O amargo pan de cada día
Non son poucos os que dubidan sistematicamente se pecharon ben a porta, desconectaron o gas, apagaron a luz… e volven unha e outra vez confirmar que, efectivamente, si que o fixeran. Outras persoas enchen a súa vida cotiá de ritos, de manías como conta-las lousas da cociña ou os chanzos da escaleira, non pisa-las raias do chan, rete-las matrículas dos coches, ocupar sempre o mesmo asento nas xuntanzas ou xantares, levar un obxecto inútil no peto… Pero isto non son máis ca manifestacións case anecdóticas duns costumes que se poden converter nun verdadeiro problema psicolóxico.
Todos temos hábitos que, aínda que merezan o cualificativo de manías, consideramos normais. Pero cando estes pensamentos ou manías fan sufrir estamos diante dos trastornos obsesivo compulsivos. As obsesións son pensamentos que se repiten de xeito insistente en contra da vontade do individuo, e que escapan ó seu control.
Se os pensamentos obsesivos se converten en xestos de conducta case automática, deveñen en compulsións, accións ou manías que a persoa se ve forzada a executar para sentirse ben ou, cando menos, tranquila. É consciente do absurdas e irracionais que son, pero séntese incapaz de eludilas. Cando as compulsións se asocian entre si, formando unha cadea, convértense en rituais patolóxicos.
Catálogo de rituais obsesivos
Case sempre están relacionados con:
- A limpeza. Quen os padece ten pavor a quedar contaminado co que toca ou roza e lava repetidamente as mans. Mesmo chega a evitar da-la man ou calquera contacto físico nos saúdos. Unha partícula de po nun moble parécelle algo horrible.
- A orde. Non aturan que algunha cousa estea, nin sequera de maneira temporal, fóra do seu sitio. Mesmo se ocupan o seu lugar debe ser en simetría ou en conformidade cos ángulos da mesa. Tampouco soportan que os demais non cumpran con estes canons da orde compulsiva e as persoas que conviven na casa, sexan adultos ou non, deben cumprir estrictamente as normas de orde e limpeza impostas polo afectado por esta manía.
- Comportamentos indecisos. Por exemplo, comproban unha e outra vez cómo está a casa antes de pecharen a porta. E aínda así, volven entrar despois de saíren. Ante calquera decisión, por nimia que sexa, pensarano durante meses. E, unha vez adoptada, dubidarán se foi atinada. E reflexionarán sen acougo sobre se fixeron ben, ou consultarán con outras fontes.
Os pensamentos negativos
O pensamento, en xeral, é un diálogo con nós mesmos no que acabamos facendo afirmacións sobre determinadas situacións. Poden ser positivos se nos fan sentir ben e nos axudan; ou negativos, se nos orixinan emocións negativas ou nos fan sufrir.
- Serán racionais se se corresponden co que acontece obxectivamente na realidade, e irracionais se se afastan do que sucede.
- Os pensamentos que causan máis sufrimento son os irracionais negativos. Describamos algúns:
- Pensamento filtrante. Tómanse os detalles negativos e magnifícanse, sen filtra-los aspectos positivos da situación.
- Pensamento polarizado. O maniqueísmo: as cousas son brancas ou negras. A persoa ten que ser perfecta; se non, é un fracasado. Non hai termo medio.
- Sobrexeneralización do pensamento. Tírase unha conclusión xeral dun simple incidente. Se acontece algo malo nunha ocasión, agardarase que aconteza unha e outra vez.
- Interpretación do pensamento. Cremos saber qué senten os demais e por qué se comportan como o fan. Coidamos que somos capaces de adiviña-lo que senten os demais respecto a nós.
- Visión tráxica. Agóirase, agárdase e témese irracionalmente o desastre. O individuo coñece un problema e comeza a pensar “¿e se sucede que…?”, “¿e se me acontece a min?”
- Personalización. Cremos que todo o que a xente fai ou di é un xeito de reacción cara a nós. E comparámonos cos demais, procurando determinar quén é máis elegante, quén é máis brillante, quén ten aspecto máis saudable…
- Culpabilidade. Mantén que os demais son responsables do seu sufrimento ou adopta o punto de vista oposto e se culpa a si mesmo dos problemas alleos.
- Sexamos conscientes da influencia que teñen sobre a nosa conducta e emocións. Os pensamentos son eses monólogos que mantemos con nós mesmos interpretando a realidade que nos arrodea e a nós mesmos. Pero son só hipóteses que cómpre demostrar.
- Identifica-los pensamentos, determinar en qué medida son obxectivas esas interpretacións da realidade, ata qué punto son racionais. E ata qué punto son polisóns que se coaron sen o noso permiso e nos fan sufrir sen razón. A alarma salta cando nos producen emocións negativas como medo, angustia ou tristeza. Daquela cómpre que desenmascarémo-lo polisón e que o examinemos sobre a racionalidade e a adecuación coa realidade.
- Analizalos, partindo de que son só hipóteses que hai que demostrar e que pensar algo non significa que sexa certo.
Cómo analizar se os pensamentos se axustan á realidade
- Qué datos obxectivos da realidade apoian e invalidan ese pensamento.
- Con qué argumentos se defendería ese pensamento ante outra persoa.
- Qué probabilidade existe de que aconteza o que se pensa.
- Se o tivese outra persoa, qué lle diría eu para demostrarlle que se engana.
- É ese o único xeito de interpreta-la situación ou existen outros.
Cómo analizar se inflúen nos estados emocionais e nas conductas
- ¿Axúdame a acada-los meus obxectivos?
- ¿Faime ben ou faime dano?
- ¿Como inflúe no meu estado de ánimo?
- ¿Como inflúe na miña conducta?
- Mesmo se o que penso é correcto, ¿é realmente unha catástrofe?
- ¿Que consecuencias reais tería para min se acontecese?
- Se é así, ¿está xustificado que me descompoña tanto?
- Se o malo acontece, ¿será para sempre? ¿ou algo temporal?
Unha vez que foron identificados e analizados os pensamentos, cómpre substituí-los negativos por outros positivos. É difícil, xa que en situacións emocionalmente negativas tendemos a velo todo negro. Pero cómpre que saibamos que en calquera situación hai un raio de luz. A tarefa resultará moito máis sinxela se este exercicio de pensar en positivo se instala nun corpo e unha mente tranquilizadas mediante as técnicas axeitadas de relaxación e respiración. E, en calquera caso, cando a tarefa se presenta difícil lembremos que é moi útil o asesoramento dun profesional.
Todos temos manías, preocupacións ou pensamentos repetidos. Pero se a obsesión chega a dificultar ou impedi-las relacións sociais, se a persoa perde liberdade… estamos ante un trastorno obsesivo compulsivo que pode requiri-la intervención dun especialista. Resultaría interminable enumera-las consecuencias que poden ocasiona-los pensamentos irracionais en quen os padece e en quen convive con estas persoas. O catálogo é moi amplo, desde os inconvenientes máis triviais ata os desenlaces máis dramáticos. E todo iso só por interpretar a realidade deformada. Xa no século I, Epicteto, un filósofo estoico, afirmaba que “os homes non se perturban por causa das cousas, senón pola interpretación que fan delas”. En calquera caso, o interesante é saber cómo ceibarse das obsesións e afrontar estes pensamentos irracionais e distorsionados. E, consecuentemente, cómo conseguir vence-las conductas compulsivas.
A psicoloxía científica, da man de autores como Ellis, Beck, Mahoney ou Golfried, iluminou a Reestructuración Cognitiva, unha técnica psicolóxica que ten como obxecto identificar, analizar e modifica-las interpretacións ou pensamentos erróneos que as persoas experimentan en determinadas situacións ou teñen sobre outras persoas.