A roupa tamén hai que conservala correctamente

Gardar prendas de abrigo

Cando o inverno e os seus rigores climáticos finalizan, abrigos, bufandas, botas e xerseis de la grosa cédenlle-lo seu lugar no armario ás camisas, pantalóns, vestidos e sandalias. Pero antes de gardármo-las prendas de abrigo ata a vindeira tempada, cómpre que tomemos certas precaucións para que cando as volvamos precisar, ante os primeiros fríos do vindeiro outono, non nos levemos unha desagradable sorpresa a xeito de manchas e/ou estragos
1 Marzo de 2001

Gardar prendas de abrigo

  • Cando lave a roupa que vai gardar deica á vindeira tempada outono-inverno, sexa algo rañicas co deterxente.
  • Non lle bote suavizante nin lixivia nin producto químico ningún á roupa que vai gardar. Ó non poder controla-las condicións de humidade e temperatura do lugar no que van estar almacenadas, poden aparecer manchas e cheiros nas prendas.
  • Repase ben as prendas, e asegúrese de que non quedan pegadas de manchas ou sucidade, xa que co tempo fíxanse máis, sobre todo se se trata de fibras naturais.
  • Non lle pase o ferro á roupa. Calquera pegada de lixo que poida te-la prenda, por pequena que sexa, fixarase máis a esta.
  • Asegúrese de que o lugar no que vai almacena-la roupa non sexa húmido.
  • As prendas tamén deben estar totalmente secas.
  • Encarte as prendas e peche botóns, corchetes, cremalleiras, etc.
  • Se ten prendas de encaixe fino, envólvaas en papel de seda azul (o branco deixa pasa-la luz).
  • Garde os edredóns en bolsas de plástico no andel superior do armario, ou nos caixóns de debaixo da cama, para evitar que se esmaguen ou estraguen.
  • Faga unha “pelota” coas prendas de pluma (fundas, edredóns, abrigos…) e métaas nunha bolsa procurando extraer todo o aire da mesma.
  • Non garde as prendas de la moi apertadas, xa que se estragarán as fibras e se producirán engurras permanentes.
  • Empregue perchas de xastre de madeira para colgar prendas longas e pesadas, como abrigos, traxes e peles. Proporcionan mellor soporte.
  • Non pendure a roupa en ganchos; as ombreiras e o colo da prenda deben ter un bo soporte.
  • Garde a roupa en caixóns herméticos ou en canastras con forros de plástico, ou cólguea en bolsas de plástico especiais para a couza.
  • Coloque un producto para a couza entre a roupa. Non empregue aerosois, xa que, amais de teren un cheiro forte, poden estragar algunhas fibras, as peles por exemplo.

Coiro e pel

  • Sexa especialmente coidadoso con este tipo de prendas. Deixe a súa limpeza en mans dun especialista.
  • Sacuda as prendas de coiro antes de gardalas para que non se deformen e as engurras non queden marcadas.
  • Cólgueas nunha percha especial recuberta dunha funda de plástico que protexa a totalidade das prendas.
  • Garde as peles nun lugar ben ventilado e fresco, ou nun contedor selado, con cristais de paradiclorobenzeno no seu interior para que a couza non as rille.
  • Mellor aínda, consulte no establecemento no que adquiriu a prenda, seguro que dispoñen de frigoríficos especiais para o seu depósito.

Calzado

  • Non amoree os zapatos e as botas uns enriba dos outros. Asegúrese de que non están en contacto coa roupa.
  • Merque unha forma para cada par de zapatos, e encha as botas con papel de xornal.
  • Garde as botas de calidade boca abaixo sobre estacas de madeira colocadas oblicuamente ou xunte as dúas cunha pinza e cólgueas dun gancho.