A prevención, materia pendente aínda
En 1999 producíronse en España un total de 830.946 accidentes domésticos, a maioría debidos a caídas e ó lume, aínda que a asfixia e o envelenamento ocupan tamén un lugar destacado. Os máis afectados por estes accidentes son sempre os máis indefensos: nenos pequenos e anciáns.
Estes últimos vense implicados nun 13% dos accidentes que se producen nos fogares españois, sendo as caídas a causa maioritaria dos seus sinistros.
Os máis cativos presentan un índice de accidentes aínda maior, que alcanza o 42% dos incidentes totais rexistrados na casa. Pero posto que pasan máis tempo no fogar, as mulleres de entre 25 e 65 anos son as que máis accidentes caseiros sofren: protagonizan o 44% dos accidentes totais que se dan no fogar.
O escenario principal dos accidentes femininos é a cociña, que acapara o 15%, e a preparación da comida ocasiona a maioría deles, ó estaren as mulleres máis expostas a aceites, líquidos e materiais quentes (ferro de pasar) e a productos tóxicos (limpeza).
O salón, os dormitorios, o váter e as escaleiras interiores son, nesta orde, os seguintes lugares máis perigosos da casa.
Accidentes infantís
Enchufes, estufas, chans escorregadizos, aparellos eléctricos, escaleiras, productos tóxicos… O fogar é un dos lugares no que se produce un maior número de accidentes infantís: o 54% dos accidentes dos nenos menores dos 5 anos pasan na casa.
A principal causa de sinistros infantís dentro do fogar son as intoxicacións, e practicamente todas se producen de xeito accidental. Segundo o Instituto Nacional de Toxicoloxía (INT), os principais productos implicados en intoxicacións de menores son os medicamentos (38%), seguidos de preto polos productos de limpeza (32%), e un pouco máis lonxe polos cosméticos (9%) e os productos do fogar (9%).
Arredor do 90% das intoxicacións teñen lugar por vía oral, e o resto son cutáneas, pola mucosa bucal, ocular e nasal, polas vías respiratorias ou por varias vías á vez. Segundo as estatísticas, son os nenos de ata 3 anos os que máis intoxicacións sofren. A partir dos 3 anos de idade, o número de intoxicacións diminúe, para volver percibirse un lixeiro incremento cara ós 14 anos. Tamén son motivo de importantes accidentes infantís o transporte, as caídas e as piscinas, ocasionados por casualidade, descoido, distracción ou imprudencia.
Coa súa seguridade non se xoga
Os nenos, por descoñecemento, poden ocasionar serios desgustos. É por iso que cómpre procurar que sempre permanezan baixo a vixilancia dun adulto ou unha persoa responsable, sen esquecer adoptar algunhas medidas básicas de seguridade.
- Dispoña sempre a man dunha botica de primeiros auxilios; vixíe que os medicamentos non estean caducados e mantéñaos lonxe do seu alcance.
- O segundo accidente mortal infantil é o afogamento. Coloque unha alfombra que evite esvarar no fondo da bañeira, e se o neno é moi pequeno, sénteo dentro dun aro de seguridade.
- Non deixe no lavabo coitelas de afeitar, tesoiras, cosméticos, etc.
- Empregue peches de seguridade para a tampa do inodoro. Se lle bota á auga lixivia ou amoníaco, non deixe que o neno estea preto e tire sempre da cisterna. Desprenden vapores tóxicos.
- Ollo co chan mollado e as caídas en superficies tan duras.
- Elimine os posibles accesos ás ventás. Se non é posible, bloquéeas para impedir que os nenos se asomen.
- Nos balcóns, as varandas deben ser estreitas e altas.
- Poña barreiras de protección nas escaleiras. As caídas poden ser moi perigosas.
- Protexa as arestas dos mobles con almadraques, e empregue peches de seguridade para caixóns e armarios.
- Coloque unha tea antiesvaradía debaixo das alfombras.
- Afaste do seu alcance as estufas e braseiros, non son nada recomendables nas casas con nenos. Se ten cheminea, tápea con reixas de protección.
- Préstelle especial atención ós enchufes. Protéxaos con tampas especiais.
- Asegúrese de que os xoguetes non teñan pezas pequenas que se poidan desprender.
- Revise a fondo o sofá para asegurarse de que non contén pequenos obxectos como moedas ou botóns que poidan levar á boca.
- Nunca o deixe sen vixilancia preto da piscina. Ollo coas depuradoras, os filtros e as caídas preto do bordo.
- Teña especial coidado coas ferramentas de xardinería, xa que se poden converter en perigosos xoguetes.
- Non deixe cascallos ou lixo ciscado, e almacene en lugar seguro toda clase de productos químicos (insecticidas, fertilizantes, cloro para piscinas, etc.).
- Recolla inmediatamente os vidros rotos de invernadoiros e ventás, e substitúaos o máis axiña posible.
- Algunhas plantas e os seus atraentes froitos de cor vermella poden ser moi velenosos. Atención tamén coas espiñas da roseira.
- Manteña lonxe do seu alcance as lixivias e demais productos de limpeza e substancias tóxicas.
- Empregue peches de seguridade nos armarios que conteñan productos perigosos.
- Non deixe ó seu alcance tesoiras, coitelos, nin outros obxectos cortantes.
- O forno debe estar instalado nun lugar alto. Se non é así, vixíe que o seu fillo non se achegue á porta mentres estea aceso.
- Procure que os mangos e as asas das tixolas e potas permanezan sempre cara a dentro e, de ser posible, nos fogóns interiores. A lavadora debe dispor dun sistema de apertura retardada. Mentres estea parada manteña sempre a porta pechada.
- Teña especial coidado co ferro de pasar. As queimaduras son un accidente moi frecuente nos nenos menores de 3 anos.
Cómo actuar ante os accidentes máis frecuentes
- Envelenamento. Sempre que se produza un envelenamento, débese identifica-lo veleno e pedir asistencia médica o máis axiña posible. Se a víctima está inconsciente comprobe qué é o que tomou, e para iso debe recoller calquera botella sospeitosa que atope preto. Procure fixa-la hora na que se produciu a inxestión, así como a cantidade tragada. Se está consciente, procure facerlle vomita-lo veleno, agás no caso de tratarse dun líquido corrosivo (ácido, alcalino, petróleo, etc.), xa que o esófago, abrasado polo producto, volvería queimarse outra vez. Enxáuguelle a boca e o contorno dos beizos con auga, pero non lle dea nada de beber. Se se producen vómitos, recolla unha mostra para que poida ser analizada. Vixíe en todo momento o pulso e a respiración, e se é preciso, practíquelle a respiración artificial. Se a intoxicación é por gas, non entre na habitación sen aparellos axeitados e a axuda de alguén experto.
- Electrocución. É o estado que se produce como consecuencia do paso da corrente eléctrica a través do corpo humano e que pode conducir á morte. En primeiro lugar debe “cortar” a corrente, procurando que non lle afecte tamén a vostede. Pode facelo desconectando o interruptor xeral do contador e, se non é posible, tirando do enchufe ou do cable, tendo en conta que os dous deben estar secos e que tamén vostede debe estar sobre unha superficie seca. Se non pode facelo coa man, pode axudarse con calquera obxecto, sempre e cando non sexa un aparello eléctrico ou metálico e estea seco. Mentres non consiga desconecta-la corrente, debe absterse de toca-la víctima.
- Unha vez cortado o fluído eléctrico, se a respiración e o corazón están paralizados, debe actuar con rapidez efectuando unha masaxe cardíaca e a respiración boca a boca. Se a víctima respira pero está inconsciente, debe afrouxa-las súas roupas e colocala nunha postura cómoda. En ámbolos casos, chame a unha ambulancia e manteña o accidentado tapado cunha manta ata a chegada desta.
- Queimaduras. As queimaduras poden producirse por causas moi diversas: lume, electricidade, líquidos ou materiais moi quentes, vapor e productos químicos corrosivos. A súa gravidade depende da zona danada e da súa extensión, e pódese observar un lixeiro arroibamento, bochas ou capas de pel destruídas conforme aumente a intensidade. No caso do lume, se a víctima está envolta en chamas, debe envolvela cunha manta ou roupa, sempre que non sexa sintética. Unha vez apagado o lume, non quite as roupas e esparexa auga fría sobre a parte queimada para baixa-la temperatura. Se a víctima se escaldou con líquidos quentes ou substancias corrosivas, é conveniente quitarlle a roupa e rega-la queimadura con abundante auga fría durante dez minutos. Non lle fregue a pel, podería danala aínda máis. Se a superficie danada é superior ó tamaño dun selo de correos, debe consulta-lo medico, xa que a gravidade pode ser maior do que aparenta, sobre todo no caso dos nenos. Se a extensión da queimadura é grande, chame urxentemente a unha ambulancia.
- Inxestión de corpos estraños. É sabido que os nenos, sobre todo a certas idades, tenden a levaren todo o que tocan á boca. Isto ocasiona numerosos accidentes, de distinta gravidade dependendo da natureza do obxecto inxerido. Se é liso, pequeno e redondo, pode seguir unha dieta normal, vixiando as deposicións para asegurarse da súa expulsión. Se se trata dun neno menor de dous anos, o mellor é avisa-lo pediatra. Tamén debe acudir ó médico, e o máis axiña posible, se o obxecto é aguzado ou se pasou ós pulmóns no canto de ser tragado. Non dar nada de comer nin de beber. Se se produce sufocación (afogo), e o neno é o bastante pequeno, cóllao polos pés coa cabeza cara a abaixo e déalle palmadas entre as espádoas. Se non produce efecto, chame ó médico e practíquelle o boca a boca.
- Corpos estraños no nariz ou nas orellas. Se o obxecto que penetrou no nariz é pequeno e liso, bastará con que achegue un pouco de pementa ás fosas nasais para provocar un espirro que faga expulsa-lo obxecto estraño. Se non dá resultado, acuda ó médico. Se o que se introduce no oído é un insecto, pode tratar de sacalo poñendo unhas pingas de aceite de oliva, que paralizará os movementos do insecto e facilitará a súa expulsión. Se o aceite non dá resultado ou se trata de calquera outro obxecto, non intente extraelo, pois podería dana-lo oído. Avise ó médico.
- Se se senten inseguros ó camiñar, non deben subir sós no ascensor.
- Non está de máis instalar barras nos corredores para que se poidan agarrar.
- Tamén é conveniente colocar unha agarradoira e unha base para non esvarar na ducha.
- Débese procurar que a casa estea ben iluminada. Os interruptores deben ter un acceso fácil e ser doados de accionar.
- Deben te-la roupa e os obxectos de primeira necesidade ó alcance da man, a un metro aproximadamente.
- As lousas da terraza ou do xardín deben ser de chan rugoso para evitar escorregóns e caídas.
Consellos prácticos para evitar accidentes domésticos
- Alfombras: Manteña sempre as alfombras ben estendidas, incluídos os flocos e poña debaixo unha tea antiesvaradía. Non oculte cables debaixo de alfombras nin sofás.
- Enchufes: Ante o mínimo escurecemento ou requentamento, débense cambiar. Non conecte moitos aparellos nun mesmo enchufe, aínda que sexan de pouca voltaxe. Apague totalmente a TV, cadea de música e vídeo.
-
Fontes de calor: Deben permanecer separadas, como mínimo un metro, de mobles, cortinas e tapicerías. É recomendable empregar fontes de calor con termóstato para que se apaguen cando cheguen á temperatura indicada. Non empregue estufas de gas en zonas pequenas (menos de 6 metros cadrados) nin no soto. Deixe sempre unha boa ventilación e apague a estufa cada hora ata que o aire se renove. Se o cuarto está caldeado, acenda a estufa ó mínimo. É mellor apagala e volvela conectar cando baixe a temperatura. Non deixe candeas nin cigarros acesos nunha habitación desocupada. Solicite unha revisión técnica de tódolos aparellos que proporcionan calor e auga quente. Nos quentadores e estufas de gas, cómpre facer unha revisión cada tres anos. Nos de fuel ou carbón, cada ano, preferentemente no verán.
- Baixe as persianas sempre coas dúas mans e en movementos sucesivos.A baixada brusca de correas de persianas grandes pode provocar lesións nas mans. Nunca se debe colocar sobre aparellos eléctricos recipientes ou floreiros con auga, macetas nin nada sintético.
- Elixa borralleiros amplos, se é posible de auga. Non baleire os cinceiros sen botarlles antes un pouco de auga.
- Plantas: Infórmese sobre as características das plantas de interior, por se son tóxicas e provocan irritacións. Use insecticidas e praguicidas de baixa intensidade e despois de pulverizar deixe pasar un anaco antes de entrar na habitación.
- Barrotes: Deben ter pouca separación para que non caiba a cabeza dun neno.
- Aire acondicionado: Respecte rigorosamente as revisións, a limpeza periódica dos filtros e o tubo de drenaxe da auga do condensador. Un ambiente de climatización correcto sitúase entre os 20 e 24 graos, cunha humidade relativa do aire do 35% ó 50%.
- Elementos punzantes: Afágase a gardar tesoiras, alfinetes e agullas dentro do cesto da costura e déixeo nun recuncho afastado dos nenos. Non convén camiñar descalzo pola casa, pode provocar pequenas feridas nos pés. É preferible que os cantos de mobles, caixóns, etc., sexan redondeados e é conveniente fixar con solidez tódolos electrodomésticos e mobiliario.
- Dormitorios: Evite acumular baixo as ventás elementos baixos (caixas, camas, etc.), xa que os nenos poden utilizalos para se subiren. Eleve as varandas da habitación se non superan a cintura dunha persoa adulta. Se hai liteiras, a escada debe quedar perfectamente fixada para subir á cama superior e débense emprega-las dúas mans para subir e para baixar. A varanda debe quedar perfectamente fixada e protexer todo o corpo do neno, para evitar caídas. Se hai nenos pequenos, afaste deles medicamentos, xoias ou obxectos pequenos e, por suposto, nunca garde unha arma de fogo cargada na casa, nin sequera co seguro posto. Tódolos medicamentos da botica de primeiros auxilios deben estar correctamente etiquetados. E as substancias tóxicas deben estar perfectamente identificadas.
Cuartos de baño: Coloque diante do lavabo e da bañeira unha alfombra absorbente. Manteña sempre enxoito o chan. Dentro da bañeira, pise sempre sobre elementos antiesvaradíos e instale na parede da bañeira ou ducha unha barra de suxeición para apoiarse ó entrar ou saír. Deixe unha toalla próxima á ducha ou bañeira: as estiradas desde a bañeira provocan graves accidentes.
Para a limpeza dos azulexos superiores da bañeira, non se debe subir sobre ela nin colocar escadas dentro. É preferible o uso dunha fregona que alongue o instrumento de limpeza. Á hora da limpeza das luces, a dos focos encastrados faise por medio dun pano seco e con calzado illante. Se a iluminación do baño se estraga, substitúaa por focos axeitados para lugares húmidos.
Está prohibido colocar enchufes e aparellos eléctricos sobre bañeiras e duchas, cunha distancia de prohibición de 2,25 metros. Ata un metro de distancia da bañeira está prohibido colocar interruptores. Só se permiten tomas de corrente que unicamente reciban tensión cando enchufemos un aparello de escasa potencia. Para quenta-lo baño utiliza calefactores específicos que resistan as salpicaduras. En caso contrario poden provocar electrificacións. Non acenda xamais no baño estufas de butano ou de combustión líquida.
Ó limpa-lo baño, deixe sempre pechados os productos que se empregan para evitar perdas ou uso non apropiado. Non deixe os productos de limpeza do baño detrás do baño ou lavabo, porque poden ser accesibles ós nenos. Non garde productos de limpeza nin tóxicos en envases de cores, animais, etc.
Non saia do baño co aparello da cera depilatoria aceso: é inflamable e emite gases tóxicos. Antes da depilación, comprobe coa man a temperatura da cera, para evitar queimaduras.
Non fume mentres utiliza laca, desodorizante ou escuma con alcol. Tampouco se debe acender unha chama xusto despois da súa aplicación.