Obxectivo: evitar lesións

Pistas para un descenso seguro

Unha escasa preparación física e a práctica incontrolada do esquí poden causarlle danos graves e permanentes a terceiras persoas ou ó propio esquiador
1 Febreiro de 2005
Img informe listado 331

Pistas para un descenso seguro

/imgs/20050201/informe.01.jpg
O descenso con esquís por unha ladeira nevada arrodeada de árbores xa non é unha práctica elitista ou un couto de privilexiados. O ano pasado as estacións invernais españolas recibiron a visita de máis de seis millóns de esquiadores, un 2% máis ca na tempada 2002-2003. Grazas ó investimento efectuado, que só nesta tempada 2004-2005 ascende a máis de 111 millóns de euros, as pistas gañaron en amplitude e, sobre todo, en seguridade. O material tamén foi evolucionando para facer máis doada e segura esta práctica deportiva. Pero cómpre non esquecermos que o esquí segue a ser un deporte de risco. Aínda que a seguridade aumenta, tamén se incrementou a velocidade nas pistas. Isto explica que o 6% dos esquiadores sufra algún tipo de lesión ou accidente, que o seu número aumente e que cada inverno 200.000 españois contraten un seguro de esquí. Á excesiva velocidade súmase a falta de coñecemento das máis elementais normas de seguridade nas pistas como principais responsables destes accidentes.

Conscientes da importancia da seguridade, as estacións realizaron esta tempada un especial esforzo para garantila. Por exemplo, insistiuse no uso do casco e editouse unha guía cívica do esquiador, coa que se pretenden eliminar certos comportamentos temerarios que adopta unha mínima parte de visitantes e que poñen en perigo ó resto de esquiadores.

Nela, os responsables das estacións fan un chamamento ó civismo e ofrécenlle ó esquiador as normas elementais de seguridade que lle van permitir aproveitar máis e pasalo mellor con este deporte. Nesta liña enmárcase a potestade das estacións de retirarlles o forfait e expulsar das súas pistas os practicantes que poñan en perigo a seguridade dos outros esquiadores e a súa propia. Nas estacións de Andorra foron máis alá e crearon a figura dun vixilante ou policía de neve, capacitado para impor graves sancións de ser preciso.

Lesións do esquiador

/imgs/20050201/informe.02.jpg
É un feito irrefutable que a practica do esquí resulta moi saudable (mellora a condición física, incrementa o número de glóbulos vermellos e brancos, dada a altura á que se practica, contribúe á osixenación do organismo…). Así e todo, arrastra un punto negro: a elevada incidencia de lesións polos accidentes que se rexistran nas pistas. O 60% das lesións que se producen neste deporte afectan ós membros inferiores, en especial ós xeonllos, xa que é a parte do corpo que máis traballa e que máis presión soporta; o 20% inciden nas mans, o 10% son traumatismos cranoencefálicos e o resto adoitan ser lesións de columna.

A lesión máis significativa é a que afecta ó ligamento anterior cruzado do xeonllo, que a atravesa diagonalmente por baixo da rótula. A probabilidade de que un esquiador sufra unha lesión no ligamento anterior cruzado é 365 veces superior á da poboación xeral. Tamén é común o chamado ‘polgar do esquiador’, unha lesión que consiste na rotura dos ligamentos deste dedo, e que se produce ó tirar do polgar cara a un lado por estender a man para amortecer unha caída.

Entre os practicantes de snowboard a lesión clásica é a fractura do pulso, debido a que as mans van libres e son a primeira parte do corpo en apoiarse trala caída.

Con todo, a maior ameaza para o esquiador é sempre a fractura de cadeira ou de fémur. Nos máis dos casos, prodúcense logo dunha perda de control do esquiador nun xiro efectuado a velocidade excesiva e que acaba nun choque contra unha árbore ou contra un dos valados protectores da pista.

Os efectos nocivos dos raios de sol tamén afectan ós ollos. A fotoftalmia, un tipo de conxuntivite, pode aparecer entre esquiadores que non se protexeron como había de ser. Os seus síntomas percíbense tras catro ou seis horas de exposición á luz solar e adoitan ser lagrimexo, ollos vermellos e sensación de corpos estraños.

Ante todo, seguridade

/imgs/20050201/informe.03.jpg
Resulta moi recomendable, por todo o devandito, subscribir un seguro de accidentes, imprescindible para asumir algúns dos riscos que implica a práctica do esquí. Sobre todo se se ten en conta que nin a seguridade social nin os seguros médicos privados cobren o rescate nin a primeira asistencia en pistas. O 20% dos esquiadores españois contrata seguros que cobren desde o rescate en pistas ata os gastos médicos de hospitalización, o custo das muletas, o desprazamento ó domicilio en caso de accidente, un seguro de responsabilidade civil ou a protección xurídica do deportista. O custo dun seguro de esquí oscila, en función das coberturas e da duración do contrato, entre os 2,5 euros por día, se se contrata xunto co forfait nas pistas españolas (3 euros nas andorranas) e os 86 euros, iso si, con cobertura anual e con dereito a rehabilitación que ofrecen algunhas compañías de seguros.

Os esquiadores habituais coñecen as vantaxes de estaren federados, entre as que salienta a obtención dunha tarxeta que inclúe un seguro de accidentes pola práctica de calquera deporte de inverno. Os prezos destas tarxetas non son os mesmos en todas as comunidades autónomas. Por exemplo, pertencer á Federación Andaluza custa 60 euros ó ano, mentres que os federados asturianos pagan anualmente 55 euros, os cataláns 46 euros e os biscaíños 45 euros. Estas tarxetas teñen unha validez dun ano ou tempada de esquí e garanten a asistencia médica se se require e mais continuidade nos tratamentos.

A cobertura mínima sanitaria para España que ofrece o mercado sitúase na actualidade en 600 euros. No caso de Andorra esta cobertura sitúase entre os 1.500 e os 7.500 euros. Para rematar, para o resto de Europa e o mundo, as aseguradoras amplían a cobertura desde os 3.000 ata os 12.500 euros.

Normas de conduta nas pistas

  • Compórtese de xeito que non poña en perigo ou prexudique a ninguén.
  • Esquíe ó xeito e de maneira controlada. Adapte a súa velocidade e modo de esquiar á súa habilidade persoal e ás condicións xerais do terreo, neve e tempo, así como á densidade do tráfico nas pistas.
  • Elixa o seu camiño de xeito que non poña en perigo ó esquiador que vai diante de vostede.
  • Circule de vagariño nas áreas saturadas ou nos lugares onde a visibilidade é reducida e especialmente nos cambios de rasante, ó final das pistas e nos accesos ós remontes.
  • Se baixa desde arriba, colla a dirección que garanta a seguridade dos usuarios que se atopen diante de vostede.
  • Se adianta a outro esquiador, déixelle espazo abondo para que poida realizar os seus propios movementos.
  • Se entra en pista olle cara a arriba e cara a abaixo, asegurándose de que a pista está despexada.
  • Evite parar no medio da pista, en lugares estreitos, perigosos ou de escasa visibilidade. Se cae nun destes lugares, arrédese de alí e deixe libre a pista o máis axiña posible.
  • Se sobe e baixa a pé, fágao polo lateral da pista.
  • Respecte todos os sinais e indicacións. Obedeza as instrucións do persoal da estación no exercicio das súas funcións.
  • En caso de accidente, preste axuda ou notifíquello, na medida das súas posibilidades, ó persoal da estación.
  • Saiba que é vostede responsable non só da súa propia conduta, senón tamén do seu material defectuoso.
  • Respecte a natureza, evitando guindar lixo e cabichas de tabaco, e procurando evitar penetrar en zonas onde se poidan causar estragos ó medio natural.