O maltrato psicolóxico

Un problema para as mulleres, non das mulleres

Os malos tratos psíquicos representan un fenómeno vello, o novidoso é a súa denuncia como problema social
1 Febreiro de 2005
Img interiormente listado 165

Un problema para as mulleres, non das mulleres

/imgs/20050201/psicologia.01.jpg
O maltrato psicolóxico baséase en comportamentos intencionados, executados desde unha posición de poder e encamiñados a desvalorizar, producir dano psíquico, destruír a autoestima e reducir a confianza persoal. O seu padecemento leva á despersonalización, ó mesmo tempo que xera dependencia da persoa que os inflixe. O maltratador válese para iso de insultos, acusacións, ameazas, críticas destrutivas, berros, manipulacións, silencios, indiferenzas e desprezos.

Na esfera do privado, aínda que os homes tamén o sofren, as mulleres son as vítimas maioritarias. Prodúcese tamén na relación dos pais cos fillos, na que se detectou un incremento do maltrato dos fillos sobre os seus proxenitores, consecuencia dunha educación cada vez máis permisiva e do uso da violencia nos conflitos do mundo dos adultos. No ámbito público, o maltrato psicolóxico está presente no mundo laboral, o coñecido como “mobbing”, e no escolar, o chamado “bullying”.

A muller, principal vítima

Os malos tratos psicolóxicos son un fenómeno vello. O que resulta novidoso é a súa denuncia como problema social. Sófrenos as mulleres de tódalas idades, grupos sociais e económicos, culturas e países. A súa grande incidencia, a gravidade das secuelas, o alto custo social e económico, e en especial a degradación que produce a violación do dereito das persoas a seren tratadas como tales e ó respecto que merece toda existencia humana convértenos nunha cuestión de gran relevancia pública.

As agresións continuadas, tanto verbais coma non verbais (o silencio, a indiferenza, os xestos…), crean unha relación sinistra de dependencia entre o maltratador e a vítima. Ambos os dous acaban necesitándose. A vítima porque soa sente que non é ninguén, e o medo e a angustia paralízana, e o maltratador porque sente que é alguén a través da dominación que exerce. A situación de dependencia é tal que a vítima acaba protexendo e desculpando o maltratador. Percorre ata este punto un proceso destrutivo no que vai perdendo a confianza en si mesma e a capacidade de resposta, no que se vai anulando e vai interiorizando que de alí non se sae e abandona toda esperanza.

Poder asimétrico

Na raíz da violencia contra as mulleres evidénciase a asimetría de poder que propiciou o sistema patriarcal e machista imperante, e que levou a un abuso coa persoa máis desfavorecida neste esquema, a muller. Por iso, os expertos inciden en non presentar o problema como se fose “das mulleres”, xa que se ben son elas as que os sofren, trátase dunha dificultade da que os varóns deben ser conscientes e traballar por superala.

O psicoterapeuta Luis Bonino, especialista desde hai máis de tres lustros en masculinidade e relacións de xénero, elaborou unha clasificación que identifica condutas para intentar conseguir a dominación:

  • A intimidación.
  • A toma repentina do mando: tomar decisións sen consultar, monopolizar.
  • A apelación ó argumento da lóxica e da “razón” para impor ideas ou eleccións.
  • A insistencia abusiva, co fin de obter por esgotamento o que se desexa a cambio dun pouco de “paz”.
  • O control dos cartos.
  • O uso expansivo do espazo físico.
  • A maternalización da muller, é dicir, a creación de condicións para que esta lle dea prioridade ó coidado das outras persoas.
  • A manipulación emocional, que xera na muller dúbidas sobre si mesma e propicia sentimentos negativos e de dependencia.
  • As descualificacións que comportan a indefensión.
  • A desautorización e desvalorización que xeran sentimentos de inferioridade.
  • O paternalismo desde o que se trata a muller como se fose unha nena.
  • A falta de intimidade.
  • O distanciamento.
  • As mentiras, o incumprimento de promesas…
  • A autoindulxencia coa que elude o maltratador a súa propia responsabilidade.
  • O intento de xerar mágoa a través de comportamentos autolesivos ou ameazas de suicidio.

Retrato dunha muller obxecto de maltratos psicológicos

Síntomas e manifestacións

  • Dores de costas e articulacións.
  • Irritabilidade.
  • Cefaleas.
  • Insomnio.
  • Fatiga permanente.
  • Tristura, ánimo deprimido e gana de chorar sen motivo aparente.
  • Ansiedade e angustia.
  • Inapetencia sexual.

Actitude

  • Sensación de vergonza.
  • Sentimento de culpa.
  • Temor xeneralizado.
  • Mantemento dunha ollada fuxidía.
  • Abandono social e escaseza comunicativa: explicacións vagas e confusas.
Sinais de alerta de condutas que evidencian ou derivan cara ó maltrato psicolóxico

(Segundo o psiquiatra Murphy O’Leary)

  • Ignora os sentimentos da parella.
  • Ridiculiza ou insulta as mulleres como grupo.
  • Ridiculiza ou insulta a maioría dos valores, crenzas, relixión, raza, herdanza ou clase da parella.
  • Utiliza o seu visto bo, aprezo ou afecto como castigo.
  • Critícaa, insúltaa ou bérralle continuamente.
  • Humíllaa en privado e/ou en público.
  • Rexeita manter relacións sociais na súa compaña.
  • Controla os cartos e tódalas decisións.
  • Rexeita compartir o diñeiro ou que vostede traballe.
  • Non permite o seu acceso ós cartos ou ás chaves do coche ou a outros bens.
  • A miúdo ameázaa con abandonala ou di que marcha.
  • Ameázaa con facerlle dano a vostede ou á súa familia.
  • Castiga ou maltrata os nenos cando está anoxado con vostede.
  • Ameaza con secuestrar ou levar os nenos se vostede o abandona.
  • Abusa, tortura, mata os animais domésticos para facerlle dano.
  • Acósao con asuntos que el imaxina que vostede está facendo.
  • Manipúlao con mentiras e contradicións.
  • Destrúe os mobles, fai estragos nas paredes ou rompe aparellos domésticos durante as discusións con vostede.
  • Manexa armas de xeito ameazante.