Todo una amenaza
Demostrouse cientificamente que, amais decausar algúns dos problemas ambientais máis graves, a exposición a metais pesados en determinadas circunstancias é a causa da degradación e morte da vexetación, ríos, animais e, mesmo, de danos directos no home.
Dos 106 elementos coñecidos polo home, 84 son metais, polo que non sería estraño que as posibilidades de contaminación metálica no ambiente fosen numerosas. Cómpre ter en conta que os metais son materias naturais que (desde a idade de ferro) desempeñaron un papel fundamental no desenvolvemento das civilizacións. O problema xorde cando prolifera o seu uso industrial. E o seu emprego crecente na vida cotiá remata por afecta-la saúde. De feito, o crecemento demográfico en zonas urbanas e a rápida industrialización provocou serios problemas de contaminación e deterioración do ambiente, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento.
Pero non tódolos metais son perigosos; algúns, malia á súa toxicidade, preséntanse de xeito moi escaso ou indisoluble, polo que o número destes productos daniños para a saúde só engloba uns poucos. Entre eles, destacan o chumbo e o mercurio, seguidos polo berilio, o bario, o cadmio, o cobre, o manganeso, o níquel, o estaño, o vanadio e o cinc. Aínda que a súa presencia natural non debería ser perigosa (é parte do equilibrio da natureza), o que acontece é que, desde a Revolución Industrial, a súa producción ascendeu vertixinosamente: entre 1850 e 1990 a presencia de chumbo, cobre e cinc multiplicouse por dez, co correspondente incremento de emisións que isto implica.
Qué é a contaminación por metais pesados
A actividade industrial e mineira bota ó ambiente metais tóxicos como chumbo, mercurio, cadmio, arsénico e cromo, moi daniños para a saúde humana e para a maioría de formas de vida. Ademais, os metais orixinados nas fontes de emisión xeradas polo home (antropoxénicas), incluíndo a combustión de nafta con chumbo, atópanse na atmosfera como material suspendido que respiramos.
Por outra banda, as augas residuais non tratadas, procedentes de minas e fábricas, chegan ós ríos, mentres que os refugallos contaminan as augas subterráneas. Cando se abandonan metais tóxicos no ambiente, contaminan o solo e acumúlanse nas plantas e tecidos orgánicos.
O perigo dos metais pesados é maior ó non ser química nin bioloxicamente degradables. Unha vez emitidos, poden permanecer no ambiente durante centos de anos. Ademais, a súa concentración nos seres vivos aumenta a medida que son inxeridos por outros, polo que a inxestión de plantas ou animais contaminados pode provocar síntomas de intoxicación. De feito, a toxicidade destes metais quedou documentada ó longo da historia: os médicos gregos e romanos xa diagnosticaban síntomas de envelenamento agudo por chumbo moito antes de que a toxicoloxía se convertese en ciencia.
Danos para a saúde
Estudios moi recentes ocupáronse da repercusión negativa dos metais pesados na situación do ecosistema e na saúde do ser humano. Hoxe en día sábese moito máis sobre os efectos destes elementos, a exposición ós cales está relacionada con problemas de saúde como atrasos no desenvolvemento, varios tipos de cancro, danos no ril e ata con casos de morte. A relación con niveis elevados de mercurio, ouro e chumbo estivo asociada ó desenvolvemento da autoinmunidade (o sistema inmunolóxico ataca as súas propias células tomándoas por invasoras). A autoinmunidade pode derivar no desenvolvemento de doenzas nas articulacións e no ril, como por exemplo a artrite reumática, e en enfermidades dos sistemas circulatorio ou nervioso central.
A pesar das moitas probas destes efectos nocivos para a saúde, a exposición ós metais pesados continúa e pódese incrementar pola falta dunha política coordinada e concreta. O mercurio aínda se emprega profusamente nas minas de ouro de América Latina. O arsénico, xunto cos compostos de cobre e cromo, é un ingrediente moi común nos conservantes da madeira. O aumento do uso do carbón incrementará a exposición ós metais, xa que as cinzas conteñen moitos metais tóxicos que poden ser aspirados ata o interior dos pulmóns.
Chumbo ata en Groenlandia
Varios estudios deixan patente o aumento dos metais en todo o mundo. Así, o contido de chumbo nas capas de xeo depositadas anualmente en Groenlandia pon de manifesto un aumento continuado que corre parello co rexurdir da minería en Europa. A consecuencia é unha presencia dese metal cen veces superior á natural. A minería propiamente dita, non só de metais pesados, senón tamén de carbón e outros minerais, constitúe outra vía de exposición.
Certo é que se realizaron progresos perceptibles na seguridade dos traballadores e en acadar unha producción máis limpa, pero a minería continúa sendo unha das actividades máis daniñas e perigosas para o medio natural. En Bolivia os residuos tóxicos dunha mina de cinc nos Andes acabaron coa vida acuática ó longo dun treito de 300 quilómetros de vías fluviais en 1996, e puxeron en perigo a vida de 50.000 labregos. As fundicións incontroladas configuraron algunhas das peores zonas mortas do medio natural, nas que a vexetación sobrevive con dificultade. Por exemplo, as emisións tóxicas das fundicións de níquel en Sudbury, Ontario (Canadá), devastaron 10.400 hectáreas de bosques situados na zona de influencia dos ventos procedentes da fundición.
En 1953, unhas familias de mariñeiros que vivían á beira da baía de Minamata, Xapón, sufriron o azoute dunha misteriosa enfermidade neurolóxica. Faleceron corenta e catro persoas, e moitos superviventes quedaron paralizados. A orixe da doenza non se puido esclarecer ata que se reparou en síntomas semellantes en aves mariñas e gatos domésticos. Esta observación dirixiu a atención cara ós alimentos que compartían: peixes e mariscos. Ó final, descubriuse que a causa da enfermidade era o metilmercurio vertido na baía por unha fábrica de plásticos, unha substancia que se concentrou en peixes e mariscos para acabar sendo inxerida polas víctimas. En marzo de 1970, un científico noruegués descubriu que o nivel de mercurio nos peixes dos Grandes Lagos superaba nun 20% o permitido. Prohibiuse a súa venda ata que os niveis se reducisen.
Así pois, pouco pode facer un consumidor ante este tipo de contaminación, non sendo ter presente que a gasolina debe ser verde ou retirar da botica de primeiros auxilios os termómetros de mercurio. Pero, polo demais, son as institucións e os organismos internacionais os que teñen a obriga de tomaren medidas. Neste ámbito, hai algúns meses un equipo de catro investigadores da Universidade da Rioxa e de Santiago de Compostela elaborou o primeiro estudio en varias provincias sobre indicadores biolóxicos da contaminación atmosférica por metais pesados.
O informe salienta a relativa limpeza atmosférica das localidades analizadas na Rioxa, Soria e Burgos, xa que non se rexistra ningunha situación de contaminación que supere os baixos niveis acordes coas zonas estudiadas e os casos de situación sospeitosa son escasos. A información acumulada permite inferir que esta contaminación é, no momento actual, moi débil ou inexistente, de acordo co ruralismo predominante nesas zonas, que están afastadas de focos contaminantes locais.