a pasiflora ou o espiño branco inciden con máis intensidade sobre a relaxación do sistema nervioso e a diminución da actividade cerebral e da frecuencia cardíaca. Nestes casos, cómpre consultar ao médico se se están tomando medicamentos antidepresivos ou ansiolíticos xa que poden potenciar a súa acción.

O té verde

O té, dada a súa particular composición, rica en taninos e substancias antioxidantes, e cunha concentración moderada de teína, catalógase como planta dixestiva, lixeiramente estimulante e como redutora do apetito. Os efectos de diminución de graxas ou de incremento do gasto enerxético que se asocian en especial ao té verde relaciónanse coa acción dos catecois (antioxidantes) contidos en maior concentración en comprimidos ou cápsulas de extracto de té verde, retirados polo Ministerio de Sanidade a causa da aparición dalgúns casos de intoxicación hepática. Nunha infusión, os seus efectos non son nin moito menos tan intensos, dada a menor presenza de antioxidantes. Polo tanto, o beneficio físico que se pode experimentar tras un consumo moderado de té verde en infusión (3-4 cuncas ao día) é unha maior diurese e unha lixeira perda de apetito. Ademais, hai que ter en conta que se trata dunha bebida excitante e os que non estean afeitos poden notar ese efecto.

Lexislación

Aínda non se dispón de lexislación que regule o control sanitario e da calidade para os produtos de fitoterapia de venda libre, entre os que se inclúen as infusións. Unicamente se atende á Orde de 3 de outubro de 1973, pola que se establece o rexistro para preparados a base de especies vexetais medicinais. Este baleiro legal deu lugar a abusos e fraudes. Debido ao auxe do comercio e uso das plantas medicinais que se está vivindo nos últimos anos, desde o Ministerio de Sanidade estase a traballar coa fin de regular este campo. Un paso clave produciuse en 2004, cando o Ministerio de Sanidade publicou a Orde SCO/190/2004, de 28 de xaneiro, pola que se establece a lista de plantas -200 en total- con venda prohibida ou restrinxida pola súa toxicidade, entre as que se atopan a casca sagrada, usada tradicionalmente para tratar o estrinximento.