Escoitar, enviar e compartir música pola Rede
Para comprender mellor en qué consiste, non hai máis que comparar unha enciclopedia dixital, que cabe perfectamente nun CD-ROM, e un compacto de música: no mesmo lugar, a penas se pode gardar máis de hora e cuarto de melodía. Pero mediante MP3, nun único compacto entran doce horas de música, aínda que só poderá lerse nun ordenador ou nun dispositivo específico. A fin de contas, todo parte da premisa de que o oído humano non posúe a capacidade de escoita-lo espectro sonoro completo. A música gardada en MP3 prescinde do que non é percibido, e así alixeirase boa parte do peso.
A reducción de tamaño non é a solución a un problema menor. É a maneira de aproveita-las aínda escasas conexións a Internet para enviar e recibir música. E aí é onde xorde o problema coas leis. O formato en si non é ilegal, pero un uso ilexítimo permite compartir co resto do mundo os discos propios. Iso, unido a unha comunidade de usuarios que sistematicamente pasa por riba de tódolos dereitos de autor, fai do MP3 o formato a bater polos productores de discos.
Chega cun ordenador de gama media
Para gozar deste sistema de son é abondo cun ordenador de gama media. A partir dun Pentium ou similar (é dicir, un computador que ande arredor do lustro de vida) o equipo será capaz de reproducir estes arquivos cunha calidade semellante á dos CDs tradicionais. Cada minuto comprimido en MP3 ocupará aproximadamente un mega de información, as dúas terceiras partes dun disquete.
Os programas para escoitar música gravada neste formato tamén son gratuítos. O máis coñecido de todos é Winamp, e, malia á súa austera presentación, ofrece unhas posibilidades de personalización impresionantes. O son pódese ecualizar e moldear ó gusto de cada un e admite vistosos efectos que xerarán imaxes en función do ritmo que a propia música marque. Xa está dispoñible a segunda versión, que mellorou moito desde a súa saída, pero é inminente a aparición da terceira.
Así e todo, o catálogo de programas creados para reproducir e xestiona-los enormes arquivos musicais que se chegan a formar con este sistema é inmenso. En páxinas de aplicacións gratuítas como Shareware.com ou Tucows.com cóntanse por decenas. A maioría ofrecen un deseño moi coidado e funcións sorprendentes, como a de exercer de improvisados pinchadiscos, mesturando automaticamente o final dunha canción co comezo da seguinte.
Napster, os pioneiros
Todo este enredo non tería importancia se non aparecese un sistema para que a distribución destes arquivos se espallase coma a pólvora. ¿O seu nome? Napster. Trátase dun programa gratuíto que se pode conseguir desde a propia páxina da compañía (www.napster.com). Unha vez instalado no equipo, permite compartir co resto de usuarios conectados á Rede a música que se teña almacenada no ordenador. Así, configúrase unha base de datos virtual con milleiros de cancións -por termo medio, estímase que ese almacén virtual de música contén o equivalente a 13 anos de música ininterrompida- na que se indica qué usuario dispón de cada canción no seu ordenador. A partir de aí, e unha vez elixida a que nos interesa, establécese de xeito automático a comunicación entre computadoras, que se intercambiarán a música sen que a central de Napster teña nada que ver. O sistema, contra o que poida parecer, é moi sinxelo de usar e non require ningún coñecemento técnico.
A legalidade, posta en dúbida
Napster indicou que, a mediados de ano, comezará a cobrar por este servicio unhas dúas mil pesetas mensuais. Na actualidade, está inmersa nun litixio coa agrupación que reúne a maioría das discográficas norteamericanas -a RIAA- que pode motiva-lo seu peche. O sistema en si non ten nada de ilegal. E non só desde o punto de vista do que se denomina como fair-use, ou uso lexítimo, polo que un usuario tería dereito a preservar para uso persoal unha copia de seguridade dos discos. Tamén pola posibilidade que lles ofrece ós autores que desexan difundi-la súa obra sen ningunha restricción. O problema radica en que multitude de páxinas ofrecen en Internet música carente de dereitos de copia, porque nunca os tiveron ou porque estes dereitos expiraron.
Sen embargo, xa se perfilan os programas que substituirán a Napster. E non son poucos. Algúns, como Gnutella, son difíciles de perseguir por lei, xa que non contan con ningún centro neurálxico que poida corta-lo fluxo. Cada usuario conéctase co resto directamente, non hai ningún intermediario. Por iso, as actuacións xudiciais para erradicalos deberían ser individuais, con tódolos problemas que isto implica.
Se se dispón dun ordenador que non sexa excesivamente antigo, só é preciso dotalo dos programas axeitados e acende-los altofalantes para dar un paseo sonoro polo ciberespacio. Mesmo apareceron pequenos aparellos electrónicos que poden saca-los MP3 de paseo, como se de modernos walk-mans se tratase. A clave está en saber a ónde acudir para descarga-la música sen viola-los dereitos de ningún artista. Pero, non só de MP3 vive o espacio dixital. Os arquivos de son de karaoke, dunha calidade final que dependerá da tarxeta de son do equipo, poden ser igual de interesantes.
- Hispamp3 Páxina española sobre o formato de son en voga e todo o que o rodea. A súa sección de programas e reproductores admite poucas comparacións, mesmo con publicacións anglosaxonas.
- MP3.com O abandeirado da libre distribución de música sen dereitos de autor por Internet, amais da vangarda que amosa os últimos programas e novidades.
- Noticias MP3 Información do mundo da música e ofertas de tódolos estilos musicais.
- Cancioneiro Para oír e le-la letra de temas en MP3 co reproductor máis coñecido deste sistema: o Winamp.
- Cantautores Páxina especializada en cantautores noveis.
- Karaoke Conta con programas para reproducir e editar cancións, e ademais ofrece a función específica de karaoke.
- Napster O máis popular programa de intercambio de ficheiros de audio. Permite localizar e descargar todo tipo de melodías dun xeito moi sinxelo.
- Winamp Principal reproductor de MP3, que inclúe a posibilidade de altera-lo seu aspecto ou de incorporarlle vistosos complementos.
- ChangeMusic Outro buscador temático que complementa á perfección o que outros publican.
- Musicsearch.com Impresionante base de datos na que atopar todo tipo de datos sobre artistas, grupos, letras e demais posibilidades dixitais.