Un sistema de cobro inxusto para o usuario e unha calidade de servizo moi mellorable
Probablemente, a maioría dos usuarios que contribuíron a que o sector de aparcadoiros de pagamento facturase o ano pasado arredor de 300 millóns de euros pensarán que a práctica de cobrar por hora ou fracción no canto de facelo polo número de minutos que o coche permanece no aparcadoiro é un abuso ou, polo menos, un despropósito nunha época coma a actual, impregnada polas novas tecnoloxías, a concorrencia polo mercado e a mercadotecnia atenta á máis mínima expectativa dos consumidores. O mesmo poderían pensar se teñen a mala sorte de extraviar o ticket de aparcamento: nos máis dos casos, e por moito que o tempo utilizado sexa menor, deberán pagar como se tivesen estacionado o coche 24 horas e, ademais, terán que demostrar que o coche que reclaman é seu. Pero non todo acaba aquí: se lles subtraen do interior do coche un móbil, unha maleta, un aparello musical extraíble ou calquera obxecto persoal, non recibirán indemnización ningunha. Poderíase pensar: “pero, non hai unha normativa, unha lei, que regule este servizo e que defenda os intereses dos usuarios? Pois si que a hai: entrou en vigor en novembro do 2002, pero malia a que as organizacións de consumidores traballan para que sexa modificada, os seus artigos permiten que a situación sexa a que é.
Técnicos de CONSUMER EROSKI visitaron a primeiros do pasado mes de xaneiro, facéndose pasar por usuarios, 155 aparcadoiros públicos de pagamento dos denominados “de rotación” (non exclusivos para residentes ou abonados). Fixérono en 13 cidades: Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga, Bilbao, Zaragoza, A Coruña, Murcia, Vitoria, San Sebastián, Almería, Pamplona e Santander. Catro de cada dez suspenden o exame, e esa é a primeira e significativa conclusión. Concretamente, o 3% dos aparcadoiros estudados merece un “moi mal” como nota final, o 17% un “mal”, e o 20% débese conformar cun “regular”. Por cidades, tan só os de Murcia e Málaga -entendidos globalmente en cada cidade- aproban de sobra o exame. Fano en ambas as cidades cun “ben” de media, que adquire maior relevancia se se compara coa media das 13 cidades, un “regular”. As de peores aparcadoiros son, nesta orde, Zaragoza, Vitoria, A Coruña, Barcelona, Bilbao, Madrid e Santander. Os aparcadoiros estudados en Pamplona, San Sebastián, Valencia e Almería -insistimos, analizados conxuntamente en cada cidade- superan o exame, pero fano cun “aceptable”, unha cualificación mediocre.
En resumo...
A principal materia pendente dos aparcadoiros españois é cobrar polo tempo real utilizado polos usuarios ou, polo menos por cada cuarto de hora de uso das instalacións: hoxe só o fan o 23% dos estudados por CONSUMER EROSKI. O máis positivo é a información ofrecida ó usuario, particularmente a sinalización das instalacións. O pero neste apartado é a ausencia de carteis ou de paneis informativos para indicar que dispoñen de follas de reclamacións e de cómo actuar en caso de incendio. Outro importante aspecto que deben corrixir (suspenden catro de cada dez aparcamentos) é a accesibilidade xeral das instalacións e a súa adaptación (accesos, prazas de aparcamento específicas e aseos) ás necesidades dos usuarios que se desprazan en cadeiras de rodas. Tamén é relevante que o 36% dos aparcadoiros suspendan en seguridade e vixilancia (debido á ausencia de vixilantes e á inexistencia de planos de evacuación, pasos de peóns e beirarrúas para peóns), e que unha proporción semellante non acade nin sequera o aprobado en limpeza e mantemento: algúns precisan reformas e coidados básicos, como unha man de pintura; outros tiñan os seus aseos en estado deplorable e mesmo había algúns en que as marcas viarias do chan non se vían. Todos estes datos remiten a unha conclusión de rango superior: non só a inmensa maioría dos aparcadoiros españois manteñen un sistema de cobro claramente nocivo para quen os empregan, senón que, ademais, un bo número deles ofrecen un servizo deficiente.
Polo menos, a quen fai uso habitual deles podería caberlle o consolo de que o servizo que prestan os aparcadoiros é económico. Pois tampouco: aínda que se rexistran enormes diferenzas entre as cidades (a tarifa media en Valencia é de 1,6 euros, mentres que en Vitoria e Murcia é de 0,8 euros) e mesmo dentro das mesmas cidades (en Madrid van desde 3,6 euros ata 0,9 euros por hora), estacionar nun aparcadoiro dunha cidade española representa un desembolso medio de 1,43 euros por hora, o que significa que se se deixa aparcado (por exemplo, para facer compras ou para ir ó cine) durante tres horas e poucos minutos, o importe medio que se paga (nos máis dos casos, cobrarían catro horas) sería de case 6 euros, é dicir, 1000 das antigas pesetas.
Sinalización e información ó usuario
Como nos informan os aparcadoiros sobre os seus horarios e servizos? Expoñen a información máis importante para o usuario mediante carteis? Sinalan claramente a saída, entrada e a situación dos caixeiros de pagamento ou dos aseos? Numeran as prazas de aparcamento para facilitar a localización dos vehículos?
Horarios de apertura e de peche: 7 de cada 10 aparcadoiros informan sobre os horarios. Os mellores, os de Barcelona: todos os visitados indicaban os seus horarios mediante carteis exteriores ou interiores, e/ou no ticket. O 55% dos aparcadoiros sinalan que o seu horario é de 24 horas, mentres que o 15% pecha durante a noite.
Días de apertura: case 9 de cada 10 aparcadoiros non pecha ningún día do ano.
Follas de reclamacións: 6 de cada 10 non informan claramente de que dispoñen delas. Os peores, os de Zaragoza (só un dos 12 estudados sinala que contan con follas de reclamacións) e os de Madrid, Barcelona e Pamplona (en 8 de cada 10 non o indican).
Sinalización para peóns: a maioría (case 9 de cada 10) sinalan ben as saídas peonís e distínguenas das dos vehículos. Os mellores, os de Zaragoza, Valencia, Pamplona e Málaga. Os peores, os de Barcelona e os de Vitoria e Bilbao (no 25% dos estudados ou non hai esta sinalización ou non é abonda).
Sistemas tecnolóxicos para guiar ós usuarios: só o 7% dispoñen dun sistema guiado cara ás prazas libres utilizando sensores, indicadores luminosos de ocupación ou paneis de información variables. Estes aparcadoiros víronse en Barcelona (4 aparcadoiros), Valencia (2), e un en Pamplona, Zaragoza, Vitoria, Bilbao e Madrid.
Carteis informativos sobre obxectos roubados: o 51% dos aparcadoiros non advirten de que non se fan cargo dos obxectos depositados no interior dos vehículos.
Emerxencias: só o 53% informan claramente sobre que facer en caso de emerxencia ou de incendio no interior dos aparcadoiros. Os mellores: os de Murcia (o 93% advirte sobre que facer en caso de emerxencia) e os de Pamplona (tres de cada catro ofrecen indicacións). Os peores: os de Madrid (sete de cada dez non explican nada ó respecto) e os de Bilbao e San Sebastián (acontecía o mesmo en dous de cada tres).
Prazas de aparcamento numeradas: só o 56% dos aparcadoiros ten as súas prazas claramente numeradas (nalgunhas, os números están desgastados e non se distinguen). Os mellores foron os de San Sebastián: nove de cada dez teñen ben numeradas as súas prazas. Os peores, os de Málaga: tres de cada catro non as teñen numeradas.
Carteis de “Libre” e “Completo”: no 8% dos aparcadoiros non informaban no exterior nin no interior da súa disposición de prazas libres. Os peores, os de Málaga: en un de cada catro non había cartel ningún con esta práctica información.
Mantemento e limpeza
Están limpos os aparcadoiros? Distínguense as marcas viarias? Ofrecen aseos en bo estado de limpeza? Atópanse en óptimo estado de conservación ou precisan reformas?
Marcas viarias: só a metade dos aparcadoiros manteñen en bo estado as marcas viarias pintadas no chan. Os mellores foron os de Valencia, Málaga e Vitoria. Os peores, os de San Sebastián, Madrid e Bilbao.
Sinais de paredes, lavabos, ascensores…: máis de sete de cada dez aparcadoiros téñenas en bo estado de mantemento, sen roturas, óxidos, pintadas, caídas, etc. Os mellores, os de Pamplona e Murcia (todos os visitados, ben). Os peores, os de Madrid e Zaragoza.
Aseos: o 18% dos aparcadoiros carece deles. Os mellores aparcadoiros no tocante á dotación de aseos que se visitaron foron os de Málaga, Pamplona, Almería, Valencia e Murcia. Os peores, os da Coruña (dous de cada tres non contan con aseos), Zaragoza (42%) e Barcelona (29%). No tocante ó seu estado, o 16% dos aparcadoiros téñenos nunha situación hixiénica deplorable, con cheiros nauseabundos, manchas, lixo, etc. Os mellores aseos atopáronse nos aparcadoiros de Málaga. Os peores ou máis porcos, os de Madrid, Barcelona e Almería.
Limpeza do chan: no 14% dos aparcadoiros o chan das instalacións atopábase en mal estado de conservación e limpeza, con pozas, manchas, pingueiras, lixos, paredes escachadas… Os peores foron os de Bilbao, Barcelona e Madrid.
Estado de conservación: o 14% dos aparcadoiros precisan unha remodelación das súas instalacións. Os mellores neste aspecto foron os de Málaga, Almería, Pamplona e Santander. E os peores, os de Bilbao e Vitoria.
Accesi- bilidad e e adaptación a descapacitados
Aseos adaptados: só 3 de cada 10 aparcadoiros que dispoñen de aseos os teñen adaptados para usuarios en cadeira de rodas. Os mellores, os de Málaga: dous de cada tres dispoñen de aseos adaptados. Os peores, os de San Sebastián e Almería.
Prazas de aparcamento reservadas: só o 56% dos aparcadoiros dispón de prazas exclusivas para descapacitados. Os mellores, os de Valencia (dispón delas o 86%), Madrid e Pamplona. Os peores, os de San Sebastián, A Coruña e Zaragoza.
Adecuada localización e tamaño das prazas para descapacitados: deberíanse situar preto das saídas peonís, ser amplas para facilitar as manobras de aparcamento, e estar situadas no primeiro andar. Case o 98% dos que teñen prazas reservadas a descapacitados cumpren con estas premisas. Os peores foron os de Almería (un de cada tres aparcadoiros fallou).
Manobrabilidade: no 23% dos aparcadoiros anotáronse dificultades para circular e para acceder ás prazas de aparcamento (estreiteza de rúas interiores, presenza de inoportunas columnas…). Os peores foron os de Zaragoza: na metade deles é difícil manobrar.
Ascensores: o 43% dos aparcadoiros estudados non dispón de ascensores, o que lles impide ou dificulta a entrada a persoas descapacitadas. Os mellores neste aspecto foron os de Valencia, Murcia e Bilbao. E os peores, os da Coruña, Santander, Almería e Vitoria. O 3% dos aparcadoiros que dispuñan de ascensores tíñanos fóra de servizo.
Seguridade e vixilancia no aparcadoiro
Iluminación: o 88% dos aparcadoiros están ben iluminados e ofrecen luz abonda e visibilidade en escaleiras, ramplas, prazas de aparcamento, etc.
Cámaras de videovixilancia: case tres de catro aparcadoiros contan con cámaras de videovixilancia nas súas instalacións, aínda que en ocasións estas cámaras se viron só nas zonas de pagamento. Os aparcadoiros peor dotados neste equipamento de seguridade foron os da Coruña e Zaragoza.
Persoal de seguridade: só no 37% dos aparcadoiros se comprobou a súa presenza. Os mellores: os aparcadoiros malagueños, xa que en tres de cada catro se viu persoal de seguridade. Os peores neste apartado: os aparcadoiros de Santander, Vitoria e Zaragoza (tan só no 17% se viu persoal de seguridade).
Extintores: no 95% dos aparcadoiros. Nos aparcadoiros de Pamplona, Zaragoza, Barcelona e Madrid é onde menos extintores se viron: do 25% ó 7% dos visitados.
Detectores de fume: víronse no 78% dos aparcamentos que non son en superficie. Os mellores, os de Santander, Pamplona, Málaga, Madrid e Almería. Os peores, os de Zaragoza e Murcia.
Pasos de peóns: só o 23% dos aparcadoiros visitados conta con pasos de peóns ben delimitados e pintados. Os mellores neste aspecto foron os de Málaga e Pamplona. E os peores, os de Vitoria, Bilbao, Barcelona e Santander.
Tarifas e servizos do aparcadoiro
Expiden recibo? No 70% das ocasións o recibo foi expedido polas máquinas, e no resto das ocasións fíxoo o persoal de control (na ventá). Dos expedidos manualmente, oito de cada dez non cumpren cos requisitos mínimos (faltan datos, como a hora de entrada e saída do vehículo, a data, o selo; nalgún deles nin sequera aparece o nome do aparcadoiro). Ademais, nalgúns dos aparcadoiros nos que se pagou na ventá da entrada houbo que insistir para conseguir o recibo, xa que o empregado se negaba a dalo. E no tocante ós impresos, nun 14% dos recibos automáticos observáronse carencias, a maioría debidas á deficiente impresión do documento ou á falta de información horaria. Os aparcadoiros que mellor se comportaron no tocante ó recibo foron os de Málaga e San Sebastián. Os peores, os de Almería, Santander e A Coruña.
Cobro por hora ou fracción: o 48% dos aparcadoiros cobra por cada hora de aparcamento ou fracción, e o 29% por cada media hora ou fracción; o 12% faino por cada cuarto de hora ou fracción, e só un exiguo 10% factura por minutos de aparcamento. Os mellores neste apartado son os aparcadoiros de Murcia: nove de titularidade municipal cobran por minuto, o mesmo que fan algúns de Barcelona e Madrid. A medio camiño sitúanse os de San Sebastián, nos que se cobra por fraccións de quince minutos. Os peores: os do resto de cidades visitadas.
Fixemos a proba: que acontece se o usuario perde o ticket de estacionamento e non o atopa? Técnicos de CONSUMER EROSKI estacionaron o seu vehículo en cada un dos 155 aparcamentos. Deseguido, dirixíronse a un empregado do aparcadoiro e preguntáronlle polo emprazamento dunha rúa próxima. Trinta minutos despois explicáronlle a este mesmo empregado que perderan o ticket de estacionamento. No 62% dos aparcadoiros dixéronlles que tiñan que aboar o equivalente a un día completo de estacionamento, aínda que recoñeceron fisicamente ó hipotético usuario. Así aconteceu en todos os aparcadoiros visitados en Valencia e Zaragoza, no 93% dos de Murcia, no 86% dos de Madrid e no 75% dos de Pamplona. Pola contra, só o 17% dos aparcadoiros malagueños e o 29% dos almerienses obrigaron o técnico de CONSUMER EROSKI a pagar por todo o día de estacionamento. Ademais, só o 8% dos aparcadoiros accederon a realizar un control de matrícula mediante o cal, por medio do vídeo de rexistro de entradas, se puidese constatar a que hora entrara o vehículo ó aparcadoiro. Doutra banda, só nun 23% dos aparcadoiros se aceptou que o usuario aboase exclusivamente a media hora de estacionamento utilizada. Os empregados dos aparcadoiros malagueños destacaron pola súa comprensión (un 83% cobrou a media hora) e algo semellante pode dicirse dos de Almería e A Coruña (o 57%). Nun 3% dos aparcadoiros obrigábase a pagar unha multa, de menor contía có pagamento polo día completo, por perder o ticket.
E que di a lei sobre os aparcadoiros?
En novembro do 2002 entrou en vigor a Lei 40/2000, que non afecta ás zonas de estacionamento regulado na vía pública (ORA, OTA, zona azul…), nin ós aparcadoiros doutras instalacións (centros comerciais, hoteis, aeroportos, restaurantes), nin ós gratuítos.
Si. A lei di que o propietario poderá establecer as tarifas libremente. Tres de cada catro cobran por hora ou fracción. As organizacións de consumidores esixen que o cobro sexa “en función do tempo real de estacionamento, medido en minutos”.
O empresario só está obrigado a restituír as partes do vehículo que se incorporaran para o seu funcionamento de maneira fixa e inseparable e que sexan habituais e ordinarias: unha roda deberá ser restituída, pero un móbil ou unha radiocasete extraíble, non, xa que non son elementos propios do coche. O mesmo acontece coa equipaxe ou con calquera obxecto que quedara no coche. Só deberán restituírse os previamente depositados na consigna do aparcadoiro. O 90% dos aparcadoiros carece de servizo de consigna.
O usuario terá que acreditar o seu dereito sobre o vehículo e deberá pagar a tarifa contemplada para esa circunstancia. No 62% dos aparcadoiros cóbrase o equivalente a unha xornada completa de uso do aparcadoiro. As asociacións de consumidores piden que se obrigue a indicar a matrícula do coche no ticket de entrada e que o aparcadoiro leve un rexistro das matrículas dos coches que se aparcan no seu interior.