Detectar a tempo as avarías do automóbil

Que lle pasa ó meu coche?

Os ruídos do motor poden ser síntoma dunha avaría grande
1 Febreiro de 2005
Img consejo listado

Que lle pasa ó meu coche?

/imgs/20050201/consejos.01.jpg
Prestarlles atención a algúns ruídos e sensacións estrañas do noso vehículo pódenos aforrar tempo e cartos. Unha leve vibración no volante pódenos indicar que unha roda está desequilibrada, un pneumático pouco inflado ou un amortecedor defectuoso. Cando detecte algún problema, non o dubide, acuda a un profesional da reparación. A súa seguridade e mais a dos demais está en xogo.

Motor

  • Se a cor do fume que sae polo tubo de escape é negro, o seu coche consome máis carburante do necesario e contamina en exceso.
  • Se é de cor branca azulada, indica que o seu vehículo consome demasiado aceite.
  • Se percibe un ruído semellante ó dunha máquina de coser, se cadra o motor ten máis espazo do normal entre un ou varios taqués -elementos mecánicos que transmiten a acción da árbore de levas ás válvulas de admisión e escape- e a válvula.
  • Se o coche non arranca e nota unha especie de gargarexo do motor cando vira a chave, pode ser que as vasoiriñas do motor de arranque estean pegadas.

Transmisión/embrague

  • Se cando sae en primeira se produce un cloc, cloc, de maneira continua e prolongada, é posible que teña un problema coa punta da transmisión, tamén chamada xunta homocinética.
  • Revise o embrague se ó pisar o pedal de embrague a fondo e seleccionar unha velocidade se produce un ruído metálico (as velocidades rascan).
  • Se co pedal de embrague solto, pisa o acelerador e o motor sobe de revolucións pero o coche non alcanza a velocidade correspondente, é que o embrague patina ou que o cable que transmite a acción do pedal está roto.

Pneumáticos

  • Se o volante vira con menos facilidade ca decote, se cadra é debido a que as rodas dianteiras están pouco infladas, a que o engraxamento da dirección non é o idóneo ou a que o coche vai moi cargado.
  • Se vibra sensiblemente en empedrado, pode haber exceso de presión nos pneumáticos dianteiros ou unha carga excesiva.
  • En caso de que o volante sufra unha leve vibración, como se batese constantemente, cando estea rodando sobre un pavimento ben asfaltado, pode que unha das rodas dianteiras estea desequilibrada.
  • Se o coche se desvía cara a un lado, unha roda dianteira está frouxa, os pneumáticos están gastados desigualmente ou a roda está freada, a carga mal repartida ou a mangueta falseada, nese caso convén comprobar a aliñación do eixe.

Freos

  • Se observa alteracións de dureza cando pisa o pedal é posible que exista aire nos tubos, polo que convén purgar o circuíto.
  • Se o seu vehículo se desvía da súa traxectoria cando frea, ou unha roda frea máis ca outra, as pastillas e zapatas están porcas ou impregnadas de aceite.
  • Se na freada se produce un escorregamento no canto dunha fricción, acompañado dunha vibración que produce unha especie de chío, é que a superficie da pastilla ou do disco cristalizou.

Dirección

  • Se nota dureza pode ser por unha baixa presión dos pneumáticos dianteiros, unha anchura maior á recomendada, o mecanismo da dirección gastado ou amortecedores en mal estado.
  • Se o seu coche ten dirección asistida e renxe é por falta de líquido.
  • Se o seu vehículo tende a ir cara a un lado pode ser pola distinta presión nos pneumáticos dianteiros.

Amortecedores

  • Revise o estado dos amortecedores se:
  • cando frea observa que o morro do vehículo se inclina en exceso ou cando o vehículo absorbe con excesiva violencia as alteracións do terreo.
  • cando en terreo irregular e de noite os faros vibran demasiado.
  • co vento lateral o vehículo vai dando bandazos.
  • os pneumáticos se desgastan de xeito irregular.
  • Se o volante vibra cando se frea en curvas, pode que o amortecedor dianteiro do lado exterior da viraxe estea defectuoso, ou que a bésta dese lado se atope en mal estado.
  • Se escoita ruídos bruscos, localizados na parte dianteira ou traseira, pódese deber a roturas do amortecedor ou de elementos de suxeición próximos ou a silentblocks -pezas de goma interpostas entre dúas metálicas- en mal estado.