Técnicas múltiples sen unha solución definitiva
Os problemas de refracción da visión, aqueles nos que a proxección da imaxe sobre a retina non é a idónea, constitúen un crebacabezas e unha dificultade para millóns de persoas. Durante séculos, a súa única solución residiu nas gafas. Nas últimas décadas do século XX xurdiu unha alternativa cos lentes de contacto. Nos últimos anos xurdiu tamén a cirurxía refractiva, un método que desde aquela non deixou de progresar e de perfeccionarse, aínda que segue sen ser polo de agora unha solución definitiva e duradeira.
Éxito matizable
Os defectos visuais veñen dados case sempre por causas xenéticas. A curvatura da córnea ou o globo ocular sofren unha pequena deformación, altérase así a lonxitude deste último e, como consecuencia, a imaxe non se proxecta de modo exacto sobre a retina. Nos últimos 15 anos multiplicáronse as operacións de córnea, sobre todo desde o desenvolvemento das técnicas con láser. Non obstante, non se poden tratar tódolos casos. Ademais, os resultados ás veces non son os agardados, a intervención é cara e os beneficios non se poden garantir a longo prazo porque algunhas técnicas só levan 10 anos aplicándose e aínda é cedo para avalialas. Así e todo, a cirurxía para a corrección dos trastornos de refracción permite que as persoas se liberen dos anteollos, gafas ou lentes de contacto e, amais das vantaxes estéticas que supón para algúns, permite practicar as actividades cotiás e deportes favoritos sen preocuparse da visión.
Tipos de cirurxía
O tipo de cirurxía idóneo para cada persoa depende da magnitude da súa miopía. Unha delas é a queratotomía radial, que se realiza mediante cortes radiais na córnea. Estes producen un aplanamento central da córnea que mellora a visión nos miopes que teñen de 1,7 a 7 dioptrías. A recuperación é rápida e hai unha mellora do 90% da agudeza visual, pero pódense dar complicacións porque os cortes adoitan ser profundos, os resultados flutuantes e impredicibles e é posible que quede algo de cegueira coa luz e que se altere a visión de lonxe por un longo período.
Por estes inconvenientes prefírese o Láser Excimer, no que só se alteran pequenas porcións da córnea e o trauma é pequeno. Agora ben, a recuperación é longa, pode quedar unha néboa corneal, e polo de agora só se leva realizando uns 10 anos, polo que os resultados a longo prazo non se coñecen aínda. A técnica LASIK utiliza tamén o láser Excimer, pero o que fai é un pulido da córnea, unha especie de tallado corneal nas súas capas profundas co que modifica a súa curvatura. Considérase o procedemento máis efectivo e seguro para miopías inferiores a 10 dioptrías.
O ICL, lente de contacto implantable, utilízase para miopías superiores a 10 dioptrías. A través dunha pequena incisión na córnea introdúcese o lente dobrable na cámara anterior do ollo. Unha vez dentro o lente desprégase e permite un mellor enfoque da imaxe sobre a retina. Antes da colocación do lente hai que facer dúas incisións no iris (iridotomías) con láser YAG para evitar o aumento de presión dentro do ollo. A recuperación é moi rápida e nunha semana conséguese a agudeza visual definitiva. Estase a estudar o resultado a longo prazo.
A CRT (Corneal Refractive Terapy) é a técnica máis recente. Consiste na colocación duns lentes especiais pola noite, mentres se dorme, que van moldeando as córneas. Os lentes duran un ano e ó cabo do ano hai que renovalos. O resultado é temporal, non é definitivo. Aplícase en miopías de 1,75 a 6 dioptrías e non hai bifocais, polo que, aínda que acade unha agudeza visual de lonxe moi boa, se ten defecto para visión de preto terá que seguir usando lentes para ler.
No tocante ó futuro deste tipo de intervencións, parece que pasa polo desenvolvemento de lentes intraoculares para lonxe e preto, ben difractivas, refractivas ou de tipo cumming, é dicir, que se poden adiantar e aumentar a potencia ó mirar de preto.
Riscos mínimos
As técnicas cirúrxicas teñen sempre un risco, aínda que sexa mínimo: reaccións á medicación, infeccións, hemorraxias… No caso da cirurxía da refracción, os riscos adicionais son unha visión flutuante, unha corrección escasa ou excesiva, as infeccións da córnea, a dificultade para ver de noite debido ó resplandor, a dor, as úlceras corneais… Aínda que cada día as técnicas son máis perfectas e as complicacións menos frecuentes, non hai que esquecer que se producen e que o resultado pode non corresponder ás expectativas que se depositaran na operación. Por regra xeral, as intervencións realízanse de modo ambulatorio, son de curta duración e o tipo de anestesia é tópica, local. A recuperación tamén é rápida e pódense operar os dous ollos simultaneamente, aínda que algúns prefiren deixar un par de días entre un ollo e outro.
Mellora a vista?
É necesario volver usar as gafas despois da intervención? A cirurxía mediante as técnicas láser non mellora a agudeza visual, é dicir, despois da cirurxía a mellor visión que se pode acadar é a que se tiña previamente coas gafas ou cos lentes. A maioría dos que se operan con láser non precisa gafas ou lentes de contacto despois da intervención, pero algúns pacientes seguiranas precisando para ler, ver a televisión, ir ó cine ou conducir de noite, sobre todo nos casos de miopía e astigmatismo elevados ou cando os resultados non son os agardados.
Doutra banda, máis do 50% das persoas maiores de 45-50 anos presentan presbicia, o que os obriga a usar gafas para ver de preto, con independencia da técnica cirúrxica utilizada. E é que a utilización de lentes de contacto para a presbicia é moi problemática, pois pola idade pode haber sequidade ocular, o que dificulta a tolerancia.
Tipos de defectos visuais
A miopía desenvólvese xeralmente na época escolar, na que en ocasións cómpren varios cambios de lentes, necesidade que diminúe considerablemente a partir dos 20 anos. Afecta por igual a homes e mulleres, e a predisposición familiar é clarísima. Na miopía, a imaxe fórmase por diante da retina e, en consecuencia, os obxectos distantes vense borrosos. Nos casos máis severos poden tornar unha persoa en birolla, producir dores de cabeza e aumento da tensión ocular.
Na hipermetropía o globo ocular é máis curto, a imaxe fórmase detrás da retina e tamén se produce unha imaxe borrosa.
O astigmatismo, que acompaña moitas veces á miopía ou á hipermetropía, débese a unha irregular curvatura da córnea, e os obxectos vense distorsionados. A presbicia, á que nalgúns países de denomina erradamente vista cansa, é unha afección frecuente a partir dos 40 anos que non ten nada que ver nin coa herdanza nin co “cansazo visual”. Este matiz é relevante porque moitos afectados cren que se debe a que usaron moito a vista durante a súa vida laboral e privada, o que os pode empurrar a abandonar sen motivo actividades que lles gustaban. A partir dos 40 anos, case todos estamos condenados a sufrila por avellentamento do cristalino e a perda da súa capacidade de enfoque, o que comporta dificultade na visión de obxectos situados entre 35 e 100 cm. Por iso se precisan lentes para a lectura e visión de preto.
- Maiores de 20-21 anos.
- Cunha alteración da refracción estable, que non evolucionara nos dous últimos anos.
- A córnea debe estar en perfectas condicións, sen lesións corneais, cunha espesura normal de tecido corneal.
- Os maiores de 45 anos deben ter en conta unha posible presbicia que os obrigará a levar gafas para veren de preto.
- Non son candidatos os afectados de enfermidades do coláxeno (lupus, artrite reumatoide) queratoco, herpes corneal, sida ou enfermidades autoinmunes.