Hemorroides

Un mal estendido, pero de difícil curación

As hemorroides ou almorrás son un dos trastornos sanitarios máis frecuentes, ata tal punto que a maioría das persoas as padeceron nalgún momento da súa vida.
1 Marzo de 2001
Img salud listado 149

Un mal estendido, pero de difícil curación

Aínda que é unha afección considerada banal, pode ser moi molesta e dolorosa. Basicamente, consisten nunha dilatación das veas que están na ampola rectal e que chegan ata o ano, é dicir, das veas hemorroidais. Estas veas, ó igual cás das extremidades inferiores, poden dilatarse por varias causas, co que perden a capacidade de retorna-la sangue que circula por elas. Deste xeito, fórmanse cordóns varicosos e nódulos que poden ser internos. Se as hemorroides se forman no interior denomínanse internas e cando saen ó exterior do ano coñécense como externas.

Factores que propician a súa aparición

A maioría das veas dispoñen dunhas pequenas válvulas que impiden que o sangue corra cara a abaixo por acción da gravidade. Pero as veas hemorroidais non dispoñen destas válvulas, polo que o sangue atopa maiores dificultades para ascender polo sistema venoso. Cando se incrementa a presión interna, o sangue tende a circular máis lentamente, acumúlase e provoca a dilatación das paredes destas veas.

Por iso, tódalas circunstancias que aumentan a presión intra-abdominal condicionan a aparición desta afección: o embarazo, que a miúdo provoca tamén varices nas extremidades inferiores, é unha causa frecuente. Tamén a obesidade, especialmente a troncular (con abdomes amplos), ou as actividades que obrigan a pasar moitas horas de pé ou a permanecer sentado a maior parte do tempo favorecen a conxestión local. Igualmente, determinadas comidas con especias, picantes e as bebidas alcólicas favorecen a dilatación das veas. O estrinximento tamén é unha causa frecuente de hemorroides.

O tratamento, non sempre definitivo

  • O tratamento das hemorroides comeza polas medidas hixiénico-dietéticas:
  • Excluír da dieta as substancias irritantes e vasodilatadoras: picantes, especias, alcol, exceso de sal, chocolate, exceso de ácidos ou café.
  • Procurar efectuar unha boa regulación intestinal para evita-lo estrinximento.
  • Se son externas (ou internas que se exteriorizaron), utilizar papel hixiénico moi suave ou, mellor aínda, efectua-la limpeza no bidé con auga corrente fría (que é vasoconstrictora, é dicir, contrae os vasos sanguíneos) e xabón ácido.
  • Evita-las prendas que premen o abdome, aumentan a presión interna e dificultan o retorno venoso.
  • Evita-lo sobrepeso.
  • Non practicar deportes coma o ciclismo ou a equitación e absterse de realizar viaxes moi longas en automóbil.
  • É conveniente practicar exercicio con regularidade, xa que mellora a circulación e o ton venoso. Se o seu traballo o obriga a permanecer moito tempo sentado ou de pé inmóbil, móvase cada certo tempo.
  • No caso de hemorroides internas, pódense aplicar productos coma o ruscus, a rutina, a diosmina ou o castiñeiro de Indias, que poden administrarse por vía oral, pero que realmente son pouco efectivos.
  • Hai productos que se comercializan a xeito de pomadas que se administran con cánula ou supositorios que, amais de conteren algún dos productos citados, conteñen tamén corticoides en pequena proporción, asociados a anestésicos locais e emolientes (que amolecen as durezas), o que ten un marcado efecto anti-inflamatorio e alivia as molestias. Xeralmente aplícanse dúas ou tres veces ó día.

Tanto o tratamento local coma o xeral alivian, pero non chegan a curar definitivamente o mal. Moitas veces hai que afacerse a convivir coa enfermidade e a mantela controlada e sen que xere molestias. Para iso, é indispensable pór en práctica as medidas hixiénico-sanitarias axeitadas.

No caso de hemorroides moi grandes e dolorosas que provocan prolapsos, sangran ou sofren trombos a miúdo, cómpre recorrer a tratamentos máis ou menos agresivos, desde escleroterapia (ligadura mediante colocación dun anel elástico na base do paquete hemorroidal), crioterapia hemorroidal, aplicación de raios infravermellos ou hemorroidectomía (extirpación das veas hemorroidais). Ás veces, poden supoñe-la curación definitiva, pero tamén é frecuente que co paso do tempo as hemorroides volvan aparecer, xa que as veas que quedan poden volverse dilatar.

A hemorraxia, principal síntoma

O síntoma principal das hemorroides internas é a hemorraxia. Xeralmente é de pouca cantidade, de cor vermella viva, e prodúcese ó final da deposición. Se as dilatacións son importantes, a hemorraxia é máis abundante. Cando estas hemorroides internas saen ó exterior sangran con máis facilidade (o que en termos médicos se coñece como prolapasar). Neses momentos, mesmo polo simple rozamento da roupa interior ou ó realizar esforzos pode chegar a producirse a hemorraxia. O prolapso pode producirse ó realizar esforzos, como no caso da defecación, golpes de tose ou esforzos físicos. Ó primeiro resólvese espontaneamente, pero, pouco a pouco, comeza a ser máis frecuente e a precisar reducción manual. Se seguen progresando e o seu tamaño aumenta, chega un momento no que practicamente están sempre ó exterior. Daquela, a súa reducción manual vólvese imposible. Nestas circunstancias, amais de sangraren con facilidade, aparece unha secreción mucosa moi molesta. Estar sentado moito tempo, suar e os esforzos atúranse mal.

A complicación máis importante e a que produce realmente dor é a trombose nas veas dilatadas. O sangue contido no seu interior solidifícase (fórmase un trombo), co que o cadro pode chegar a ser moi doloroso, ata tal punto que precisa atención inmediata. É o que vulgarmente se denomina ataque de hemorroides e motiva a consulta ó médico. Xeralmente as persoas con hemorroides non complicadas non van ó médico e optan por se trataren elas mesmas.

A miúdo as hemorroides desvían a atención sobre outras enfermidades intestinais. Por iso, cando se sangra ou aparecen outros síntomas anorrectais, é recomendable acudir ó médico para descarta-la presencia doutras doenzas que ofrezan síntomas semellantes. É o único xeito de confirmar que se trata realmente de hemorroides e, deste xeito, ofrece-lo tratamento axeitado.