O hábito da lectura, en mans dos pais
O rapaz pode medrar sen o hábito de dedicar parte do seu tempo a mergullarse nas letras e a enfrontarse con fascinantes aventuras nos mares do sur. É precisamente na primeira década da vida cando as persoas poden adquirir este hábito; neses dez anos tense a oportunidade de asimilar para sempre o pracer de ler como unha necesidade consentida e desexada. Os pedagogos afirman que se aprende a gozar da lectura e, polo tanto, hai que ser conscientes de que se trata de algo que se pode ensinar. Para iso, é básico o núcleo familiar. Ensinar a ler é a materia que os pais lles deben transmitir ós seus fillos, tendo en conta sempre o seu carácter, motivación, apetencias e intereses. En definitiva, o reto é estimula-la curiosidade polos libros.
¿Que podo facer para que os meus fillos lean?
- Non obrigar a ler. Como toda actividade, a lectura require constancia para se converter nun hábito. Nunca se debe obrigar a ler, pero si que se pode (e debe) converter nun feito cotián. A clave radica en que acabe formando parte do tempo de lecer, ó igual que ve-la televisión ou xogar. En idades moi precoces serán o pai e a nai os que directamente exerzan esta función. Co tempo, o espacio dedicado á lectura irase ampliando, e serán os propios nenos os que decidan cánto, cándo e ónde van ler.
- Accesi- bilidad e dos libros. Aínda que non se trata de xoguetes, os libros deben estar accesibles, tanto os propios coma os alleos. É preciso quitarlles ese status de obxecto importante que só adorna as librerías. Débense potenciar tamén as bibliotecas propias desde que nacen, porque un libro, despois de lerse, traspasa o límite do meramente material.
- Visitar librerías. As feiras ou exposicións poden converterse nun entretemento que achegue a literatura ós fillos. A idea de estar arrodeado de tantas posibilidades familiariza o neno con este tipo de comercio e engádelle atractivo. Ademais, se se lle dá unha cantidade de cartos co obxecto de elixi-lo título que lle guste, comezará a desenvolver criterios de compra e aprenderá a distinguir qué obra paga a pena mercar.
- Costume cotián. Lerlles tódalas noites un conto ós máis cativos converterase co tempo nun hábito de lectura cotián.
- Resolver dúbidas. Débense buscar xuntos no diccionario os termos que non se entendan. Deste xeito incúlcase a boa práctica de ampliar vocabulario.
- Non prohibir libros. Cómpre estar moi atentos na idade crítica da adolescencia, xa que grandes lectores infantís se perden nesa etapa. Nese senso, a liberdade de elección será determinante. Nunca se deben prohibir títulos. No canto diso, é importante explicar por qué non se vai entende-lo que se le, e cál é o motivo para que non pague a pena perde-lo tempo. Deste xeito, lograrase esperta-lo seu espírito crítico.
- Ser socio dunha biblioteca. Un costume doado e factible é acompaña-los fillos desde moi pequenos ás bibliotecas. En España hai censadas 4.519 bibliotecas públicas, mellor ou peor dotadas de bibliografía, pero ás que é moi sinxelo acceder. Posibilitan achegarse ós libros sen necesidade de gastar grandes cantidades de diñeiro. Ademais, serven para ensinar cómo escolle-los títulos, e introducen os pequenos lectores no valor da responsabilidade, xa que son eles os que deben devolve-lo volume prestado.
- Adaptarse ós gustos. Todo é susceptible de converterse na escusa que achegue á lectura: un tema de actualidade, efemérides de persoas ou feitos que lles chamen a atención ou unha película que os entusiasmara son ocasións inmellorables para suscita-la paixón polos libros.
- Comparti-la lectura. Cando os nenos medran, pódenselles ofrecer libros que estean lendo os pais. Por exemplo, sempre paga a pena reler a Pío Baroja e as súas aventuras de Zalacaín e, despois, pasar un anaco divertido comentando as súas peripecias. A lectura será un atractivo tema de conversa entre pais e fillos.
A cada idade, o seu libro
- A oferta de literatura infantil e xuvenil é moi variada. Manterse ó día é difícil e, en ocasións, son os propios nenos os que demandan títulos ou coleccións concretas que se poñen de moda. E é que, en España, segundo os últimos datos da Federación de Editores, puxéronse á venda 18.145 títulos de literatura en 1999, dos que máis da metade corresponden a títulos infantís ou xuvenís.
- Nos dous primeiros anos de vida os libros serán un elemento máis para descubrir, morder e tocar. Existen no mercado exemplares de tea e plástico, sonoros e sensoriais.
- Entre os 2 e os 4 anos, o libro comeza a ser diferenciado como tal. Triúnfan os que ensinan dun xeito distinto os elementos que están aprendendo: a diferencia entre o frío e a calor, arriba e abaixo, dentro e fóra… Tamén son recomendables os que explican realidades grandilocuentes como o Sol, a Lúa e os planetas.
- Desde os 4 ós 7 anos, o neno comeza a desenvolve-la súa identidade individual. Nesta etapa é fundamental a imaxinación, pero con historias narradas dentro da lóxica á que haberá que sumar un final feliz. Ademais, comezan a familiarizarse cos valores a través de obras como Verdi de Janel Cano, na que animais da selva contan unha historia solidaria contra o racismo. Por suposto, triúnfan as aventuras do personaxe creado por Violeta Denou: Teo. O autor galés universalmente consagrado na literatura de contos, Roald Dahl, escribiu tamén obras aptas para estes anos como os seus Contos en verso para nenos perversos, unha versión moi orixinal da Cincenta, Brancaneves e os sete ananos, Carapuchiña Vermella, etc.
- Entre os 7 e os 9. A idade dos porqués comeza ós sete anos e dura, cando menos, ata os nove. Nesa etapa todo é branco ou negro: os bos son moi bos, os malos moi malos, e todo desprende grandes doses de imaxinación. Gloria Fuertes escribiu para eles o Diccionario estrafalario. Tamén Bernardo Atxaga escribiu Shola e os xabarís para que se lese por primeira vez nesta época da vida. Michael Ende (A sopeira e o cazo e O segredo de Lena), Eduardo Galeano (A pedra arde), Maite Carranza (Prohibido chover os sábados), son autores que asinan as súas obras dedicándollas a esta idade. E non nos podemos esquecer de O pequeno Nicolás de René Goscinny e Sempé, ou As aventuras de Celia de Elena Fortún.
- Entre os 9 e os 12 anos é o momento das aventuras, da ciencia ficción, do amor sen melodrama. Así comezan a introducirse nas novelas de misterio e aventuras con protagonistas chistosos, populares e valentes cos que se comparte a idade. Tamén é un bo momento para enfrontarse a pantasmas e meigas, xa que é unha fórmula para superar medos. Poderíase inaugurar esta etapa con A Illa do Tesouro de Robert L. Stevenson, ou o éxito desde hai unha década Cando Hitler roubou o coello rosa de Judith Kerr. Por suposto, entra en escena o fenómeno creado por Elvira Lindo: Manolito Gafotas, en dura competencia con Harry Potter, da tamén escritora Joanne K. Rowling. Jules Verne (A volta ó mundo en 80 días, 20.000 leguas de viaxe en submarino), Tolkien (O Hobbit, O señor dos aneis), Mark Twain (As aventuras de Tom Sawyer), Quino (Mafalda), Richmall Crompton (Guillerme o Traveso) e L. M. Alcott (Mulleriñas) son algúns exemplos da extensa literatura escrita para estas idades. Pero, sobre todo, é a época de ve-los rapaces e rapazas mergullados entre as páxinas de Enid Blyton e os seus intemporais Os cinco, Os Sete Segredos ou As xemelgas, igual ca toda a saga dos Pesadelos de R. L. Stine, O Club do Misterio de Fiona Kelly ou Alfred Hitchcock e os Tres investigadores de R. Arthur.
- Para rematar, chégase á etapa máis difícil e determinante: a que abrangue ata a maioría de idade. Débese mante-lo atractivo pola lectura, potencia-la súa entrega dependendo do carácter de cada persoa, pero os pais pouco poderán facer a partir de agora na elección dos libros. Abandónase a literatura propiamente infantil e pre-xuvenil, e enfróntanse á literatura en tódolos seus xéneros. De tódolos xeitos, haberá unha inclinación por parte do adolescente e o mozo cara a un tipo de historias, e quizais un descoñecemento de ónde atoparen o que buscan, polo que sempre serán ben recibidos os consellos.
Escritores consagrados tiveron sempre unha inclinación por engadirlle á súa obra libros dirixidos a nenos e mozos. Roald Dahl e Bernardo Atxaga son dous exemplos de escritores de obras fundamentalmente infantís e xuvenís, aínda que os seus libros lense en tódalas idades. Pero tamén autores tan serios como Graham Greene (Todo vai sobre rodas), Ana María Matute (Tódolos meus contos), Rosa Montero (As barbaridades de Bárbara), Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca e Rafael Alberti (O meu primeiro libro de poemas), Lewis Carroll (Alicia no País das Marabillas), Kipling (O libro da selva), Carmen Martín Gaite (Carapuchiña en Manhattan), Manuel Rivas (Bala perdida), Tolstoi (Contos para nenos), Pedro Antonio de Alarcón (Historietas nacionais), Carlos Dickens (As receitas do doutor Mari Gold), Emilia Pardo Bazán (Contos) ou Bécquer (As lendas) completaron as súas coleccións con obras dirixidas ós máis cativos.
Ademais, obras mestras da Literatura Universal corresponden ó xénero infantil e xuvenil. É o exemplo de A Illa do Tesouro (Stevenson), Tom Sawyer (Mark Twain), A historia interminable (Michael Ende), O Señor dos Aneis (Tolkien), Don Camilo (Guareschi), O Principiño (Antoine de Saint-Exupéry), Adeus cordeira (Leopoldo Alas Clarín), As aventuras de Zalacaín o Aventureiro (Pío Baroja), Corazón (E. de Amicis), A abella Maia (Bonsels), Peter Pan (Barrie), Emilio e os detectives (Kaestner) ou A chamada da selva (Jack London). Entre todos eles conforman unha sopa de letras moi apetecible.